10/07/09

Profesores bibliotecarios a tempo completo en Portugal

O noso blog amigo do IES Castro de Baronceli de Verín (Ourense) achéganos esta boa nova das bibliotecas en Portugal. Moi bo exemplo que deberiamos copiar. Moitas grazas por seguirnos e noraboa por esa entrada no PLAMBE.

Este é a novidade que acaba de facer pública a Rede de Bibliotecas Escolares de Portugal:



A partir do ano lectivo de 2009-2010 a organização e gestão das bibliotecas escolares estará a cargo de professores bibliotecários a tempo inteiro que devem desenvolver estratégias e políticas que garantam a rentabilização de recursos e investimentos e a(s) coloquem ao serviço da escola, do processo formativo e das aprendizagens dos alunos.
Divulga-se o texto da portaria que aguarda publicação em Diário da República e que regula a designação de professores bibliotecários a partir do ano 2009-2010.

30/06/09

Até logo

Acabaron as aulas e o blog da nosa Biblioteca necesita descansar e recuperar os folgos: 155 posts este curso, ás veces a un ritmo vertixinoso nos últimos meses, e o desexo de reorganizar e reformular algunhas cousas, fan que lle cumpran uns meses de repouso.
É hora de comezarmos as vacacións, e en agradecemento pola vosa paciencia, fidelidade e entusiasmo, queremos deixarvos, como despedida até o curso próximo, un agasallo sorpresa.



28/06/09

Estatísticas lectura 2008-09

Expoñemos aquí os resultados das contas referidas á lectura no noso instituto. Se comparamos o total de préstamos actual co do curso pasado, vemos que se multiplicou por cinco. A "hora de ler" foi posta en marcha no terceiro trimestre polo que cabe esperar que o ano que ven estas cifras se incrementen.
Felicidades ós nosos alumnos por apostar pola lectura. Grazas a todo o equipo docente por apoiar esta decisión.

27/06/09

Novoneyra

Xa coñecemos o nome do autor a quen se dedicará o Día das Letras Galegas 2010, e a nosa alegría é grande e triple: porque Uxío Novoneyra é un autor xeograficamente próximo, nacido no Courel e moi vinculado á Terra Chá e á comarca de Lugo; porque foron moitos os cursos en que explicamos a súa poesía, aparentemente sinxela pero profunda e chea de sinceridade; e finalmente porque é un autor ao que chegamos a tratar persoalmente.

Unha viaxe polo mundo

As vacacións están aí mesmo, e tal vez aínda non decidiches onde queres viaxar. Se é así, pode que o que vén a seguir che sirva para algo; se non, difrutaralo de todos xeitos.

26/06/09

De robots e sistemas

O Departamento de Tecnoloxía do noso Centro organizou unha interesante e divertida exposición de prototipos, robots e sistemas da que vos ofrecemos aquí unha pequena e atractiva mostra.


24/06/09

Guía verán 2008-2009

Open publication - Free publishing - More hollydays

Estamos ás portas das merecidas vacacións do verán. Un libro pode ser unha moi boa compaña en calquera sitio que nos atopemos. Aí vai unha selección de lecturas para todos. Que as disfrutedes!!!

23/06/09

En rumbo de colisión contra o galego

Seguimos facéndonos eco da reaccións que provoca a agresión contra a nosa lingua por parte das autoridades que nos gobernan. Nesta ocasión reproducimos o artigo de Álvarez Cáccamo titulado En rumbo de colisión contra o galego e publicado no Faro de Vigo o pasado sábado.

O día 8 de febreiro de 2009, un petroleiro de bandeira española denominado "Galicia Bilingüe" encallou nos baixos da Quintana dos Mortos. Entre os membros da tripulación, gobernada pola profesora viguesa Gloria Lago e procedente de diversos territorios do Estado, figuraban coñecidos militantes da Falange, de outros enclaves da ultradereita e do Partido Popular. Asediada pola maré chea do galego en abalo impositivo que ameaza con asulagar as áreas de reserva idiomática do castelán, unha muller moi alporizada berraba así: "¡Quieren que hablemos todos gallego! ¡Quieren que seamos todos paletos!"

O inicial verquido ideolóxico do petroleiro, que puido ficar concentrado nas coordenadas xustas dun feito social de reducido alcance, resultou sobredimensionado polos medios de comunicación galegos de fala castelá –maioría absoluta– e reciclado en fardos de lixo sólido por medio dos altoparlantes do daquela candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. O líder da dereita –que, sorprendentemente, aínda se reclama galeguista–, seguindo instrucións da empresa consignataria FAES (cuxas singraduras lingüísticas con destino ao noroeste organiza o profesor Andrés Freire), decidiu propiciar o espallamento da substancia emitida polo "Galicia Bilingüe" através dun rumbo errático de declaracións contraditorias, aínda que maiormente orientadas en rumbo de colisión, e destinadas a situar o buque monocasco (digo, monolingüe) no centro mesmo do mercado electoral.

Desde aquela, instalado o Partido Popular no goberno da Xunta de Galiza, a deriva de regresión españolizante contra o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, dirixida polo conselleiro Jesús Vázquez coa inestimábel colaboración técnica do sociolingüista Anxo Lourenzo, as actuacións de control e censura sobre a opinión dos docentes, alén da cadea imparábel de trolas como fíos de plastilina en estiramento vertical, provocaron, máis unha vez, a mobilización da sociedade. Páxinas de internet de diversos formatos, cartas ao director, declaracións en medios radiofónicos, comunicados públicos, convocatorias de concentración na rúa... son os instrumentos utilizados polos voluntarios que acoden a loitar contra a contaminación do noso ecosistema cultural e lingüístico. Medra o número e a intensidade dos manifestos asinados por milleiros de cidadáns e por institucións e colectivos profesionais e sociais: asociacións pedagóxicas, equipos de normalización, xuntas e asembleas de directores de colexios e institutos, sindicatos do ensino, a Academia Galega, o Colexio de Sicólogos de Galiza, entre varias ducias de entidades asociativas. A comunidade escolar, sorprendida pola ocorrencia circense, surxida dun chapeu, dunha enquisa trapalleira, de conceptualización precientífica e xestión ilegal, de cínica formulación, destinada a obter un resultado que encaixe no proxecto redutor, desgaleguizador, dos enquisadores, recibe as bátegas desta aventura gubernamental cun sentimento de abraio no que se misturan a hilaridade e a carraxe.

