16/09/26

A vendima

Estamos xa en setembro,  e achégase un dos momentos máis importantes do ano no campo galego: a vendima

Nas Rías Baixas, na Ribeira Sacra, en Valdeorras, no Ribeiro ou en Monterrei, as viñas énchense de xente disposta a recoller a uva que dará lugar aos nosos viños. 

É unha época de traballo duro, pero tamén de encontro, de tradición e de festa, un ritual que se repite desde hai séculos e que forma parte da nosa identidade.

E como todo oficio, a vendima ten o seu propio vocabulario. Desde a planta ata o recipiente onde repousa o viño, aquí tes as palabras que necesitas coñecer para vivir a vendima.

Acio

O conxunto de uvas que colgan dun mesmo pé. É unha das palabras clave da vendima e na fala ten como sinónimos cacho ou piña.

Adega

O establecemento onde se elabora o viño tamén recibe o nome de bodega. É o corazón de todo o proceso.

Bagazo

O residuo que queda da uva despois de espremela e sacarlle o líquido. Tamén se di bagaño, bagullo ou bullo. Deste residuo destílase, precisamente, a augardente.

Bocoi

Un recipiente de madeira dos grandes, cunha capacidade de entre trescentos e setecentos litros. Máis grande que o barril e que a pipa.

Borra

O depósito de materiais sólidos que se forma no fondo dos recipientes que conteñen viño. Ten moitos sinónimos: feces, fondón, madre, pouso, sarrio ou tártaro. Adoita usarse tamén en plural.

Cangallo

Cada unha das ramificacións que forman un acio, para o que tamén se usa a palabra en feminino: cangalla. Emprégase igualmente para o que queda do acio despois de quitarlle ou esmagar as uvas. Neste segundo sentido, na fala tamén se di canga, cangalla ou raspallo.

Espicha / espicho

O pau ou tubo de madeira pequeno que se mete nun furado do barril para tapalo ou para extraer o viño.

Fustalla

O conxunto de recipientes de madeira dunha adega: barrís, bocois, cubas, pipas, toneis… Todo o que serve para envasar e conservar o viño.

Lagar

O aparello onde se prensan as uvas para que solten o mosto. Un dos elementos máis simbólicos da cultura do viño en Galicia.

Lagarada

A acción de pisar a uva no lagar. A Lagarada é tamén o título dunha obra de teatro de Ramón Otero Pedrayo, publicada en 1929. A súa acción transcorre durante a vendima nunha casa grande da provincia de Ourense, á beira do Miño.

Pipa

Recipiente de madeira máis pequeno que o bocoi, de entre douscentos cincuenta e cincocentos litros. A versión pequena chámase pipote ou pipo.

Uva

O froito da vide e a protagonista absoluta da vendima. De aquí sae todo.

Vendimador/a

Quen recolle a uva durante a vendima. O traballo máis visible destas datas e o que enche as viñas de mans e de conversas.

Vide

A planta da que sae a uva. Coñécese tamén como cepa, cepeira ou videira, e é ese arbusto de talo retorto e follas dentadas que se cultiva, sobre todo, no sur de Galicia.

Viña

O terreo plantado de vides. Tamén se pode chamar viñedo. É a paisaxe que define comarcas enteiras de Galicia, especialmente nos socalcos da Ribeira Sacra.

Viñateiro/a

A persoa que se dedica á produción e venda de viño. Non confundir co vendimador, xa que o viñateiro está detrás de todo o proceso, non só da recollida.

O 'Tíralle da lingua' deste ano xa está aquí!

Que bonito é que o galego aloumiñe as historias que van saíndo das nosas gorxas. Non si?

