19/05/08

O remate do fin

Comezamos hoxe a publicación dos textos premiados nos certames convocados polo Equipo de Normalización Lingüística do IES Río Miño de Rábade. O primeiro desta serie é o titulado O remate do fin, e está asinado por David Grande, de 1º de Bacharelato.

Creo que era martes, si, era martes 10 de Setembro do ano dous mil un, pasaron case sete anos, pero o asunto segue a quitarme o sono. É posible que ti que les non o creas ou penses que a cordura xa non xace en min, pero asegúroche que o que vou a contar é certo.

Eu tampouco cría no sobrenatural, de xeito que o meu sempre se caracterizou por ser un pensamento racional, sen grandes artificios de nivel espiritual, pero este suceso marcoume de tal forma que en min produciuse un cambio substancial e profundo deses que non teñen volta de folla, dos que unha vez realizados son irreversibles.

Creo que no fondo estaba seguro desde o principio aínda que en multitude de ocasións dubidei que o feito fora veraz porque o meu raciocinio non estaba aclimatado a esa clase de sobresaltos de carácter espiritual, pero eu sei que non me engano e se algo creo, algo é (disque son moi intuitivo), polo que sei que o que pasou sucedeu e por moito que intente negalo ou escondelo a aliñación de acontecementos predestinados dende ese momento, ou quizás previamente? terán lugar por orde cronolóxica antes ou despois. Asemede teño a seguridade do que estou a confesar debido a que dos catro terríbeis vaticinios que ese día coñecín tres xa sucederon e polo tanto aventuro que o último e peor de todos os agoiros se producirá, porque está marcado e ante eso non se pode loitar, será practicamente contra o único pero fronte a evidencia e a verdade non se pode combater e menos se ó que queres opor resistencia está relacionado con aquilo ó que todo ser humano teme e ó que toda persoa chega independentemente da súa posición social, idade, sexo, etnia, raza ou calquera outro elemento distintivo.

O xeito en que se me presentou esta realidade foi ademais estraña porque eu rara vez soño, ou polo menos non acostumo recordar o que Hipnos me adianta e en caso de recordalo teño unha lixeira idea distanciada e abstracta con escasos detalles. Pero esta vez foi diferente, foi unha visión gravada en min a fogo lento cunha nitidez asombrosa, como se en vez dun soño aquilo o estivese vivindo na miña propia pel e coa total atención dos meus sentidos.

Recordo que ese día deitárame tarde despois de cear cuns amigos no mesón “A teipa torta”, un restaurante das aforas da cidade, e xa alí tiña un presentimento, unha anticipación de que algo terríbel ía suceder. Ó chegar á casa eran as tres da mañá e non me tiña de pé porque é certo que bebera unha cantidade de viño por riba do límite ó que acostumo facelo e o día anterior non durmira moito debido a un traballo atrasado que me agardaba na oficina.

O caso é que mentres durmía sentín unha presenza, había algo ademais de min no meu cuarto, un ser, un espírito ou algo demoníaco e tenebroso que se escapaba á miña mente científica que quería ou buscaba algo. Eu era consciente disto, seino porque eu quixen espertar, pero unha forza superior facíame permanecer en tránsito entre o mundo dos soños e o da realidade. Penso que berrei, resistinme, loitei pero algo impedíame espertar e obrigábame a permanecer alí empurrándome contra a cama mentres choraba de impotencia imaxinando o que aquel elemento malvado e terríbel, que me estaba empezando a asustar, podía estar a facer.

De repente e sorprendentemente produciuse un acontecemento análogo ó anterior, unha forza externa comezou a tirar de min cara fóra da cama afundíndome no solo nunha especie de inframundo sinistro creando en min a sensación de estar a despoxarme do meu corpo converténdome nun ser espiritual alleo a este mundo terreal. Nese intre, espontaneamente vin unha luz vermella alaranxada antes de percibir un son agudo e punzante que xamais escoitara. Todo o demais sucedeu moi rápido, sentín unha dor de cabeza insoportable e perdín toda a miña enerxía e ganas de vivir sendo algo vulnerábel, case inexistente, antes de comezar a ver toda a miña vida por diante a velocidade ultrasónica.
Ata aquí sucedeu algo normal dentro da anormalidade xa que acontecementos semellantes foron vividos por outras persoas, ou polo menos estas denunciaron tal, chegándose a identificar a visión da túa vida en imaxes como unha reacción producida polo corpo previa á morte, pero o que verdadeiramente me asombrou foi que tras ver o momento da miña vida na que me deitaba esa mesma noite a sucesión de imaxes continuou ó longo dun tempo futuro que segundo os meus cálculos está a piques de esgotarse no que fun testemuña de catro acontecementos que sucederían tempo despois, antes de oír o teléfono, volver en min e aparecer na miña cama suando e co meu corazón palpitando a unha velocidade incalculable. Estes acontecementos non se me revelaron de forma literal polo que nese momento non coñecía o seu significado pero si intuín que era un mal agoiro cara o futuro.