O pasado día 17 de maio, a Quintana dos Mortos encheu e baleirou varias veces o seu pulmón civil cunha multitude inxente de manifestantes que multiplicou por dez o número dos que alí se concentraron, en dirección de intereses antípodas, o día 8 de febreiro. Somos –os do 17 de maio– os que queremos vivir en galego, desde a certeza, a naturalidade e a cordialidade que nos outorgan a historia, a realidade presente e as leis que conquistamos, de densidade aínda insuficiente para o horizonte de plena normalidade á que temos dereito todos os habitantes dun país cuxos sinais de identidade fundamental son a súa lingua e a súa cultura. Cultura Galega, un título que non lle gusta, precisamente, ao conselleiro de cultura, Roberto Varela. Un idioma de uso maioritario dentro dos lindes territoriais propios, os da nación chamada Galiza. Fala secular do pobo, de toda a xente, código internacional dunha literatura de altísimo nivel. O galego: raíz do pensamento chantada mesmo nos alicerces xenéticos dos tripulantes do citado petroleiro de bandeira española cuxo nome xa case non lembro.

20/06/09

Cando Flaubert falou de 'merde'

Cando Flaubert falou de 'merde' é o particular título do artigo que na súa columna Luces publicou onte Manuel Rivas en El País; supoño que moitos xa o coñecedes, pero pensamos que convén espallalo. Maxistral, emotivo, alentador e esperanzador


Imaxinemos un lugar no mundo onde as universidades teñan que advertir a un goberno que está lexislando en contra dos intereses do país que goberna. Imaxinemos un lugar no mundo onde a Academia da Lingua teña de tomar a excepcional decisión de manifestar en público a inquietude pola perigosa deriva dun goberno entregado a desprotexer o mellor tesouro do patrimonio cultural dese país. Imaxinemos un lugar no mundo onde os científicos, e máis aínda os que traballan en organizacións internacionais, se vexan obrigados a defender, fronte á desvalorización fomentada polo goberno, a competencia científica da propia lingua do país. Imaxinemos un lugar, en fin, onde os estudosos estranxeiros desa lingua constaten que está tan ameazada polo goberno que ten o deber de promovela que eles mesmos, os alófonos, decidan amparar con afouteza esa lingua fanada, empuxada camiño do exilio no propio país.

Non estamos a falar dun lugar imaxinario, por máis que se atopen semellanzas, como Liliput ou a illa dos Papafigos. Tampouco é unha forzada caricatura dun lugar real. A narración do que está a suceder podería ser aínda máis penosa. Está a pasar diante nosa. Neste escenario e neste tempo. Dise que a boa literatura fala dende un presente lembrado. Mesmo dun pretérito de futuro, cando se trata da ciencia-fición. Xa sabemos o tempo da mala política. O futuro pretérito. A Galicia do desandar. A Galicia do recú. A Galicia provinciana que se ri da ecoloxía das linguas, incapaz de comprender que é unha compoñente fundamental dun emerxente cosmopolitismo racional.

Para unha parte da poboación galega, o estatus do galego é unha cuestión secundaria, que implicaría soamente de xeito dramático a quen traballe coas palabras. Mais, á fin, todos traballamos coas palabras. Os silencios, como ben dicía Samuel Beckett, tamén forman parte da linguaxe. Seguramente, este Goberno, para o seu
Programa do Desandar lingüístico, contaba con ter da súa parte unha chea de silencios. Ese era o cálculo na partida que se puxo en marcha meses antes das eleccións. Por unha banda, un activismo que conseguiu espallar a idea da falsa "imposición" co concurso de poderosos altofalantes. En fronte, outro tipo de activismo, máis ou menos excitado, a quen se tentaría identificar cun nacionalismo maximalista. O defensor do galego como sinónimo de bloqueiro. O típico profeta do non. E o resto? O resto sería silencio. Un país habitado por silencios a rumiar.

Mais estamos a ver como ese país dos Caladiños xa non existe. Xa non leva tanta xente a procesión da Suspensión das Conciencias. Aquí, a cada vez máis persoas, e ante ese estado do Recuar, estalle a pasar o que Gustave Flaubert contaba en carta ao colega Turguenev: "Sempre intentei vivir nunha torre de marfil, mais unha marea de merda non deixa de golpear os muros, e ameaza con tirala abaixo...".

Cal é a forma que adopta aquí o que Flaubert, o da
mot juste, o da palabra exacta, chamaba "marea de merda"? O doente que estaba en proceso de curación é, de súpeto, desposuído de gran parte do tratamento e, ademais, sometido a unha mala práctica médica. Ao tempo, vense a dicir de novo á sociedade, esa é a mensaxe subxacente, que este doente o mellor que pode facer é morrer dunha vez porque non serve. Non é un ser útil. Isto é o que están a facer coa lingua galega. Esta é a marea de lixo do momento.

O problema non é só que se lexisle de recú para
achaparrar o galego e, de paso, estragar a propia industria cultural. Como se as editoras galegas, que fan libros, fosen empresas de menor valor que outras que fan camisolas deslocalizadas. Se cadra ese é o futuro. Velaí outro paradoxo esperpéntico. Disque o conselleiro de Industria é un experto nisto de deslocalizar. Se cadra ese é o futuro. Deslocalizarmos todo e todos. Galicia sen local. Sen razón social. Non, o problema xa non é só xurídico, senón todo o lixo, consciente e inconsciente, que se ciscou sobre a lingua e o universo da cultura galega. A pobriña. Esa carga familiar. A metáfora da Galicia hindú dos intocábeis. Rajoy gusta da palabra malleira ou palleira. Grazas pola malleira, don Mariano!

Le mot juste, a palabra exacta do gran creador de Madame Bovary, ten aquí, e verbo deste esperpento, unha versión perfecta no escrito dos departamentos de Filoloxía das universidades galegas cando se refire ao desandar deste Executivo: "O primeiro da historia da democracia que lexisla en contra da lingua do país e que goberna e actúa segundo intereses alleos a Galicia".

O idioma galego é unha pertenza de todos, tamén dos que non o falan. Como o parque do Xurés, ou as fragas do Eume ou as illas Atlánticas ou as Insuas do Miño son valores de todos, aínda que haxa xente que non saiba deles. Que pensariamos se un Goberno lexislase para achicalos? Pero, ademais, eses tesouros naturais non só pertencen a Galicia. Son valores da bioesfera. Pertencen á humanidade. E o mesmo ocorre cos valores culturais, a principiar pola lingua que naceu en Galicia. Non todos os días nace unha lingua nun lugar do mundo! Non é un asunto só persoal. Podemos pasar delas, mais temos unhas obrigas como parte da humanidade. E o idioma galego é unha pertenza da humanidade, aínda que haxa conselleiros que non pasaran o exame actualizado do imperativo categórico de Kant.

