31/05/09

Día sen tabaco




Hoxe celebramos o Día Mundial sen Tabaco. Como non tiñamos claro que imaxe podía ser a que te convencese para deixalo se fumas, ou para sigas sen fumar se aínda non empezaches, poñémosche un feixe delas de diferentes países pero coa mesma intención; todas son duras, é certo, pero as consecuencias do tabaquismo tamén o son.
Escolle o teu motivo.
Ademais, a seguir colgamos un par de vídeos dunha campaña portuguesa de hai anos que non perdeu actualidade, e que moi explicitamente declara: feio é fumar; tu não comeces.

30/05/09

Por un bo uso da Rede

A Rede é unha poderosa ferramenta de traballo para todos: rápida, próxima, barata, interactiva, con infinitas posibilidades; pero ás veces, como sucede con todas as ferramentas, o uso indebido que facemos dela pode poñernos en perigo. Como é mellor previr que lamentar, ofrecemos a pais e mais principalmente, pero non só, o seguinte DECÁLOGO sobre o bo uso de Internet:

1. Elaborade un código de uso de Internet que marque os tempos que toda a familia pasa diante do ordenador. Cómpre situalo nunha zona de uso común e á vista de todos; o equipo nunca debe estar na habitación dos rapaces, xa que poderían conectarse de noite ou sen permiso, expóndose a situacións de risco sen que haxa ningún adulto presente.

2. Compartide cos nenos tempo e información, gozade da Rede xuntos, animádeos a compartir o que saben e aprenden en Internet, fomentade a comunicación e o diálogo. Ensinádelles a confiar na súa intuición e a que informen aos adultos de canto os faga sentir incómodos ou ofenda.

3. Fomentade o espírito crítico ante a Rede; explicade aos rapaces que a diferenza entre o que está ben e o que está mal se aplica tamén en Internet e ensinádelles a trataren con cortesía e respecto as outras persoas cando están conectados, asegurándovos de que entenden que as regras de bo comportamento non cambian por estarmos diante dun ordenador.

4. Advertide aos rapaces que non faciliten datos persoais (idade, enderezo, teléfono, etc) a través de Internet, salvo nas compras e xestións con entidades de confianza, e nese caso coa supervisión dos pais. Se chatean, usan mensaxería, xogos en liña ou actividades en Internet que requiran nome de usuario, axudádelles a elixir un que non desvele información persoal.

5. Falade con outros pais e mais, e tamén cos profesores dos vosos fillos: compartide experiencias, contidos e enderezos de interese, medidas de seguridade, marcade procedementos e estratexias comúns, etc.

6. Recomendade aos vosos fillos, que nunca intenten coñecer en persoa os amigos que coñecen en liña: eses amigos virtuais poden en realidade non ser quen din que son e poñelos en perigo.

7. Axudádelles a que organicen o tempo libre como organizan o tempo de traballo, e a que comprendan que o ordenador, os fotologs e chats, e os videoxogos non poden substituír nunca as relacións con outras persoas (amigos, familia, compañeiros de aula...)

8. Podedes controlar a actividade en liña dos vosos fillos se son menores de idade cun software avanzado que filtre contidos daniños, supervisar os sitios que visitan e saber que fan neles, como o Chat Controller 1.1.0 e o Keyghost USB Keylogger. Non esquezas que a protección dos fillos é o principal exercicio da patria potestade; pero tamén que esta debe ser responsable e sosegada, e que coa maioría de idade os fillos adquiren a totalidade de dereitos e obrigas que marcan as leis.

9. Tede coidado cos correos electrónicos e arquivos adxuntos de orixe descoñecida. Non abrades as mensaxes sospeitosas, o que é unha boa forma de protexer o equipo. Borrade sen abrilo o spam ou correo-lixo, e nunca o reenviedes; sería perfecto que ao reenviar calquera mensaxe borrásedes as listas de destinatarios anteriores: así contribuímos a preservar a intimidade deles e a eliminar o spam, reducindo o número de enderezos electrónicos en circulación.

10. Lembrade que se descubrides indicios de actividades ilegais podedes avisar ao Grupo de Delictos Telemáticos da Garda Civil; se son páxinas que atentan contra os dereitos dos menores, acudide aos portais http://www.protegeles.com/, http://www.noalapornografiainfantil.com/ e http://www.asociacion-acpi.org/, que ofrecen un sistema de denuncias on-line.

E por último lembrade: como calquera ferramenta, Internet é útil se sabemos empregala correctamente.

28/05/09

Achega ao debate sobre o galego desde o CERN

No xornal electrónico Vieiros lemos que, en pleno do debate sobre a normalización lingüística aberto na nosa terra nos últimos meses, nove destacados investigadores galegos do prestixioso Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN), dan un significativo paso adiante na defensa do noso idioma facendo público o seguinte manifesto, no que recalcan que, contra a opinión dalgúns, é perfectamente válido para a investigación científica e a transmisión de coñecementos.

Eis o manifesto completo:

Unha achega ao debate sobre o galego desde o CERN

Somos un conxunto de físicos e enxeñeiros galegos vencellados ao
Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra, a día de hoxe uns dos laboratorios científicos máis importantes do mundo. Desde a distancia, levamos meses asistindo ao debate que se está a xerar sobre a posición que debe ocupar a lingua galega no noso sistema educativo. Esta cuestión está a provocar unha confrontación continua de posturas e opinións que se estende a distintos ámbitos da nosa sociedade. Se ben consideramos este debate lexítimo tamén coidamos que as posturas deben ser mantidas e defendidas desde a máis absoluta rigorosidade, a mesma pola que nós estamos rexidos nas nosas actividades científicas. E vémonos na obriga de intervir cando determinados argumentos que non seguen esta máxima aparecen por parte de persoas cunha opinión que non se restrinxe ao ámbito privado.

