É o momento de publicar o relato de Jessica Regueiro, alumna de 4º curso de ESO, que obtivo o segundo premio no Certame de Relatos convocado polo Equipo de Normalización Lingüística.
Corría o ano 1956 cando ocorreu a historia que agora vos vou contar...-os netos de Xoán estaban moi atentos á historia que o seu avó lles estaba a contar-.
Todos na aldea lle tiñan un gran aprezo a Uxío, o home máis vello do lugar. Creo que ata estaría no certo se dixese o home máis vello de todo o concello. Tiña cento nove anos. Si, como o oídes, cento nove anos...e non vos vaiades pensar que estaba todo cheo de enrugas, esbrancuxado... para nada, estaba fresco como unha rosa!
Aparentemente ata tiña mellor aspecto ca min, e mirade que eu aínda non son maior, que apenas teño os cincuenta.
Pois iso, como vos ía contando, que estaba moi ben, non se lle sabía de enfermidade ningunha; tampouco é que el o dixera, pois éravos un home moi reservado. Un home de poucas palabras. Soamente falaba se lle ían falar e para iso dicía o xusto. Iso si, era un home moi directo. Todo o que se lle pasaba pola cabeza, así cho soltaba.
Moitas veces víanse rapaces, así coma vós, por diante da súa casa. Ían alí preguntarlle cousas para algún traballo da escola. Pois debedes saber que Uxío era un home moi sabio... coitado... foise para a tumba con tantos segredos... dóeme moito falarvos del, era un bo home pero hai cousas que nunca se poderán explicar... xa me fun polas ramas, por onde ía? Si, si, é verdade, ía dicindo que era moi sabio, vivira moitas historias na súa propia pel, guerras, fames, enfermidades... fora un home moi traballador, nacera no seo dunha familia moi pobre e, co tempo, acabou sendo moi importante e sempre se fixo respectar.
Sempre estaba só, nunca se lle coñeceu nin muller nin fillos nin nada... A partir dun día deixou de falarse coa xente, non saía á rúa nin para dar o seu paseo diario. Tiña as fiestras pechadas, as persianas baixas...aínda que algunha vez se lle vía subir un pouco a persiana e espreitar o que ocorría na rúa pola fiestra.
Contan que un día de noite se oían berros e ruídos como se estivesen a escachar con todo. Dende ese día non se volveu saber nada máis del, nin sequera o volveron ver espreitar pola fiestra.
Centos de rumores se empezaron a estender por toda a aldea. O único tema de conversación que había era “a estraña desaparición de Uxío Novoa, o centenario da aldea”.
Á semana seguinte non se vían naquela rúa máis que policías, xente aglomerada... Todos intentaban saber algo. A xente metíase polo medio de todo, empurrábanse uns ós outros...aquilo parecía unha casa de tolos, filliños.
Todos estaban preocupados, notábase a tensión no ambiente. Había temor na mente da xente... e, por se fose pouco, esta situación durou alomenos tres días.
O 27 de xuño de 1956 enterraron a Uxío Novoa. O cemiterio estaba cheo, a pesar do mal tempo que estaba a facer. A todo o mundo lle estrañou que estivese a chover daquela maneira en pleno verán.
As malas linguas aínda hoxe din que Uxío estaba tirado no chan do salón cos ollos cheos de sangue. Din que este se volveu tolo! Din que toleou, por iso tiña todo tirado polo chan. Aínda os hai que afirman con toda seguridade, e ata poñen a man no lume que a Uxío se lle meteu o demo no corpo por algún erro que tivo no pasado.
Pero quen sabe! iso non hai forma de xustificalo... os vellos sómosche o demo, e a algúns gústalles moito saber e falar da vida dos demais.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Compromisos
Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario