28/10/09

Proxecto Lector de Centro

Por fin, rematamos o noso Proxecto Lector de Centro. Nel basearanse os Plans Anuais de Lectura dos próximos cursos.

Se todo sae ben, conseguiremos do noso alumnado que sexan lectores/as competentes

Que é un lector/a competente?
- Unha persoa que comprende o que le, que sabe facer xuizos críticos sobre as súas lecturas e que sabe buscar información eficazmente en fontes fiables de todo tipo.



27/10/09

Participamos nas Xornadas

Como en anos anteriores, tamén este a Biblioteca do IES de Rábade asistiu ás Xornadas das Bibliotecas Escolares que se celebraron en Santiago a fin de semana pasada.
Pero nesta ocasión dunha maneira moi especial, e é que a organización invitou a Lupe Enríquez, a coordinadora da nosa Biblioteca, a participar nunha mesa redonda con outras compañeiras responsables de bibliotecas escolares para contar a nosa experiencia na "Hora de Ler", que por segundo ano consecutivo funciona no noso Centro.
Para deixar constancia, e para que as difrutedes, a seguir ofrecémosvos algunhas fotos.



25/10/09

Música na rúa

En calquera momento, en calquera lugar, calquera cousa pode servir como instrumento e un transeúnte calquera como intérprete. A música sempre é un agasallo para os ouvidos (e para a vista).
Eis a demostración do que afirmamos.


23/10/09

Astérix e Obélix, medio século entre nós


Poderemos ler unha das nosas frases favoritas, por primeira vez ao mesmo tempo, nas catro linguas de España:


Están tolos estes romanos!

Burutik daude erromatar hauek!

¡Están locos estos romanos!

Són bojos, aquests romans!


...e é que vén de publicarse o último álbum de Astérix e Obélix (o 34 ou Libro de Ouro de Astérix e Obélix) que moi pronto teremos xunto aos outros da colección na Nosa Biblioteca.

22/10/09

Entrevista? Non, grazas

Queridos nenos e nenas:
O vídeo que veredes a seguir debería ser unha entrevista televisiva que un xornalista experimentado realiza a alguén que é noticia (en concreto o profesor Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística); sen embargo, e como podedes comprobar, o xornalista deixa de lado a súa obxectividade para discutir (cando non reprender ou abroncar) as opinións do seu invitado nunha televisión pública.
Colgamos este vídeo lamentable no noso blog para que todos aprendamos que cousas non se deben facer nunha entrevista, como non se debe tratar un entrevistado, que tipo de comportamentos e actitudes non son corteses nin educadas entre persoas, até que punto a grosería e a intolerancia nos repugnan.




21/10/09

Comedia bífida II

A seguir, algunhas fotos da representación (certamente de non moi boa calidade) que nos fixeron chegar os espectadores:



Comedia bífida


O martes ás 12 da mañá, os alumnos e alumnas de 1º e 2º de Bacharelato do noso centro acudiron ao Auditorio de Vilalba para asistir á representación da obra Comedia bífida, de Manuel Nuñez Singala, obra que expón a actitude dos galegos en relación coa súa propia lingua mediante a alegoría do Xuízo Final: San Pedro xulga os defuntos galegos conforme a lingua que usaron en vida, deixando ao descuberto as posturas diglósicas.
A actividade estivo organizada polo Departamento de Lingua e Literatura Galegas e o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do Instituto, en colaboración coa Editorial Galaxia.

20/10/09

Unha novela de Herta Müller

Para sorpresa de case todos (como adoito sucede coa concesión dos Premios Nobel), este ano a galardoada no de Literatura foi a escritora romeno-alemá Herta Müller, nacida en 1953.
Na Nosa Biblioteca temos unha das súas obras máis coñecidas, O home é un faisán no mundo, título que, segundo lemos na contraportada, fai referencia a un refrán romeno que traslada a imaxe da torpeza do faisán, impedido de voar verdadeiramente, á torpeza e desgracia do home.
Unha familia da Romanía do ditador Ceaucescu que desexa recuperar as súas orixes emigrando a Alemaña vive na incertidume de se algún día dará conseguido o pasaporte que lles permita, e acaba comprendendo que a única saída vai ser a fuxida.
A novela organízase en cadros breves que constitúen o mosaico da vida, abafante e dura, nunha aldea romena.

14/10/09

A noite sobre Rapa-Nui


Había tempo que non colgabamos no blogue da Nosa Biblioteca unha fotografía do espazo.
Esta á que vos asomamos representa o ceo nocturno sobre a illa de Páscoa; máis perto, o contorno dun moai, unha desas misteriosas estatuas erguidas hai cinco séculos como testemuño dunha misteriosa civilización desaparecida; ao lonxe, a Gran Nube de Magalhães, en que refulxen Canopo e Sirio.

13/10/09

A imaxinación, fóra da UCI

Hai tempo que sabiamos da existencia destas fotos sorprendentes. Forman parte dunha campaña de lectura para mozos e mozas da Literacy Foundation, unha institución do Quebec para a alfabetización e o fomento da lectura.
Os cartaces son directos e conteñen un pé de foto rotundo: Cando un neno non le, a imaxinación desaparece.



12/10/09

Don de linguas

O pasado 5 de outubro, Henrique Alvarellos publicou no Xornal de Galicia o seguinte artigo, titulado "Don de linguas", sobre o ficticio, espúreo e interesado problema da lingua galega, e sobre aqueles que se autoproclaman bilingües e perseguidos por unha máis que paciente e tolerante comunidade galego-falante.
Implicados como estamos na defensa da nosa lingua, consideramos de máximo interese seguir facéndovos chegar documentos coma este.

