29/05/18

NON SEXAS PARTÍCIPE DAS CAUSAS PERDIDAS

A seguir, o relato de María Trashorras Cendán, de 1º de Bacharelato, premiado no Concurso das Letras Galegas convocado polos Departamentos de Normalización e Dinamización Lingüística e Lingua Galega e Literatura do noso Instituto.


Ola, son eu, si eu, esa persoa que vos vai contar unha historia un ano máis, distinta á anterior.
Pouca xente sabe, ou polo menos ata que ese día chega, que o vinte e oito de febreiro é o día das enfermidades raras, pois ben, algo irónico pero a nosa protagonista naceu ese día, ese día hai máis ou menos dezaseis anos.
Chámase Ana, Ana López, ata o momento un nome común, non obstante, ela non é alguén común, é moito mellor. Padece dende ese vinte e oito de febreiro de dous mil dous unha enfermidade coñecida como “Nevus Conxénito Xigante”, presentóuselle ao nacer e foi medrando con ela, pouco a pouco e mancha a mancha. Na zona da cadeira porta consigo unha gran falla xigante que ocupa boa superficie da pel con máis de cincocentos lunares satélite arredor.
Ata que cumpriu os oito anos era unha nena feliz, riseira e soñadora, imaxinaba que a súa pel era o universo, que nel podía atopar un sistema solar coa súa estrela de tipo G, arredor da cal orbitaban planetas e outras estrelas que non tiñan un tamaño tan xeneroso; identificando a cada unha cos seus lunares.
Todos sabemos que os nenos son inocentes, que eles non distinguen, non saben que aquel neno é chinés ou aquela nena india ata que escoitan a algún adulto dicir cousas como: “Ese é o pai do chino da túa clase”.
Todos querían a Ana e envexaban que ela puidera portar tan marabillosa galaxia a todos lados pero, esa envexa un día transformouse en maldade. Medraron e descubriron que tiña unha enfermidade, que todos os lunares, os grandes e os pequenos, que cubrían a súa cara e o resto do seu corpo era a causa diso.
Todo se convertiu nun pesadume. Sempre nos din que amigos hai poucos, neste caso só unha, Alisa, que axudaba no que podía e máis sen ser suficiente. Chamábana desde xirafa ata leprosa pasando por todos os personaxes que tiñan algún tipo de defecto na pel. Caeu nunha depresión, non creou redes sociais ata ben pasados os catorce e nas súas visitas ao dermatólogo fixo paradas en psiquiatría infantil.
Sei o que estades pensando: como alguén pode facer iso? Como un neno ou non tan neno é quen de tratar así a unha persoa por ser diferente ó que din chamar habitual?
Despois de moito pensar, de moitas terapias e dun apoio intensivo decidiu intentar levar a cabo unha campaña para concienciar sobre as enfermidades raras dende a súa experiencia.
Recibiu críticas? Claro que recibiu críticas e non todas foron boas pero superou o seu medo ao rexeitamento, á xente que cre que a palabra diferente significa algo malo, demostrando que non é así.
Ademais de enxeñeira aeroespacial quería ser modelo, non necesariamente da altura de Naomi Campbell nin Ashley Graham, bastáballe con posar mostrando o seu corpo e a beleza que escondía. As fotos que subiu a intenet (Instagram, Twitter e Facebook) fixéronse virais.
A día de hoxe os artistas comparan o seu corpo con arte.
Ela reivinca e pretende cambiar que se aprenda antes a discriminar que a querer, a evitar no lugar de apoiar, a non mirar o que temos diante con bos ollos só por parecer peculiar e a escapar dos problemas que nós mesmos causamos nos demais.
Grazas a ela, a artistas probablemente mal pagados e a todos aqueles que deciden formar parte das boas causas e negarse á existencia das causas perdidas, enfermidades coma esta están un chisco máis preto de ser aceptadas pola meirande parte da poboación.

Ana aprendeu a estar contenta co seu corpo criticado e cheo de manchas.
Non temos que seguir un canon exposto pola sociedade na que vivimos e tanto persoas con outros tipos de enfermidades raras como psíquicas que se atopan mal con eles mesmos por estar máis gordos ou máis delgados deberían aceptarse. Cada un é como é.

Non rexeitemos, ao mellor nos necesitan e algún día podemos ser os necesitados.
A min gústame o distinto, o raro, así que me vou despedir cunha frase que lin un día e que me fixo pensar un pouco máis sobre este tema.

Esa cita dicía: “Ser un mesmo nun mundo que está constantemente tratando de convertirte nalguén diferente é o maior logro”.

MARÍA TRASHORRAS CENDÁN 1º BAC



Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.