Xa temos aquí unha nova edición do concurso de relato oral “Tíralle da lingua”.👅 Unha nova oportunidade para que deixedes bulir a vosa imaxinación e mostredes a vosa creatividade e o amor pola lingua galega. 🩵🤍
Concurso destinado a alumnado e profesorado, divido en tres niveis académicos.
👉 Primaria
👉 1º, 2º e 3º ESO
👉 4º ESO e ensino postobrigatorio
📝 Inscrición por parte dos centros: antes do 13 de novembro.
🎥 Envío dos vídeos: antes do 20 de novembro mediante o seguinte formulario 👉 https://cutt.ly/QylHPhEa
⚠️ Requisitos das historias: de base popular, base literaria ou elaboración propia. Actuacións en grupo ou individuais dun máximo de 5 minutos.
🏆Premios:
1º Premio: valor de 250€ por nivel
2º Premio: valor de 150€ por nivel
ℹ️ Iniciativa organizada coa colaboración da Deputación da Coruña para o impulso do uso oral do galego.

14/09/26

Regreso

Ola, lectores e lectoras! Estamos de volta.

Comeza un novo curso e en poucos días abriremos: pronto a Biblioteca estará a plena marcha coa formación de usuarios/as, os préstamos, a Hora de Ler na aula e as outras actividades que coñeces doutros anos.

Benvida a todos e todas, e felices libros!

18/08/26

Juana Capdevielle, noventa anos xa

Sobre o 17 ou o 18 de agosto de 1936 (ou iso parece ser, xa que non hai certeza no tema) foi asasinado Federico García Lorca. Podedes ter unha aproximación a estes feitos e o que se supón que se sabe deles na excelente novela gráfica "La araña del olvido", de Enrique Bonet.

(Juana Capdevielle. Wikipedia)

Ese mesmo día 18 de agosto, no noso concello tamén sucedeu un feito igual de tráxico, o asasinato de Juana Capdevielle, bibliotecaria e pedagoga. O seu corpo apareceu no Monte da Gándara, despois dun daqueles fusilamentos chamados eufemisticamente paseos, no km 526 da estrada N-VI, co cruel engadido de levar tamén por diante a vida do seu futuro fillo, xa que estaba embarazada.

Como deixa intuír o seu apelido, Juana María Clara Capdevielle San Martín, nada en Madrid no 1905, era de orixe francesa por parte de pai. Estudou en Pamplona, obtendo resultados brillantes, incluso dando clases particulares de francés con tan só dezaoito anos, e despois cursou os estudos de Filosofía e Letras na Universidade Central de Madrid, levando unha vida a medias entre Madrid e Pamplona, con visitas a Francia.

Xa desde o principio da súa carreira profesional estivo centrada no mundo das bibliotecas, accedendo con vinte e cinco anos ao Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos, traballando na Biblioteca Nacional de España, na de Filosofía e Letras da súa facultade e na do Ateneo de Madrid.
Foi, ademais, a primeira xefa dunha biblioteca universitaria en España.
Esta traxectoria profesional fixo que obtivese unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudios para ampliar os seus coñecementos sobre a daquela aínda novidosa clasificación decimal das bibliotecas (o sistema que é hoxe o estándar universal de ordenación e clasificación) mediante estadías por Europa adiante en bibliotecas onde o sistema xa estaba plenamente desenvolvido, citar como dato que nas bibliotecas españolas non foi establecido como obrigatorio ata o remate da Guerra Civil.

Como se chega a este final?
En 1936, sen rematar as estadías por Europa, Juana volve a España, onde casa polo civil con Francisco Pérez Carballo, avogado e político de esquerdas. En abril, Pérez Carballo é nomeado Gobernador Civil da Coruña, o que fixo que o matrimonio se trasladara a Galicia. Cando ten lugar o golpe de estado do 18 de xullo, Juana permanece co seu marido no Goberno Civil ata o día 20, data na que abandona o edificio para refuxiarse na casa duns amigos. Ese mismo día, o seu home e apresado, sendo fusilado na madrugada do día 24 preto da Torre de Hércules.
A familia Abente, que a agochaba, non lle comunica a nova por mor do seu embarazo. Esta circunstancia pasa a ser unha fatalidade, xa que cando ela fai por saber da sorte do seu home é enganada (parece que polo falanxista Florentino González Vallés, despois sucesor do seu home no Goberno Civil) dicíndolle que lle envían un coche para recollela e reunirse con el. A realidade é que a deteñen e envíana ao cárcere, onde se entera da morte do seu home o día 27.
(Tumba de Juana Capdevielle,
cemiterio de Rábade)