En declaracións ao “Faro de Vigo”, o voceiro da “Confederación das Asociacións de Pais de Alumnos de Colexios Concertados” (Congapa), José Ramón Hermida, dicía: “Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder”. Ben, for desde a ignorancia, for intencionadamente, declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. Nun entorno no que temos a sorte de traballar con algúns dos mellores físicos e enxeñeiros do mundo, o galego está, modestamente a través de nós, presente como vehículo de comunicación científica. E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero é necesario que se saiba que tampouco o é o castelán. A lingua franca da ciencia desde hai moitos anos é o inglés, e desde logo se algunha lle discutíu no pasado tal condición esa non foi o castelán.

O noso obxectivo con esta carta é simplemente evitar que se empreguen argumentos falsos (ou falseados) na discusión dun tema tan delicado e importante coma este. E tamén reivindicar o galego como lingua que nos identifica sen excluírnos estando como estamos lonxe da casa.

No
CERN en Xenebra, a 26 de Maio de 2009.

Xabier Cid Vidal, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Patricia Conde Muíño, Doutora en Física de Partículas, Investigadora do LIP (Laboratório de Física e Instrumentação de Física de Partículas) - Lisboa (Portugal), experimento Atlas.
Daniel Esperante Pereira, Enxeñeiro de Telecomunicacións e estudante de Doutoramento na USC, experimento LHCb.
Teresa Fonseca Martín, Doutora en Física de Partículas, investigadora asociada da Royal Holloway University - Londres (Reino Unido), experimento Atlas.
Abraham Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, investigador Ramón y Cajal na USC, experimento LHCb.
Manuel Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, antigo staff do CERN no departamento de Física Experimental.
Marcos Mariño Beiras, Doutor en Física de Partículas, Catedrático de Física Matemática na Universidade de Xenebra (Suíza).
Diego Martínez Santos, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Cibrán Santamarina Ríos, Doutor en Física de Partículas, investigador asociado na McGill University - Montreal (Canadá), experimento Atlas.

27/05/09

Notas de corte


Se tes interese, para orientarte ou por simple curiosidade, agora que xa están as PAAU á vista, poderás consultar a oferta pública de prazas e tamén as notas de corte das diferentes universidades españolas, entrando no seguinte enlace do Ministerio de Ciencia e Innovación, ou ben na revista Entre estudiantes.

26/05/09

Consumo e consumidores

Cantas veces non teremos ouvido que coa comida non se xoga? Miles, probablemente, e esta non vai ser a primeira vez que incumpramos esa norma. Só queremos presentarche unha serie de familias escollidas por todo o mundo, que nos mostrarán o que gastan e o que necesitan para se alimentaren durante unha semana.
Logo haberá quen diga que o aumento dos prezos dos cereais foi provocado polos indios ou os chineses, ou que os países subdesenvolvidos farán fracasar os acordos de Kyoto sobre o cambio climático.
Non podemos poñer a fonte, porque lamentablemente non a coñecemos; pero o interese do que vas ver a seguir animounos a publicalo igualmente. Empezamos, pois:


ALEMAÑA: Familia Melander. 2 adultos e 2 adolescentes.
Gasto semanal en comida: 375'39 €.


E.E.U.U.: Familia Revis, de Carolina do Norte. 2 adultos e 2 adolescentes.
Gasto semanal: 341'98 €.


XAPÓN: Familia Ukita, de Kodaira. 2 adultos e 2 adolescentes.
Gasto semanal:317'25 €.



ITALIA: Familia Manzo, de Sicilia: 2 adultos e 3 cativos.
Gasto semanal: 214'36 €.



MÉXICO: Familia Casales, de Cuernavaca. 2 adultos e 3 cativos.
Gasto semanal: 189'09 €.



POLONIA: Familia Sobczynscy, de Konstancin: 4 adultos, 1 moza, 1 can.
Gasto semanal: 151'27 €
.


EXIPTO: Familia Ahmed, do Cairo: 7 adultos e 5 nenos.
Gasto semanal: 68'53 €.



ECUADOR: Familia Ayme, de Tingo: 4 adultos e 5 rapaces.
Gasto semanal: 31'55 €.


BUTÁN: Familia Namgay, de Shingkhey: 7 adultos e 6 cativos.
Gasto semanal: 5'03 €.



CHAD: Familia Aboubakar, de Breidjing Camp: 3 adultos e 3 nenos.
Gasto semanal: 1'23 €.

Couso


Esta viñeta, que foi publicada onte, está adicada a Xosé Couso, reporteiro de guerra galego que perdeu a vida en estrañas circunstancias mentres cubría a invasión de Irak; inexplicablemente, os soldados americanos dispararon contra el, causándolle a morte.

25/05/09

Canarias Timelapse

Un amigo fíxonos chegar o avance do documental Canarias Timelapse, de KROMA CANARIAS e LASAL, patrocinado polo Goberno de Canarias, os Cabidos de Tenerife, Fuerteventura e Gran Canaria, e a participación da Televisión Pública de Canarias.
A película mostra as sete illas canarias desde a perspectiva do tempo rápido e lento, ao longo de todo un ano; foi gravada integramente en alta definición, cámaras fotográficas de 35mm, técnicas de gravación a intervalos e overcranking.
A estrea, na televisión autonómica de Canarias o próximo 30 de Maio, ás 11'30.


