07/05/10

Animals teach us

Navegando pola Rede atopamos esta campaña publicitaria titulada "Animals teach us how to be people" ("Os animais ensínannos a sermos persoas"). Subimos as fotos, traducimos o texto e non temos máis que dicir.
Pincha nas imaxes e pensa.


Un león nunca emprega a forza para humillar outro león

Cando dous clans de gorilas se atopa, evitan os enfrontamentos

Os elefantes nunca abandonan os vellos

Cando un golfiño atopa outro ferido axúdao a manterse a flote

A única diferenza entre panteras e leopardos é a cor


Os osos non discriminan as crías cando son femias

06/05/10

Comercio xusto

Desde A Cova da Terra, organización solidaria non gobernamental, chéganos a seguinte invitación:

Ven celebrar con nós este día tan especial!!!

O sábado 8 de maio celebramos o día do COMERCIO XUSTO, un dos piares básicos da nosa asociación (A Cova da Terra) polo que queremos invitarte a que veñas celebralo con nós. Este día estaremos na Praza Maior en Lugo durante todo o día haberá postos de comercio xusto, música, exposicións, concurso de debuxos e obradoiros para nenos e nenas, animación na rúa, entre outras moitas actividades das que se vos ira informando. Ademais a cunha gran NOVIDADE: Este ano teremos para nenos e nenas de 6 a 10 anos unha GYMKANA!!! Animadevos a participar, o único que vos pedimos e que nos confirmedes (teléfono 982230211 ou a educación@covadaterra.org) a vosa asistencia para organizar os grupos!!!!
Tamén che propoñemos que traballes durante estas semanas o que é o comercio xusto e nos mandedes os vosos debuxos de comercio xusto para participar no Concurso de Debuxos, que logo serán expostos ese día na Praza Maior e publicados na nosa páxina web. Se queres máis información, ponte en contacto con nós: 982230211, a través do correo electrónico educación@covadaterra.org ou ven visitanos en Rúa Nóreas nº 12 Baixo.

05/05/10

Catapalabras

Chéganos a noticia de que a Asociación Sociopedagóxica Galega (AS-PG) ampliou a oferta de xogos educativos na rede co Catapalabras, xogo no que poden participar de dous a catro xogadores e que consiste basicamente en escribir palabras que encaixen en certas categorías elixidas ao azar (froitas, animais etc.) e comecen por unha letra determinada polo azar
Hai que conseguir a puntuación máis elevada, o que dependerá da cantidade de palabras correctas escritas e do número de persoas que escriban a mesma palabra, xa que as repetidas non puntúan.
Este xogo vense sumar ao Trivial, ao Letrad@s e ao Xogo da Curuxa, todos eles cun alto índice de aceptación e participación, e pretende contribuír a galeguización dun espazo vital, o do lecer e o xogo, que na actualidade sofre unha importante carencia de posibilidades pensadas desde Galiza.
Se queres xogar, preme aquí

Máis información en Código Cero

26/04/10

Exposición do Día do Libro

Para celebrar o Día do Libro, o equipo da Biblioteca tamén empapelou os corredores do Instituto con paneis e cartaces coas respostas que nos enviaron e puidemos reunir a aquela pregunta Para que les?




24/04/10

Día do Libro 2010


Toda esta semana tivo lugar unha rolda de lecturas nas aulas da ESO, feitas por profesores voluntarios en horas de titoría. Como remate, o Día do Libro, que celebramos con lecturas públicas na biblioteca por parte de alumnos e un profesor.
Este ano apostamos pola sensibilidade, elixindo "A vendedora de mistos" de Hans Christian Andersen e "O príncipe Feliz" de Óscar Wilde, para 1º e 2º ciclo, respectivamente. Enriba destas liñas mostramos as imaxes, e embaixo a música que as acompañou.

"Carballeira" é unha peza tradicional coa que abrimos todas as sesións de lectura. Está interpretada pola agrupación "Leña verde" de Pol, que dirixe Óscar Trigo, profesor de Música no noso instituto hai uns anos. El é compositor, intérprete e arreglista desta versión.

22/04/10

Día da Terra

Como sabes, hoxe, 22 de Abril, é o Día da Terra. Os nenos e nenas de Infantil do Colexio Público "Ana Mª Diéguez" de Asados, en Rianxo, fixeron este vídeo para lembrar a todos a importancia que para a vida no noso planeta ten o ben máis prezado: a auga.

19/04/10

Tamén len...

Enlazamos un documento elaborado pola compañeira de Malpica, Olga Rodríguez, no que se recollen as opinións de persoeiros coñecidos nos medios de comunicación en relación coa lectura, xunto coas súas recomendacións.
Estes carteis forman parte do traballo colaborativo levado a cabo por iniciativa da ONG Implicadas no Desenvolvemento e secundado por moitas bibliotecas escolares, entre elas, a nosa.
Estes e outros materiais interesantes estanse comezando a organizar para unha exposición no noso centro con motivo da Semana do Libro e da Poesía.
Esperamos contar coa vosa atención.

