Amosando publicacións coa etiqueta refráns. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta refráns. Amosar todas as publicacións

10/04/26

Refráns de abril

Abril é un mes de contrastes: chove, sae o sol, arrefría, logo quenta… e mentres o tempo cambia de humor, a tradición popular lévanos acompañando séculos cun feixe de refráns que recollen a experiencia da terra e da xente que a traballa. En galego, coma noutras linguas, abril está cheo de ditos que falan do tempo, das colleitas, das esperanzas e dos medos.

Neste artigo de As Chaves da Lingua recóllense algúns dos refráns máis coñecidos sobre abril en galego.

Refráns sobre a predición do tempo

  • A auga de abril enche o carro e o carril.
  • Abril, augas mil, escoadas por un mandil.
  • Abril e maio son a chave de todo o ano.
  • Abril, se por mal quere vir, nin as portas deixa abrir.
  • Cando abril recacha, aínda a vella queima a racha.
  • Cando abril recacha, queima a vella a maza.
  • En abril cear sen candil.
  • En abril, chuvias ir e chuvias vir.
  • Marzo ventoso e abril chuvioso, sacan o maio florido e fermoso.

Refráns sobre a agricultura

  • Abril, pendoril; maio, engraio; san Xoán, segaio.
  • Abril que non chove deixa ao labrego pobre.
  • Abril quente e mollado, carga o carro e enche o gado.
  • Auga de abril e xiada de maio, herba para todo o ano.
  • Cando chove por San Xorxe, de cen cereixas quedan catorce.
  • Coida de podar en marzo, que o que poda en abril é ruín.

Refráns sobre animais

  • A ovella en Pascua florida está lustrosa e parida.
  • Abril frío e mollado, enche o celeiro e farta o gado.
  • Coas xarapadas de abril, mexa o porco no cubil.
  • Cóbregas en marzo, neves en abril.
  • En abril ronca o porco no cubil.
  • En abril sae o cuco do cubil.
  • Entre marzo e abril, se non ven o cuco quere vir o fin.

09/03/26

Marzo e os seus refráns


 O mes de marzo é un tempo de cambios: o inverno vai rematando e a primavera asoma. Na cultura popular galega, este mes está cheo de refráns meteorolóxicos e agrícolas que reflicten a incerteza do clima e a importancia deste período para os labregos.

Que nos din os ditos sobre marzo? Vexamos algúns dos refráns máis coñecidos neste traballo de As chaves da lingua.

Refráns de marzo

Refráns sobre a predición do tempo

  • Cando febreiro non febreirea, marzo marcea.
  • Cando marzo abrilea, abril marcea.
  • Cando marzo maiea, maio marcea.
  • Marzo marzola, trebón e raiola.
  • Marzo pardo, abril chuvioso e maio ventoso, fan o ano fermoso.
  • O sol de marzo queima as donas no seu pazo.

Refráns sobre animais

  • Chuvia en marzo, nin a mexadura dun gato.
  • Cobras en marzo, neve en abril.
  • En marzo, nin o rabo do gato mollado.
  • Entre marzo e abril o cuco ha de vir.
  • Marzo marzán, pola mañá cara de rosa e pola tarde cara de can.

Refráns sobre a agricultura

  • Quen en marzo non poda a súa viña, perde a vendima.
  • Se no marzo ves tronar, arromba cubas e lagar.
  • Vendima no regazo, aquel que poda en marzo.

Refráns sobre santos

  • Día de san Xosé, primeira anduriña se ve.
  • Polo san Matías, marzo ós cinco días.
  • Por san Reimundo a anduriña vén do outro mundo.

Os refráns galegos sobre marzo móstrannos a sabedoría dos nosos devanceiros, que aprendían do clima observando a natureza. Moitos destes ditos seguen vixentes hoxe en día, sobre todo no mundo rural.

10/02/26

Entroido: pasatempos, sopas de letras, refráns...

O Entroido xa está nas rúas! E ás veces na aula só fai falta poñer palabras ao que o alumnado xa ve e vive. Pidopapas.com ofrece unha serie de actividades descargables para docentes e alumnado sobre o Entroido galego (cigarróns, peliqueiros, boteiros, osos…) para traballalo con calma e sen complicacións.

Fai clic na imaxe, entra e descarga a actividade!


03/12/25

Refráns de decembro

Xa está aquí decembro e, polo tanto, é momento para lembrar algún refráns deste mes.

