
Pero esta obra fundamental só puido ser publicada na editoria que Luís Seoane creara na Arxentina, Citania, o 3 de abril de 1959; a censura franquista nunca ía permitir unha obra que describía a brutalidade do sistema representado polos gardas civís e mailo xuíz invisible ou ausente, e que mostraba o lumpen de Auria-Ourense sen reparos.
A esmorga non se publicaría a este lado do Atlántico até os anos 70, cando se deu certa suavización da ditadura que permitiu o regreso de Blanco Amor a Galicia; e aínda así, a obra saiu sen algunhas frases que a censura considerou crúas.
A novela non envelleceu mal nin perdeu interese: a disposición telefónica da declaración d 'O Castizo, a progresiva evolución na súa actitude desde a astucia á desesperación que acaba con el, o xogo dos planos temporais, o abafo kafkiano que sofre o presunto culpable convertido en vítima, a confusión de realidade e ficción no relato, a descrición de escenarios urbanos e caracteres complexos, a verosimilitude da linguaxe verbal dos personaxes converten A esmorga nunha peza narrativa de valor indiscutible.
Antes de nos irmos, desde aquí recomendamos encarecidamente a lectura ou relectura da novela, con especial atención á Documentación coa que se abre, moitas veces ignorada non só polos alumnos senón tamén polos profesores, onde se crea un personaxe a miúdo esquecido polos lectores, e en que dá comezo o rico xogo de voces e versións que forma o relato.
Finalmente cómpre non nos esquecermos da navalla...
(Imaxe: portada da novela ilustrada por Seoane)
Ningún comentario:
Publicar un comentario