Estes 200.000 artigos publicados sitúan o galego como a 53ª lingua con máis entradas na Wikipedia, xusto despois de grego, croata e lituano e por diante do urdú, o azarí e o esloveno
O 8 de marzo de 2003 botaba a andar a Galipedia, a versión en galego da enciclopedia libre, a Wikipedia. Cinco días máis tarde publicábase a primeira entrada, dedicada á conxunción ou, como relatabamos en 2013 nesta reportaxe. A Galipedia está a celebrar neste 2023 o seu vixésimo aniversario, polo tanto. E nos últimos días acompañou esta conmemoración coa superación dun novo fito, ao chegar aos 200.000 artigos publicados (fíxoo cun artigo dedicado á diversidade biolóxica), unha cifra considerable e máis se temos en conta o carácter de lingua minorizada do galego, con menos de tres millóns de falantes.
Neste senso, estes 200.000 artigos publicados sitúan o galego como a 53ª lingua con máis entradas na Wikipedia, xusto despois de grego, croata e lituano e por diante do urdú, o azarí e o esloveno. Como referencia, o castelán é o 8º idioma con máis artigos (1,9 millóns), o portugués é o 18º (1,1 millóns), o catalán é o 20º (737 mil) e o eúscaro é o 34º (422 mil), nunha listaxe encabezada polo inglés (6,7 millóns), o cebuabo falado en Filipinas (6,1 millóns), o alemán (2,8 millóns) e o sueco e o francés (2,5 millóns).
Parabéns á Galipedia! Se queres máis información, entra aquí.
Fonte: Praza Pública
Ningún comentario:
Publicar un comentario