17/04/10

Lingua de amor 2010

O Consello da Xuventude de Galicia (CXG), a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, puxo en marcha a IV.ª edición de Lingua de amor, o concurso de cancións e declaracións de amor en galego a través da internet.
Lingua de amor ten como obxectivo principal estender o uso do galego como lingua habitual entre a xente moza nas súas comunicacións a través da rede.
Establécense dúas modalidades de participación: declaracións e cancións de amor. Os premios serán os seguintes:

Modalidade 1: declaracións de amor en galego a través da rede

Categoría A (de 14 a 19 anos):
1.º Un computador portátil Netbook.
2.º Unha consola Nintendo DSI XL.
3.º Unha cámara de fotos dixital.


Categoría B (de 20 a 35 anos):
1.º Un computador portátil Netbook.
2.º Unha cámara de vídeo dixital.
3.º Unha consola Nintendo DSI XL.

Modalidade 2: cancións de amor en lingua galega.
1.º Un computador portátil Netbook.
2.º Un iPod de 3.ª xeración.
3.º Unha consola Nintendo DSI XL.

Para participar no concurso só hai que rexistrarse na páxina www.linguadeamor.eu. O prazo permanecerá aberto ata o 28 de maio de 2010 e para as votacións será do 29 de maio ata o 6 de xuño de 2010.

14/04/10

Concurso de relatos curtos

Como en anos anteriores, o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do noso Centro convoca o Concurso de Relatos Curtos "Letras Galegas 2010", que se rexerá polas seguintes

BASES:
  • Poderá participar todo o alumnado do Centro.
  • Os relatos, de tema libre, presentaranse en lingua galega.
  • Extensión máxima: tres folios.
  • Deberán presentarse escritos a ordenador por unha soa cara e a dobre espazo.
  • Os relatos só se poden facer e enetregar de forma individual ao profesor correspondente de Lingua Galega.
  • Os relatos que resulten gañadores serán publicados no Blog da Biblioteca do Centro.
  • Haberá dous premios para cada categoría, por un lado 1º, 2º e 3º de ESO; por outro, 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato.
1º PREMIO: Vale de 30'00 euros en material.
2º PREMIO: Vale de 15'00 euros en material.
  • Data límite de entrega: 10 de maio de 2010.
  • O xurado estará formado por membros do ENDL, e o seu fallo será inapelable.

04/04/10

Para que les?

Recentemente, desde a nosa Biblioteca participamos nunha actividade organizada polo blog Implicadas; tratábase de escribir en poucos caracteres a resposta á pregunta Para que les?

Agora o blog publica as respostas que enviamos desde o noso centro xunto ás doutros lectores que libremente quixeron participar.

Se queres, entra neste enlace e le.

22/02/10

Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego

Eis o vídeo da nova campaña da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.
Non está mal, ironía incluída.

15/02/10

Ultimátum evolutivo

Chéganos vía Cristina Novoa unha animación financiada pola Generalitat Valenciana na que un marciano nos invita a cambiar malos hábitos de vida que están degradando o medio no que vivimos e a nosa saúde. O asunto ben merece que lle botedes unha ollada.
Un motivo de reflexión ante a proximidade do 15 de febreiro, Día do Consumidor.

14/02/10

San Valentín 2010

A tradicional celebración do San Valentín no noso Centro, que este ano tivo a particularidade de ser adiantada, ao caer en domingo e coincidir coas vacacións do Entroido, foi concorrida e chea de animación, como proban as fotos que forman o slide.

05/02/10

Presentación

A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua presentará o venres 5 de febreiro a súa primeira publicación titulada 55 mentiras sobre a lingua galega, coordinada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas.

Esta publicación pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.

Co gallo de ofrecer unha análise dos prexuízos máis comúns que difunden os negacionistas do idioma, sae publicado este esperado libro útil, unha obra rigorosa que, paseniño e cun ton distendido, avanza até desmontar por completo, unha por unha, as principais falacias que ao correr da historia se veñen vertendo sobre a lingua galega, facendo fincapé naquelas que, por diversas razóns que tamén o libro pon de relevo, a día de hoxe teñen un maior calado na sociedade.

Xa que logo, podemos falar desta publicación como dunha reacción organizada, limpa e contundente contra as difamacións daqueles que, por complexo, mesquindade ou ambas as dúas cousas, só buscan o esmorecemento da lingua propia de Galicia, o galego.