Dirección: Luis García de Armas
Produción: Antonio de Nascimento
Música: Antonio Hernández
Cámara: Humberto Mesa

23/05/09

Galaxias, nebulosas e outras cousas belas


Esta galaxia chámase do Muíño por razóns obvias e está moi perto de nós, tan só a 27 millóns de anos luz, o que nos permite vela con detalle. É tan grande que a súa gravidade pode distorsionar as pequenas galaxias veciñas.


Tamén é obvio por que esta galaxia da constelación Coma Berenices, a NGC 4565, é coñecida como Galaxia da Agulla. Está a uns 30 millóns de anos luz de distancia, e mide outros 100.000 anos luz de diámetro. No seu núcleo predomina a luz amarelenta das vellas estrelas.



Unha imaxe do cúmulo globular Omega Centauri, o máis brillante e grande da Vía Láctea.


Eis a nebulosa Sharpless 2-188: a súa estrela central está a 850 anos luz de nós e móvese a 125 kilómetros por segundo; o arco brillante e os filamentos indican a dirección do movemento da estrela, menos brillante canto máis distantes dela, e son consecuencia da rápida viaxe da estrela central a través do espazo. Estas estruturas favorecen a mestura de material interestelar e a formación de estrelas.

22/05/09

Luz Paramio

Un destes días, a profesora do IES Río Cabe de Monforte e responsable da súa Biblioteca escolar e de varios blogs indispensables, Luz Paramio, veu ao noso Centro dentro das actividades de formación de usuarios e formadores que organiza a nosa Biblioteca.
A súa disertación sobre "Ler, Comprender e Aprender" non defraudou os asistentes. Todos estamos de acordo en que boa parte das causas do traído e levado fracaso escolar radican na falta de comprensión lectora dos alumnos e na súa incapacidade para buscar información.
Cómpre cambiar esta situación antes de se converter en endémica, e transformar as bibliotecas escolares na fonte de recursos que profesores, alumnos e familias necesitan.
Pero para iso fan falta estratexias, traballo e fe, moita fe.
Que alguén coa experiencia, o ben facer, o interese e a amenidade de Luz Paramio veña compartir connosco o que sabe é, máis que un luxo, todo un pracer.

21/05/09

Enquisa III: Que libro regalarían ou recomendarían

A terceira pregunta que se lles fixo foi o libro que recomendarían ou regalarían a alguén. Entre eles destacan os libros de ficción e aventuras: Un mundo sin fin(Ken Follet), Memorias de Idhúm(Laura Gallego), La catedral del mar (Idelfonso Falcones), e El club de las malas madres (Lucía Etxeberría).
A esmorga de Blanco Amor é un daqueles en que coinciden varios enquisados; outros, sobre todo novelas, Cumbres borrascosas, El guardián entre el centeno, El Quijote, La colmena ou Heart of Darkness.
A algúns profesores tamén lles gustan os libros de historia: Sinuhé el Egipcio; outros regalarían algúns de poesía, intimidade e amor, entre eles La sombra del viento, las poesías completas, de Antonio Machado, Cuentos para pensar (de Bucay), o Livro do Desassossego, de Pessoa, e Seda de Alessandro Baricco.
Hai diarios entre os recomendados, como o de Darwin, e dentro dos máis recomendados pola xente nova están as novelas negras e con asasinatos: Crime e castigo, de Dostoievski, Gomorra (Saviano), Los hombres que no amaban a las mujeres e La chica que soñaba con una cerilla y un bidón de gasolina, de Larsson, que trata dunha escura historia de prostitutas provenientes dos países do leste.
Outros profesores tamén nos recomendaron as novelas de Isabel Allende, e don Manuel (o de Relixión): Comprender y amar la naturaleza, de Víctor Fernández Obradors.


Aquí está, tirando e tirando do fío, o vídeo dos de Tropa de Trapo cos nosos alumnos e alumnas de 4ºESO, nunha das actividades programadas polo ENDL na Semana das Letras Galegas. Eles pasárono ben; seguro que a vós tamén vos parece interesante.

Dous vídeos



E dous vídeos propios que, desde a nosa Biblioteca, están colgados na Rede: vede o ambiente da Praza da Quintana en Santiago o pasado domingo, unha vez concluída a manifestación en defensa do noso idioma.


O oso

Ninguén dixo nunca que a loita pola vida e a supervivencia fose fácil. Algunhas veces, mesmo hai que se enfrontar a inimigos inesperados, en clara superioridade, e coa sorte en contra.
Se non queres sufrir, por favor non mires este vídeo.

20/05/09

A tropa de trapo


Un dos actos programados polo ENDL do noso Centro para os alumnos de 4º de ESO foi a actuación do grupo A tropa de trapo. Dous actores representaron oralmente diversos contos: el, contos tradicionais de Galicia e ambientados nos comezos do século pasado, na época da emigración a América; e ela, contos da cultura árabe que o actor acompañaba tocando en diferentes momentos un laúde marroquí e unha viola portuguesa, coma a dos fados.



Na seguinte hora, o alumnado foi repartido en dúas aulas e cada un deles levou a cabo actividades interactivas co grupo: contar historias pasando de man en man un nobelo de fío foi unha delas, como mostran as fotos.



O acto foi agradable, ameno e moi entretido, e aos rapaces resultoulles atractivo e novidoso.

