30/10/12

Máis artísticas

Este é un vídeo colaborativo do grupo Masartísticas, en defensa da presenza deste tipo de  ensinanzas no currículo. Invitámosvos a reflexionar sobre  o que aprendemos na clase de música, ademais dos contidos propios da materia. Posto que  "nada hai no intelecto que antes non pasara polos sentidos"  (Aristóteles), apoiar as artísticas nos contidos do ensino obrigatorio é dotar a escola das  ferramentas para o desenvolvemento harmónico da sensibilidade que, a fin de contas, fai dun individuo unha mellor persoa.





24/10/12

Sierra i Fabra, Premio Cervantes Chico

Jordi Sierra i Fabra foi galardoado co Premio Cervantes Chico polo conxunto de toda a súa obra e o compromiso cultural das Fundacións Jordi Sierra i Fabra en España e Colombia. A Asociación de Libreiros e Papeleiros, en colaboración co concello de Alcalá de Henares, ven organizando este evento desde 1992 para premiar a escritores senlleiros da literatura infantil e xuvenil.
Nado en Barcelona en 1947, foi fundador e director de diversas revistas xuvenís, tamén crítico e estudioso da música pop e dende  1977 adícase plenamente á literatura; faceta na que cultiva diversos xéneros, sendo un dos autores máis lidos polos xoves.

12/10/12

Cantigas de amigo

A agrupación coral Cantar delas, dirixida por Fernando G. Jácome,  transpórtanos ao século XIII cunha actuación no Museo Provincial, na que poderemos escoitar unha selección  de Cantigas de Santa María e de Cantigas de amigo
Cantar delas, dende o 2007, é unha das moitas agrupacións corais que poñen son ás xornadas culturais lucenses. Está composta soamente por mulleres e actuará acompañada polo grupo Tundal, integrado nesta ocasión por Antón Castro (zanfona, mandolina),  Manuel Darriba (acordeón), Pedro Lucas (frauta),  Miguel Díaz (clarinete, frautas), Xoán Fuertes (violín, oud, bouzouki) e Xosé Luís Ansemil (percusión).
Tundal é unha agrupación de música tradicional de nº de compoñentes non fixo, que interpreta, tanto vocal como instrumentalmente, cantares de cego, romances, cantigas e pezas para seren bailadas.
É un bo motivo para ir o domingo, día 13, ao Museo. Velaí o programa.

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.