Nos próximos días ofreceremos neste blogue cumprida información da multipresentación que deste libro se fará simultaneamente en máis de medio cento de localidades espalladas polo noso país (todas as cidades e principais vilas), polo Estado español:Ponferrada, Madrid, Barcelona, Vitoria/Gasteiz e Trintxerpe; e no estranxeiro: Tübingen, Buenos Aires, Lisboa, Tel Aviv, Nova York, Bethelem, Nablús, París, Saraievo, Londres, Bruxelas e Copenhague. Unha relación de puntos de encontro e presentación longa e aberta, pois a recepción a esta iniciativa por parte da sociedade está a ser altamente positiva e comprometida.

NOTA: A presentación en Lugo será hoxe na Librería Trama, a cargo de Paco Martín e Antonio Reigosa; en Guitiriz, na Casa das Palabras, por Alfonso Blanco; e en Vilalba, no Salón de Actos da Casa da Cultura, participando Primitivo Iglesias, Luís Villares, Moncho Paz, Ricardo Polín e Antía Veres Gesto.


A listaxe completa de actos é como segue:
A Coruña, Sala de Prensa Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande, entrada por Rúa da Estrela): Mercedes Queixas, Pancho Pillado, Martin Pawley e Alfredo Ferreiro. A Estrada, Agrupación Cultural KenKeirades: David Otero e Antía Otero. Allariz, Fundación Vicente Risco: Teresa Devesa e Antonio Blanco. Baio (Zas), Auditorio de Baio: Teresa Castro, Antonio Díaz Amor, Ricardo Vigueret. Baiona, Biblioteca Municipal: Concha Costas e Anxo Ratel. Barcelona, Centro Galego (Rambla Caputxins 35-37): Pere Comelles, Sabela Labraña, Xiana Díaz e Paulo Filgueiras. Bethelem (Palestina), Libraría Kalila w-Dimma: Moncho Iglesias Miguez e Samar Sabat. Bos Aires (Arxentina), Biblioteca Galega de Bos Aires, na Federación de Sociedades Galegas (rúa Chacabuco 955): Débora Campos, María Rosa Lojo, María Rosa Iglesias, Andrea Cobas Carral e Paco Lores, ás 19:00. Bruxelas (Bélxica), Livraria Orfeu: Ana Fontal, Xavier Queipo e Manuel González. Bueu, Museo Massó: Eva Rivas, Xabier Castro, Carme Novas Ferradás, Lucía Novas. Cacheiras-Teo, Mediateca do Grilo: Carme Hermida, Xosé Mª Lema Suárez e Rosa Moreiras Cuñarro. Caldas de Reis, Biblioteca Municipal: Ana Rial, Cesar Longa e Xosé Candal. Cambados, libraría Ramón Cabanillas (Rúa do Hospital, 40, baixo): Paco Fdez. Rei, Emilio Insua e Pilar Ponte. Cangas, Auditorio Municipal: Héitor Mera, Rita Paredes, Ana Ameal e Xosé Manuel González. Carballo, Pazo da Cultura: Xan Fernández Carrera, Silvana Castro e Farruco Fraga. Carnota, Confraría de Pescadores de Lira: Chisco Naval, Mercedes Díaz Maián e Belén Campos. Celanova, Aula de Cultura Caixa Galicia: Xoán Carlos Domínguez Alberte e Leopoldo Rodríguez Puga. Cerceda, Biblioteca Pública de Cerceda: Xosé Bocixa e Manuel Lourenzo. Chantada, Casa da Cultura: Manolo Figueiras e Xosé Miranda. Copenhague (Dinamarca), Libraría-Café Rayuela (Fælledvej 5): Alejandro Tobar e Iago Cordal, ás 18:00. Corcaigh/Cork (Irlanda), Book Library da University College Cork, ás 17.15 h: Carlos Seco, Ciaran Dawson e Xoán Sartal. Cotobade, Multiusos de Carballedo: Hadrián Faílde Perdiz, Antón Vidal Andión e Malores Villanueva. Cuntis, Casa da Cultura: Héitor Picallo Fuentes, Olimpo Arca, Maka Arca Camba, Silvia Fernández Piñeiro e Santiago Martínez López. Fene, Casa da Cultura: César Yáñez, Moncho Gándara, Quique Sanfiz. Ferrol, Ateneo Ferrolán: Xosé Manuel Pérez Sardiña, Xosé Lastra e Xosé Manuel López Leira. Gondomar, Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda. da Feira nº 10): Xilberte Manso, Gonzalo Navaza. Guitiriz, Casa das Palabras: Alfonso Blanco. Lalín, Museo Ramón María Aller: Rafa Cuíña, Alberto Granxa e Luz Méndez. Lisboa (Portugal), Casa do Brasil, 21.30 h: Antonio Mira e André Filipe