Non fun capaz de conciliar o sono, para sermos sinceros nin o intentei, saín apresuradamente da miña habitación antes acolledora e nese momento inhóspita e lúgubre e dirixinme cara o salón acendendo tódalas luces ó meu paso, non sen antes prepararme unha bo tazón de tila para calmar os nervios que afloraban en min. Non sei canto tempo pasei alí sentado no sofá coa mirada perdida en dirección á televisión, que puxera para evadirme do meu problema, sen éxito ningún xa que non lle prestei a máis mínima atención, pero o que si aseguro é que nesa enésima parte da miña vida perdín unha boa porción dela e envellecín alomenos unha década pensando o que podían significar aquel soño; dúas árbores xigantescas partidas por un raio prexudicando a un numeroso grupo de formigas que saían e se unían a uns escaravellos e arañas que invadían todo o territorio visible, sendo atacados estes dous últimos por dous novos raios antes de aparecer unha gran diversidade de insectos que se devoraban ata non quedar ningún.

Despois dun tempo pensando tranquiliceime e cando xa estaba convencido de que o que presenciara sería o máis rutinario dos soños que se poden vivir sucedeu algo que falseou a miña teoría; non serían as nove da mañá cando un avance informativo de especial urxencia facíame saber que os edificios máis altos do mundo, como eran as “Torres Xemelgas” en Nova York, estaban a ser derrubadas polo secuestro dun avións estrelados contra elas por parte dunha famosa asociación de terroristas islámicos con milleiros de persoas mortas, e eso era o primeiro que vin no meu soño; as grandes árbores derrubadas con miles de formigas mortas e feridas e o
A caída das torres desencadeou unha serie de desequilibrios a nivel mundial que remataron no inicio da guerra de Iraq na que ós Estados Unidos se lle xuntaron o Reino Unido e España invadindo a zona e matando a unha gran cantidade de iraquís co fin de capturar a un dos líderes islámicos máis consagrados, o que encaixaba bastante ben coa idea de formigas, escaravellos e arañas invadindo o que atopaban ó paso.

Pasado isto eu empecei a entender o que se me indicou aquela noite e que todo ía camiño dun desastre final, do remate do fin, pero pese a todo eu resistíame a crelo e dicíame a min mesmo que o das torres e a guerra serían só unha mera coincidencia chegando a un punto no que poría a man no lume asegurándoo xa que o tempo pasaba e nada ocorría. Eran tempos prósperos, e a humanidade coma min recuperábase do golpe que supuxera o 11-S, nome que se lle adxudicou a data da caída das torres.

Pero novamente a miña intuición fallou e pasados dous anos e medio, os mesmos terroristas atentaron en Madrid na estación de trens provocando unha catástrofe de gran magnitude con centos de mortos precisamente o día anterior das eleccións xerais en España. Foi entón cando as miñas dúbidas se disiparon, e aínda máis cando pouco despois, outro atentado, esta vez no metro de Londres, provocaba unha centena de mortos e o mundo tremía. Isto encaixaba perfectamente co ataque dos raios ós escaravellos e arañas e instintivamente descifrei o significado da última porción do sono; o remate do fin que tanto temera estaba próximo.

O tempo pasou ata os nosos días e agora o noso mundo está a caer no cuarto e peor dos males, facilitado pola crise económica que se está a producir a nivel mundial, que desencadeará unha crispación interna e externa en todos os países, producindo enfrontamentos entre as persoas da mesma e diferentes nacións, xerando a temida terceira guerra mundial que se constituirá na máis sanguinolenta de todas as vistas, e producindo miles de millóns de mortos e a destrución da humanidade e do noso planeta. Nesta guerra non haberá líderes nin aliados, cada un loitará pola súa causa e o mundo será vítima do egoísmo e egocentrismo humano que serán os responsables da súa propia destrución e a de todo canto posúen ó antepoñer o ter ó ser.

Creo que debo deixar constancia disto que estou a dicir para que o mundo o coñeza e se quere cambie o remate do fin, quizás son o profeta destinado a salvar o mundo, e só desexo que me decatara a tempo da miña misión e que a humanidade teña salvación.

Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.