25/05/22

Florencio Delgado Gurriarán

 Aquí está xa o vídeo que os alumnos e alumnas de 4º de ESO do noso Centro produciron para celebrar e difundir a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán, o autor valdeorrés homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. 

12/05/22

"Ola, miña xoia!"

Coa publicación do relato de Raquel Fernández Fernández, alumna de 3ºESO-B, premiado co 2º Premio do nivel 2 (3º e 4º de ESO) no Concurso de Relato Curto das Letras Galegas 2022, titulado Ola, miña xoia! rematamos a publicación dos catro relatos seleccionados este ano.

Parabéns ás autoras, e a todos e todas, moi felices Letras Galegas


Ola, miña xoia!

Que tal está a miña neta preferida?


Se estás lendo esta carta, eu xa non estou ao teu lado. Espero que non esteas chea de tristeza, es unha nena moi viva e alegre e ese sentimento non che pode inundar o teu corpo.

Gustaríame contarche a verdadeira causa da miña morte, xa que a que ti escoitaches non é a verdadeira. No tiven un infarto, pódoche garantir que o meu corazón funcionou ben ata a fin dos meus días.

É unha historia abraiante, pero non debes contarlla a ninguén, é un segredo entre ti e mais eu, miña rula.

Escoitaches algunha vez o conflito do Courel que verdadeiramente foi unha persecución policíaca, non un conflito como o chama toda a xente que está mal informada.


Ben sabes que eu era inspectora, e que ademais era das mellores. A min encargábanme moitos casos, e resolvíaos todos. Fun a primeira muller en conseguir unha medalla ao valor, creo que se chama así, a túa avoa vai vella!


Un día de tormenta, unha moi perigosa, con raios e tronos cada minuto, eu seguía en comisaría porque estaba de garda. Non estaba moi contenta, pero cando o teléfono empezou a soar púxenme alerta. Respondín, e o único que escoitaba era o son da chuvia caendo contra o chan. Ós poucos segundos escoitei un rapaz que pedía axuda; cando lle preguntei onde se encontraba, colgou.


Intentei situar a chamada. Ao rastreala puiden situala nun bosque do Courel. Chamei ao meu superior e puxo á miña disposición tres patrullas.,

Ao chegar á finca non atopamos a ninguén, eu decidín buscar, pero sen resultados. Botamos a correr cara ao son, intentantdo ubicarnos. Encontramos un rapaz feble, medio morto, e chamamos á ambulancia. O meu superior, que xa estaba alí, correu detrás do atacante, que intentou escapar. Aparecín ao seu lado e deime conta de que pertencía a unha banda perigosa. Detivémolo e metémolo no cárcere.


O nome da banda non cho vou dicir pola túa seguridade.


Eles fixeron que eu morrese, así que, como ben sei que ti queres ser policía tamén, espero que vingues a miña morte.


Cóidate moito, miña ruliña!


Un bico.

Raquel Fernández, co diploma 

"Pesadelos de verdade"

O 1º premio do Nivel 2 (3º e 4º de ESO) do Concurso de  Relato Curto das Letras Galegas 2022 foi para o conto "Pesadelos de verdade", da alumna de 4ºESO-A, Noa López Follana. Este é:



O soño repetíase, noite tras noite, cada vez que Marta durmía no faiado da casa dos seus avós, que tería  de  especial  aquel lugar?

En canto pechaba os ollos e o sono a invadía, a imaxe daquel raro molusco alongado de oito brazos aparecíaselle como aparece calquera ser do máis estraño nunha película de terror que semella a realidade. A lura repetíalle , ao tempo que movía os seus grans tentáculos:


-Ven, Marta, venme ver, anda! Sei que es moi boa rapaza…


Tería algo que ver todo isto coa sospeitosa amizade que Xoán (noivo de Marta) e Lucía estaban a ter ultimamente?

Marta estaba confusa, xa que os acontecementos dos días anteriores fixeran que entrase neste estado mental. Non era doado, non vaias pensar, para unha moza coma Marta, aceptar a posible infidelidade do seu mozo. Moito menos, érao aceptar que seguise mentindo, a pesar da sospeita.


A rapaza decide erguerse e, tras tomar o almorzo que o seu pai lle deixara preparado, diríxese ao souto que se atopa moi preto da casa da súa infancia, a casa de Carme e Luís, os seus avós. Nada máis chegar, Marta non cre o que os seus ollos están a ver...


-Xoán! - berra a moza, desesperada…


De súpeto, a rapaza que se agocha tras un castiñeiro do denso bosque sae e dirixe a ollada cara á moza, que non é capaz de saír do seu abraio…


Millóns de imaxes percorren a cabeza de Marta, entre elas a da noite anterior. O que realmente deixou conxelada á moza foi un detalle do que se equecera durante o día…


-Son Lucía - dicía a lura, a noite anterior.


Noa López Follana tras recibir o premio

11/05/22

"Meus pais non me querían"

Publicamos a seguir o relato que obtivo o 2º Premio do 1º nivel (cursos 1º e 2º de ESO) do Concurso de Relatos: Lagoa Araujo González, de 2º ESO.

Meus pais non me querían. 

Sacara esa conclusión cando me dixeron que venderían a casa e se mudarían a Madrid. Iso non era o peor, o peor era que eu non iría con eles, que tería que buscar a vida eu soa.

Polo menos non venderon o noso souto; encantábame cando era pequena. Pasaba a maior parte do tempo alí, moitas veces quería atopar unha nova especie de animal, co que só conseguín atopar un verme moi raro e peludo.

