18/02/25

O Carrabouxo



Cantar para gañar galegofalantes, por Antón Santamarina

O Día das Letras Galegas de 2025 está dedicado ás cantareiras. Personificouse en seis mulleres, catro delas figuran no Cancioneiro de Dorothé Schubarth cun número elevado de cantigas, melodías e letras, como é o caso de Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda; ou o de Asunción Garrido e Manuela Lema, de Mens. A outra cantareira de Mens, Prudencia Garrido, non foi informante de Schubarth pero consérvanse dela documentos sonoros importantes. Igual ocorre con Eva Castiñeira, de Muxía.

Cando presentamos esta candidatura para dedicarlle un Día das Letras Galegas á lírica popular sabiamos que había por toda Galicia, e mesmo fóra, moitas máis candidatas posibles con méritos semellantes. Reducimos o número a esas poucas pero a nosa intención era que representasen a todas cantas mulleres cumpriron un papel parecido, moitas con nomes coñecidos e outras xa (ou aínda) anónimas. Todos os etnógrafos salientaron que as mulleres foron as principais transmisoras da lírica popular, pero non podemos esquecer que o fenómeno non é exclusivo delas e que nos cancioneiros tamén hai con frecuencia informantes homes. Todos eles, mulleres e homes, estean na nómina dos lembrados como dos omitidos (non esquecidos), serán protagonistas festexados nesta celebración.

Durante séculos a nosa literatura quedou reducida á oralidade. Quen repentizaba unha cantiga sabía que a súa fortuna ía depender de que uns poucos ou moitos a fixasen na memoria e a repetisen. Só ben andado o século XVIII comezan algúns eruditos a interesarse por transcribir estas mostras do folclore, interese que se incrementou moito no século XIX por toda Europa e que tivo un florecemento especial nas renaixenças ou rexurdimentos de comunidades subestatais con lingua propia. Ocorreu aquí en Galicia e a partir de 1745 comezamos a ter rexistradas por escrito recollas de cantigas, en xeral dispersas, cristalizadas en cancioneiros só a finais do s. XIX. As transcricións de melodías comezaron máis tarde co xurdimento de orfeóns urbanos. O primeiro, se non estou errado, o Orfeón Coruñés (1875) que dirixiu Pascual Veiga e o segundo, Aires da Terra en Pontevedra (1883), fundado por Perfecto Feijoo, seguidos máis tarde por outros. Nestes orfeóns transcribíanse a harmonizábanse melodías de cantigas.

O que veu despois xa é máis coñecido; o máis salientable é un cancioneiro promovido polo redondelán Casto Sampedro con melodías transcritas por el mesmo ou por un número moi importante de correspondentes (inédito cando el morreu en 1937), ou o que polos anos 1928-34 recollían, para o Centro de Estudios Históricos, Eduardo Torner e Jesús Bal, incompleto a causa da guerra civil e publicado en 1973.

Os que nos temos dedicado ó estudo da cultura material e inmaterial deste país sabemos por experiencia propia o que cambiou a nosa sociedade nestes últimos 80 anos. Cando polos anos 1960 ou 1970 recolliamos «palabras e cousas» podiamos preguntar a calquera polas partes do carro ou do muíño ou por oracións para levantar a paletilla ou curar os tirizós; hoxe xa non existen informantes (ou hai que buscalos cun candil). No referente ó cancioneiro, nos anos 80 aínda había moitos informantes con grandes repertorios, como é o caso das cantareiras que imos festexar no ano 2025; pero os informantes que quedan hoxe xa son escasos e o seu repertorio reducido.

Mais no caso do cancioneiro dáse un fenómeno contrario ó que acabamos de mencionar referente ás «palabras e cousas» que, en 50 anos, pasaron a ser arqueoloxía e só figurarán nos dicionarios e nos libros de etnografía, pois xa quedan poucos galegos que viran e saiban o que son o minle, o rangueiro ou o tentemozo dun carro. As cantigas seguen vivas aínda que cambiasen os escenarios; antes animaban fías ou segas ou mazas de liño ou os seráns e agora as mesmas cantigas son actualizadas nos repertorios dos infinitos grupos de tocadores e cantadores que inzan o país, algúns mesmo profesionais do canto. E cousa máis extraordinaria aínda (non sei se soñada algunha vez por Castelao ou por Risco): as músicas e letras desas cantareiras son materia de ensino nos conservatorios.

