Agustín Fernández Paz, o ilustre escritor vilalbés, vén de ser nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, polos seus "méritos vitais, literarios, humanísticos e universais; por ser un narrador elegante e absolutamente comprometido coa defensa da lingua; por ser unha persoa coherente que buscou sempre transformar a sociedade desde a escola pública e se implicou na vangarda da renovación pedagóxica; por ser un dos narradores galegos máis universais, un dos mellores facedores de lectores, coñecido dentro e traducido fóra, por ser un exemplo de ética e dinamismo ao servizo da terra nosa e da terra enteira…”.
Autor dunha extensa obra de literatura infantil e xuvenil, así como de narrativa para adultos, ensaios e obras colectivas, consegue captar como poucos a atención dos lectores. Defensor e promotor do emprego e a dignificación da lingua galega e namorado da súa profesión, o ensino, soubo comunicar a cantos o escoitamos as súas inquedanzas innovadoras na pedagoxía. Tiven a sorte de asistir a algunhas xuntanzas que faciamos un grupo de mestres no comezo dos anos oitenta na zona de Ferrolterra para tentar renovar a nosa bagaxe docente e alí estaba el, falando de Freinet, de Rodari, de obradoiros, de diferentes recantos na aula... e de tantos conceptos didácticos que hoxe seguen vixentes.
1 comentario:
E que sexa por moito tempo.Estupendo escritor.
Publicar un comentario