29/04/25

 Hai palabras que nacen e morren no singular. Outras, en cambio, só existen en plural. E iso ten un nome.
Na gramática, ás palabras que só se usan no singular chámaselles singularia tantum. Por exemplo: area, auga, tempo, leite, saúde, sono… Son palabras incontables, que non teñen plural natural porque se refiren a cousas que non se poden contar individualmente.
Pola contra, as que só existen en plural, chámanse pluralia tantum e destas fálanos As chaves da lingua.


Que é un pluralia tantum?

Un pluralia tantum (en latín, literalmente ‘só plural’) é unha palabra que non ten forma de singular ou que nunca se usa no singular. Sempre vai acompañada de artigos e adxectivos no plural: as cóxegas, as lentes, os anteollos, uns víveres…

Exemplos de pluralia tantum en galego

En galego hai moitas palabras que non teñen forma de singular e, por tanto, só poden usarse no plural. Velaquí algúns dos exemplos máis curiosos e comúns.

Cóxegas

Ese riso involuntario que nos sae cando nos tocan nos pés, nas costas ou nos xeonllos chámase cóxegas. Nunca se di unha cóxega. Sempre en plural: facer cóxegas, dánme cóxegas, non me fagas máis cóxegas. Ademais, esta palabra ten moitos sinónimos como celigras, cóchegas, coscas ou deligras. Todas elas comparten esa natureza plural.

Andas

No hospital ou en situacións de emerxencia, ás veces levan as persoas feridas en andas, tamén chamadas angarellas ou padiola.

Entrañas

Cando falamos das entrañas, referímonos ás partes internas dun corpo, especialmente dos órganos do ventre. Por exemplo: sentía un medo nas entrañas ou coñecer as entrañas dun problema. É unha palabra que transmite profundidade e intensidade, pero só en plural.

Olleiras

As marcas escuras que aparecen debaixo dos ollos cando durmimos mal chámanse olleiras. Sempre plural: ter olleiras, notáronselle as olleiras.

Ouriños

Outra forma de dicir mexo ou urina, é ouriños. Sempre en plural, mesmo que falemos dunha pequena cantidade: facerse ouriños, analítica dos ouriños

Maniotas

As maniotas son esa dor que se sente nalgunha parte do corpo despois de facer exercicio físico. Exemplo: De tanto correr onte, hoxe ten maniotas.

Parabéns

É unha das formas máis bonitas de felicitar en galego: parabéns!

Tebras

As tebras son o escuro, a falta de luz. A palabra é sinónima de escuridade ou sombra, pero máis literaria. Por exemplo: andou polas tebras do bosque.

Témporas

As témporas son os períodos que marcan o comezo das estacións: as témporas do Nadal, as témporas de primavera etc.

Víveres

Os víveres son os alimentos ou provisións necesarias para sobrevivir durante un tempo, especialmente en contextos militares, de viaxe ou emerxencia. Por exemplo: levaron víveres para unha semana.

Por que algunhas palabras só existen en plural?

A orixe pode ser semántica (por exemplo, obxectos formados por dúas partes como unhas tesoiras ou uns pantalóns), pero tamén cultural ou idiomática. En moitos casos, herdamos estas formas do latín ou doutras linguas que tamén usan eses termos no plural.

A forma plural transmite a idea de conxunto ou dualidade: algo que se entende como un todo feito de partes. Por iso dicimos os pantalóns (porque teñen dúas pernas) ou as tesoiras (porque teñen dúas follas).

Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.