Moitos destes cantadores comezan de nenos nas tradescolas que hai na maioría das cidades e vilas do país. A celebración do Día das Letras Galegas de 2025 vai propiciar (iso agardamos na Real Academia) que as cantigas de Adolfina, Rosa, Eva, Prudencia, Asunción e Manuela e de moitas outras e outros sexan recuperadas dos cancioneiros e cantadas en medios e escenarios moi diversos; vai mesmo propiciar que se volvan escoitar as súas voces auténticas porque, en moitos casos, están gardadas en arquivos sonoros accesibles na rede (como é o gardado no Museo do Pobo Galego).

Este ano das Letras Galegas vai ser o da lírica popular e esperamos que teña unha repercusión moi importante; se é así servirá sen dúbida para axudar a fidelizar os galegofalantes coa súa lingua e tamén para enganchar na súa práctica e defensa a moitos galegos, especialmente mozos e nenos, que polas razóns que fose non a recibiron no ambiente familiar como primeira lingua. Nas cantigas populares hai xoias poéticas extraordinarias e hai ademais un galego enxebre e saboroso. Coa axuda das cantareiras homenaxeadas (que xa non están entre nós) e de tantos intérpretes que por Galicia adiante beben do seu legado, esperamos que no 2025 o Día das Letras Galegas empece o 1 de xaneiro e dure todo o ano, aínda que a festa maior sexa o 17 de maio.

Antón Santamarina, académico numerario

13/02/25

As chaves da lingua: 20 castelanismos na cociña que debes evitar

 Na nosa cociña, o galego debería ser tan esencial coma o aceite de oliva ou o sal. Porén, en moitas ocasións, esquecemos que as palabras que empregamos para describir os nosos pratos e utensilios non sempre son as correctas. Sen dármonos conta, abrimos a porta a castelanismos que pouco a pouco van desprazando termos galegos de noso.

Neste artigo, en colaboración con Media laranxa, imos facer unha viaxe pola cociña, revisando palabras que quizais utilizas a diario sen saberes que non son propias da nosa lingua.


Bogabante

Se ti tamén es desas persoas que fuches comer arroz con *bogabante a Rinlo, deberías saber que en galego, a palabra correcta é lumbrigante.

Calamar

Ese anaco de cefalópodo delicioso que tanto nos gusta preparar á grella ou en fritura non é *calamar, senón lura.

Cubo da basura

O recipiente onde botamos os refugallos da cociña é o caldeiro do lixo.

Cucharón

En galego, o utensilio coñecido en castelán como cucharón pode chamarse garfelo, garfela, cullerón, cazo ou culler, dependendo do contexto e do lugar. O garfelo ou garfela refírese a unha culler grande e fonda, cun mango longo, usada para servir alimentos sólidos ou líquidos, mentres que o cullerón, o cazo ou a culler son máis específicos e utilízanse para pratos como caldos, sopas ou cremas.

Fregadeiro

vertedoiro é esa pía imprescindible na cociña onde fregamos a louza, limpamos os alimentos ou baleiramos os vasos de auga sen rematar. Así que, cando esteas fregando os pratos, lembra que non estás usando un *fregadeiro, senón un vertedoiro.

Encimeira

No mesado preparamos as nosas mellores receitas: picamos as verduras, amasamos o pan ou montamos sobremesas que fan historia. Así que a próxima vez que cociñes, lembra que non estás traballando nunha *encimeira, senón nun mesado.

Grasa

En galego, non falamos de *grasa, senón de graxa. Este termo úsase tanto para a graxa natural dos alimentos como para falar de aceites ou substancias similares. Cando cociñamos algo con moita graxa ou limpamos unha pota con restos dela, empregamos esta palabra.