Si. O que vén de pasar foi unha marea de lixo disfrazada de grandilocuencias. Resúmese moi ben neste parágrafo da carta que dez brillantes científicos galegos, traballando en organismos internacionais, en Xenebra, Londres e Montreal, enviaron a Vieiros para saír ao paso do ousado provincianismo: "En declaracións ao
Faro de Vigo, o voceiro das Asociacións de Pais de Colexios Concertados dicía: "Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder". (...) Declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. (...) E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero tampouco o é o castelán. A lingua franca é dende hai moitos anos o inglés (...) O noso obxectivo con esta carta é simplemente evitar que se empreguen argumentos falsos (ou falseados) na discusión dun tema tan delicado e importante coma este (...)".

A historia da lingua galega é como a da Sepharad das mil e unha noites. Sempre atopou o xeito de salvarse de certo tipo de perigosas mareas. Non sei o que pasará cos políticos, pero si sei que a Galicia creativa, a Galicia do desexo, vai sobrevivir no seu andar ás ceibas fronte a este tempo de enxurrada retrógrada. Se non é aquí, será, por exemplo, na universidade de Cardiff de Gales. Alí onde Craig Patterson supervisa con paixón e intelixencia a Rosa dos Ventos, nome da candidatura para Asociación Internacional de Estudos Galegos. De acordo, señor Flaubert. Contra a marea de merda, a rosa dos ventos.

17/06/09

Congreso sobre Aquilino

Con motivo do centenario do poeta chairego Aquilino Iglesia Alvariño, que se cumpriu o pasado 12 de xuño, a el se adica o IX CONGRESO CULTURA TERRA CHA, que organiza a Fundación Manuel María coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística; a seguir reproducimos o programa de actos que nos envían os organizadores:

Domingo, día 21 de xuño
En Castro de Rei, ás 5 da tarde, na rúa e no Teleclub: Inauguración das rúas Aquilino Iglesia Alvariño e Emilio Sinde Nieto, con intervencións de Juan José Díaz Valiño, Alcalde, e Mario Saavedra, Concelleiro de Cultura.
Ricardo Polín, investigador da literatura chairega, pronuncirá a conferencia: ‘Non me esquenzo de vós’. A identidade chairega na poesía de Iglesia Alvariño.

En Muimenta, ás 8 da tarde, na Casa da Cultura: Aproximación a Aquilino Iglesia Alvariño” por Félix Villares, profesor do Seminario de Mondoñedo e responsable do número extraordinario da revista Amencer, dedicado ao poeta.
Recital da súa poesía e intervención musical de Mini e Mero.

Sábado, día 27 de xuño
En Seivane-Vilarente, ás 4,30, ofrenda floral na casa natal de Aquilino Iglesia Alvariño.
Ás 5 na Igrexa parroquial, conferencia de Manolo Regal sobre Aquilino Iglesia Alvariño: 4 estampas rurais.

16/06/09

Viaxe a Londres


Na semana do 11 ao 15 de maio, os profesores Marcela Castro e Suso Manteiga acompañamos a un grupo de oito alumnos nunha viaxe de estudos a Londres. Nestes cinco días tivemos ocasión tanto de ver e vivir a cidade paseando polas súas rúas como de visitar algúns dos seus monumentos e atraccións máis representativas. Unha das cousas máis interesantes a nivel social foi facer a visita nun período non vacacional, co cal tivemos ocasión de apreciar a vida real da cidade. Paseando por algún dos parques máis fermosos como é Hyde Park, encamiñamos os nosos pasos cara o Museo de Historia Natural, un dos mellores do mundo, sen dúbida algunha, igual que o British Museum, aínda que por falta de tempo non tivemos ocasión de visitar outros dous lugares altamente recomendables como son a Tate Modern Gallery e o Museo de Ciencia. Camiñando e utilizando outro dos símbolos da cidade, como é o Metro, estivemos en lugares emblemáticos como Piccadilly Circus, Trafalgar Square, algún barrio como o Soho, Covent Garden ou Camden Town, e algo que destaca por riba do resto, a zona de Westminster, co Parlamento, a Abadía e sobre todo o famoso Big Ben (ver este interesante e curioso artigo de El País)
Tivemos ocasión de asistir ao cambio da garda en Buckingham Palace, algo lento, pero espectacular e de facer unha visita á catedral de St. Paul, lugar que vimos desde o máis alto, subindo á súa cúpula, ata o máis profundo, vendo a cripta onde están soterrados persoeiros importantes como Nelson e Wellington, ou mundialmente recoñecidos como Alexander Fleming. Desde logo, non faltaron aqueles que renderon culto a outra das modernas relixións, a do balón, visitando os estadios do Arsenal FC e do Chelsea FC. Cabe destacar que as caras máis próximas ao éxtase puideron verse mellor nestes últimos actos, pero onde máis vimos a satisfacción dos nosos estudantes (ao mellor tamén por descansar dos longos desprazamentos a pé, non é descartable) foi durante o cruceiro polo río Támesis e a na posterior subida no London Eye, impresionante nora situada a carón do río desde onde completamos o noso álbum de fotos cunhas impresionantes vistas da cidade.
Pode que fosen só cinco días, e non completos, pero a verdade é que deron para moito, e por parte dos profesores, para que negalo, un verdadeiro pracer grazas ó bo ambiente creado con e polos alumnos, dos cales non só non temos queixa, senón que ademais fixeron que máis que responsables de excursión nos sentiramos como membros dun grupo en vacacións cos cales non teriamos problema en volver.

15/06/09

O poder da túa voz

A voz dos cidadáns ten poder e cando esas voces se unen para exixir xustiza, os gobernos escoitan. Centos de miles de voces deron detido a pena de morte en moitos países, poñer as armas baixo control ou denunciar a censura e a falta de liberdade de expresión en moitos lugares. Queremos dicirlles aos cidadáns e cidadás que, se traballamos xuntos, os cambios son posibles e un mundo máis xusto e máis libre estará máis perto.

13/06/09

Acertadísima viñeta collida do blog Historias de Icía e a Avoa.

O galego e o ensino da ciencia

Pode que sexa como lles sucede aos nenos, que saen máis fortes e máis medrados de cada febre; gustaríanos crer que á nosa lingua lle ocorre igual, e o certo é que non hai día que non nos cheguen apoios ou alentos. Nesta ocasión publicamos un escrito que, na mesma liña que o manifesto de científicos do CERN de hai unhas poucas semanas, quere deixar clara a validez da nosa lingua no ámbito do ensino das ciencias.