Neste punto, como en moitas historias deste tipo durante a guerra, hai dúbidas en canto á exactitude dos datos, máis que nos feitos, na asignación de responsabilidades dos mesmos. Polo que sexa, durante as guerras, os participantes aparentan ter as ideas claras e as razóns firmemente asentadas, pero prefiren pasar á posteridade coa menor cantidade de sangue nas mans.

Resumindo un pouco, parece que Juana foi liberada do seu encerro coa prohibición de residir na Coruña. Isto levouna a residir no que hoxe sería área metropolitana, en Vilaboa, acollida na casa do deputado de Izquierda Republicana (partido do seu home) Victorino Veiga. Estando alí, recibe unha orde de deportación (sanción bastante habitual na época). Esta orde nunca chega a cumprirse, xa que é detida pola Garda Civil o 17 de agosto pola noite.
As últimas horas parece que transcorren primeiro na Coruña, pola detención, e despois no traslado cara o suposto destino do desterro, e aquí chegamos ás versións do lavado de mans que todos fan. O que parece estar claro é que foi asasinada onde apareceron os seus restos nunha cuneta, o de se foi a Garda Civil ou estes entregaron a Juana a un grupo de falanxistas, incluso por encargo de González Vallés, é algo que non queda claro aínda hoxe.

A vila de Rábade ten desde 2008 un monumento na súa honra no km 526 na estrada N-6 (ver Google Street View), nun lugar no que o entón alcalde, Francisco Fernández Montes, lembrou a Juana como "a mártir que a Rábade lle tocou por azar", frase que condensa o horror e irracionalidade de toda esta historia que queremos deixar hoxe aquí desde a biblioteca do instituto como recordo dunha persoa que vai un século xa facía un traballo que nós intentamos facer hoxe o mellor posible.



19/06/26

Final

Con esta viñeta de Marjane Satrapi, recentemente falecida, hoxe despedimos o curso; voltaremos de novo en setembro. 

MOITOS E MOI FELICES LIBROS!!

17/06/26

O nome das especias en galego


Pimienta, cilantro, albahaca… Cantas veces usaches a palabra en castelán sen saber cal era a forma galega?

O galego ten nomes propios para todas as especias e herbas aromáticas, moitas delas con formas que seguramente xa coñeces sen sabelo.

Nesta entrada de As Chaves da Lingua tes un repaso completo.

Alfábega

En castelán albahaca. Herba imprescindible na cociña mediterránea, especialmente no pesto e nas ensaladas con tomate.

Anís

Moi usado na repostaría e na elaboración de doces tradicionais galegos, como as rosquillas ou as orellas de Entroido.

Azafrán / Sasafrán

O galego admite as dúas formas: azafrán e sasafrán. A especia máis cara do mundo, obtida dos estigmas da flor do Crocus sativus, úsase para dar cor e sabor a arroces e guisos.

Canela

Cortiza aromática imprescindible na repostería galega, especialmente nas filloas e no arroz con leite.

Chile

Pemento pequeno e picante orixinario de México, usado para dar sabor a guisos e salsas.

Comiño

Semente aromática moi usada na cociña mediterránea e oriental, e presente nalgúns embutidos tradicionais.

Cúrcuma

Raíz de cor amarela intensa, cada vez máis presente na cociña galega pola súa incorporación desde a tradición asiática.

Estragón

Herba aromática moi usada na cociña francesa, especialmente en salsas e carnes.

Fiúncho / Fiollo

Planta moi abundante en Galicia cun cheiro semellante ao anís. Úsase como condimento, especialmente para cocer castañas. Ademais, é unha das herbas tradicionais do cacho de San Xoán e ten propiedades medicinais, especialmente dixestivas e diuréticas.

