10/10/23

Premios de normalización lingüística


Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca os quintos Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego, coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.

Estes premios naceron en 2019 co fin de recoñecer e difundir o bo traballo que se desenvolve no ámbito da normalización lingüística, favorecer que sexa un labor máis apreciado e comprendido socialmente e compilar accións, proxectos e campañas que poidan servir de modelo ou ser inspiradoras para novas accións. Nas catro edicións anteriores foron premiados vinte e catro proxectos de normalización da lingua.

Poden optar a estes premios todas as accións, campañas, programas e proxectos que teñan como obxectivo principal fomentar a lingua e incrementar o seu uso e/ou prestixio e que foran desenvolvidos total ou parcialmente en 2020, 2021, 2022 ou 2023.

Non se admiten proxectos sen executar nin se premiarán traxectorias de institucións, senón campañas desenvolvidas nalgún/s dos anos indicados. Tampouco se poden presentar aos V Premios Mil Primaveras (2023) proxectos recoñecidos nas edicións anteriores.

Nesta quinta edición recoñecerase un máximo de catro accións, campañas, programas ou proxectossen establecer ningunha xerarquía entre os premios que se outorguen.

Presentación de candidaturas e prazo

A inscrición nos Premios Mil Primaveras é voluntaria e deberán realizala as persoas ou entidades responsables dos proxectos, accións, campañas ou programas de normalización da lingua, pois só elas poden describir de forma detallada os aspectos técnicos da súa planificación, xestión, execución e avaliación.

inscrición de proxectos farase a través do formulario da pestana Inscricións, que inclúe unha serie de datos obrigatorios: os básicos de identificación do proxecto e da persoa ou entidade responsable, un resumo, unha fotografía de portada e un documento en .pdf para describir en detalle o proxecto. Este documento debe incluír polo menos as seguintes epígrafes:

  • Obxectivos xerais e específicos
  • Persoas destinatarias
  • Temporalización
  • Necesidades e recursos
  • Accións, medidas e actuacións concretas
  • Avaliación

Opcionalmente poden engadirse materiais que sirvan para completar e exemplificar a descrición técnica: máis fotos, ligazóns a vídeos e a arquivos de son e outro tipo de enlaces.

Non hai límite no número de candidaturas que pode presentar cada entidade ou persoa, sempre que cumpran as bases.

prazo de inscrición está aberto do 2 de outubro de 2023 ao 31 de xaneiro de 2024.

Máis información, bases e formulario de inscrición no web milprimaveras.gal

Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.