  • "Polo Nadal, frío cordial"
  • "Santo Tomé, agarra o cocho polo pé" (Santo Tomé, 21 de decembro)
  • "No nadal, inverno a fartar"
  • "Nadal e xaneiro fan o inverno enteiro"
  • "Tantos días de sol en Nadal como de auga en san Xoán"
  • "Nadal chuvioso, xaneiro ventoso"
  • "Nas oitavas de Nadal, quen aforra ben se val" (As oitavas son períodos de oito días asociados a unha festividade da Igrexa Católica)
  • "Se o Nadal nada, sinal de boa anada"
  • "Polo Nadal cada ovella ao seu curral"
  • "O que queira ter bo allal, pránteo no Nadal"
  • "Castañas en Nadal, saben ben e prestan mal"
  • "Pola Concepción ningunha galiña pón" (A Concepción de María, 8 de decembro)
  • "Friaxe no Nadal non fai mal"
  • "No Nadal, alegrote, alegrote, que hai viño na cuba e chourizos no pote"
  • "En decembro descansar e en xaneiro traballar"
  • "No mes de Nadal, a carón da lareira vaite sentar"

Aquí podemos observar referencias á vida cotiá na que o clima e os usos relativos á agricultura e a gandaría eran aspectos de gran importancia.

  • "Pola Santa Lucía mengua a noite e medra o día"
  • "Pola Santa Lucía medra o día a pisada dunha galiña"
  • "Santa Lucía o máis pequeno dos días"
Nestes tres refráns observamos unha referencia ao día de Santa Lucía (13 de decembro) como día máis curto do ano e inicio do aumento de horas de luz, o que vén sendo noutras palabras o solsticio de inverno. Isto pode darnos unha pista da antiguidade destes ditos, dado que hai case dez días de desfase co solsticio se situamos isto varios séculos atrás, teriamos que o noso 13 de decembro actual corresponde ao 23 de decembro de vai moito tempo, en concreto, a tempos nos que o calendario vixente era o xuliano e non o gregoriano.

E para rematar, a referencia clara a fin de ano:

  • "San Silvestre, meigas fóra"

11/11/25

Refráns galegos de novembro


 Novembro é o mes en que a natureza se recolle: as follas caen, as noites fanse longas e o frío comeza a facer presenza de verdade. O mundo rural galego tiña ben marcadas estas datas no calendario e, por iso, xurdiron tantos refráns que falan da choiva, da matanza, das colleitas que rematan e do inverno que se achega.

Neste artigo As chaves da Lingua recolle algúns refráns galegos de novembro que nos amosan como a lingua e a sabedoría popular se entrelazan co paso das estacións.


Refráns galegos de novembro

Refráns sobre a predición do tempo

  • Ata san Martiño, pan e viño. De san Martiño adiante, fame e frío.
  • Cando Santos acaba, o inverno empeza.
  • De Santos a Nadal é o inverno natural.
  • Desde Santos a Nadal é inverno caroal.
  • O verán de san Martiño dura mentres o can lambe o fuciño.
  • Polo san Martiño, trompos ao camiño.
  • Polo san Martiño, trompos ao camiño, e polo santo Amaro, trompos ao tellado.
  • Por Santos, nevan os campos.

Refráns sobre a agricultura

  • Castañas, noces e viño fan a ledicia de san Martiño.
  • Despois de san Martiño, deixa a auga e bebe o viño.
  • Horta de san Martiño mantén ao dono e mais o veciño.
  • O que queira ter bo alliño, que o semente polo san Martiño.
  • San Xoán garda a chave do pan, san Martiño a do viño e santo Andrés a do porquiño.

Refráns sobre animais

  • A cada porco lle chega o seu san Martiño.
  • No mes dos mortos mata os teus porcos.
  • Non hai cocho bo nin ruín que non lle chegue o seu Sanmartín.

Refráns sobre santos

  • Bendito mes, que empeza con Santos e acaba con santo Andrés.
  • San Simón proba o viño e o porco san Martiño.
  • San Xoán come pan e santo Andresiño touciño.

Sabías que novembro tamén recibe os nomes de san Martiño e santos?

En Galicia, é habitual chamarlle aos memes polos costumes ou polas festividades que se conmemoran neles. Se queres coñecer o nome dos outros meses, bótalle unha ollada ao seguinte artigo:

O nome dos meses en galego que, se cadra, non sabías.

17/10/25

Mes de Outubro: os seus refráns

Outubro chega co arrecendo da terra mollada, coas primeiras noites frías e cos ourizos das castañas espallados polos soutos. É un mes de transición, o verán xa quedou atrás e o inverno comeza a asomar. A xente do rural miraba ao ceo e ás colleitas para marcar o ritmo da vida e desa observación naceron refráns que aínda hoxe perduran.

Neste artigo os de As chaves da lingua recollemos algúns deses refráns galegos de outubro para descubrir que nos contan sobre o tempo, as colleitas e os costumes.