Simões. Londres (Gran Bretaña), Instituto Cañada Blanch, 317 Portobello Road, 19.00 h: Inma Gil Rosendo e Eva Moreda. Lubián (Zamora), Salón de plenos do Concello de Lubián (Souto da Feira, 7): Felipe Lubián e Carme Pousa. Lugo, Librería Trama: Paco Martín e Antonio Reigosa. Madison (Wisconsin, EEUU), University of Wisconsin, Edif. Ingraham, Aula 133: David MacKenzie. Madrid, Ateneo de Madrid: Alejandro Hermida, Asunción Canal Covelo e Laura Montes García. Marín, Biblioteca Municipal: Ana Acuña, Carlos Solla e Lucía Outeiro. Melide, Centor Social Xosé Vázquez Pintor: Vanessa Martínez Iglesias, Xosé Vázquez Pintor, Xosé Luís Santiso e Valentina Formoso. Moaña, Centro Cultural Daniel Castelao: Asunción Soñora Abuín, Daniel Costas Currás, Benxamín Riobó Sanluís e Xabier Cordal. Monforte, Galería Sargadelos: Xosé Manuel Eyré e Suso Verao. Nablús (Palestina), Libraría Kubut: Fahed Salahat e Mohamed Salahat. Nigrán, Casa do Concello: Anxo Valverde, Xan Lois Cabreira e Emma Lázare Noia, Casa da Cultura Avilés de Taramancos: Lola Arxóns, Agustín Agra e Carlos Maquieira. Nova York (EEUU), New York City University: Alexandre Alonso Nogueira e Humberto Ramilo Costas. O Barco, Biblioteca Municipal: Manuel Agra, Luísa G. Macía e Xaquín Freixeiro. O Grove, Casa da Cultura "Lueiro Rei": Xesús Mª González Domínguez, Luís Rei, Rosario Pérez Magdalena e Patricia Arias Chachero. Ourense, Ateneo de Ourense: Serafín Alonso, Xosé Antón Laxe Martiñán e Xián Bobillo. Padrón, Casa do Patín: Anxo Angueira, Rita Bugallo e Xosé García Lapido. París (Francia), Instituto Cervantes (sala 1.3): Martinha Varela e Antón Figueroa. Pobra de Trives, Casa da Cultura: Mónica Baleirón e Mª Luísa Travieso. Ponferrada, Sala da Obra Social de Caja España en Ponferrada: Paco Velasco, Nuria Varela e Rafael Adán. Ponteareas, Biblioteca Municipal: Alberte Reboreda, Anxo Saborido e Xosé Manuel Moo. Pontedeume, Centro Municipal de Maiores: Xosé Francisco Correa Arias, Xoán Lorenzo Crespo. Pontevedra, Galería Sargadelos: Ana Outón, Ana Iglesias e Elvira Ribeiro. Ribadavia, Casa da Cultura: representantes da Plataforma Ribeiro pola Lingua. Ribadeo, Casa das Letras: Xavier Campos e Rocío Dourado. Ribeira, Ateneo Valle Inclán: Encarna Pego, Miguel Louzao, Pura Prado e Alexandre Cortés Ayaso. Salceda de Caselas, salón de actos do CEP Altamira: Suso Sánchez e Flori Veloso. San Martiño de Trebello (Val do Ellas, Extremadura), Casa do Concello: Domingos Frades Gaspar, Severino López Fernández e Máximo Gaspar. Santiago, Librería Couceiro: Xosé Luís Regueira, Antón Dobao e Mª do Carme Ríos Panisse. Saraievo (Bosnia), Kulturni Center Fuad Jahic: Jairo Dorado. Trintxerpe (Guipúzcoa), Tenencia de Alcaldía de Trintxerpe, concello de Pasaia: Xosé Estévez, Manolo Irixoa, Filipe Domínguez e Koldo Izagirre. Tübingen (Alemaña), Libraría Rosa Lux (Lange Gasse 27), 20.00: Aitor Rivas, Johannes Kabatek e Mariana Petitti. Tui, área Panorámica (antigo S. Paio): Helena Pousa e Alberto Valverde. Verín, Casa da Cultura: Xesús Lantes, Bieito Barreira e Zeltia Barreira. Viana do Bolo, IES Viana do Bolo: Carlos Ferreiro González e Patricia Fernández López. Vigo, Casa Galega da Cultura (Fundación Penzol): Xosé Henrique Costas, Manuel Bragado, Agustín Fernández Paz. Vilafranca do Bierzo, Casa da Cultura de Vilafranca: Marisa Cela e Antonio Nestral. Vilagarcía, auditorio municipal: Xan Guillén, Héitor Silveiro e Cruz López Martínez. Vilalba, Salón de Actos da Casa da Cultura: Primitivo Iglesias, Luis Villares, Moncho Paz, Ricardo Polín e Antía Veres Gesto. Vitoria/Gasteiz, salón de actos do Centro Galego de Vitoria: Xavier Iglesias, Itziar Ayestaran, Idoia Ezeiza e Débora Álvarez Moldes.