Ás veces quedaba coa miña mellor amiga e iamos alí, pero a nosa amizade foise rompendo pouco a pouco co paso do tempo e agora non teño a ninguén.


Despois de meter todas as miñas cousas en caixas, decidín ir ver o souto, xa que había moito que non pasaba po alí. A medida que daba máis e máis pasos, os recordos ían chegando e con eles as emocións que producían.

Chegou un momento no que parei de camiñar. Había unha casa non moi gande na que parecía non haber ninguén. A porta estaba aberta e decidín entrar. Estaba escuro e daba un pouco de medo, pero seguín camiñando para ver se había alguén. Non atopei nin unha soa alma nese lugarm, pero o que si atopei foi unha especie de porta no tellado que non foi doado abrir. Supuxen que daría ao faiado, e así foi.


Había moitas caixas e cousas antigas cheas de po, pero de todas esas cousas fixeime nun cadro dunha lura, xa o vira antes, estaba segura.

Non me deu tempo de seguir observando. Alguén me dera na cabeza e agora atopábame morta no chan dese faiado, dunha casa que non coñecía, e atacada por alguén misterioso do que nunca sabería a súa identidade.

Pode que incluso fosen os meus pais, pero xa non o podería saber, o meu corpo xa non tiña vida, e ninguén me ía atopar alí, no medio dunha propiedade privada.

"É un día normal para Nerea"

Así se titula o conto que obtivo o 1º Premio no Nivel 1 (alumnado de 1º e 2º de ESO) do Concurso de Relatos convocado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, o Departamento de Lingua e a Biblioteca do noso Instituto. A autora é Cristina Pena Guerra, alumna de 1ºESO-A.

É un día normal para Nerea; levántase pronto pola mañá e mira pola ventá, seu avó xa está traballando fóra, deben de ser as sete da mañá. Nerea non ten sono, polo tanto decide levantarse, a pesar de que hoxe non ten que ir á escola e normalmente eses días queda na cama ata as oito ou nove. O primeiro que fai é vestirse, pon roupa cómoda, xa que hoxe lle apetece ir dar un paseo. Logo vai almorzar, e a continuación lava os dentes e a cara. Despídese de seu pai, é a única que está na casa, debido á viaxe de traballo na que está súa mai.

Diríxese ao seu querido soutom, ao que ten tanto cariño, pois leva indo todas as semanas dende moi pequena. Cando vai paseando encontra un vulto na terra que nunca vira, hoxe decidiu ir polo camiño que nunca colle, pero aínda así chamoulle a atención. Colle unha rama do chan e comeza a cavar. Despois dun pouco encontra unha caixa que lle resulta moi familiar, parécese a unha que tiña seu avó, pero non sabe onde. Antes de abrila, quere asegurarse de que é como a de seu avó, e vai correndo á casa. O primeiro lugar onde mira é o faiado, pois alí sempre hai cousas vellas que ninguén usa, e non se arrepinte, a caixa estaba alí. Compara as caixas, son completamente iguais. Na caixa de seu avó sabe perfectamente o que hai: unha chave, pero nunca soubo para que era. Agora dáse de conta, é para abrir a outra caixa. É moi doado abrila, e dentro encontra unhas fotos. Hai un rapaz e unha rapaza, o rapaz recórdalle moito a seu avó. De repente chega seu pai, e dille que hai que ir comer. Nerea dáse présa, intenta non mancharse moito, pois no lugar no que está hai moitísimos vermes e sempre está sucio. 

Hai de comer luras. Aproveita esta oportunidade para preguntarlle a seu avó pola caixa, e despois de moito insistir consegue que llo diga. A rapaza coa que estaba era súa avoa, da que ninguén soía falarlle. Morrera de moi nova nun accidente de avión. Seu avó cóntalle que uns días antes do accidente gardaran alí esa caixa para vela dentro duns anos, e dende aquela non a volvera ver, pois pensaba que estaba perdida. Agora Nerea xa o sabe, e ten ganas de ir á clase para contarllo ás súas amigas, coas que ten unha gran amizade.

Cristina Pena Guerra mostra o diploma acreditativo

10/05/22

Fallo do Concurso de Relato Curto 2022

 O Xurado do Concurso de Relato Curto convocado polo Día das Letras Galegas 2022 acordou seleccionar os seguintes relatos, por categorías:

Parabéns ás premiadas.


1º NIVEL (CURSOS 1º e 2º ESO)


1º PREMIO: diploma e 30 € en material escolar.

É un día normal para Nerea, de Cristina Pena Guerra (1ºESO-A)

                           

2ºPREMIO: diploma e 20 €  en material escolar

Meus pais non me querían, de Lagoa Araujo González (2ºESO-B)   
                

2ºNIVEL (CURSOS 3º e 4º ESO)


1º PREMIO: diploma e 30 € en material escolar.

Pesadelos de verdade, de Noa López Follana (4ºESO-A)

 2ºPREMIO: diploma e 20 €  en material escolar.

Ola, miñaxoia!, de Raquel Fernández Fernández (3ºESO-A)

     


02/05/22

Contra o acoso!

 Con motivo da celebración hoxe do Día Internacional contra o Acoso, a Fundación Atlético de Madrid leva adiante unha campaña de sensibilización para lembrarnos que o bullying ou acoso causa uns 200.000 suicidios anualmente en todo o mundo entre mozos e mozas de 14 a 28 anos. 

Segundo a web do club, España é un dos países de Europa máis afectados, só por tras do Reino Unido, Rusia e Irlanda. Os máis propensos a sufrir acoso escolar son os nenos entre 12 e 14 anos, e a forma máis frecuente as agresións físicas e psicolóxicas, tamén a través das redes sociais.

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.