A Xunta Directiva da Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), que está presente no eido da educación secundaria dende hai máis de vinte anos e que conta con case un milleiro de profesores e profesoras no ámbito da Física,
Química, Bioloxía, Xeoloxía, Matemáticas e Tecnoloxía, dende o coñecemento e a experiencia de tan prolongada presenza, pon de manifesto:
  • Que os profesores e profesoras que participan nas actividades de ENCIGA desenvolven as súas actividades docentes en centros escolares situados en cidades, vilas grandes e pequenas e con moi variadas situacións sociolingüísticas.
  • Que, polas súas actividades e antigüidade, é a asociación de profesores de ciencias máis importante no ámbito da secundaria das que hai no territorio español.
  • Que esta asociación ten publicado ata hoxe 67 números da súa revista –Boletín das Ciencias– en galego, o que supón preto de mil cincocentos artigos dedicados ao ensino das ciencias na secundaria.
  • Que leva celebrados 21 congresos anuais, nos que se teñen presentado unhas 800 comunicacións, cuxa inmensa maioría se expuxeron en galego.
  • Que profesores e profesoras que colaboran ou colaboraron nas actividades de ENCIGA se contan entre os mellores profesionais no seu ámbito, como queda demostrado por teren recibido o recoñecemento de institucións e organismos detodo tipo, tanto de Galicia como de fóra dela.
  • Que nunca nas súas actividades, asembleas, comunicacións, artigos, etc., se ten producido ningunha intervención no sentido de manifestar que o uso do galego poida producir ningún tipo de atranco na aprendizaxe dos contidos científicos, ou en calquera outra acción que sexa propia do ensino na secundaria.
Por todo isto, MANIFESTAMOS que:

Calquera intención de situar o galego como un problema no ensino, en calquera etapa educativa, non se corresponde coa realidade e non se sustenta en ningunha razón didáctica ou pedagóxica.

12/06/09

Ana Frank

Pode parecer incrible, pero de non ter sido asasinada no campo de concentración de Bergen-Belsen, Baixa Saxonia, Alemaña, o 12 de marzo de 1945, Annelies Marie Frank, máis coñecida entre nós como Ana Frank, cumpriría precisamente hoxe 80 anos.
Desde a nosa Biblioteca queremos lembrala cunha frase tirada do seu Diario, que seguramente ti xa terás lido: "As persoas libres nunca darán entendido o que os libros significan para os que vivimos encerrados."

11/06/09

Marca “Todo en galego” / “Só galego”

Evidentemente, os que facemos o blog da nosa Biblioteca somos profesores comprometidos co idioma e cunha forma de educar e ensinar en que non caben enquisas espúreas que non procuran máis que lograr réditos políticos, non sociais nin culturais nin moito menos formativos. Por iso, non só rexeitamos a consulta, senón que a consideramos oportunista e indigna, e recomendamos ás familias marcaren “Todo en galego” / “Só galego” e cubriren as observacións, tal e como se explica no escrito das organizacións contrarias que reproducimos a seguir:

A Mesa pola Normalización Lingüística, xunto con outras organizacións con presenza no ámbito educativo, consensuou un posicionamento fortemente crítico coa consulta que está a realizar a Consellaría de Educación. Ademais da propia Mesa, subscribiron ese posicionamento a Asociación de Directores e Directivos de IES, a AS-PG, CC.OO, CIG, Comités, Coordenadora de Equipas de Normalización e Dinamización Lingüística de Ferrolterra, Coordenadora de Equipas de Normalización e Dinamización Lingüística de Compostela, Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, CSI-CSIF, Federación de ANPAs de centros públicos de Ferrolterra, FETE-UXT, Nova Escola Galega e STEG.
Tendo en conta as valoracións realizadas nese posicionamento unitario, A Mesa realiza as seguintes propostas para facermos unha oposición activa a esta pseudoconsulta:
  1. Marcar a opción “galego” (en infantil e FP) e “todo en galego” (primaria e secundaria), porque desta maneira estariamos a indicar que queremos en galego as materias que hoxe se deben impartir na nosa lingua, tal e como indica o decreto en vigor. Non significaría, por tanto, que optemos por todo o ensino en galego, pois esta opción non a considera a Consellaría.
  2. Incluír na epígrafe de observacións da consulta unha petición semellante á que se expresa a continuación:
Desexaría que o ensino fose en galego, unha opción que non recolle esta enquisa.
Estou a favor da aplicación do decreto actual de promoción e uso do galego no ensino, realizado co consenso da comunidade educativa e que emana do Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento galego.
Todo o anterior fai que os resultados desta consulta non me parezan lexítimos.

Cómpre que se dean a coñecer estas propostas ás familias con estudantes que vaian participar na consulta. Temos só esta semana e a vindeira (até o día 19) para o facermos.
Así mesmo, podemos divulgar unha sms co seguinte texto: “Consulta ensino en galego: Sinala galego/todo galego". En observacións pon: "Todo o ensino en galego. Aplicación actual decreto. Deslexitimo resultado da consulta.”

10/06/09

Sumar e non restar

Á vista da importancia de recentes acontecementos relacionados coa nosa lingua, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística elaborou un tríptico informativo, que envía a todos os centros, coa finalidade de "ofrecer información rigorosa sobre a aprendizaxe de linguas no noso ensino nun escenario problemático como o actual, determinado por intereses alleos aos estritamente pedagóxicos e que están ameazando a convivencia nos centros."
Como é natural, no blog da nosa Biblioteca facémonos eco da preocupación de docentes, alumnos e familias, e reproducimos seguir a carta de presentación do tríptico informativo.

Os membros da CGENDL, docentes que traballamos nos colexios e institutos no día a día e que, polo tanto, coñecemos a realidade dos centros e a súa situación lingüística, vemos con moita preocupación o problema xerado nos últimos tempos arredor da presenza das linguas no ensino, que derivou nunha confrontación aberta arredor dun ben común que nos tiña que unir, a lingua galega.
Consideramos que a convivencia do galego e o castelán non ten que ser un problema senón unha vantaxe, unha oportunidade para a nosa sociedade. Algo que todos os estudos, e que o sentido común da inmensa maioría da poboación galega avala, vén sendo perigosamente interpretado dende determinados sectores políticos. E máis perigoso é que se trasladen ós centros de ensino problemas que non atenden a razóns pedagóxicas, abocándonos cara a un escenario de lamentable confrontación social.
Ademais pensamos que dende unha perspectiva pedagóxica todos os implicados no ensino deberiamos centrarnos en conseguir que os nenos e nenas sexan igualmente competentes en galego e castelán. Polo tanto, o debate que se ten que abrir é precisamente este: que medidas temos que adoptar para conseguir que os rapaces e rapazas dominen plenamente as dúas linguas, tal e como establece a LOE.
Neste contexto elaboramos un tríptico destinado ás familias que é o que hoxe presentamos, e que se vai distribuír na medida das nosas limitadísimas posibilidades.

