20/01/10

Xosé Miranda


Na véspera do inicio das vacacións de Nadal o profesor e escritor Xosé Miranda pronunciou dúas conferencias na biblioteca do Instituto. A primeira delas, dirixida ao alumnado de 3º ESO, centrouse fundamentalmente en contos, mitos e lendas de Galicia e doutros lugares, incluso asiáticos.
A segunda, xa para o alumnado preuniversitario do Centro, partiu da obra de lectura da primeira avaliación, Morning Star. Todos os alumnos participantes foron deleitados pola excelente elocuencia do profesor lugués de Bioloxía.

19/01/10

Non ao Decretazo!

A plataforma Queremos Galego convoca as comunidades educativas para un paro xeral no ensino o 21 de xaneiro, como contestación ao decretazo contra o galego.

A agresión é histórica, sen dúbidas a máis forte contra o idioma propio en toda a etapa democrática. Por iso é tan importante que nos impliquemos todas as persoas con sensibilidade pola nosa cultura, independentemente da lingua que falemos no día a día, para facermos do 21 de xaneiro unha data tamén histórica na contestación social.

Por que rexeitamos este decretazo?

1) Porque non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego.
Todos os informes oficiais sinalan que hai un problema para conseguir que boa parte dos rapaces e das rapazas, sobre todo nas zonas urbanas, teñan fluidez comunicativa en galego. Diminuír a presenza da nosa lingua non fará máis que agravar a situación, vulnerando o dereito do alumnado a unha educación de calidade e pondo en perigo a pervivencia da nosa cultura.

2) Porque é unha proposta feita de costas á sociedade galega.
O presidente da Xunta sabe que non conta con ningún consenso do profesorado, o estudantado, as familias e da sociedade en xeral para este decretazo. Por iso o presentou na véspera de fin de ano, a última hora do serán, e sen que existise ningún proceso previo de diálogo nin contraste.

3) Porque a aplicación deste decreto suporá enfrontamentos nos centros.
A Xunta fai deixadez das súas funcións e traslada o problema ao profesorado, ao estudantado e ás familias, que serán parcialmente consultadas (ben tendo en conta só o criterio da maioría, sen que se saiba que pasará coa minoría que se sinta perdedora; ben dando unha opinión cada catro anos, o que significa que uns pais darán a súa consideración sobre a educación das fillas e dos fillos doutros). A política lingüística e educativa non se pode limitar á opinión que poida ter a comunidade escolar, porque nos corresponde a todas as galegas e a todos os galegos. Hai que ter presentes criterios pedagóxicos e o dereito a unha educación en igualdade.

4) Porque a Xunta se burla da cidadanía cando di que se vai impartir un terzo das materias en inglés, cando sabe que iso é totalmente inviábel, e sen se preocupar do fracaso escolar.
O presidente da Xunta mente conscientemente cando fala de “plurilingüismo”, pois sabe que iso é imposíbel de aplicar. Só utiliza o inglés para camuflar propagandisticamente o ataque contra o galego. Na verdade, os departamento de inglés non teñen un reforzo real para mellorar a aprendizaxe desta lingua e mesmo se recortan os recursos para a formación do profesorado e se reduce o número de profesores/as das escolas oficiais de idiomas. O reforzo e mellora do ensino de inglés no sistema educativo galego debe facerse con máis profesorado específico, con máis recursos e con grupos máis reducidos.

5) Porque este decreto vulnera leis básicas aprobadas por consenso e tratados internacionais de dereitos lingüísticos.
O decreto que o Goberno galego quere impor unilateralmente vulnera a letra e o espírito da Lei de normalización lingüística (arts. 12 e 13), así como da Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias (art. 8). Un goberno serio, cívico e responsábel cumpre as leis e os tratados internacionais de dereitos humanos e de dereitos lingüísticos.

6) Porque é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do noso país.
Temos que erguer a nosa voz con claridade e exclamar que, independentemente do idioma que falemos no noso día a día, os galegos e as galegas amamos a nosa lingua propia e queremos que non haxa políticas para discriminala, senón ao contrario: que se promova nos diferentes ámbitos, garantindo a igualdade de dereitos.

Fronte á imposición unilateral de Alberto Núñez Feijóo, as comunidades educativas e o conxunto da sociedade galega reclamamos que se escoite a nosa voz. O presidente da Xunta debería lembrar que o decreto aínda en vigor contou co respaldo dos sindicatos que representan ao 90% do profesorado, a inmensa maioría das ANPAs, todas as organizacións estudantís e todos os movementos de renovación pedagóxica con actuación en Galiza. O seu decreto contra o galego, ao contrario, non xera máis que rexeitamento e preocupación.


O 21 DE XANEIRO PARAMOS O ENSINO
EN DEFENSA DA CONVIVENCIA E DO GALEGO

MANIFESTACIÓN NACIONAL EN SANTIAGO DE COMPOSTELA
11.30 DA MAÑÁ NA ALAMEDA

18/01/10

Análise das Bases


A Real Academia Galega publicou a súa Análise das Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.
Interesante, rigorosa, contudente e, sobre todo nestas datas, imprescindible. Se queres consultala, podes entrar neste enlace.

14/01/10

De moscas e arañas siderais


Nunca deixarán de sorprendernos os nomes con que os astrónomos designan algúns corpos celestes. Eis un exemplo, atopado na páxina divulgativa da NASA: esta brillante nebulosa da constelación do Auriga, a uns dez mil anos luz, é coñecida co suxestivo nome de A Araña e a Mosca.

13/01/10

Going West

Non é un vídeo novo este que atopamos aquí, nin moito menos, pero si unha orixinal maneira de promocionar a lectura; ao parecer, para elaborar esta película Onde os libros toman vida non se empregaron ordenadores nin efectos virtuais. Sorprendidos?


09/01/10

Editorial sobre a lingua

As vacacións de Nadal están a piques de rematar, o blog regresa, e a polémica sobre a situación do galego no ensino, lonxe de minguar reavívase semana a semana.
O diario El País publica hoxe un editorial titulado Lengua escolar a la carta. Tras agitar la lengua como arma electoral, Feijóo no contenta a nadie con su propuesta educativa, que comeza da seguinte forma:

"A campaña que devolveu o PP ao poder en Galicia hai nove meses tivo na política lingüística un dos seus estandartes. O agora presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, axitou a pantasma da discriminación do castelán baseándose nunha norma aprobada polo anterior Goberno de coalición de socialistas e nacionalistas que outorgaba ao idioma autóctono unha cota mínima do 50% en cada curso escolar (sen tope máximo) e unha posición preeminente entre as chamadas asignaturas troncais. Dese modo, o candidato rompeu coa política que o PP mantivera durante os mandatos de Fraga a prol da discriminación positiva do galego".

O texto conclúe afirmando que "a pretensión da Xunta de buscar un amplo consenso parece agora mesmo unha quimera, por moi desexable que resulte nunha comunidade que nunca sufrira conflitos lingüísticos até que o PP viu no idioma a ocasión para apañar un puñado de votos".

Para ler o texto completo, basta con entrares aquí.

03/01/10

A Natividade no Museo do Prado

Para poñer imaxes e banda sonora a estes primeiros días do 2010 ( que sexa feliz para todos !), mostramos unha selección de cadros do Museo do Prado que teñen que ver co tempo no que estamos. De fondo unha fermosa peza do Nadal titulada "Oh holy Night" na voz da soprano británica Sarah Brightman.
A seguir disfrutando das vacacións !!!

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.