11/11/22

Manifesto de José Tubío: O deber de coñecer e transmitir a nosa historia científica

O científico e investigador da Universidade de Santiago de Compostela, José Tubío, publica o seu manifesto de divulgación da ciencia, e da ciencia en galego, no que, entre outras cousas, nos lembra a figura de Isabel Zendal e a tripulación que foi combater a varíola na daquela América española.

 “Terra á vista!”, berraba un dos mariñeiros desde a punta do pau maior. “Terra á vista!”, “terra á vista!”, repetía unha e outra vez, por se algún dos tripulantes da corbeta María Pita non escoitara. Desde a saída da Coruña, a expedición levaba meses navegando as augas tenebrosas do Atlántico, facendo tan só dúas paradas tácticas nas Canarias e en Porto Rico. A bordo da embarcación ía unha tripulación de trinta e sete persoas cunha grandísima responsabilidade: a de facer chegar a América a vacina da varíola, unha terrible enfermidade moi infecciosa e cruel, que matara millóns de persoas en todo o mundo ao longo da historia. Dona Isabel Zendala (ou Zendal, como tamén se coñece), enfermeira a bordo, respiraba algo aliviada ao ver que aquela viaxe chegaba por fin a terra firme. Non era para menos, pois tiña ao seu cargo máis de vinte pequenos, a maioría deles galegos, aos cales coidara naquela longa viaxe como tan só coida unha nai. A eles, a vida non os tratara ben; ou eran orfos ou foran abandonados polos seus pais, e agora aquela desgraza levábaos a seren recrutados para unha das misións máis importantes do século. Estas crianzas eran as encargadas de portar o fluído da vacina na súa propia anatomía. Tal era a súa responsabilidade. Unha picadura de agulla nos delicados brazos dos cativos transmitía a vacina, a cal apenas se mantiña activa uns poucos días no corpo das criaturas antes de volverse caduca, polo que debía ser transferida de uns aos outros ata que non quedara pequerrecho sen vacinar. 

Desde que deixaron a illa portorriqueña, dirixíanse agora a Venezuela, concretamente a La Guayra, onde os agardaban con grande expectación. Sen embargo, a situación a bordo era angustiosa, pois o último pequeno xa fora inoculado coa vacina e apenas quedaban unhas horas antes de que o fluído se volvera inservible. A vacina requiría ser traspasada de forma inmediata, ou a expedición podía rematar en fracaso. “Tanto esforzo, para nada”, pensaba dona Isabel mentres collía a man do pequeno. A urxencia desta situación levounos a parar antes do que estaba previsto, en Porto Cabello. Ao baixar da embarcación, en canto comunicaron ás autoridades quen eran, foron recibidos con felicidade. Era a primeira vez que o fluído chegaba a aquelas terras, e os habitantes venezolanos eran ben conscientes diso. Todos os tripulantes recibiron agasallos, houbo misas e desfiles nas rúas. O pequeno foi collido a ombreiros da xente e, vitorioso, foi levado a un hospital de campaña improvisado, onde serviu para inocular outros vinte e oito nenos veciños do lugar. Desde aí, a vacina correría por toda América, e despois a Filipinas, para completar a volta ao mundo e salvar as vidas de milleiros de persoas. 

Remataba así, en 1806, a expedición filantrópica da vacina da varíola, na cal Isabel Zendala e os galleguitos (así serían coñecidos aqueles nenos) tiveron un papel protagonista. Foi unha das maiores proezas científicas e a primeira misión humanitaria da historia. Cando este fito chegou a oídos do mesmo Edward Jenner, inventor da vacina, dixo que non podía imaxinar que nos anais da historia houbera un exemplo de filantropía tan nobre e extenso coma aquel. 

A ciencia está chea de momentos épicos coma este. Coñecelos e transmitilos é un deber no que todos, non soamente os que somos científicos, debemos participar. Amigos: temos unha historia da ciencia tan rica como descoñecida. Cando leades unha historia coma esta, facédea vosa e transmitídea, porque cada vez que a contedes estaredes sementando a curiosidade pola ciencia e contribuiredes a facer medrar no noso pobo unha cultura científica moi necesaria, que nos permitirá avanzar como sociedade e nos fará máis libres.

José Tubío é profesor, investigador e divulgador na USC

Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.