Por que este tríptico? porque parece que hai que volver recordar que o galego é a lingua propia de Galicia; que nos pertence a todos e todas e non podemos xogar co seu futuro, porque intereses políticos, que non educativos, veñen de crear un problema no ensino arredor das dúas linguas oficiais que pode derivar nunha perigosa fractura social, polo tanto COMO DOCENTES pensamos que debemos ofrecer información rigorosa sobre a aprendizaxe de linguas baseada en estudos científicos que se fixeron tanto dentro coma fóra da nosa comunidade.
E dito isto, queremos insistir en:
a. É unha sorte, non é unha desgraza, que a nosa comunidade conte cunha lingua milenaria, que nos debe unir. Polo tanto non se debe permitir que triunfe a idea de que o galego é un obstáculo para os estudantes, mantendo vellos prexuízos que no século XXI deberían estar plenamente superados, pero que pretenden manter relegada a lingua galega nun lugar secundario na sociedade.
b. Se é evidente que para mellorar a competencia en lingua inglesa é necesario que se impartan en inglés determinadas materias, a sociedade galega debe asumir tamén o mesmo para a lingua
galega, é dicir, que para saber galego é necesario “aprender en galego”.
c. O galego segue a ser unha lingua minorizada na nosa comunidade e polo tanto necesita unha discriminación positiva tanto dentro coma fóra do ensino.
(Foto: A Nosa Terra)

07/06/09

Historia de una maestra, de Josefina Aldecoa

Alejandro Vilar López, de 4º de ESO e excelente lector, fíxonos chegar a seguinte recensión da Historia de una maestra, de Josefina Aldecoa.


É un libro cunha gran cantidade de contido histórico no seu interior que te sitúa moi ben no contexto social da II República e, sobre todo, na vida dos mestres desa época.
Gabriela é unha muller educada no progreso e na liberdade que tiña unha gran paixón polo seu traballo: o ensino. Demasiado idealista ás veces, para ela todos os problemas era posible arreglalos dende a escola mediante unha boa educación. Por culpa dese idealismo esaxerado leva bastantes golpes na súa vida, sobre todo por parte de dous colectivos: os conservadores (principalmente alcaldes de dereitas e relixiosos) e os pais dos alumnos faltos de cultura e adoutrinados dende pequenos nuns conceptos moi pechados. Cando un pai lle recriminaba o que facía cos seus fillos argumentando a inutilidade das ensinanzas, ela trataba de axudarlles e facerlles comprender o importante da cultura, do coñecemento como arma do pobo; polo que ese era un obstáculo que sempre tentaba superar. Pero cando esas recriminacións viñan de políticos, curas ou demais personaxes con certo poder; percatábase da dura realidade: realmente o interese porque o pobo tivese cultura era nulo. E ese foi un obstáculo que nunca superou.
Por outra banda, a pesar da súa educación libre, cando se foi a traballar a Guinea non tivo a valentía necesaria para quedarse alí, seguindo os seus sentimentos; e a súa conciencia fixo que España e a súa familia pesasen demasiado, algo que nunca se perdoaría (Guinea sempre estivo na súa mente, facéndolle pensar se a súa elección foi a correcta).
Cando volveu para España coñeceu a Ezequiel, un home que compartía con ela a paixón pola ensinanza e ese idealismo (ás veces esaxerado) que o levará a loitar por un cambio social. Aínda que Gabriela recoñece que nunca sentiu verdadeiro amor por el, a súa relación foi tranquila e boa e tiveron unha filla xuntos. Pero Ezequiel era un home preocupado que sufría as inxustizas alleas no seu propio corpo, algo que o levou por un camiño que se acababa de abrir hai pouco coa proclamación da República: a política. Involucrouse profundamente na causa mineira e, cando a dereita venceu nas eleccións, viu como o seu mundo se derrubaba e todo polo que loitara desapareceu. Buscando o cambio, foi un dos partícipes da folga-revolución mineira e, cando esta fracasou, pagou caros os seus actos: foi detido e metido na prisión. Foi entón cando Gabriela comprendeu en parte que todo eso polo que loitaban non tiña sentido cando había homes que eran capaces de facer de todo simplimente para conseguir levar a cabo os seus proxectos. Foron para ela anos de soidade, de profunda tristura, anos nos que so tiña unha vía de escape: a escola. Loitou por seguir transmitindo cultura a todos os nenos e nenas, loitou pola igualdade intentando que existiran escolas mixtas, loitou por erradicar a inculutura incluso entre os máis maiores mediante a escola de adultos. Pero todos os seus proxectos (que co goberno de esquerdas non tiveran problema) foron tumbados por unha administración totalmente en contra desa igualdade pola que ela loitaba.
Todo cambiou cando a esquerda, de novo organizada, gañou as seguintes eleccións. Os seus proxectos foron adiante e Ezequiel regresou, absolto da súa pena. Pero a política seguía a later forte no seu corazón: alistouse nas filas do Partido Socialista e tentou loitar por conseguir unha sociedad igualitaria e máis xusta, algo que fixo que descuidase un pouco a súa vida familiar e o seu traballo. Esa mesma política que lle daba a vida foi a que firmou a súa sentenza de morte: cando os fascistas tomaron o poder no 1936, Ezequiel foi dos primeiros en acabar nas cunetas, entre tanta outra xente que o único delito que tiña no seu haber era o de loitar por unha maior igualdade social. De novo, Gabriela, que nunca se metera en política, pagaba as consecuencias da estupidez humana.

Persoalmente, paréceme un libro que reflexa moi ben a II República e sobre todo a función dos mestres nela, moitas veces infravalorada. Describe tamén moi ben a vida nas pequenas aldeas rurais e nos pobos mineiros da época.

05/06/09

Apoio á Torre de Hércules

Dentro de 22 días aproximadamente, o 27 de Xuño, a UNESCO fará pública a súa decisión, e a coruñesa Torre de Hércules formará parte (ou non) do Patrimonio da Humanidade. Estes días, o Instituto de Estudos Torre de Hércules (IETH) e o Concello da cidade herculina presentaron o documental de apoio á candidatura do que é faro romano en activo máis antigo do mundo.
Desde a nosa Biblioteca apoiamos entusiasmados a iniciativa, e esperamos que a luz inextinguible do noso Faro chegue a todos os confíns da Terra.