20/01/10

Xosé Miranda


Na véspera do inicio das vacacións de Nadal o profesor e escritor Xosé Miranda pronunciou dúas conferencias na biblioteca do Instituto. A primeira delas, dirixida ao alumnado de 3º ESO, centrouse fundamentalmente en contos, mitos e lendas de Galicia e doutros lugares, incluso asiáticos.
A segunda, xa para o alumnado preuniversitario do Centro, partiu da obra de lectura da primeira avaliación, Morning Star. Todos os alumnos participantes foron deleitados pola excelente elocuencia do profesor lugués de Bioloxía.

19/01/10

Non ao Decretazo!

A plataforma Queremos Galego convoca as comunidades educativas para un paro xeral no ensino o 21 de xaneiro, como contestación ao decretazo contra o galego.

A agresión é histórica, sen dúbidas a máis forte contra o idioma propio en toda a etapa democrática. Por iso é tan importante que nos impliquemos todas as persoas con sensibilidade pola nosa cultura, independentemente da lingua que falemos no día a día, para facermos do 21 de xaneiro unha data tamén histórica na contestación social.

Por que rexeitamos este decretazo?

1) Porque non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego.
Todos os informes oficiais sinalan que hai un problema para conseguir que boa parte dos rapaces e das rapazas, sobre todo nas zonas urbanas, teñan fluidez comunicativa en galego. Diminuír a presenza da nosa lingua non fará máis que agravar a situación, vulnerando o dereito do alumnado a unha educación de calidade e pondo en perigo a pervivencia da nosa cultura.

2) Porque é unha proposta feita de costas á sociedade galega.
O presidente da Xunta sabe que non conta con ningún consenso do profesorado, o estudantado, as familias e da sociedade en xeral para este decretazo. Por iso o presentou na véspera de fin de ano, a última hora do serán, e sen que existise ningún proceso previo de diálogo nin contraste.

3) Porque a aplicación deste decreto suporá enfrontamentos nos centros.
A Xunta fai deixadez das súas funcións e traslada o problema ao profesorado, ao estudantado e ás familias, que serán parcialmente consultadas (ben tendo en conta só o criterio da maioría, sen que se saiba que pasará coa minoría que se sinta perdedora; ben dando unha opinión cada catro anos, o que significa que uns pais darán a súa consideración sobre a educación das fillas e dos fillos doutros). A política lingüística e educativa non se pode limitar á opinión que poida ter a comunidade escolar, porque nos corresponde a todas as galegas e a todos os galegos. Hai que ter presentes criterios pedagóxicos e o dereito a unha educación en igualdade.

4) Porque a Xunta se burla da cidadanía cando di que se vai impartir un terzo das materias en inglés, cando sabe que iso é totalmente inviábel, e sen se preocupar do fracaso escolar.
O presidente da Xunta mente conscientemente cando fala de “plurilingüismo”, pois sabe que iso é imposíbel de aplicar. Só utiliza o inglés para camuflar propagandisticamente o ataque contra o galego. Na verdade, os departamento de inglés non teñen un reforzo real para mellorar a aprendizaxe desta lingua e mesmo se recortan os recursos para a formación do profesorado e se reduce o número de profesores/as das escolas oficiais de idiomas. O reforzo e mellora do ensino de inglés no sistema educativo galego debe facerse con máis profesorado específico, con máis recursos e con grupos máis reducidos.

5) Porque este decreto vulnera leis básicas aprobadas por consenso e tratados internacionais de dereitos lingüísticos.
O decreto que o Goberno galego quere impor unilateralmente vulnera a letra e o espírito da Lei de normalización lingüística (arts. 12 e 13), así como da Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias (art. 8). Un goberno serio, cívico e responsábel cumpre as leis e os tratados internacionais de dereitos humanos e de dereitos lingüísticos.

6) Porque é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do noso país.
Temos que erguer a nosa voz con claridade e exclamar que, independentemente do idioma que falemos no noso día a día, os galegos e as galegas amamos a nosa lingua propia e queremos que non haxa políticas para discriminala, senón ao contrario: que se promova nos diferentes ámbitos, garantindo a igualdade de dereitos.

Fronte á imposición unilateral de Alberto Núñez Feijóo, as comunidades educativas e o conxunto da sociedade galega reclamamos que se escoite a nosa voz. O presidente da Xunta debería lembrar que o decreto aínda en vigor contou co respaldo dos sindicatos que representan ao 90% do profesorado, a inmensa maioría das ANPAs, todas as organizacións estudantís e todos os movementos de renovación pedagóxica con actuación en Galiza. O seu decreto contra o galego, ao contrario, non xera máis que rexeitamento e preocupación.


