29/05/25

Concurso de relatos: alumnado premiado

 Os alumnos e alumnas que resultaron premiados no CONCURSO DE RELATOS CURTOS que como cada ano convoca o EDNL en colaboración co Departamento de Lingua Galega do IES Río Miño de Rábade polo DÍA DAS LETRAS GALEGAS son os seguintes:

Nivel 1 (1º e 2º ESO):

  • Primeiro premio (diploma e vale de 15,00 €): Lara García Pérez (2º ESO B) 
  • Segundo premio (diploma e libro en galego): María Nogareda Sánchez (1ºESO B) 

Nivel 2 (3º e 4º ESO) :

  • Primeiro premio (diploma e vale de 15,00 €): Daniel Longarela Núñez (3º ESO A) 
  • Segundo premio (diploma e libro en galego): Olivia Vázquez Zapata (3º ESO B) 

Parabéns a todos e todas. Proximamente iremos publicando aquí os relatos premiados.

20/05/25

Día Mundial das Abellas

 As abellas son imprescindibles para a supervivencia dos ecosistemas

🐝 O 75% de cultivos dependen de polinizadores
🐝 Sen elas estarán en perigo 25.000 especies de plantas 𝗖𝗮𝗱𝗮 𝗲𝘀𝗽𝗲𝗰𝗶e conta

As chaves da lingua: a ver, a ver...

 

Hai erros que se ven por todas partes, e a confusión entre haber e a ver é un dos máis comúns, tanto en galego como en castelán. A pesar de que soan igual, teñen significados moi distintos e nunca se poden empregar de maneira intercambiable. Neste artigo explicamos de forma clara e sinxela cando usar cada un para que non volvas dubidar.



Cando se usa “haber”?

O verbo haber en galego úsase en contextos moi concretos. Por exemplo, para indicar existencia.

Exemplos:

  • Debe haber moita xente na festa.
  • Pode haber máis dunha resposta a esa pregunta.

Cando se usa “a ver”?

A expresión a ver está composta da preposición a + o verbo ver e utilízase en múltiples contextos. Aquí tes os usos máis habituais:

Para expresar expectativa ou intención de comprobar algo:

  • A ver se chove mañá.
  • A ver cando nos vemos!

Para pedir que alguén mostre ou faga algo:

  • A ver, ensíname esa foto!
  • A ver como che quedou o traballo.

Para chamar a atención ou iniciar unha frase:

  • A ver, explicocho outra vez.
  • A ver, non me quedou claro o que dixeches.

Como sinónimo de imos ver ou vexamos:

  • A ver que podemos facer para solucionalo.
  • A ver como saímos disto!

En todos estes casos, a ver mantén a idea de mirar, observar ou esperar algo. Se se pode substituír por imos ver, significa que vai con “v”, nunca con “h”!

Truco rápido para evitar o erro.

Se tes dúbidas entre escribir haber ou a ver, proba a substituílo por imos ver ou vexamos:

  • A ver se mañá vai sol. (Imos ver se mañá vai sol.) ✅
  • Debe haber unha ducía de persoas agardando. (Debe imos ver unha ducía de persoas agardando.) ❌

A partir de agora, xa non hai escusas para escribir mal estas dúas formas!

19/05/25

Coplas e cantareiras

Cando uns celebramos as Letras Galegas, outros celebran... non se sabe que

 

Letras Galegas: as cantareiras e o cancioneiro popular galego

 A Real Academia Galega decidiu, neste 2025, dedicar o Día das Letras Galegas á poesía oral e ao cancioneiro popular galego. Incluíndo nesta homenaxe ás cantareiras Adolfina e Rosa Casás Rama (A Vila da Igrexa, Cerceda), Eva Castiñeira (Aganzón, Muxía), tamén a Teresa García Prieto,  Prudencia, Asunción Garrido Ameixenda e máis Manuela Lema Villar, as Pandereiteiras de Mens (Mens, Malpica de Bergantiños). Neste caso, a homenaxe non vai á individualidade, é dicir, a unha persoa en particular, senón á colectividade, mulleres que representan todas esas xeracións de galegos e galegas que desde hai séculos transmitiron arte popular.

