13/11/25

16º Concurso de Felicitacións de Ano Novo (IES San Clemente)

(Imaxe da publicación da páxina do IES San Clemente)

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES San Clemente de Santiago de Compostela convoca o 16º CONCURSO DE FELICITACIÓNS DE ANO NOVO, nesta ocasión encadrado no proxecto O galego fainos fortes, que o centro está a desenvolver durante o curso 2025-26.

QUEN PODE PARTICIPAR?

Poderá participar todo o alumnado do centro así como todo o alumnado doutros institutos.

QUE CARACTERÍSTICAS DEBEN TER AS POSTAIS?

Debe figurar o lema O galego fainos fortes. Feliz 2026!

A técnica e o deseño das felicitacións serán libres. Valorarase a presenza na felicitación de personaxes ou tradicións galegas do Nadal (por exemplo, o Apalpador, o Tizón de Nadal, os cantos das xaneiras / de aninovo etc).

Os traballos, elaborados en tamaño A5 (1754x2480px), deben ser dixitalizados e presentados en formato PNG con resolución 300dpi.

Será condición indispensábel que estas creacións sexan orixinais (non poden ser usadas imaxes doutra autoría) e inéditas.

COMO PARTICIPAR?

É preciso para a participación no concurso envialos ao enderezo electrónico edlg@iessanclemente.net xunto cos datos persoais da autora ou autor antes do final do prazo de admisión.

O prazo de admisión finalizará o 9 de decembro.

CALES SON OS PREMIOS?

O máis importante, para todas as persoas que participen, é gañar un tesouro: darlle máis forza á nosa lingua e cultura a través da creatividade propia.

Ademais, seleccionaranse tres postais, que recibirán un primeiro premio cun vale por 100 €, un segundo de 75 € e un terceiro de 50 €.

COMO SE ESCOLLEN?

A selección realizaraa un xurado que estará composto por membros da comunidade educativa do IES San Clemente. A súa decisión será inapelábel. A participación no concurso supón a aceptación destas bases.

COMO VOARÁN AS POSTAIS?

Os traballos premiados publicaranse na web do centro. Este poderá realizar tamén unha exposición virtual das postais presentadas ao concurso e poderá utilizar a galardoada co 1º premio para enviar como felicitación.

Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.