01/06/09

Bicentenario de Haydn

Onte cumpríronse dous séculos da morte de Franz Joseph Haydn (Rohrau an der Keitha, 31 de marzo de 1732 - Viena, 31 de maio de 1809), a quen se considera, con Mozart e con Beethoven, un dos vértices do clasicismo musical vienés, e o auténtico creador da sinfonía.
En homenaxe a el ofrecemos aquí o terceiro movemento do Concerto para Trompeta (1796), nun vídeo realmente espectacular da Orquestra de Cámara Norueguesa, coa novísima Tine Thing Helseth como solista.
Pero se queres máis, podes entrar aquí. Escoita e verás.

31/05/09

Día sen tabaco




Hoxe celebramos o Día Mundial sen Tabaco. Como non tiñamos claro que imaxe podía ser a que te convencese para deixalo se fumas, ou para sigas sen fumar se aínda non empezaches, poñémosche un feixe delas de diferentes países pero coa mesma intención; todas son duras, é certo, pero as consecuencias do tabaquismo tamén o son.
Escolle o teu motivo.
Ademais, a seguir colgamos un par de vídeos dunha campaña portuguesa de hai anos que non perdeu actualidade, e que moi explicitamente declara: feio é fumar; tu não comeces.

30/05/09

Por un bo uso da Rede

A Rede é unha poderosa ferramenta de traballo para todos: rápida, próxima, barata, interactiva, con infinitas posibilidades; pero ás veces, como sucede con todas as ferramentas, o uso indebido que facemos dela pode poñernos en perigo. Como é mellor previr que lamentar, ofrecemos a pais e mais principalmente, pero non só, o seguinte DECÁLOGO sobre o bo uso de Internet:

1. Elaborade un código de uso de Internet que marque os tempos que toda a familia pasa diante do ordenador. Cómpre situalo nunha zona de uso común e á vista de todos; o equipo nunca debe estar na habitación dos rapaces, xa que poderían conectarse de noite ou sen permiso, expóndose a situacións de risco sen que haxa ningún adulto presente.

2. Compartide cos nenos tempo e información, gozade da Rede xuntos, animádeos a compartir o que saben e aprenden en Internet, fomentade a comunicación e o diálogo. Ensinádelles a confiar na súa intuición e a que informen aos adultos de canto os faga sentir incómodos ou ofenda.

3. Fomentade o espírito crítico ante a Rede; explicade aos rapaces que a diferenza entre o que está ben e o que está mal se aplica tamén en Internet e ensinádelles a trataren con cortesía e respecto as outras persoas cando están conectados, asegurándovos de que entenden que as regras de bo comportamento non cambian por estarmos diante dun ordenador.

4. Advertide aos rapaces que non faciliten datos persoais (idade, enderezo, teléfono, etc) a través de Internet, salvo nas compras e xestións con entidades de confianza, e nese caso coa supervisión dos pais. Se chatean, usan mensaxería, xogos en liña ou actividades en Internet que requiran nome de usuario, axudádelles a elixir un que non desvele información persoal.

5. Falade con outros pais e mais, e tamén cos profesores dos vosos fillos: compartide experiencias, contidos e enderezos de interese, medidas de seguridade, marcade procedementos e estratexias comúns, etc.

6. Recomendade aos vosos fillos, que nunca intenten coñecer en persoa os amigos que coñecen en liña: eses amigos virtuais poden en realidade non ser quen din que son e poñelos en perigo.

7. Axudádelles a que organicen o tempo libre como organizan o tempo de traballo, e a que comprendan que o ordenador, os fotologs e chats, e os videoxogos non poden substituír nunca as relacións con outras persoas (amigos, familia, compañeiros de aula...)

8. Podedes controlar a actividade en liña dos vosos fillos se son menores de idade cun software avanzado que filtre contidos daniños, supervisar os sitios que visitan e saber que fan neles, como o Chat Controller 1.1.0 e o Keyghost USB Keylogger. Non esquezas que a protección dos fillos é o principal exercicio da patria potestade; pero tamén que esta debe ser responsable e sosegada, e que coa maioría de idade os fillos adquiren a totalidade de dereitos e obrigas que marcan as leis.

9. Tede coidado cos correos electrónicos e arquivos adxuntos de orixe descoñecida. Non abrades as mensaxes sospeitosas, o que é unha boa forma de protexer o equipo. Borrade sen abrilo o spam ou correo-lixo, e nunca o reenviedes; sería perfecto que ao reenviar calquera mensaxe borrásedes as listas de destinatarios anteriores: así contribuímos a preservar a intimidade deles e a eliminar o spam, reducindo o número de enderezos electrónicos en circulación.

10. Lembrade que se descubrides indicios de actividades ilegais podedes avisar ao Grupo de Delictos Telemáticos da Garda Civil; se son páxinas que atentan contra os dereitos dos menores, acudide aos portais http://www.protegeles.com/, http://www.noalapornografiainfantil.com/ e http://www.asociacion-acpi.org/, que ofrecen un sistema de denuncias on-line.

E por último lembrade: como calquera ferramenta, Internet é útil se sabemos empregala correctamente.

28/05/09

Achega ao debate sobre o galego desde o CERN

No xornal electrónico Vieiros lemos que, en pleno do debate sobre a normalización lingüística aberto na nosa terra nos últimos meses, nove destacados investigadores galegos do prestixioso Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN), dan un significativo paso adiante na defensa do noso idioma facendo público o seguinte manifesto, no que recalcan que, contra a opinión dalgúns, é perfectamente válido para a investigación científica e a transmisión de coñecementos.

Eis o manifesto completo:

Unha achega ao debate sobre o galego desde o CERN

Somos un conxunto de físicos e enxeñeiros galegos vencellados ao
Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra, a día de hoxe uns dos laboratorios científicos máis importantes do mundo. Desde a distancia, levamos meses asistindo ao debate que se está a xerar sobre a posición que debe ocupar a lingua galega no noso sistema educativo. Esta cuestión está a provocar unha confrontación continua de posturas e opinións que se estende a distintos ámbitos da nosa sociedade. Se ben consideramos este debate lexítimo tamén coidamos que as posturas deben ser mantidas e defendidas desde a máis absoluta rigorosidade, a mesma pola que nós estamos rexidos nas nosas actividades científicas. E vémonos na obriga de intervir cando determinados argumentos que non seguen esta máxima aparecen por parte de persoas cunha opinión que non se restrinxe ao ámbito privado.

En declaracións ao “Faro de Vigo”, o voceiro da “Confederación das Asociacións de Pais de Alumnos de Colexios Concertados” (Congapa), José Ramón Hermida, dicía: “Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder”. Ben, for desde a ignorancia, for intencionadamente, declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. Nun entorno no que temos a sorte de traballar con algúns dos mellores físicos e enxeñeiros do mundo, o galego está, modestamente a través de nós, presente como vehículo de comunicación científica. E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero é necesario que se saiba que tampouco o é o castelán. A lingua franca da ciencia desde hai moitos anos é o inglés, e desde logo se algunha lle discutíu no pasado tal condición esa non foi o castelán.