Enquisa II: Os libros máis odiados

Despois de que preguntásemos aos profesores do Centro sobre os libros que menos lles gustaron, a verdade é que as súas respostas foron sorprendentes. Todo isto surxiu tan de repente que houbo profesores que non deron contestado ao momento, pero todos acabaron contestando. Foi divertido ver as caras que poñían os profesores.
Quizais unha das respostas que máis graza nos fixo sobre o libro que menos gustou foi a de Antonio del Valle, que dixo a guía telefónica, non sabemos por que. Outro apartado que cómpre destacar é que houbo coincidencia en que os libros que menos gustaron foron novelas, entre elas A historia interminable de Michael Ende, unha novela de fantasia. Outra é Harmonia celestial de Esterhary Peter, dividida en tres partes. La Colmena de Cela e La Regenta, novela psicolóxica de Clarín.
Máis libros que non gustaron: Tristan Shandy de Laurence Sterne, El misterio de la isla de Toklan de Juan Manuel Gisbert. El Quijote de Cervantes (un dos máis citados pola maioría dos profesores), El juego del Ángel e La sombra del viento as dúas de Ruíz Zafón. Tampouco teñen moitos seguidores El árbol de la ciencia de Pío Baroja, El mundo perdido de Arthur Conan Doyle, El mundo de Sofía de Jostein Gaarder, Las puertas templarias de Javier Sierra ou Todos somos vascos de José Maria Iparraguirre.

Enquisa de lectura I: Os preferidos


Os alumnos/as de 4ªPDC realizaron unha enquisa sobre os libros que máis gustaron, os máis importantes, os que non gustaron aos profesores do I.E.S. RIO MIÑO.
E tamén sobre os libros que recomendarían ou regalarían.
A clase dividiuse en grupos, e a cada grupo tocoulle un determinado número de profesores, polo que tamén pedimos desculpas aos profesores que non foron enquisados.

EXPOSICIÓN

A primeira pregunta que se lles fixo aos profesores foi: cales foron os libros máis importantes que leron ao longo da súa vida? Entre eles caben destacar os seguintes resultados.

O xénero máis lido é a novela, con algúns best sellers modernos como por exemplo: La sombra del viento de Ruíz Zafón, La catedral del mar, e Los pilares de la tierra, de Follet; ademais de obras de literatura xuvenil como: La historia interminable. Outros libros son clásicos antigos ou libros modernos españois: Pequeñas infamias de Carmen Posadas; Rimas y leyendas, de Bécquer; El Quijote; Intramundi de Carlos Reigosa; La regenta, de Clarín; El árbol de la ciencia, de Pío Baroja; ou Mazurca para dos muertos do Nobel Camilo José Cela. Tamén hai algún libro estranxeiro, como Seda. Dalgúns libros fixeronse adaptacións cinematográficas, como por exemplo Sinuhé el egipcio.
Hai profesores aos que lles gusta a poesía, porque nos sinalaron os sonetos de Góngora e as Rimas y leyendas, de Bécquer. Entre outros libros citados atópase o Diario de Darwin.
Algúns dos relatos preferidos polos profesores nin siquera están escritos; Lupe recomendou os contos da infancia. Outros profesores parecen ter gustos algo peculiares, como Antonio del Valle, que nos dixo a Guía de teléfono.

19/05/09

Texto da semana

TENEMOS dos ojos
porque
no sabemos ver.
Tenemos dos manos
porque
nada logramos aferrar.
Tenemos dos piernas
porque
no nos sostenemos.
Tenemos una boca
para errar.
De rodillas en el suelo,
una mano cerrando
los labios,
la otra velando
los ojos:
es la forma de comenzar
.



Texto: Héctor Murena
Imagen: Marcel Duchamp

18/05/09

En defensa da lingua


Varios miles de persoas (até 50.000, segundo os organizadores) reclamaron en Santiago de Compostela onte domingo, Día das Letras Galegas que non se recúe na normalización lingüística do país e na defensa da nosa lingua. As fotos son elocuentes: a monumental Quintana compostelá encheuse dúas veces, a dicir dos que nela estiveron a pesar da choiva.
Así, pois, os galegos falaron ben claro en defensa da súa lingua.

Na morte de Benedetti

(Cando morre un poeta o mundo parece un pouco máis vacío)


Traxe tradicional galego



As letras, a música, a danza, son diferentes expresións dunha cultura.
Con todo iso ten que ver o enlace que nos achegan os compañeiros do CEIP de Frián-Teis, de Vigo, no que se detallan aspectos moi interesantes do traxe tradicional galego.
Non o perdades!




16/05/09

Día dos Museos

Esta fin de semana non só celebramos o Día das Letras Galegas ou o Día da Internet; tamén se celebra en todo o mundo o Día Internacional dos Museos, con diversas e interesantes actividades como xornadas de portas abertas (e de balde), a Noite dos Museos, actuacións, obradoiros, etc.
Se queres consultar o que programaron os responsables do Museo Provincial só tes que facer clic neste enlace. Que o desfrutes.

15/05/09

Concerto

En días de tantas letras...


...non pode ir mal un pouco de música.

Obradoiro


Entre as actividades que programou o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do noso Centro, unha das máis novidosas e lúdica foi un obradoiro de escritura destinado aos alumnos e alumnas de 2º de ESO. Na imaxe, un momento da actividade.

14/05/09

Censura?


Non queremos crer que no portal da Xunta cambiaran o texto de enriba polo moito máis neutro de embaixo, tal vez por as alusións á lingua galega do primeiro seren incómodas. Pero, como recollen varios blogs amigos, o certo é que os textos foron cambiados.