LOUREIRO/GAMALLO

As súas follas son imprescindibles en caldos, escabeches e cocidos galegos.

Mostaza

As súas follas son imprescindibles en caldos, escabeches e cocidos galegos.

Noz moscada

Especia de aroma intenso, moi usada en bechamel e en repostería.

Ourego

Herba imprescindible na cociña galega, presente en moitos pratos de carne, peixe ou embutidos, e tamén na pizza, onde é un dos condimentos máis usados.

Paprica

Especia orixinaria de Hungría que se obtén de diversas variedades de pemento seco e moído. Pode ser doce ou picante.

Pementa

Distínguense varios tipos: a pementa negra, que conserva a codia e é a máis usada na cociña; a pementa branca, privada de codia e de sabor máis suave; e a pementa verde, recollida antes de madurar.

Hai ademais variedades máis específicas, como a pementa de caiena, especia picante extraída de pementos do xénero Capsicum, tamén coñecida como caiena ou chile en po, e a pementa de caimán, unha especia de África Occidental elaborada coas sementes e vaíñas de especies do xénero Aframomum.

Pemento

O pimentón en castelán tradúcese como pemento en galego. Distinguimos entre pemento doce ou pemento picante. É o condimento estrela do polbo á feira.

Perexil / Pirixel

Herba fundamental na cociña galega, especialmente no peixe, no marisco e nas patacas.

Romeu

Herba aromática moi presente na cociña galega, usada especialmente en carnes asadas, cordeiro e coello. Tamén forma parte das herbas tradicionais do cacho de San Xoán.

Vainilla

Especia obtida dunha orquídea tropical, imprescindible na repostería.

Xenxibre

Raíz aromática de orixe asiática, cada vez máis presente na cociña galega contemporánea. Tamén se usa en medicina natural para aliviar as náuseas.

16/06/26

Bloomsday


O 16 de xuño de 1904, Leopold Bloom percorre as rúas de Dublín, atopándose con xente variada e describindo ata o último detalle o seu día. Isto é o que nos contaba James Joyce na súa novela "Ulises" en 1922 durante unhas 267000 palabras a un ritmo lento e de forma minuciosa, case exhaustiva.

(James Joyce e a súa obra)

En lembranza desta imaxinaria efeméride, ou non tan imaxinaria xa que a data parece ser un recordo do día no que coñeceu a súa futura esposa, cada 16 de xuño celébrase en Dublín o Bloomsday, no que moita xente se viste de época e emula as andanzas de Leopold Bloom e demais personaxes do libro deste premio Nobel de literatura. Hai roteiros que seguen coa exactitude do libro o percorrido de Bloom e incluso reproducen as comidas do protagonista.

Como curiosidade, podemos lembrar que hai lugares nos que se reproducen roteiros similares como poden ser Ourense con "A esmorga" de Blanco Amor, Madrid con "Luces de Bohemia" de Valle-Inclán ou incluso celebracións como o Día da Toalla en homenaxe á "Guía do autoestopista galáctico" de Douglas Adams.

12/06/26

Os dedos da man



 Estira a man e mira os cinco dedos. Cada un ten o seu nome formal, mais tamén o seu alcume popular, ese que usan as avoas para ensinárllelo aos netos mentres lles fan cóxegas. 

O galego, coma sempre, ten moito máis vocabulario do que pensamos, como nos explican desde  As Chaves da Lingua.

O polgar

O dedo gordo, o primeiro da man. O nome normativo é polgar, mais en rexistros máis coloquiais podemos denominalo matapiollos ou cachapiollos.

Curiosidade! De polgar vén a magnitude de lonxitude polgada. A polgada antiga galega equivalía a uns 2,33 cm, mentres que a inglesa, que é a que se usa hoxe para medir pantallas, equivale a uns 2,54 cm.

E xa que estamos, lembra que temos dez dedos nas mans e dez dedas nos pés. Dúas palabras diferentes para dúas partes do corpo distintas.