O 21 DE XANEIRO PARAMOS O ENSINO
EN DEFENSA DA CONVIVENCIA E DO GALEGO

MANIFESTACIÓN NACIONAL EN SANTIAGO DE COMPOSTELA
11.30 DA MAÑÁ NA ALAMEDA

18/01/10

Análise das Bases


A Real Academia Galega publicou a súa Análise das Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.
Interesante, rigorosa, contudente e, sobre todo nestas datas, imprescindible. Se queres consultala, podes entrar neste enlace.

14/01/10

De moscas e arañas siderais


Nunca deixarán de sorprendernos os nomes con que os astrónomos designan algúns corpos celestes. Eis un exemplo, atopado na páxina divulgativa da NASA: esta brillante nebulosa da constelación do Auriga, a uns dez mil anos luz, é coñecida co suxestivo nome de A Araña e a Mosca.

13/01/10

Going West

Non é un vídeo novo este que atopamos aquí, nin moito menos, pero si unha orixinal maneira de promocionar a lectura; ao parecer, para elaborar esta película Onde os libros toman vida non se empregaron ordenadores nin efectos virtuais. Sorprendidos?


09/01/10

Editorial sobre a lingua

As vacacións de Nadal están a piques de rematar, o blog regresa, e a polémica sobre a situación do galego no ensino, lonxe de minguar reavívase semana a semana.
O diario El País publica hoxe un editorial titulado Lengua escolar a la carta. Tras agitar la lengua como arma electoral, Feijóo no contenta a nadie con su propuesta educativa, que comeza da seguinte forma:

"A campaña que devolveu o PP ao poder en Galicia hai nove meses tivo na política lingüística un dos seus estandartes. O agora presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, axitou a pantasma da discriminación do castelán baseándose nunha norma aprobada polo anterior Goberno de coalición de socialistas e nacionalistas que outorgaba ao idioma autóctono unha cota mínima do 50% en cada curso escolar (sen tope máximo) e unha posición preeminente entre as chamadas asignaturas troncais. Dese modo, o candidato rompeu coa política que o PP mantivera durante os mandatos de Fraga a prol da discriminación positiva do galego".

O texto conclúe afirmando que "a pretensión da Xunta de buscar un amplo consenso parece agora mesmo unha quimera, por moi desexable que resulte nunha comunidade que nunca sufrira conflitos lingüísticos até que o PP viu no idioma a ocasión para apañar un puñado de votos".

Para ler o texto completo, basta con entrares aquí.

03/01/10

A Natividade no Museo do Prado

Para poñer imaxes e banda sonora a estes primeiros días do 2010 ( que sexa feliz para todos !), mostramos unha selección de cadros do Museo do Prado que teñen que ver co tempo no que estamos. De fondo unha fermosa peza do Nadal titulada "Oh holy Night" na voz da soprano británica Sarah Brightman.
A seguir disfrutando das vacacións !!!

18/12/09

Guía de lectura para o Nadal 2009

Para viaxar tan lonxe como queiramos nestas longas e xeadas tardes, propoñémosvos a compaña dun libro, polo menos.


Na portada das nosas recomendacións de lectura está un home bonachón que habita nas devesas da montaña de Lugo. Noutros tempos, baixaba ás casas na Noitevella a apalparlles as barrigas ós nenos cando xa durmían. Despois de comprobar que estaban ben mantidos, deixáballes castañas quentes para o almorzo. Por este costume seu, chámanlle O Apalpador. Preme no seu nome se queres saber máis.
Se cadra, este ano déixase ver nas rúas, quen sabe... Ademais doutras cousas, trae unha mensaxe: a de regalar cousas feitas por un mesmo, ou mercadas no pequeno comercio.

A Biblioteca do IES Río Miño deséxalle a toda a nosa comunidade educativa, e a todo o mundo, moita FELICIDADE nestas Festas e un BO ANO 2010.


29/11/09

Conferencias e concertos

Desde o Museo Provincial infórmannos dun ciclo de conferencias e concertos sobre Músicas galegas de actualidade, organizado pola AS-PG e a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, que se celebrará desde o 30 de novembro e ata o 4 de decembro de 2009 entre as 19:30 e as 21:30 horas no Museo Provincial de Lugo.
Impartirán relatorios Rosa Mª Fernández, Luis Costa, Xan Fraga, Xurxo Souto e Carlos Villar.
Os concertos serán por conta de Cuarteto de Cordas Santart, Sólo Voces, Miro Casabella e The Homens.
Para máis información, podes consultar o programa aquí, ou contactar coa web do Museo.

27/11/09

Non clausura

Cando poidades, escoitade a Non clausura que fixo o ministro de Educación, Ángel Gabilondo, do congreso Leer.es
Pareceunos fermosa e diferente. Ao mellor este ministro cambia algunha cousa se lle deixan.

Mirade aquí.