13/05/09

Correlingua 2009


Como estaba previsto, o noso Instituto escoitou a chamada do Correlingua e o pasado luns, 11 de maio, acudiu a reclamar polas rúas de Lugo a defensa e protección da nosa lingua xunto a outros 2000 rapaces e raparigas de 24 centros de ensino da comarca.


Os alumnos, de 1ºde ESO, algúns dos cales posaron para a posteridade na Praza de Santa María, foron acompañados polas profesoras Isabel Pardo e Inés Pérez. Aínda que a choiva ameazaba, os participantes percorreron o perímetro da muralla e por último, antes da lectura do manifesto en defensa do galego, gardaron un minuto de silencio en memoria das alumnas d'As Mercedes, falecidas a semana pasada en accidente de tráfico.

Liña do tempo de Ramón Piñeiro

Desde hai algúns días estamos a celebrar o Semana das Letras Galegas, que este ano como sabedes está adicado a Ramón Piñeiro, e que culminará o próximo domingo, 17 de Maio.
Hai algún tempo, os compañeiros d' O recanto de Mik elaboraron a excelente liña do tempo sobre a vida do homenaxeado que rescatamos do seu blog e aquí vos ofrecemos; este traballo titúlase Ramón Piñeiro: Unha vida a prol da cultura, e podes acceder á información e explorar os vínculos con só facer clic sobre eles. Proba e verás.





O Carrabouxo e o bilingüísmo


12/05/09

Jean

Co relato Jean, de Alejandro Vilar López, de 4ºA, merecedor do primeiro premio na súa categoría do Concurso de Relatos 2009, concluímos a publicación dos catro relatos galardoados este ano coa satisfacción de termos entre nós catro narradores cheos de futuro. Parabéns aos catro.
(As ilustracións do texto son, naturalmente, de Van Gogh)

Levo xa uns anos traballando no psiquiátrico e sempre sentín un gran interese por Jean e a súa historia. Hoxe decídome a contárvola para que sexades vós os que a xulguedes.
Eu son Laura, unha das doutoras do hospital psiquiátrico local. Levo cinco anos traballando nel (entrei no 2004) e Jean foi o meu primeiro paciente. Hoxe segue aquí ingresado polo que deron en calificar de "demencia". Jean é (ou di ser) francés, nado no 1760, e un dos heroes da Revolución Francesa.
A pesar dos centos de tratamentos que se lle aplicaron, a súa identidade real é aínda descoñecida, polo que para nós segue a ser Jean, o "heroe revolucionario".
Foi traído ao psiquiátrico despois de que provocase un alvoroto tremendo no parque, a golpe de espada, ferindo un par de axentes que o intentaron deter. Eu atopeime con el nada máis chegar ao hospital, e aínda recordo as súas palabras de benvida:

-Bonjour, mademoiselle! É vostede a nova doutora? Eu son Jean, e veño de moi lonxe, pero iso é outro conto que parece que aquí ninguén cre.

Realmente aquel home non era o prototipo de interno que eu esperaba. Parecía estar completamente san, o único indicio da súa enfermidade era o seu empeño en falar da Francia de finais do XVIII e da Revolución. Fíxenlle as preguntas de rigor e o único que puiden sacar en limpo era que aquel home detestaba estar naquel lugar encerrado. Dicía algo como que "non viñera dende o século XVIII só para estar encerrado nunha pequena habitación". El quería ver o mundo do século XXI.

Aquel día terminei a miña xornada de traballo ás oito e media da tarde, xa noite pecha naquel frío inverno. Estaba saíndo do hospital cando me informaron da fuxida dun dos internos, que, como non podía ser doutro xeito, era Jean. Empezaba con bo pé... Xa non era a miña función axudar na súa busca, así que simplemente collín as miñas cousas e saín á rúa.

Non levaba nin un minuto andando cando, nunha das pequenas rúas da cidade, vin un home ataviado cunha capa e un sombreiro discutindo cun policía. Acerqueime pouco a pouco e puiden comprobar que o policía estaba á beira dun ataque de nervios, discutindo con aquel home que se limitaba a dicir catro tonterías nun francés que o outro non comprendía.

-Perdoe señor, este é o meu tío que acaba de chegar de París -dixen eu nada máis cheguei ao seu lado-. Veña, Jean, marchemos.

O policía deixounos ir sen demasiado problema, non sen antes recordarme que debía ter máis coidado co meu "tío".

-Que clase de representante das forzas da lei era ese home? -preguntou Jean-. Non me dera tempo a dicir nada e xa me estaba ameazando con levarme detido!

-Tranquilo, ao final non pasou nada. Veña, volvamos ao hospital.

-Non! Non! Antes morto, mademoiselle! Eu non volvo a ese cárcere!

-Pero Jean, é a miña obriga levalo de volta. Non pode estar aquí.

-Internos deberían estar eses policías tolos... Por favor, déixeme só dúas horas. Logo prométolle que volverei con vostede.

Ao final accedín. No fondo sentía pena por el. Non era alguén que necesitase estar interno no psiquiátrico. Incluso no dos policías tiña razón. Nos últimos anos o número de policías aumentara de xeito espeluznante, ata o punto de que non podías facer nada sen un policía observándote.
Así que, durante dúas horas, convertinme na compañeira dun fuxitivo, e debo dicir que foi o mellor que fixen en moito tempo.
Ao saír daquela pequena rúa (baixo a atenta mirada do axente de policía), atopámonos diante do hospital de saúde local, e o que vimos foi aterrador. Dunha ambulancia baixaba un home tumbado nunha camilla empurrada por un médico. Na entrada esperaban dous axentes, que preguntaron ao médico o nome do paciente. Comprobaron as listas e dixeron:

-Non pagou o seguro o pasado ano. Ao pavillón externo!