Como as homenaxes no Día das Letras Galegas teñen que ser a persoas, decidiron centrala nunhas poucas mulleres, mais esta celebración vai a todas as que fixeron da nosa música parte da identidade colectiva.


Quen son as mulleres homenaxeadas?

Adolfina e Rosa Casás Rama

Adolfina e Rosa eran tía e sobriña -ambas fillas de nais solteiras-, foron dúas labregas que naceron na Vila da Igrexa (Cerceda) en 1912 e 1914 respectivamente. Aínda que a emigración separounas ao igual que sucedeu en milleiros de familias, foron dúas cantareiras que gravaron Dorothé Schubarth e Antón Santamarina nas súas recollidas e que hoxe, tanto elas como as súas cantigas forman parte do Cancioneiro Popular Galego

As Pandeireteiras de Mens

As Pandeireteiras de Mens foron un grupo de mulleres labregas, naceron nos primeiros anos do século XX en Mens e Asalo (Malpica de Bergantiños), da man da Agrupación Folklórica Aturuxo, levaron aos escenarios de todo o mundo a música popular que cantaron durante a súa vida. Nesta homenaxe non están Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela xa que aínda non se fixeron dez anos desde o seu falecemento. Da súa historia fala Beatriz Busto Miramontes no libro Pandereteiras de Mens (aCentral Folque)

Eva Castiñeira

Eva Castiñeira Santos naceu en Agranzón (Muxía) no ano 1925 e foi outra desas cantareiras que facían parte das festas e romarías xa desde ben nova. Traballou no servizo doméstico desde os 42 anos. Destacou pola súa participación no ano 1981 nun concerto de Milladoiro e din que foi a primeira pandeireteira en facer parte dun grupo de música tradicional. Fixo parte tamén do álbum “Recolleita” de Pablo Quintana.

Esta escolla colectiva foi unha sorpresa para moita xente mais o certo é que no ano 1998 a RAG acordou adicar o Día das Letras Galegas aos trobadores e á poesía medieval (como Meendinho, Martin Códax e Johan de Cangas). Esta segunda escolla colectiva nace da necesidade de dedicar a estas persoas – maioritariamente mulleres – que transmitiron a nosa lingua, cultura e tradicións até os nosos días.

Desde xa hai tempo contamos con multitude de bandas no campo da música tradicional que achegan a nosa lingua e tradición en diversos estilos e formatos. Grupos como Fuxan os Ventos, Leilía, Berroghetto, Tanxugueiras, Baiuca, Xose Lois Romero&Aliboria, Mondra, Boyanka Kostova, Luar na Lubre, etc. Beben da tradición desas xeracións de mulleres que transmitiron unha poesía popular que segue a deixar pegada na actualidade.

A poesía oral tivo un papel fundamental nun contexto onde a lingua galega foi prohibida na oficialidade, perseguida en moitos campos e os seus falantes ridiculizados e ridiculizadas. Estas cancións populares transmitidas nalgúns casos e creadas noutros, foron pasando de xeración en xeración, no traballo do campo, nas foliadas, polavilas ou seráns, transmitindo case sen querer non só unha canción senón un xeito de comprender certos contextos sociais, o modo de vida do noso país e tamén a riqueza e diversidade da que goza o noso idioma.

Estas cantareiras e pandereteiras non veñen dos escenarios nin das escolas de aprendizaxe, xorden nos traballos colectivos, dun mundo rural, sacrificado, mais que tamén atopaba momentos para bailar e tocar. Estas mulleres poderían ser as nosas avoas, bisavoas, tataravoas, dicionarios da vida e da arte que en ocasións foron silenciadas e non se lles deu o valor, status e importancia que mereceron. Por iso esta data é un punto de partida para facelo coas que non están mais tamén coas que aínda están, porque estas músicas e cantareiras non tiñan un espazo asignado nunha romaría, a súa arte ficou para o espazo privado, o que lle da aínda máis mérito.