O índice

O dedo que usamos para sinalar, para preguntar ou para chamar a atención. O nome normativo é índice. En contextos máis familiares podemos denominalo mostreiro ou furabolos.

O maior

O dedo do centro, o máis longo de todos. O nome normativo é dedo maior. En rexistros coloquiais podemos empregar a forma pai de todos.

O anular

O cuarto dedo, o do anel. O nome normativo é anular. Tamén recibe os nomes de mediano ou medianiño.

O maimiño

O máis pequeno de todos. O dedo quinto denomínase en galego maimiño, belleco, mamiño, pequeniño ou moumiño.

Copla tradicional

Hai unha forma moi sinxela de aprender todos estes nomes de pequenos. Temos unha copla tradicional que di así:

Este é o dedo maimiño;
este é o seu padriño;
este é o maior de todos;
este outro é o furabolos
e este que vive só é o escachapiollos.

11/06/26

Mapamundi oficial do Goberno chinés

Sorprendente, non si? China aparece instalada no centro do mapamundi, certo. Pero non hai ningún erro; é só un punto de vista diferente do occidental.

10/06/26

Podcast "Lendas galegas" (e 2)

Nesta derradeira entrega dos podcast do Proxecto Competencial de 1º de ESO temos dous traballos máis, empezando por unha nova versión da historia de María Castaña, neste caso da man de Emma Valiña González e Xonxa Eiravella Foley:

(Escoitar AUDIO)

Tamén temos o episodio de "Historias lucenses" sobre María Castaña, con Zipi e Zape (que pode que sexan Enzo Paderne Vázquez e Alin-Constantin Gheorghe):

(Escoitar AUDIO)

E para rematar, a historia de Pepa a Loba, a cargo de Manuel Rodríguez Coedo, Icía Saornil Morandeira, Claudia García Valle e Nicolás Arias Manso:

(Escoitar AUDIO)

Unha vez máis, agradecer o traballo deste grupo de rapaces e a axuda da súa profesora, Belén López, na coordinación do proxecto.


09/06/26

Como se di poñer “en negrita” unha palabra? Formas de destaque en galego



 Cando redactas un documento en Word, un correo ou unha publicación e queres destacar unha palabra, probablemente pensas en poñela *en negrita, mais esa expresión non é galega.

 A nosa lingua ten os seus propios termos para todas as formas de destaque tipográfico. Vexámolos un por un neste artigo de As Chaves da Lingua.

Letra grosa

En galego, o que o castelán é negrita denomínase letra negra ou letra grosa. Son as letras de maior grosor que usamos para destacar palabras importantes nun texto.

As palabras principais do texto aparecen en letra grosa.
Pon o título en negra para que destaque.

Letra cursiva

Aquí o galego ten dúas formas igualmente correctas: cursiva itálica. Refírense á letra inclinada que se usa para títulos de obras, estranxeirismos, citas ou para dar énfase a algunha palabra.

Os exemplos deste dicionario están escritos en cursiva.
Escribiu a cita en itálica.

Subliñado

subliñado é a liña que aparece baixo o texto para chamar a atención sobre el. En galego fórmase de xeito transparente: sub– (baixo) + liña, igual que submarino ou subterráneo. Non hai escusa para dicir *subraiado.

Non abuses do subliñado. Perde efecto se aparece en demasiados lugares.

Versaleta

versaleta é un tipo de letra que ten a forma das maiúsculas pero o tamaño das minúsculas. Úsase moito na escrita dos números romanos, nas siglas ou para efectos estéticos en títulos.

Os títulos de cada capítulo están escritos en versaleta.

Subíndice e superíndice

subíndice é o texto de menor tamaño que aparece lixeiramente por baixo da liña de escritura normal, mentres que o superíndice é o que aparece por riba. Úsanse en fórmulas químicas, matemáticas, notas ao pé e abreviaturas.

Na fórmula da auga, o 2 vai en subíndice: H₂O.
As notas ao pé márcase cun número en superíndice.

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.