![]() |
| (Robe Iniesta. 1962-2025) |
A semana pasada foi dura para o rock español, se o martes nos espertou a nova do falecemento de Jorge Martínez, líder da banda asturiana Ilegales, o mércores non quixo ser menos e nas primeiras noticias da mañá puidemos escoitar que morrera Robe Iniesta, cantante de Extremoduro, banda de referencia do xénero en España desde os anos 90.
Nacido en Plasencia, a súa historia musical segue o estereotipo que moitas veces se nos vende nas películas de empezar desde abaixo de todo, vendendo bonos a amigos a cambio de futuras copias das maquetas do seu traballo (vamos, o que hoxe chamariamos crowdfunding, pero en formato analóxico, tan, tan analóxico como vendelos cara a cara), que acabaría sendo o seu primeiro disco "Rock Transgresivo", de aquí a ir medrando pouco a pouco con máis discos dun rock potente, unha voz desgarrada pouco comercial, e cun contido entre o provocador, polémico e próximo ás facetas máis duras da vida, case máis propio do punk, pero no que ían asomando unhas letras máis elaboradas do habitual no contexto musical da época con parte de temática social e no que tamén se cantaba a (des)amores apaixoados e tormentosos, pasando de estrofas para encher cancións a auténticos poemas musicados con unha potencia sonora e unha dureza moi pouco común.
En 1996, chega o gran salto ao público de masas, "Agila" (espabila, en castúo, español de Extremadura), no que a combinación de cancións de amor desgarrado e mencións a temas como as drogas se ve adornada con citas tan improbables nun grupo de rock duro como é o final do poema "Por tierras de España" de Antonio Machado.
(Nos inicios da canción podemos escoitar os versos de Machado)
A partir de aquí, a banda segue publicando discos e enchendo concertos ata o 2013, ano no que se separan e Robe Iniesta empeza a actuar en solitario desde o 2015, afondando na vertente máis poética na que xa se insistía nos últimos traballos en Extremoduro. O seu último traballo, "Se nos lleva el aire", foi publicado en 2023.
(Ininteligible, 2023)
E ata aquí, este pequeno recordo de quen nos animou a desafiar a perspectiva do fracaso á que estamos condenados.

Ningún comentario:
Publicar un comentario