A lingua galega foi prohibida e perseguida na escrita desde o século XV e principalmente desde o século XVI. Todo mapa, escrito ou documento tiña como lingua de uso o castelán, así a nosa cultura e tradicións sobreviviu, en grande medida, grazas a oralidade, e o que elas cantaban dun xeito normal como quen canta hoxe mentres fai deporte ou traballa, serviu para que hoxe a nosa música tradicional viva un novo boom e achegue estas cancións a xeracións que non chegaron a coñecelas, dalgún xeito podemos dicir que transmitiron historia.


A mediados do século XX ese mundo rural comezou a morrer, comezou a ruptura co vello mundo, deixaron de celebrarse ritos asociados a Defuntos, Entroido, San Xoán ou Nadal, a medicina popular foi desaparecendo e con todo isto a transmisión entre xeracións. Con ela, parte deste cantigueiro comezou a ficar na intimidade familiar ou desaparecer, xa fose porque era considerado algo dese mundo vello, polo pasamento ou emigración de tantas persoas. Así, comezaron a coller forza as recollidas, iniciativas que levaban a mozos e mozas a recoller nas aldeas toda esa riqueza e oralidade, e que podemos ver en Fuxan os Ventos, Leilía, Peixe, Xabier Díaz, Xiradela, Cantigas e Agarimos, Xacarandaina, Xiradela ou figuras como Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, entre outras.

Que parte desta música popular se fose concentrando en agrupacións tradicionais, coros, asociacións culturais e grupos, ten sentido porque o modo de vida tradicional estaba a mudar radicalmente. Porén, foron quen de funcionar como axentes de transmisión deste cancioneiro popular a novas xeracións, unha transmisión que continúa na actualidade, coas súas modificacións e adaptacións aos novos tempos, isto demostra que o noso cancioneiro segue vivo e non se converteu nunha peza de arquivo.

Este artigo simplemente quere contextualizar o sentido desta data e o importante, necesario e imperioso que é que todas e todos nós vaiamos ás fontes, transmitamos toda esta información e tamén que aprendamos da xente vella das nosas casas, das nosas aldeas, porque pode haber un tesouro.

08/05/25

Os outros nomes dos meses

 Sabemos que xaneiro inaugura o ano, que agosto é tempo de calor e que decembro trae o Nadal. Mais, algunha vez escoitaches falar de “san Xoán”, “Santiago” ou “a sega” como nomes de meses? En galego, ademais dos nomes oficiais dos meses, existen denominacións tradicionais que variaban segundo a zona e a cultura popular. Moitas delas están ligadas a festas relixiosas, costumes agrícolas ou fenómenos naturais que marcaban o ritmo da vida.

Artigo completo, aquí

O nome dos meses en galego

Neste artigo, exploramos estes outros nomes que reciben os meses en galego, descubrindo como a nosa lingua soubo adaptar o calendario ao seu propio xeito de ver o mundo.

Xaneiro

Xaneiro é o primeiro mes do ano e ten trinta e un días. O seu nome vén do latín Ianuarius, dedicado ao deus Janus, unha divindade romana das transicións e os comezos.

Xaneiro quente trae o demo no ventre.

Febreiro

Febreiro é o segundo mes do ano, que ten 28 días, ou 29 se o ano é bisesto. Procede do latín Februarius, nomeado en honra ás festas da purificación chamadas Februa, que se celebraban en Roma neste mes. Este mes tamén recibe o nome de candeloria.

En febreiro, sete capas e un sombreiro.

Marzo

Marzo é o terceiro mes do ano e ten trinta e un días. Orixinase en Martius, en honra ao deus Marte, deus da guerra e protector da agricultura.

Marzo marzán, pola mañá cara de rosas pola tarde cara de can.

Abril

Abril é o cuarto mes do ano e ten trinta días. O nome “abril” vén do latín Aprilis, e aínda que a súa etimoloxía exacta non está clara, crese que podería derivar do verbo aperire (abrir), en referencia á apertura das flores na primavera.

A auga de abril enche o carro e o carril.

Maio

Maio é o quinto mes do ano e ten trinta e un días. Deriva de Maius, que se pensa que fai referencia á deusa Maia, divindade romana vinculada á fertilidade e ao crecemento.

