15/05/23

Manifesto. En galego, aquí e agora!

40 anos de lei de normalización lingüística non serviron para garantir a presenza e dispoñibilidade do galego en todos os espazos da vida pública. Os avances para a lingua conseguidos pola acción do movemento social pola lingua encontráronse coa pasividade, cando non coa oposición, das institucións, nomeadamente daquelas que teñen obriga de promovela e defendela.

A actual situación de emerxencia lingüística é en grande parte consecuencia do desleixo dos poderes públicos, que abandonaron e desprezaron a crecente conciencia social sobre a lingua e a vontade de repoñela e normalizala. O mal chamado Decreto de plurilingüismo contribuíu decisivamente a que hoxe, por primeira vez na historia, un de cada catro menores de 15 anos declare ser incapaz de se expresar en galego. Á exclusión do galego no ensino, agravada por una dixitalización educativa que engade a imposibilidade de uso do galego noutras sete materias ademais das tres nas que está prohibido, súmanse a imposibilidade de uso no lecer e no audiovisual, agás na presenza mínima que conquistou a acción da sociedade; o descenso na oferta positiva dentro da administración galega; as dificuldades, cando non a imposibilidade de uso na administración do Estado ou na xustiza; as trabas ás empresas que optan polo galego como indicativo de calidade e compromiso, ou a presenza limitada a certos espazos nos medios de comunicación.

A emerxencia lingüística é reversíbel co compromiso de todas e todas, comezando polas institucións que deben asumir as súas obrigas e acompañar unha sociedade cada vez máis activa na normalización da lingua galega. Sen galego en todo e para todo non é posíbel o seu uso nin a incorporación de novas persoas falantes. 

Neste 17 de maio reclamamos de todas as entidades locais que fagan visíbel o seu compromiso coa lingua galega, a que nos une e nos fai existir, non só con celebracións, senón garantindo aquí e agora a súa dispoñibilidade en todos os servizos de competencia municipal con xestión directa ou privatizada, reclamándoo á súa vez en todos os contratos con calquera tipo de fornecedor, e fomentándoo en todos os eidos da sociedade.

Podes asinar o Manifesto entrando aquí

Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.