O noso obxectivo con esta carta é simplemente evitar que se empreguen argumentos falsos (ou falseados) na discusión dun tema tan delicado e importante coma este. E tamén reivindicar o galego como lingua que nos identifica sen excluírnos estando como estamos lonxe da casa.

No
CERN en Xenebra, a 26 de Maio de 2009.

Xabier Cid Vidal, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Patricia Conde Muíño, Doutora en Física de Partículas, Investigadora do LIP (Laboratório de Física e Instrumentação de Física de Partículas) - Lisboa (Portugal), experimento Atlas.
Daniel Esperante Pereira, Enxeñeiro de Telecomunicacións e estudante de Doutoramento na USC, experimento LHCb.
Teresa Fonseca Martín, Doutora en Física de Partículas, investigadora asociada da Royal Holloway University - Londres (Reino Unido), experimento Atlas.
Abraham Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, investigador Ramón y Cajal na USC, experimento LHCb.
Manuel Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, antigo staff do CERN no departamento de Física Experimental.
Marcos Mariño Beiras, Doutor en Física de Partículas, Catedrático de Física Matemática na Universidade de Xenebra (Suíza).
Diego Martínez Santos, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Cibrán Santamarina Ríos, Doutor en Física de Partículas, investigador asociado na McGill University - Montreal (Canadá), experimento Atlas.

27/05/09

Notas de corte


Se tes interese, para orientarte ou por simple curiosidade, agora que xa están as PAAU á vista, poderás consultar a oferta pública de prazas e tamén as notas de corte das diferentes universidades españolas, entrando no seguinte enlace do Ministerio de Ciencia e Innovación, ou ben na revista Entre estudiantes.

26/05/09

Consumo e consumidores

Cantas veces non teremos ouvido que coa comida non se xoga? Miles, probablemente, e esta non vai ser a primeira vez que incumpramos esa norma. Só queremos presentarche unha serie de familias escollidas por todo o mundo, que nos mostrarán o que gastan e o que necesitan para se alimentaren durante unha semana.
Logo haberá quen diga que o aumento dos prezos dos cereais foi provocado polos indios ou os chineses, ou que os países subdesenvolvidos farán fracasar os acordos de Kyoto sobre o cambio climático.
Non podemos poñer a fonte, porque lamentablemente non a coñecemos; pero o interese do que vas ver a seguir animounos a publicalo igualmente. Empezamos, pois:


ALEMAÑA: Familia Melander. 2 adultos e 2 adolescentes.
Gasto semanal en comida: 375'39 €.


E.E.U.U.: Familia Revis, de Carolina do Norte. 2 adultos e 2 adolescentes.
Gasto semanal: 341'98 €.


XAPÓN: Familia Ukita, de Kodaira. 2 adultos e 2 adolescentes.
Gasto semanal:317'25 €.



ITALIA: Familia Manzo, de Sicilia: 2 adultos e 3 cativos.
Gasto semanal: 214'36 €.



MÉXICO: Familia Casales, de Cuernavaca. 2 adultos e 3 cativos.
Gasto semanal: 189'09 €.



POLONIA: Familia Sobczynscy, de Konstancin: 4 adultos, 1 moza, 1 can.
Gasto semanal: 151'27 €
.


EXIPTO: Familia Ahmed, do Cairo: 7 adultos e 5 nenos.
Gasto semanal: 68'53 €.



ECUADOR: Familia Ayme, de Tingo: 4 adultos e 5 rapaces.
Gasto semanal: 31'55 €.


BUTÁN: Familia Namgay, de Shingkhey: 7 adultos e 6 cativos.
Gasto semanal: 5'03 €.



CHAD: Familia Aboubakar, de Breidjing Camp: 3 adultos e 3 nenos.
Gasto semanal: 1'23 €.

Couso


Esta viñeta, que foi publicada onte, está adicada a Xosé Couso, reporteiro de guerra galego que perdeu a vida en estrañas circunstancias mentres cubría a invasión de Irak; inexplicablemente, os soldados americanos dispararon contra el, causándolle a morte.

25/05/09

Canarias Timelapse

Un amigo fíxonos chegar o avance do documental Canarias Timelapse, de KROMA CANARIAS e LASAL, patrocinado polo Goberno de Canarias, os Cabidos de Tenerife, Fuerteventura e Gran Canaria, e a participación da Televisión Pública de Canarias.
A película mostra as sete illas canarias desde a perspectiva do tempo rápido e lento, ao longo de todo un ano; foi gravada integramente en alta definición, cámaras fotográficas de 35mm, técnicas de gravación a intervalos e overcranking.
A estrea, na televisión autonómica de Canarias o próximo 30 de Maio, ás 11'30.


Dirección: Luis García de Armas
Produción: Antonio de Nascimento
Música: Antonio Hernández
Cámara: Humberto Mesa

23/05/09

Galaxias, nebulosas e outras cousas belas


Esta galaxia chámase do Muíño por razóns obvias e está moi perto de nós, tan só a 27 millóns de anos luz, o que nos permite vela con detalle. É tan grande que a súa gravidade pode distorsionar as pequenas galaxias veciñas.


Tamén é obvio por que esta galaxia da constelación Coma Berenices, a NGC 4565, é coñecida como Galaxia da Agulla. Está a uns 30 millóns de anos luz de distancia, e mide outros 100.000 anos luz de diámetro. No seu núcleo predomina a luz amarelenta das vellas estrelas.



Unha imaxe do cúmulo globular Omega Centauri, o máis brillante e grande da Vía Láctea.


Eis a nebulosa Sharpless 2-188: a súa estrela central está a 850 anos luz de nós e móvese a 125 kilómetros por segundo; o arco brillante e os filamentos indican a dirección do movemento da estrela, menos brillante canto máis distantes dela, e son consecuencia da rápida viaxe da estrela central a través do espazo. Estas estruturas favorecen a mestura de material interestelar e a formación de estrelas.

22/05/09

Luz Paramio

Un destes días, a profesora do IES Río Cabe de Monforte e responsable da súa Biblioteca escolar e de varios blogs indispensables, Luz Paramio, veu ao noso Centro dentro das actividades de formación de usuarios e formadores que organiza a nosa Biblioteca.
A súa disertación sobre "Ler, Comprender e Aprender" non defraudou os asistentes. Todos estamos de acordo en que boa parte das causas do traído e levado fracaso escolar radican na falta de comprensión lectora dos alumnos e na súa incapacidade para buscar información.
Cómpre cambiar esta situación antes de se converter en endémica, e transformar as bibliotecas escolares na fonte de recursos que profesores, alumnos e familias necesitan.
Pero para iso fan falta estratexias, traballo e fe, moita fe.
Que alguén coa experiencia, o ben facer, o interese e a amenidade de Luz Paramio veña compartir connosco o que sabe é, máis que un luxo, todo un pracer.