-Estoulle dicindo quem ou o atendemos no quirófano do interior, ou este home morre aquí mesmo -contestou o médico.

-Sen seguro non hai entrada ao hospital.

Jean saíu disparado cara aos axentes.

-Deixen entrar este home! Fagan caso ao médico, asasinos!

-Leve este home de aquí agora mesmo ou van pasar os dous a noite na comisaría -díxome un dos axentes.

Collín a Jean e leveino de alí. Seguimos o noso camiño pola rúa principal, e el non parou en todo o tempo de blasfemar contra os axentes. Aos nosos lados sucedíanse os edificios abandonados e de vez en cando algún que outro restaurante de comida rápida. En todos os portais había un ou dous indixentes. Non pedían cartos, non pedían comida. Simplemente estaban alí, sentados ou durmindo.
-Que lle pasa? Por que está aí tirado? preguntoulle Jean a un.

-Eu vivía aí arriba, no terceiro -contestou o indixente-. Quitáronme a miña casa por non poder pagala. E agora estou aquí, como a maioría, sen casa, sen traballo. Sobrevivo malamente.
Jean quedou sorprendido do que lle estaba a ocorrer a aquel home, e quixo seguir alí, falando con el, pero eu recordeille que xa as dúas horas pasaran, e que debiamos volver ao hospital. Despedíuse do outro home e regresamos ao hospital falando da situación de todos aqueles homes e mulleres. Antes de entrar, díxome unha última cousa:

-Se o progreso é isto, se isto é o mellor que fostes quen de conseguir en tantos anos, é que non apreciades a loita dos que estiveron detrás de vós.

Ao entrar montouse un alvoroto tremendo, e eu fun obxecto de numerosas preguntas. El regresou á súa habitación e, ata o momento, non volveu saír dela. Seica chegou á conclusión de que o exterior era aínda peor que o interior.
Tolo? Probablemente. Pero non máis do normal.

Un axuste de contas

Tal é o título do relato co que Sandra Carballido Regueiro, de 4ºESO-A, conseguiu o 2º premio da súa categoría no Concurso de Relatos que o noso Instituto convocou para conmemorar a Semana das Letras Galegas, e que nós publicamos esperando que sexa do voso agrado.

Que o tempo pon a cada un no seu lugar, diso non me cabe dúbida.

-Estaba seguro de que tirarme daquel maldito acantilado non a a mellor solución ós meus problemas, pero si a máis fácil... que outra cousa podía facer?
Pero non o conseguín, nin sequera así: estaba vivo.
Atopáronme rápido e nin sequera tiveron que hospitalizarme, despois todo eran preguntas... pero as respostas? Eu sabía as respostas.
Dezasete anos, tres deles metido no mesmo... a droga. Inda non entendo como me deixei levar, como acabei así... e non falo do intento de suicidio.
Por suposto, as saídas dos venres non eran a mesmo sen meterme algo, sen ser o valente que se atrevía a todo. Valente, si, claro... covarde! Iso é o que son.
Pero, que tiña de malo aquilo? Só era diversión...
Só era diversión a ese 24 de xaneiro. Recórdoo perfectamente, foi o mesmo de sempre ata as catro da mañá, eu estaba fóra de min, necesitaba algo máis, saín do bar, collín un coche que estaba fóra e coas chaves no contacto e marchei. Eu non tiña carné, nin sequera a idade para telo pero non importaba, sabía conducir. Acelerei, era como se estivese borracho, non vía nada, non sabía a onde ir, non sabía o que buscaba, só conducía. Metinme nunha estrada secundaria e... non a vin... maldita sexa... aquela rapaza cruzou sen que me dese tempo a frear, e atropeleina. Vina no chan, tirada..., pero non parei. Non! Covarde! Por que non parei? Quizais así se salvase...
Ó día seguinte mirei o xornal, ninguén vira nada, non se sabía quen era o condutor, só se atopara a R.C.V., de 22 anos, morta.
E pasaron dous meses, e non podía máis... Intentei o do acantilado, pero iso non me matou.

E agora? Agora si!
Aquí estou, na cama deste hospital, sumido nos meus pensamentos, nos meus recordos, morrendo...
A vida pedíame un axuste de contas... eu debíalle algo.
Hai uns días tiven un accidente... outra vez a mesma historia, non? Si, pero esta vez eu son o que saíu mal parado.
Só quero que todos saiban quen foi o que matou a Rocío, que todos saiban por que me tirei, que todos saiban como arruinei a miña vida e a dunha rapaza nunha noite de esmorga... e que saiban tamén que me arrepinto, que non agardo que todos me perdoen, porque nin eu mesmo me perdoaría.

- Algo máis?

- Non.

- Se consegues saír desta agárdanche uns cantos anos na cadea.

Olladas sobre Ramón Piñeiro


Pódese facer tal vez unha reportaxe igual de ben, pero non mellor; así, non é de estrañar que se concedese a este traballo o Premio da Sociedade da Información 2008 na modalide de Vídeos Educativos.
Pola nosa parte non hai máis que dicir, salvo deixar constancia aquí da nosa simpatía e admiración aos autores do vídeo, e en especial ao neno condutor das entrevistas.

11/05/09

Manifesto

No blog amigo Trafegando ronseis atopamos, precisamente á vista da máis importante celebración relacionada coa nosa lingua, o Manifesto polo que a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística reclama a non derrogación do Decreto de uso e promoción do galego no ensino, e a ligazón na que pode ser apoiado por todo o profesorado galego. Basta con entrares aquí para asinar.