Refráns de outubro

  • A lúa de outubro a sete cubre e se chove, nove.
  • A verdura de san Simón dá para o amo e mais para o ladrón.
  • Áncoras ao fondo, que chega san Simón.
  • As avenidas de san Simón, antes ou despois sonadas son.
  • Polo Pilar, os nabos na terra e o viño a envasar.
  • Por san Quintín castañas ao rolín.
  • Por san Xudas e san Simón, collidas as uvas son.
  • Santiago manda o pan, san Migueliño manda o viño, san Francisco manda a landra e san Andrés o touciño.

10/09/25

Setembro!

 Estamos xa de volta e as clases comezaron de novo. Tamén a Biblioteca abrirá en breve as súas portas e recuperaremos a formación de usuarios, os préstamos, a Hora de Ler e as demais actividades lectoras. Este curso, ademais, o equipo da Biblioteca renovarase a fondo con persoas novas e novas ideas.

E para irmos comezando, se vos parece, podemos facelo cunha escolla de refráns sobre este mes que, como tantas veces, agradecemos a Orgullo Galego. Aí vos van:


20/06/25

Refráns galegos de xuño

 O mes de xuño marca a entrada do verán, coa súa luz longa, os campos en flor e as festas tradicionais como o San Xoán. A cultura galega recolle esta época do ano nun feixe de refráns que agochan consellos, observacións sobre o tempo e a natureza, e un fondo coñecemento transmitido de xeración en xeración. Neste artigo de As chaves da lingua recompilan algúns dos refráns máis coñecidos de xuño para seguir aprendendo e gozando da riqueza da nosa lingua.

Refráns sobre a predición do tempo

  • As tormentas por san Xoán tollen o viño e levan o pan.
  • En maio, a vella aínda queima o tallo e unha miguiña que lle quedou, para san Xoán a deixou.
  • Maio treboado e san Xoán claro fan un ano temperado.
  • Tantos días de sol en Nadal como de auga en san Xoán.

Refráns sobre a agricultura

  • San Xoán garda a chave do pan, san Martiño a do viño e san Andrés a do porquiño.
  • Se queres comer patacas por san Xoán, seméntaas cando o pan.
  • Se san Xoan chora, a silveira non dá moras.

Refráns sobre animais

  • Polo san Antón, a galiña xa pon.
  • Polo san Pedro abre o rego.
  • Por san Xoán a sardiña molla o pan.

Refráns sobre santos

  • A auga de san Xoán tolle o viño e non dá pan.
  • Dazasete de xaneiro, san Antonio verdadeiro; día trece de san Xoán, san Antonio mentirán.
  • De san Xoan a san Pedro, cinco días van no medio.
  • San Xoán trae o inferno e san Andrés o inverno.

11/06/25

13 paxaros para descubrir esta primavera

 Coa chegada da nova estación é unha gozada escoitar os paxariños ao amencer. Por iso mesmo As chaves da lingua, a seguir,  nos fala dalgunhas das aves máis frecuentes na nosa terra acompañadas de cantares e refráns que amosan a súa presenza na cultura popular galega.

Xílgaro

Nome: (Carduelis carduelis) barroso, picacardos, pintasilgo, pintaxilgo ou xílgaro

Canta tu, gorxa de xílgaro,
que a do merlo xa cantou;
o cantar é alegría,
eu sempre a cantar estou.

Pardal

Nome: (Passer domesticus) gorrión ou pardal

Por riba dunha cerdeira
estaba un pardal cantando
e mofábase de min
por ire por ti chorando.

Refráns:

  • Cada pardal co seu igual.
  • Por medo ós gorrións, non quedan sen sementar os leirós.

Bubela

Nome: (Upupa epops) bubela, galo merdeiro, galo merdento ou galo merdoso

Refráns:

  • Cando canta a bubela, amaña todo para a sega.
  • Cando oias a bubela, deixa os bois e colle a gavela.
  • Se en marzo non canta o cuco, nin en abril a bubela e a ruliña non rulea, mala colleita se espera.
  • Se por San Xosé a bubela non vén, catala morta ou algo ten.

Anduriña

Nome: (Hirundo rustica) andoriña ou anduriña

Refráns:

  • Amigo polo seu proveito, andoriñas no teito.
  • Andoriña a rente da auga, choiva na cama.
  • Andoriña que alta voa non teme que chova.
  • Andoriña que voa a rentes da terra, chuvia venta.
  • Anduriñas arrentes da auga, chuvia na praia.

Cegoña

Nome: (Ciconia ciconia) cegoña

Refráns:

  • Día de San Paio, a cegoña nos prados.
  • O día de San Xoán saen os cegoniños a voar.
  • Por San Paio, cegoniños nos agros.
  • Por San Xoán pitos de cegoña a revoar.

Corvo

Nome: (Corvus corax) corvo

Din que a reina está sentada
que ten a barriga dura:
vai traer para Maio
un corvo e mais unha rula!