Onde está...?

Mira con atención a imaxe; nela atoparás máis de cen figuras de personalidades históricas, de todos os tempos e dos catro puntos cardinais, perfectamente recoñecibles. Se dás descuberto... digamos 25... poderás considerar que a túa cultura, aínda que mellorable, tampouco está tan mal.
Proba e sorte!
(Naturalmente, se fas clic sobre a imaxe poderás ampliala)


24/11/09

Contra a violencia de xénero

A Biblioteca amiga do IES Sánchez Cantón de Pontevedra realizou unha preciosa presentación a partir de obras de diferentes autores extraídos de culturas diversas, como un achegamento ao diálogo para evitar a violencia.
Fai clic para ampliar, e mira.


19/11/09

A lingua inútil

Recollemos para colgar no noso blog o seguinte artigo de opinión de Manuel Rivas, publicado na prensa de hoxe como resposta á abraiante resolución en que un eminente xuíz da Comunidade de Madrid alega a inutilidade da nosa lingua para impedir a escolarización dunhas nenas en Vigo tras se divorciaren seus pais.
O artigo leva por título "A lingua inútil", e foi publicado en castelán por tratarse dun xornal de ámbito estatal, idioma que nós mantemos (e que nunca consideramos inútil).


Se equivoca usted, señor titular del juzgado número 6 de Alcorcón, al proclamar la carencia de "utilidad pública" del idioma gallego. En una caricatura de Castelao, un campesino dice: "Deus nos libre da Xustiza!". Quizás estaba pensando en usted, señor juez. Fíjese que útiles y previsoras son las lenguas "subalternas".

Fíjese si son previsoras que en los cuentos gallegos de Álvaro Cunqueiro hay personajes que como último deseo piden que en el ataúd, además de la Biblia, le metan el Código Civil por si tienen que pleitear en la otra vida. A la vista de como reculan los tiempos, me adelanto a pedir para el postrer viaje un ejemplar de la Declaración Universal de los Derechos Humanos, además de la Constitución española (subrayado el artículo 3º, apartado 2) por si el barquero Caronte se pone pesado, dispensando, y me niega la "utilidad pública del gallego" en el Más Allá, siguiendo la doctrina de su señoría.

Ya que estamos con la verdad narrativa de los cuentos y las últimas voluntades, permítame una breve historia. Un anciano campesino manda llamar al notario para hacer el testamento definitivo. Dice: "De la tierra, dejo un tercio para Ramón, un tercio para María, un tercio para Concha, un tercio para Manuel, otro tercio para Andrés..." El notario le interrumpe: "Pero, ¿no serán muchos tercios?" Y el campesino responde: "¡No sabe usted lo grande que es la tierra!" Pues con las lenguas ocurre algo parecido. Que hay sitio para todas. Que no pesan en la cabeza. Que no hay lengua inútil.

Inútiles, inútiles no le somos, señor juez. Hay muchas personas que nos comunicamos normalmente en gallego y no nos consideramos del todo inútiles. Como ocurre incluso en la judicatura, unos somos menos útiles que otros, hacemos lo que podemos, pero respetamos. Eso si, tenemos una educación mínima del respeto. Nuestros padres nos acunaron, nos criaron y nos contaron cuentos en gallego para espantar el miedo. Y no eran unos inútiles, créame. Gracias a ellos, no le tengo miedo, señor juez.

En su Tesis sobre el concepto de la Historia, dice Walter Benjamin: "No hay ningún documento de la civilización que no sea al mismo tiempo un documento de barbarie". Yo antes no entendía muy bien esta frase, se lo juro, pero se me han aclarado de repente las ideas, como por un rayo, después de leer su fundamento "lingüístico" para negar el traslado escolar a Vigo de unas niñas en el auto tramitado en un caso de divorcio. En ese aspecto, el documento no resiste el principio de realidad. En Galicia, las niñas no sólo aprenderían gallego, sino que podrían enriquecer su castellano con las "maravillosas curvas" que Unamuno admiraba en Valle-Inclán.

No voy a hablarle ahora de Alfonso X el Sabio, ni de Rosalía de Castro, ni del tronco común galaico-portugués, patrimonio lingüístico que nos permite comunicarnos con millones de personas en el mundo, desde Brasil al Timor Oriental. Como además tenemos la suerte de compartir el castellano, vea usted, señor juez, que no vamos tan mal pertrechados, siempre, claro, que a los niños no les amputen la lengua "inútil". Creo que lo que procede en este momento es ir al argumento protoecológico enunciado por Julio Camba. Según demostró en un irónico artículo, el gallego es un idioma muy apto para hablar no sólo entre las personas sino también con todo tipo de animales. ¡Fíjese usted si será útil!