Lamentablemente, tamén nós pensamos que todas as asinaturas son poucas, así que non podemos negarnos a difundir esta campaña para aumentar o número de apoios dos ENDL e dos docentes a título individual.

MANIFESTO DA COORDINADORA

Os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística abaixo asinantes queren manifestar a súa preocupación ante a intención do novo goberno de derrogar o Decreto 124/2007 polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo. Como dinamizadores lingüísticos, pero moi especialmente como profesionais do ensino que somos, queremos facer constar o seguinte:

  1. Este decreto desenvolve o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia no ano 2004 e elaborado, na parte referida á educación, por unha comisión na que se integraban representantes das ANPAS, do profesorado, das organizacións pedagóxicas e das patronais do ensino concertado.
  2. Supón a superación dunha lexislación, o Decreto 247/95, que -despois de 12 anos de aplicación- tiña demostrado que non estaba respondendo aos obxectivos para os que fora deseñada, tal como poñen de manifesto os últimos datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia.
  3. Persegue como finalidade última que o alumnado acade, ao rematar os seus estudos, unha plena competencia lingüística que o capacite para expresarse oralmente e por escrito nas dúas linguas oficiais de Galicia, no marco dun ensino plurilingüe.
  4. Favorece que cada centro elabore o seu propio Proxecto lingüístico, documento que debe ser aprobado polo Consello Escolar e que, polo tanto, require a implicación e o consenso de toda a comunidade educativa: profesorado, alumnado, pais/nais, persoal non docente e representantes dos concellos.

Dado que consideramos as medidas que se establecen no decreto como unha achega importante na tarefa dinamizadora e normalizadora que realizamos nos centros e que non pasou tempo suficiente para avaliar se os seu resultados satisfán os obxectivos para os que foi aprobado, solicitámoslle ao novo goberno que manteña os compromisos acordados pola comunidade educativa e o Parlamento galego no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Da nosa lingua

Hoxe, co Correlingua polas rúas de Lugo no que participaron os nosos rapaces de 1º de ESO, comezamos a Semana das Letras Galegas, que este ano, como sabedes, está adicada ao ilustre polígrafo e intelectual Ramón Piñeiro, do que nos iremos ocupando en días sucesivos.
De momento, para comezar con bo pé, dous vídeos que xentilmente nos pasa o equipo da Biblioteca do CEIP Mestre Martínez Alonso, de Mos. O primeiro é do grupo Migallas: o Rap da Lingua, para reafirmar a todos e convencer a algúns sobre o interese do fomento e o uso do noso idioma.




O segundo vídeo, de Dios ke te crew, é un pouco máis rotundo pero segue idéntica liña, esta vez poñendo música ao coñecido "Deitado rente ao mar" poema de Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, autor de cuxa morte este ano celebraremos o trixésimo aniversario.


10/05/09

Un soño para nunca esquecer

O relato de José Antonio Folgueira Vigo, de 1º de ESO-A, foi o texto que o xurado seleccionou como Primeiro Premio na súa categoría, e é o que, baixo o título de Un soño para nunca esquecer, publicamos nesta ocasión.


Moitos subestiman a capacidade mental dun soño, un soño que pode establecer unha rede de filamentos polo tempo, chegando a crearse nexos que nos comunican cun mundo pasado. Eu, non. Xurarei e perxurarei que todas estas teorías son unha banal mentira, adicada a cerrarnos os ollos e a sumirnos nun mundo de penas e tristuras. Aínda teño presente aquel día, no que descubrín toda a verdade, o verdadeiro significado dun soño que vai máis alá de calquera mundo imaxinario.

Sei que ninguén me crerá, pero non podo calar, sinto a necesidade de expoñe-lo maior segredo que a humanidade descubrirá endexamais. Así que nesta especie de texto, quero deixar testemuños do ocorrido, agardando que non sexa unha mensaxe efémera, senón que quede viva no pensamento dos seus futuros lectores.Todo comezou ao roibén dun dos días máis calorosos do mes de xullo. O sol ameazaba con devalarse polo ocaso, agochándose entre os múltiples tesos da contorna. A chegada do anoitecer traía consigo unha leve airexa que inspiraba o frío ata no último recuncho do meu corpo, facéndome aterecer como nunca o fixera antes, e creando en min unha sensación de desacougo, un desacougo que non me deixaba en paz e se resistía a fuxir do meu interior. Levaba toda a tarde segando e segando a miña senra, e xa encomezaba a cansarme de tanto trafego, xa empezaba a aborrecer este traballo e o único que ansiaba era sentarme na miña cadeira e quenta-las mans preto do remol do meu lar. Pero érame imposible, un ballón sobresaía da ala Norte, e non podía deixar alí os colmos, á mercé da choiva e dos lampos.

Os tronos do trebón xa resoaban entre as árbores do monte e, asemade, descargaban unha inusitada chaparrada. A cabeza dábame mil voltas, tíñaa chea de dúbidas, dúbidas que non atopaban resposta. Que ía facer? Non o sabía, o meu corazón pulaba fortemente tentando responder tantas cuestións, pero todo era un esforzo inútil, un esforzo que desafiaba a miña saúde e benestar.
Ao final, cegado polo medo, fuxín por unha vella congostra invadida polo mato e ateigada de cobregóns. Ao chegar ao curral da miña casa, metín apresuradamente a parella de bois na corte e gardei o carro e mailos apeiros nun alboio. Corrín con andar lizgairo ata a porta, e deille grazas a Deus porque non me pillase a tormenta, pero sabía que a miña decisión non fora a máis axeitada, mais agora non había volta atrás, e non podía remediar o enorme erro que acabara de cometer.

