
Aínda que con algo de retraso, expresamos hoxe con todo cariño os nosos oito desexos mais un, e este último é deixarmos aberto o meme a quen quixer respostalo;
Os oito restantes tédelos a seguir:
1) Que a ningún neno ou nena do mundo lle falte nunca quen lle conte un conto antes de se ir deitar cada noite.
2) Que todos os adultos lembren ao longo da súa vida polo menos un dos contos ou unha das cancións que lles contaran ou cantaran na infancia, e que ao lembralos lembren tamén a dulzura da cara de quen llelo contaba ou cantaba.
3) Que ningunha nena ou neno do mundo deixe de ter perto unha escola e unha biblioteca ás que poder ir, e que nada ou ninguén lle impida nunca a entrada.
4) Que todos os pais e mais se acorden de que os fillos non só necesitan ser alimentados e vestidos senón que tamén teñen dereito a xogar, a recibiren educación e a sentírense queridos e respectados.
5) Que ningún neno ou nena sexa nunca discriminado ou relegado pola cor da súa pel, relixión, nacionalidade, aspecto ou orixe.
6) Que ningunha nena ou neno teña que renunciar ao uso e aprendizaxe da súa propia lingua, a que falan seus pais e a primeira que escoitou ao nacer, e iso sen prexuízo de que poida aprender outras, porque todas as linguas son igualmente válidas e merecentes de respecto.
7) Que nunca máis un neno ou nena teña medo a sufrir violencia ou calquera xeito de crueldade, e moito menos na súa propia casa.
8) Que a ningún adulto se lle olvide nunca que unha vez foi pequeno, que cada vez que o lembre sorría, e que ese sorriso arda non se lle apague no corazón.
(Imaxe: Jean Renoir pintando, de A. Renoir)
1 comentario:
Fermosísimos desexos. Engado o meu desexo de que se cumplan todos e cada un deles.
Unha aperta
Publicar un comentario