21/05/09

Enquisa III: Que libro regalarían ou recomendarían

A terceira pregunta que se lles fixo foi o libro que recomendarían ou regalarían a alguén. Entre eles destacan os libros de ficción e aventuras: Un mundo sin fin(Ken Follet), Memorias de Idhúm(Laura Gallego), La catedral del mar (Idelfonso Falcones), e El club de las malas madres (Lucía Etxeberría).
A esmorga de Blanco Amor é un daqueles en que coinciden varios enquisados; outros, sobre todo novelas, Cumbres borrascosas, El guardián entre el centeno, El Quijote, La colmena ou Heart of Darkness.
A algúns profesores tamén lles gustan os libros de historia: Sinuhé el Egipcio; outros regalarían algúns de poesía, intimidade e amor, entre eles La sombra del viento, las poesías completas, de Antonio Machado, Cuentos para pensar (de Bucay), o Livro do Desassossego, de Pessoa, e Seda de Alessandro Baricco.
Hai diarios entre os recomendados, como o de Darwin, e dentro dos máis recomendados pola xente nova están as novelas negras e con asasinatos: Crime e castigo, de Dostoievski, Gomorra (Saviano), Los hombres que no amaban a las mujeres e La chica que soñaba con una cerilla y un bidón de gasolina, de Larsson, que trata dunha escura historia de prostitutas provenientes dos países do leste.
Outros profesores tamén nos recomendaron as novelas de Isabel Allende, e don Manuel (o de Relixión): Comprender y amar la naturaleza, de Víctor Fernández Obradors.


Aquí está, tirando e tirando do fío, o vídeo dos de Tropa de Trapo cos nosos alumnos e alumnas de 4ºESO, nunha das actividades programadas polo ENDL na Semana das Letras Galegas. Eles pasárono ben; seguro que a vós tamén vos parece interesante.

Dous vídeos



E dous vídeos propios que, desde a nosa Biblioteca, están colgados na Rede: vede o ambiente da Praza da Quintana en Santiago o pasado domingo, unha vez concluída a manifestación en defensa do noso idioma.


O oso

Ninguén dixo nunca que a loita pola vida e a supervivencia fose fácil. Algunhas veces, mesmo hai que se enfrontar a inimigos inesperados, en clara superioridade, e coa sorte en contra.
Se non queres sufrir, por favor non mires este vídeo.

20/05/09

A tropa de trapo


Un dos actos programados polo ENDL do noso Centro para os alumnos de 4º de ESO foi a actuación do grupo A tropa de trapo. Dous actores representaron oralmente diversos contos: el, contos tradicionais de Galicia e ambientados nos comezos do século pasado, na época da emigración a América; e ela, contos da cultura árabe que o actor acompañaba tocando en diferentes momentos un laúde marroquí e unha viola portuguesa, coma a dos fados.



Na seguinte hora, o alumnado foi repartido en dúas aulas e cada un deles levou a cabo actividades interactivas co grupo: contar historias pasando de man en man un nobelo de fío foi unha delas, como mostran as fotos.



O acto foi agradable, ameno e moi entretido, e aos rapaces resultoulles atractivo e novidoso.

Enquisa II: Os libros máis odiados

Despois de que preguntásemos aos profesores do Centro sobre os libros que menos lles gustaron, a verdade é que as súas respostas foron sorprendentes. Todo isto surxiu tan de repente que houbo profesores que non deron contestado ao momento, pero todos acabaron contestando. Foi divertido ver as caras que poñían os profesores.
Quizais unha das respostas que máis graza nos fixo sobre o libro que menos gustou foi a de Antonio del Valle, que dixo a guía telefónica, non sabemos por que. Outro apartado que cómpre destacar é que houbo coincidencia en que os libros que menos gustaron foron novelas, entre elas A historia interminable de Michael Ende, unha novela de fantasia. Outra é Harmonia celestial de Esterhary Peter, dividida en tres partes. La Colmena de Cela e La Regenta, novela psicolóxica de Clarín.
Máis libros que non gustaron: Tristan Shandy de Laurence Sterne, El misterio de la isla de Toklan de Juan Manuel Gisbert. El Quijote de Cervantes (un dos máis citados pola maioría dos profesores), El juego del Ángel e La sombra del viento as dúas de Ruíz Zafón. Tampouco teñen moitos seguidores El árbol de la ciencia de Pío Baroja, El mundo perdido de Arthur Conan Doyle, El mundo de Sofía de Jostein Gaarder, Las puertas templarias de Javier Sierra ou Todos somos vascos de José Maria Iparraguirre.

Enquisa de lectura I: Os preferidos


Os alumnos/as de 4ªPDC realizaron unha enquisa sobre os libros que máis gustaron, os máis importantes, os que non gustaron aos profesores do I.E.S. RIO MIÑO.
E tamén sobre os libros que recomendarían ou regalarían.
A clase dividiuse en grupos, e a cada grupo tocoulle un determinado número de profesores, polo que tamén pedimos desculpas aos profesores que non foron enquisados.

EXPOSICIÓN

A primeira pregunta que se lles fixo aos profesores foi: cales foron os libros máis importantes que leron ao longo da súa vida? Entre eles caben destacar os seguintes resultados.

O xénero máis lido é a novela, con algúns best sellers modernos como por exemplo: La sombra del viento de Ruíz Zafón, La catedral del mar, e Los pilares de la tierra, de Follet; ademais de obras de literatura xuvenil como: La historia interminable. Outros libros son clásicos antigos ou libros modernos españois: Pequeñas infamias de Carmen Posadas; Rimas y leyendas, de Bécquer; El Quijote; Intramundi de Carlos Reigosa; La regenta, de Clarín; El árbol de la ciencia, de Pío Baroja; ou Mazurca para dos muertos do Nobel Camilo José Cela. Tamén hai algún libro estranxeiro, como Seda. Dalgúns libros fixeronse adaptacións cinematográficas, como por exemplo Sinuhé el egipcio.
Hai profesores aos que lles gusta a poesía, porque nos sinalaron os sonetos de Góngora e as Rimas y leyendas, de Bécquer. Entre outros libros citados atópase o Diario de Darwin.
Algúns dos relatos preferidos polos profesores nin siquera están escritos; Lupe recomendou os contos da infancia. Outros profesores parecen ter gustos algo peculiares, como Antonio del Valle, que nos dixo a Guía de teléfono.

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.