A sardiña no maio que a parta un raio.

Xuño

Xuño é o sexto mes do ano e ten trinta días. Orixe en Junius, nomeado en honra a Xuno (Juno), a deusa romana do matrimonio e protectora das mulleres e do fogar. Este mes tamén recibe o nome de san Xoán ou san Pedro.

Polo san Xoán a sardiña molla o pan.

Xullo

Xullo é o sétimo mes do ano e ten trinta e un días. Nomeado en honra a Xulio César, quen reformou o calendario romano no ano 46 a.C. O mes chamábase inicialmente Quintilis, xa que era o quinto mes do antigo calendario romano, mais pasou a chamarse Julius tras a morte de César. A este mes tamén se lle pode chamar Santiago ou a sega.

Polo Santiago comeza a viña a pintar o bago.

Agosto

Agosto é o oitavo mes do ano e ten trinta e un días. Orixinase en Augustus, en honra ao emperador Augusto, quen seguiu os pasos de Xulio César. Antigamente este mes chamábase Sextilis, por ser o sexto mes do ano antes da reforma do calendario.

Chuvia no agosto, nin bo magosto, nin bo mosto, nin bo entrecosto.

Setembro

Setembro é o noveno mes do ano e ten trinta días. Vén do latín September, que significa “sétimo mes”. No calendario romano primitivo, setembro era efectivamente o sétimo mes do ano, antes de que se engadisen xaneiro e febreiro. Tamén recibe o nome de san Miguel.

Despois que pase o san Miguel xa pode ir aos figos quen quixer.

Outubro

Outubro é o décimo mes do ano e ten 31 días. Procede de October, que significa “oitavo mes” no antigo calendario romano. A pesar do cambio de numeración no calendario actual, o nome mantívose ao longo dos séculos. Tamén recibe o nome de outono ou san Lucas.

Outubro viñateiro, pai do bo xaneiro.

Novembro

Novembro é o undécimo mes do ano e ten 30 días. Deriva de November, que significa “noveno mes” en latín. Ao igual que setembro e outubro, o nome conserva a numeración do calendario romano antigo. Tamén recibe os nomes de san Martiño e santos.

Santos, ou secas fontes ou levas pontes.

Decembro

Decembro é o duodécimo e derradeiro mes do ano e ten 31 días. Orixe en December, que significa “décimo mes” en latín. Aínda que hoxe é o último mes do ano, no calendario primitivo correspondía ao décimo mes antes da reforma de Xulio César. Tamén recibe o nome de Nadal.

Se o Nadal vén mollado, o xaneiro vén xeado.

Bases

 Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o Departamento de Lingua Galega e Literatura do IES Río Miño convocan un Concurso de relatos curtos dirixido aos alumnos e alumnas do Centro.

As bases que rexen este certame son:

1. O concurso está dirixido ao alumnado da ESO. Cada participante poderá presentar un único relato curto.

2. Os relatos deberán ser escritos en lingua galega e á man.

3. Temática: libre. Incluiranse as seguintes palabras (estas irán subliñadas no texto):

CANTAREIRA, MANDIL, ALEGRÍA, SILVEIRA, FEITICEIRO
4. Extensión máxima de 100 palabras.

5. Os microrrelatos serán elaborados no transcurso dunha sesión lectiva na clase de Lingua Galega e Literatura, e entregaranse ao profesorado correspondente.

6. Concederanse dous premios por nivel, isto é:

  • Nivel 1 para o alumnado de 1.º e 2.º de ESO

  • Nivel 2 para o alumnado de 3.º e 4.º de ESO

Os premios consistirán nun diploma e mais un vale de 15 € para material escolar para o primeiro clasificado/a, e de diploma e un libro en lingua galega para o segundo clasificado/a en cada categoría.

7. O xurado estará composto por membros do EDLG e o seu fallo será inapelable.

8. A decisión do xurado darase a coñecer na Semana das Letras Galegas e será publicada no blog da Biblioteca xunto cos relatos.

9. A participación no presente certame supón a aceptación destas bases.



Rábade, a 7 de maio de 2025


Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.