Refráns:

  • Cando o corvo canta e o carballo zoa, Virxe Nosa Señora, case sabe a broa!
  • Cando o corvo corvea, o lobo rodea.
  • Corvos en bandada, ou sombra ou preada.
  • Corvos veñen, preada hai.

Cuco

Nome: (Cuculus canorus) cuco

Catro aves voadoras
son as que pasan o mar:
a anduriña e mailo cuco;
a rula i o paspallás.

Refráns:

  • Coa chegada do cuco vén o pan ó suco.
  • En abril sae o cuco do cubil.
  • Entre marzo e abril o cuco ha de vir.

Paporrubio

Nome: (Erithacus rubecula) paparrubio, paparruxa, paporroi, paporroibo, paporroxo, paporrubio, peizoque, paifoco ou pisco.

O pisco e maila carriza
trataron unha beillada,
cando o pisco daba voltas
a carriza punteaba.

Di a tradición que cando chegaba o inverno e as neves cubrían o Cebreiro, as avoas ao ver un paporroibo dicíanlles aos cativos: “estes paxariños veñen visitarnos para lembrarnos que por moi cativo que sexas, se levas o lume ben acendido no corazón, non hai frío que te conxele”.

Pega

Nome: (Pica pica) pega, pega rabuda ou pega rabilonga

Canta a rula, canta a rula,
canta no niño da pega:
non sei se será sinal
de que vén a morte negra.

Refráns:

  • Onde a pega ten o ollo, alí ten o seu ovo.
  • Quen anda ás pegas atópaas brancas e negras.
  • Tanto pica a pega no trobisco, que creba o pico.

Carrizo

Nome: (Troglodytes troglodytes) carriza, carrizo, garrizo, pitorrei ou tinque.

Sei dun niño de carrizo
no cañoto dun repolo,
déronme as mozas con il,
levaron cañoto e todo.

Teño un niño de carrizo
metidiño nunha xesta,
se as nenas me dan con el
Ai, meu Deus!, que teñen festa.

Curuxa

Nome: (Tyto alba) curuxa

Canta a curuxa no souto:
coitadiño do que espera
polo que está nas maus doutro!

Refráns:

  • Auga noitega, curuxa tardega.
  • Curuxa noiteira, malladores á eira.
  • Curuxa tardega, auga noitega.

Miñato

Nome: (Buteo buteo) bexato, bouxato, buxato, buxarelo, bouxarelo, miñato, lamego ou lamote.

Refráns:

  • Mal anda o miñato cando ten as ás rotas e o papo sano.
  • O miñato ponse fraco vendo os paxaros e cobizándoos.

Lavandeira

Nome: (Motacilla alba) albardeira, alindadora, costureira, labradora, lavandeira, lavandisca, pastoriña, paxariña da neve ou rebandoira.

28/04/25

Refráns de abril

 Abril é un mes de contrastes: chove, sae o sol, arrefría, logo quenta… e mentres o tempo cambia de humor, a tradición popular lévanos acompañando séculos cun feixe de refráns que recollen a experiencia da terra e da xente que a traballa. En galego, coma noutras linguas, abril está cheo de ditos que falan do tempo, das colleitas, das esperanzas e dos medos.

Neste artigo de As chaves da lingua recóllense algúns dos refráns máis coñecidos sobre abril en galego.


Refráns sobre a predición do tempo

  • A auga de abril enche o carro e o carril.
  • Abril, augas mil, escoadas por un mandil.
  • Abril e maio son a chave de todo o ano.
  • Abril, se por mal quere vir, nin as portas deixa abrir.
  • Cando abril recacha, aínda a vella queima a racha.
  • Cando abril recacha, queima a vella a maza.
  • En abril cear sen candil.
  • En abril, chuvias ir e chuvias vir.
  • Marzo ventoso e abril chuvioso, sacan o maio florido e fermoso.

Refráns sobre a agricultura

  • Abril, pendoril; maio, engraio; san Xoán, segaio.
  • Abril que non chove deixa ao labrego pobre.
  • Abril quente e mollado, carga o carro e enche o gado.
  • Auga de abril e xiada de maio, herba para todo o ano.
  • Cando chove por San Xorxe, de cen cereixas quedan catorce.
  • Coida de podar en marzo, que o que poda en abril é ruín.

Refráns sobre animais

  • A ovella en Pascua florida está lustrosa e parida.
  • Abril frío e mollado, enche o celeiro e farta o gado.
  • Coas xarapadas de abril, mexa o porco no cubil.
  • Cóbregas en marzo, neves en abril.
  • En abril ronca o porco no cubil.
  • En abril sae o cuco do cubil.
  • Entre marzo e abril, se non ven o cuco quere vir o fin.

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.