Hornillo

Cando imos de cámping ou de pícnic e queremos preparar un café, levamos un fornelo.

Lavavaixelas

A máquina que fai o traballo sucio na cociña non é o *lavavaixelas, senón a lavalouza.

Loncha

En galego non cortamos en *lonchas, senón en liscostalladas ou rebandas, dependendo do que esteamos a falar. O xamón e outros embutidos córtanse en liscos, o queixo en talladas e o pan en rebandas, por exemplo.

Manzanilla

Cando non nos senta ben a comida, non hai nada mellor que unha boa macela ou camomila.

Molinillo

Cando tomes o primeiro grolo de café polas mañás lembra que o aparello para moer os grans de café chámase muíño.

Mordisco

En galego podemos dicir dentada, chantada, mordedela, mordedura, trabada, trabadela, trabadura ou trincada, mais nunca *mordisco.

Muslo

Cando vaias á carnicería ou queiras preparar unha receita que leve zancos de polo, lembra que en galego tempos múltiples formas para nomear esa parte das aves: coxacoxigóncoxoteperna e zanco.

Palomitas

As *palomitas son un clásico das tardes de cine, mais en galego o termo correcto é flocos de millo. Esta denominación describe perfectamente o proceso de inflado do millo, sen importar se o comes no cine ou na casa.

Postre

Ese momento doce que pecha unha boa comida é a sobremesa. Pode ser un anaco de torta, un flan, unhas mazás asadas ou mesmo un queixo con marmelo, o importante é que nunca falte.

Pulpo

Cocido no seu punto e aderezado con sal, pemento e un bo chorro de aceite de oliva, é un manxar que namora a quen o proba. Así que, se estás no mellor momento da ración, lembra que o que estás comendo é polbo. E dicilo ben é case tan importante como saber preparalo!

Sacacorchos

En galego, non empregamos un *sacacorchos, senón un sacarrollas. Este utensilio indispensable para abrir botellas de viño leva no nome a palabra rolla, que é o termo para o tapón de cortiza.

Servilleta

As *servilletas en galego son panos de mesa. Lembra que tamén se lle chama pano a un anaco de tecido que se emprega para limpar, por exemplo, a mesa ao rematar de comer. Tamén recibe o nome de mulidorodelarolla ou trapo.

De parecido xeito, un pano tamén pode servir para limpar o nariz ou a suor. Nese caso, ademais de pano, podemos denominalo pano da faldriqueira ou pano da man.

Tenedor

Por último, o noso querido garfo é o compañeiro inseparable do coitelo na mesa. En galego, o que en castelán se chama “tenedor” toma este nome tan sonoro e directo. Cun mango cómodo e unhas puntas ou dentes ben afiadas, o garfo é o rei á hora de pinchar o churrasco, recoller os espaguetes que nunca queren marchar do prato ou suxeitar ese anaco de tortilla mentres o cortas.

E ti, cantas destas palabras galegas utilizas na túa cociña? Comparte o artigo para que máis xente coñeza o sabor auténtico da nosa lingua!

Enlace coa páxina de As chaves da lingua

11/02/25

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

 



Este vídeo elaborado polo alumnado do IES Coruxo (Vigo) sobre a científica e oceanógrafa galega Ángeles Alvariño é un exemplo do traballo dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega no Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

(Malia a Xunta de Galicia non permitir que as diferentes áreas científicas se impartan en lingua galega, non o esquezamos).

Podes velo nesta ligazón


Aniversarios de Madiba

O 11 de febreiro de 1990, Nelson Mandela posto en liberdade despois de décadas preso por defender os dereitos das persoas negras na República Sudafricana.
O 9 de febreiro de 1994, convertíase no primeiro Presidente negro da África do Sul.

 

Petiscos

 

10/02/25

Antía Yáñez no IES Río Miño

 Vistounos o día 6 de febreiro Antía Yáñez para ofrecer senllas conferencias sobre dúas das súas obras, de lectura obrigatoria para o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato (Senlleiras, Galaxia), e de 2º ESO (Plan de rescate, Xerais).´Esta actividade estivo organizada polo Departamento de Lingua Galega e Literatura e o EDL do Centro.

