Obxectivos
Dinamizar o uso da lingua galega entre as mozas e mozos nas súas relacións persoais e nas tecnoloxías da información e da comunicación, nomeadamente, na Internet e na mensaxería instantánea.
Incrementar a percepción do galego como unha lingua que é útil para os momentos de lecer e de diversión.
Características das mensaxes
As mensaxes de amor deberán estar escritas en lingua galega e poderanse redactar en prosa ou en verso. A extensión máxima da mensaxe será de 350 caracteres, no caso das categorías A e B, e de 200 caracteres, no caso da categoría C, incluídos os espazos en branco en ambos os dous casos.
Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.
Persoas destinatarias e categorías
Lingua de namorar é un concurso dirixido a toda a mocidade con idades comprendidas entre os 14 e os 35 anos.
Establécense tres categorías de idade:
• Categoría A: de 14 a 19 anos
• Categoría B: de 20 a 35 anos
• Categoría C: de 14 a 35 anos
Procedemento de participación
No caso das categorías A e B:
Para enviar as mensaxes cumprirá rexistrarse na páxina do concurso (http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar) para o que se deberá cubrir un formulario de inscrición.
Todas as mensaxes serán publicadas na páxina do concurso e estarán identificadas polo título e mais polo número que se lles asigne. As mensaxes gañadoras serán as únicas que se identifiquen co nome e apelidos das autoras e autores.
No caso da categoría C (exclusiva para a rede social Instagram):
Cómpre ser seguidor/a de @xuventudegalicia e de @linguagalega.
As mensaxes publicaranse directamente na imaxe habilitada para o concurso #LinguaDeNamorar no perfil @xuventudegalicia. No texto indicarase en primeiro lugar un cancelo que recolla o título e despois a mensaxe. Ao final da publicación, engadirase o cancelo #LinguaDeNamorar. Etiquetaranse tamén dúas amizades de IG.
Prazo de presentación
A data límite para enviar as mensaxes é o 1 de abril.
Ningún comentario:
Publicar un comentario