Organizada polo Departamento de Música, realizamos unha visita ao obradoiro de instrumentos musicais Xaneco, en Outeiro de Rei, que leva desde 1990 elaborando instrumentos e dando a coñecer a percusión tradicional.
Arriba, unha vista do obradoiro: a ferramenta e a mesa de traballo.
O luthier mostrou ao grupo os diferentes instrumentos confeccionados no obradoiro. Arriba, o tamboril; abaixo, o pandeiro. Nos dous casos, as materias primas foron a madeira e mais a pel de cabuxa.
O mestre mostra a seguir unhas tarrañolas,
...varias clases de castañolas,
...as culleres, feitas á man a partir dunha soa peza de madeira,
...o charrasco, máis habitual no suroeste de Galicia,
...e por fin, o máis complexo, elaborado e rico de todos: unha preciosa zanfona.
Abaixo, vista da zanfona, herdeira do organistrum medieval: durante os séculos do esplendor lírico galego-portugués acompañou os trobadores e xograres nas cortes, antes de entrar ela mesma en decadencia e servir de acompañamento só aos cegos dos cantares.
Grazas ao mestre Santalices, a zanfona é hoxe un elemento indispensable da nosa música.
Unha parte do grupo posa para o blog antes da visita ao obradoiro de Xaneco. 
Ningún comentario:
Publicar un comentario