Palabra que está ultimamente de moda

07/02/25

Visitaches algunha vez o castro de Viladonga?

Pode ser unha excelente idea para un fin de semana coa familia. 
Entrade aquí e programade a vosa visita.



O conxunto arqueolóxico e museístico de Viladonga ocupa todo o cumio dun monte desde o que se domina un amplo panorama sobre a Terra Chá lucense e as serras de Monciro e de Pradairo e a de Meira. Está situado no concello de Castro de Rei, provincia de Lugo, a 23 km ao nordeste da capital lucense.

A importancia arqueolóxica e o interese histórico do Castro de Viladonga púxose de relevo a raíz das escavacións iniciadas en 1971, tanto pola monumentalidade e diversidade das estruturas descubertas como pola cantidade e calidade dos materiais aparecidos. O xacemento é un exemplo de asentamento destacado, sobre todo entre os séculos II e V d.C., moi importante para o coñecemento, estudio e comprensión do mundo castrexo trala conquista romana. No castro continúan de forma periódica os traballos arqueolóxicos tanto de escavación como de limpeza e consolidación.

O Museo do Castro de Viladonga abriuse ó publico en novembro de 1986. Dedícase á interpretación e explicación do xacemento e á custodia e exposición dos materiais procedentes das sucesivas escavacións. Está situado entre as dúas últimas murallas do lado sueste do Castro, moi preto da súa croa.

(Da web do Museo)

06/02/25

Vídeo sobre a Torre de Caldaloba

 A Vicepresidencia da Deputación convida á proxección-coloquio do documental “Caldaloba” do alumnado do IES Río Miño de Rábade.


O audiovisual proxectarase este venres 7 de febreiro ás 20.00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos.

O  documental “Caldaloba” está realizado polo alumnado do IES Río Miño de Rábade - Laura Campo, Uxía Moreno, Vicenzo Fernández, Javier Hermida e Isara Longarela, apoiados polo profesor da materia de Tecnoloxías da Información e da Comunicación Marco López.

Tras a estrea en Cospeito o pasado mes de xaneiro, a área de Cultura promove esta nova proxección coa que se amplia a difusión do audiovisual e se recoñece o traballo das autoras, do centro e das persoas que colaboraron na súa produción e gravación.

O acto contará coas intervencións de Uxía Moreno, Ángel Lage, director do centro, e Xesús Pena e Ana Pena, responsables da  web Caldaloba, que recompila abundante material fotográfico e divulgativo sobre a fortaleza de Pino, en Cospeito.

As persoas asistentes á proxección, aberta e gratuíta, recibirán un exemplar da publicación  “A Torre de Caldaloba” de Fernán Álvarez, que recolle o relato do autor sobre a loita colectiva a prol da recuperación de Caldaloba impulsada polas Brigadas en Defensa do Patrimonio Chairego.

Latín

05/02/25

Cartas ao Director


 



Manuel Antonio (12 de xullo de 1900 - 28 de xaneiro de 1930)

Manuel Antonio, neno, con súa nai

 Fomos ficando sós

o Mar o barco e mais nós.

Roubaron-nos o Sol
O paquebote esmaltado
que cosía con liñas de fume
áxiles cadros sin marco

Roubaron-nos o vento
Aquel veleiro que se evadeu
pol-a corda floxa d' o horizonte

Este oucéano desatracóu d'as costas
e os ventos d' a Roseta
ourentaron-se ao esquenzo
As nosas soedades
veñen de lonxe
como as horas d' o reloxe
Pero tamén sabemos a maniobra
d' os navíos que fondean
a sotavento d' unha singladura
N-o cuadrante estantío d'as estrelas
ficou parada esta hora:
O cadavre d'o Mar
fixo d'o barco un cadaleito

Fume de pipaSaudade
NoiteSilenzoFrío
E ficamos nós sós
Sin o Mar e sin o barco

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.