29/04/12

Mochilas viaxeiras


   Neste trimestre puxemos en marcha as mochilas viaxeiras no 1º curso da ESO. Trátase da experiencia de fomento da lectura que tantas outras bibliotecas escolares galegas teñen en marcha para posibilitar que as familias compartan unha variedade de fondos de todo tipo: películas, cómics, revistas, libros para o alumnado e libros de interese para as nais e pais. 
   O préstamo funciona conforme a unhas bases que figuran no caderno que se adxunta, baseado no que xenerosamente nos pasou Loly Lago. Nel figura un contrato polo que alumnos e pais se comprometen a coidar e repoñer, se fora o caso, os fondos e o seu soporte e tamén se adxuntan unhas páxinas para suxerir melloras e expresar a opinión sobre a actividade .
   Até o momento a acollida é boa e a colaboración por parte das familias tamén. Será preciso agardar un tempo para sacar máis conclusións.

26/04/12

Encontros de Bibliotecas Escolares

                                                  Imaxe da exposición de traballos

O pasado venres, 20 de Abril, celebrouse unha nova edición da xuntanza das bibliotecas esolares de Galicia; nesta ocasión, os responsables da 4ª, 5ª, 6ª e 7ª convocatoria. (Cantos somos xa!!!)
Como sempre, foi unha boa ocasión para renovar e recargar as enerxías que, especialmente este curso, non andan moi sobradas.
Cun programa tan interesante, sería imposible decantarse por algunha das intervencións.  Elena Martín (Facultade de Psicoloxía da Universidade Autónoma de Madrid) formulou as súas hipóteses sobre Aprender a aprender, unha competencia básica desde a biblioteca escolar, con gran claridade e inxenio. José Antonio Millán (escritor, editor e lingüista) disertou sobre A lectura sen libros, con rigor e moi bo sentido do humor. Ambas ponencias foron amenas e do maior interese no momento que estamos a vivir nas bibliotecas escolares.
En canto ás experiencias de centros, exemplar a de Benigno Nerga, do IES Alexandre Bóveda, pola traxectoria que demostran ter en canto a traballos interdisciplinares de investigación. Foi especialmente atractivo para nós  Facer Lugo,  pola proximidade do tema e o bo facer de Rosa Rodríguez, a compañeira do IES Leiras Pulpeiro de Lugo. Trátase dun traballo moi complexo que abrangue diversos aspectos do pasado da nosa cidade,  dirixido e coordinado por Rosa.  Noraboa!
E..., como sempre, grazas a Cristina e Pilar pola súa adicación e acerto.

Préstamos 2º trimestre

Aquí figuran os préstamos de fondos da biblioteca rexistrados no 2º trimestre do curso 2011-2012.
En relación co 1º trimestre, obsérvase  un descenso en canto a libros e un lixeiro aumento en cine. Esta tendencia tamén se rexistrou en cursos anteriores en idéntico período e, tendo en conta que ocorre algo semellante nas cualificacións do alumnado en xeral, consideramos esta incidencia como unha fluctuación que entra dentro da normalidade. Estas son as cifras:


24/04/12

Praga e Bedrich Smetana

O Instituto Cervantes de Praga achega as letras e a cultura española aos cidadáns daquel país cunha oferta de novidades bibliográficas, cine, cursos de castelán e a lectura continuada de El Quijote.  Facemos unha viaxe virtual pola capital da República Checa da man de Bedrich Smetana e o seu Moldava, a  melodía por excelencia para os checos que é un poema sinfónico deste compositor  Merece a pena  asomarse!!


View more PowerPoint from Ardwenna --

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.