É sabido que en Galicia hai un colectivo que domina máis dunha lingua, esa é a masa (ás veces tan “silandeira”) de galegofalantes. Non existe galegofalante que non saiba, polo menos, outra lingua, e os máis capaces aínda lle dan a unha terceira ou cuarta. O único colectivo “mono” en termos lingüísticos é o castelán-militante. Precisamente é ese colectivo o que sempre se anda a proclamar bilingüe. Oh, paradoxo!.

Algúns dos bilingües e/ou multilingües de verdade, non de mentira, reuníronse o sábado pasado no salón de actos da Facultade de Filoloxía, en Santiago de Compostela, para constituír a plataforma Prolingua. Alí estabamos algo máis de 300 persoas. Prolingua nosa e, tras ela, “pro” todas as linguas. Porque, insisto, non hai bilingüe ou multilingüe real que non sexa, en Galicia, galegofalante. E un pregúntase: É que somos nós os únicos con don de linguas? Que lles pasa aos que rexeitan unha ou máis linguas? Son incapaces? Os monolingües castelán-militantes din que os seus fillos non entenden Matemáticas en galego. Que cousa máis rara! Son nenos menos espabilados?. Pensamos que non. Son seus pais os limitados?

Prolingua conta xa con máis de mil inscritos. Mil asinantes que van do propio ao universal sen rexeitar nada. Que queren “ser” no mundo desde Galicia e en galego. E aos que lles doen moito –como a calquera persoa de ben– as mentiras. O escritor Xabier Docampo, principal impulsor e animador de Prolingua, dixo na presentación da plataforma que “nós non contamos mentiras”. Algo tan sinxelo coma isto para defender o dereito a vivir en galego: dicir a verdade. Que a gusto se vai pola vida cando un non constrúe falsedades. E que “bipolar”, que raro, se debe de sentir un deses falsos bilingües, que perdido e limitado ao se mirar no espello a soas sen máscaras.

Tamén había xente do PPdeG o sábado. en Filoloxía. Rafael Cuíña (si, fillo do falecido Xosé Cuíña), cualificou de “obscena” a actitude esa dos monolingües que andan todo o día a falar de bilingüismos. Porque a defensa da lingua non sabe (non pode saber) de partidos mais si de políticas. De políticas honestas coa nosa historia e co noso futuro.

08/10/09

O San Froilán de antes

Cómpre ter en conta que as festas do San Froilán non sempre foron como as coñecemos, nin se celebraban onde se celebran hoxe, nin as casetas e barracas se pareceron sempre ás que agora veñen. Propoñémosche unha viaxe no tempo, con axuda de vellas fotos procedentes do arquivo do Concello de Lugo.

07/10/09

Misterios romanos

Acabamos de recibir na Nosa Biblioteca catro novas entregas de Misterios Romanos, a serie de misterio de Caroline Lawrence ambientada na Roma Imperial.
Son Ladrones en el Foro, Asesinos en Roma, Las sirenas de Sorrento e El auriga de Delfos. Todas elas moi recomendables para os amantes do misterio e as aventuras de detectives, que ademais aprenderán como era a vida no século I da nosa era en Roma.

Esperamos ter pronto a colección completa; se queres, podes entrar na web da serie.

06/10/09

XV Certame Trapero Pardo

O Concello de Lugo convoca o XV certame de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo entre os alumnos da provincia, con 2 categorías: de 12 a 14 anos, e de 15 a 18, respectivamente, podéndose presentar un máximo de 3 traballos, dos que só un poderá resultar premiado.
Os contos serán inéditos e en galego, de tema libre e extensión non superior a 10 páxinas; presentaranse por triplicado, escritos por unha soa cara, a máquina ou a man con letra lexible.
Os traballos enviaranse á Concellería de Educación. Centro Social Uxío Novoneyra 3º andar; R/Quiroga Ballesteros, 1 (27001) LUGO, nun sobre sen remite e baixo lema, indicando no sobre que é para o certame; nun sobre cerrado á parte baixo o memo lema indicarase o nome do autor/a, enderezo, idade, teléfono e centro onde estuda.
O prazo de presentación remata o 20 de novembro de 2008.
Concederanse 3 premios por categoría, dotados con diploma, lote de libros, medalla e premio valorado en 200, 100 e 60 (para 12 a 14 anos), e de 250, 150 e 100 € (para 15 a 18 anos) respectivamente. O fallo do xurado será no mes de decembro.
Para dúbidas ou pedir as bases podedes dirixirvos á Concellería de Educación por teléfono (982.297.497) ou correo educacion@concellodelugo.org

05/10/09

Culturgal

Recibimos isto por correo electrónico. Lédeo, a ver que vos parece:

Como sabedes, o ano pasado levouse a cabo na Coruña o Culturgal (a Feira das Industrias Culturais de Galiza), organizada pola Consellería de Cultura.
Este ano, a Xunta decidiu que non se vai celebrar argumentando motivos orzamentarios. Hai un grupo de xente relacionada coa Cultura que quere que este ano SI haxa Culturgal, a pesar da falta de apoio dos actuais responsables da Consellería, e para iso crearon un blogue onde intentarán organizalo coa participación da cidadanía e da xente da Cultura.
O seu enderezo é
http://queremoscultura.blogaliza.org/consulta.
Apúntate, pode ser de voluntario para facer algún traballo, ou só para manifestar a túa adhesión. A idea é sacar un listado amplo de xente que apoia a Feira.
Faino circular todo o que poidas.

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.