17/11/09

Antes de colgar a túa imaxe... pénsao

Nada que dicir contra as novas aplicacións da tecnoloxía, contra os usos da internet ou contra as redes sociais, sempre e cando se empreguen con responsabilidade e intelixencia.
Desde este blog e desde a Biblioteca temos advertido en máis dunha ocasión dos riscos que conleva colgar na Rede datos persoais e fotografías (propias ou alleas) por parte dos internautas.
Mira este vídeo da Oficina do Defensor do Menor da Comunidade de Madrid, a ver que che parece.


15/11/09

Xornadas PROA

Fomos invitados a participar na Xornada do Programa PROA que se celebrou onte no CFP Monte do Conxo de Santiago; alí puidemos expor a experiencia da Hora de Ler e algunhas liñas do funcionamento da nosa Biblioteca.
O noso relatorio, titulado "Os recursos da Biblioteca do centro e a competencia lingüística", foi acollido con simpatía e interés por parte dos case douscentos asistentes.
Vaia para todos eles e a organización o noso agradecemento.

14/11/09

12/11/09


Celanova: Non ao desaloxo!

Ao parecer, xa hai quen volve cismar con construír paradores e conseguir comisións.
Esta vez tócalle a Celanova, cun teimudo alcalde que anda á procura de que lle constrúan un novo instituto para poder desaloxar o que agora está instalado no vello Mosteiro de San Salvador, coartada perfecta para alí levantar un parador para disfrute duns poucos.
Pois ben, existe unha plataforma en defensa do uso público do Mosteiro de Celanova que está disposta a dicir NON a este parador e a este despilfarro. Só tes que entrar e asinar aquí.
Eu xa asinei... e ti?


06/11/09

Gervasio Sánchez, un compromiso

Coñecemos hoxe que o xornalista e fotógrafo Gervasio Sánchez (Córdoba, 1959) foi galardoado co Premio Nacional de Fotografía, dotado con 30.000 euros, e o xuri destaca "o seu compromiso continuado coa fotografía como ferramenta de denuncia da violencia nos conflitos armados, polo seu continuado labor a prol da xustiza e especialmente polo seu traballo sobre os nenos soldado e as minas anti-persoa", que o propio fotógrafo caracterizou de asasinos ocultos.
Asimesmo valorouse "como a través da fotografía de prensa se dignifica as vítimas fotografadas, cunha ollada particular que enaltece los mellores valores do fotoxornalismo".
"Para min o xornalismo é compromiso", asegura Gervasio Sánchez, que cubriu os principais conflitos armados do mundo, como a guerra do Golfo, os da antiga Iugoslavia, África, Asia y América Latina. Desde 1995, realiza o seu proxecto fotográfico 'Vidas Minadas' sobre o impacto das minas antipersoa nas poboacións dos países máis minados do planeta: Afganistán, Angola e Cambodia, que callou en 1997 cun libro e unha exposición.
Na nosa Biblioteca fixemos unha recompilación dalgunhas das súas fotos máis impactantes; que sirva de homenaxe a un fotógrafo que engrandece o seu oficio, e de medio de concienciación e reflexión para todos.

03/11/09

Biblioteca Dixital Mundial


Chéganos o aviso do lanzamento na Rede da WDL, a Biblioteca Dixital Mundial.
A Biblioteca, impulsada pola UNESCO e outras trinta e dúas institucións, reúne textos, fotos, gravacións e películas de todos os tiempos, e contén información en sete idiomas sobre os tesouros e reliquias culturais de todas as bibliotecas do planeta.
A BDM no ofrecerá documentos correntes, senón "cun valor de patrimonio, que permitirán apreciar e coñecer mellor as culturas do mundo en idiomas diferentes: árabe, chinés, inglés, francés, ruso, español e portugués. Pero hai tamén documentos en liña en máis de cincuenta idiomas".
Entre os documentos máis antigos hai códices precolombinos cedidos por México; os primeiros mapas de América, debuxados por Diego Gutiérrez para El-rei de España en 1562; o Hyakumanto darani, documento xaponés de 764, considerado o primeiro texto impreso da historia; un relato dos aztecas que constitúe a primeira mención do Neno Xesús no Novo Mundo; traballos de científicos árabes sobre a álxebra; ósos utilizados como oráculos e estelas chinesas; a Biblia de Gutenberg; antigas fotos latinoamericanas da Biblioteca Nacional do Brasil; e a célebre Biblia do Diabo, do século XIII, conservada na Biblioteca Nacional de Suecia; a Declaración de Independencia americana e as constitucións de numerosos países; a guía de Magalhães cando deu a volta ao mundo e até o orixinal das fábulas de La Fontaine.
De fácil navegación, ao pé de cada entrada atopamos unha breve explicación do seu contido e significado; o acceso é de balde e os usuarios poden entrar e navegar sen necesidade de se rexistraren previamente.

Basta con entrar aquí.

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.