Tras moito cavilar, pensei en tomar unha ducha de auga tépeda para esclarece-la mente e sosega-lo meu interior, coa esperanza de que seguramente todo ía saír ben. Así o fixen, e o resultado foi o esperado, ata me entrou un pouco de soneca e decidín sentarme. O sono cada vez era máis grande, medraba e medraba constantemente, facéndome o seu súbdito, e tras moito topenear caín, fulminantemente, durmido, cunha sensación de confort e tranquilidade bastante apracible.

De súpeto, aparecín nunha carballeira de indefinidas dimensións, onde non era estraño oír o grallar dalgún corvo ou a cantiga dalgunha bubela. Todo era moi fermoso, tan fermoso que semellaba o propio Edén, a oitava marabilla do mundo. O ceo era totalmente azul e a paisaxe estaba acugulada de mananciais cunha auga tan pura e cristalina que era a delicia de calquera boca, por moi saciada que estivese. Era a vítima perfecta de tanta beleza, unha beleza que non coñecía límites e que engaiolaba a miña escrutadora mirada. Naquel mesmo instante, mentres gozaba de tanta perfección, abrollou de entre o medio da devesa unha fermosa muller.

Aquela rapaciña posuía uns cabelos dourados, longos e lustrosos, que semellaban proceder dunha ninfa. Era raíña dunha xenuína beleza, e o seu corpo adornado de infinidade de aderezos, dáballe un toque de clase e distinción. Das súas orellas colgaban senllas arracadas, entrelazadas cun fío lene dese mesmo material. E no seu pescozo destacaba un colar de doas dun prezado platino, ademais dun torque que a presentaba como a xefa dun poboado.

As miñas hipóteses non conducían a engano, e efectivamente aquela muller era a gobernante dunha tribo castrexa. Misteriosamente, acolleume con demasiada hospitalidade, o que me facía pensar en segundas intencións. Aquel día presentoume ante os seus cidadáns coma un elixido, o cal provocou un inmenso fragor entre a multitude. Eu negueille tal cousa, mais ela repondeume cun sorriso burlón, como se fose un dos seus vasalos ao que lle puidese mostrar calquera aceno coa intención de desprezalo. Lonxe deste acontecemento, organizou unha cea na miña honra, co fin de compracerme. Ao rematar a comida, levoume a unha pousada e preparoume un dormitorio luxoso, onde puidese hospedarme durante aquela noite. Naquel lugar tiven tempo para pensar no que querería ela de min, pero non atopaba ningunha resposta. Que esperaba que fixese naquel mundo que me resultaba tan descoñecido?

Ao amencer, dita muller foi pesoalmente a espertarme e levoume a unha especie de templo consagrado aos deuses e á maxia. En citado antro, situado nunha cova, colleu unha xerra de auga, procedente dalgunha daquelas fontes que vira na fraga, e verteuna nunha almofía. Despois, deixouna repousar e guindou sobre ela unha presada de pós dunha cor celeste. Naquel momento, a auga deixou ver unha especie de amuleto de ouro cunha pedra nacarada incrustada no centro. Aquela muller, chamada Lúa, díxome que esa xoia recibía o nome de Talismán e Amairxen, o cal cumpría calquera desexo que se lle fose formulado. Asegurou que este fora propiedade dos seus devanceiros, pero hai uns séculos a Bruxa Bandía saqueara a aldea e levara con ela aquel amuleto. Tras acabar aquel inesperado discurso, non dubidou en axeonllarse aos meus pés, suplicándome que recuperase o talismán para así curar ao seu pai, que se retorcía de do no leito.

Aquel xesto espertou o dó en min e fíxome ver que Lúa confiaba plenamente na miña axuda. Eu non tiña a intención de defraudala, nin moito menos de ofendela. O meu corazón ordenoume que aceptase, e finalmente cumprín o seu mandato. Ela puxo dez homes á miña disposición para que me guiasen ao acubillo onde moraba aquel malvado ser, o adversario do que nin sequera vira o rostro. Como ía loitar contra aquela bruxa? Como era e que pretendía facer con aquel talismán? Tiña o pensamento cheo de preguntas, preguntas sen solución, como incógnitas imposibles de despexar.

Aquela pequena tropa conducíume, por medio de árbores e pantanos, ata un castelo invadido pola brétema. Se medo a trabucarme, ese casón había ser propiedade da vella Bandía. Polo visto a meiga, que alí habitaba, non tiña medo a que lle quitasen o seu tesouro, ou iso me pareceu cando non vin ningún tipo de gardián que vixiase a porta. Entramos na mansión sen ningunha dificultade e, á entrada, puiden alviscar a bruxa estarricada nun banco e durmindo a sono solto. Silandeiramente, achegueime a ela e quiteille o amuleto que levaba como colgante. Nese intre, abriu os ollos ferozmente e atacoume sen piedade. Ante a gravidade da situación, agarrei o amuleto cunha forza súbita e formulei dous desexos: un, que todo aquilo fose un soño, e o outro, que o xefe daquel poboado sandase milagrosamente.

E aquí remata a miña historia mentres pego a lapela desta carta sen remitente, sen destino fixo nin fogar que a acolla. E para que a miña palabra non vos sexa indiferente, deixo unha proba irrefutable de tales feitos, o Talismán de Amairxen, do cal agardo, de todo corazón, que caia en boas mans.

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.