Amosando publicacións coa etiqueta concurso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta concurso. Amosar todas as publicacións

25/03/26

Concurso de Podcast


BASES DO CONCURSO DE PODCAST: "BEGOÑA CAAMAÑO, UNHA VOZ PROPRIA"

1. OBXECTIVO

O obxectivo deste certame é dar a coñecer a figura de Begoña Caamaño (xornalista, activista e escritora), promovendo o uso do galego e o desenvolvemento da competencia dixital e lingüística do alumnado, coincidindo coa celebración das Letras Galegas 2026.

2. PARTICIPANTES

Poderá participar todo o alumnado matriculado na ESO repartido en dúas categorías:
Categoría A: 1º e 2º de ESO.
Categoría B: 3º e 4º de ESO.
Os traballos poderán ser individuais ou en parellas.

3. FORMATO E TEMÁTICA

Os podcasts deben ser orixinais, inéditos e realizados integramente en lingua galega. A temática xirará arredor das seguintes facetas da autora:

1º e 2º ESO
• Biografía e obra de Begoña Caamaño.
• Reportaxe sobre o seu compromiso social.

3º e 4º ESO
• "Dándolle a volta ao conto”:  De malas e secundarias (Circe e Morgana) a mulleres donas do seu destino.
• "Ficción sonora": Recreación de pasaxes de Morgana en Esmelle ou Circe ou o pracer azul.

4. REQUISITOS TÉCNICOS

Duración: Entre 3 e 6 minutos.
Formato: Arquivo de audio (MP3 ou WAV).
Recursos: Valorarase o uso de sintonías, efectos de son e limpeza de voz.

5. ENVÍO E PRAZO

Os traballos enviaranse ao correo do EDLG do centro: edlg@iesriomino.gal. O arquivo deberá ir acompañado do título e os nomes dos integrantes. Data límite de entrega: 5 de maio.

6. XURADO E CRITERIOS

O xurado estará composto por membros do Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) e do departamento de Lingua. Valorarase:

1. Riqueza lingüística e calidade do guión.
2. Creatividade no enfoque do tema.
3. Calidade técnica (montaxe e efectos).
4. Capacidade de transmitir os valores de igualdade de Begoña Caamaño.

7. PREMIOS

Establécese un primeiro e segundo premio por categoría consistente en:

• 1º Premio: Un diploma e un vale de 40€ para gastar en material escolar.
• 2º Premio: Un diploma e un vale de 20€ para gastar en material escolar.

8. RESOLUCIÓN DO CONCURSO

A decisión do xurado darase a coñecer na Semana das Letras Galegas e será publicada no blog da Biblioteca xunto cos podcast.


A participación no presente certame supón a aceptación destas bases.

En Rábade, a  23 de marzo de 2026

25/11/25

Microrrelatos (Gañadores Bacharelato)

Primeiro premio

Na aldea dixéranlle que aquela sombra no corredor era só un gato vello, sempre rosmando ás agachadas. Ela acostumouse ao ruído, a ese arrastre lento que atravesaba as táboas cada noite, coma un costume  doméstico máis.
Mesmo pensou que, quizais, debería darlle un nome para perderlle o medo.
Pero aquela noite a sombra falou, e non miou. Chamou por ela con voz coñecida, pesada de xenreira. E entón entendeu que non era un animal quen a seguía, era el, o mesmo que prometera amor, avanzando cara a ela coa paciencia do que sabe que non ten onde escapar.

("O gato". Leire García Rodríguez, 1º Bac. A)


Segundo premio

Ela pintaba os beizos con betadine e sombreaba os ollos sen pos.

(Manuel Veiga Ferro, 1º BAC B)


Microrrelatos (Gañadores 3º e 4º ESO)

Primeiro premio

Cando pechou a porta, a casa quedou en silencio, pero non era silencio de descanso, senón o que pasa antes dun trebón. Ela colleu o abrigo con mans frías. Non levaba nada máis que a decisión que tardara anos en tomar, hoxe non volvo atrás.

Ao cruzar o portal, o vento frío golpeoulle a cara como unha bofetada, a primeira que non doía, porque anunciaba liberdade.


("Bofetada". Daniel Vidal Martínez, 4º A)



Segundo premio


Na aldea sempre dicían que falaba baixo.

Ela sempre dicía que era por educación.

Ata que unha noite o vento levou un berro

e toda a ladea escoitou o que ela calara tantos.

Ao día seguinte, as campás tocaron por fin a liberdade dunha voz.


(Aarón Veiga López, 3º B)



Microrrelatos (Gañadores 1º e 2º ESO)

Primeiro premio

Esperta nun hospital tras un coma de 5 meses. A rapaza dille á enfermeira: foi o meu mozo. Tras esas palabras o monitor soa PIIIII...

("Silencio". Miguel Ángel Cortiñas Montoya, 2º A)


Segundo premio

Sentada na escaleira tápase a cara coas mans. Sentíase avergoñada. Vira o seu rostro no espello. A súa xuventude marchara e os anos pasados deixaron sucos imborrables. Vira o seu cabelo, xa non quedaba rastro daquel cabelo escuro. Agora era branco e estaba enredado. Non coñecía a esa muller. Onde quedou? Sabía a resposta, pero non quería aceptala... Aquel primeiro golpe, debía ser boa esposa, porque calou. E logo viñeron moitos máis. “Ven, Camila, nunca é tarde”. Aquela policía colleulle a man e fíxoa sentir unha muller por primeira vez.

("Unha mirada no espello". Aloia Cervantes Fernández, 1º A)


27/10/25

Nabos e cabazas

A nosa biblioteca organiza un concurso de decoración de cabazas, que serán expostas esta semana do Samaín. Animádevos, deixade voar a parte máis terrorífica e creativa da vosa imaxinación, e entregade as vosas creacións na biblioteca.

(Nabo esculpido a modo de cabeza de fantasma.
Foto do Museo Nacional de Irlanda)

Se vos preguntades a que obedece este costume, teriamos que lembrar de onde procede esta festividade e as súas adaptacións nas culturas que coñecemos, a nosa e a anglosaxona que nos ten colonizados a través dos medios de comunicación e entretemento.

Tradición católica
Na inmensa maioría de culturas antigas xa se rendía culto ou facíase lembranza das figuras dos nosos antepasados falecidos. No século X, un frade benedictino, Odilón de Cluny, recolleu un costume que levaba anos funcionando en zonas de Alemaña e instituíu un día sinalado a tal efecto, o 2 de novembro. A Igrexa de Roma foino xeralizando a partires do século XVI, enlazando co Día de Tódolos Santos que se celebraba o 13 de maio e cambiou para o 1 de novembro, e así foi chegando ata a festividade que hoxe coñecemos como o Día dos Fieis Defuntos. Desta festividade, e coa exportación do catolicismo polos conquistadores europeos a América, xurdiron outras tan vistosas e cheas de cor como o Día dos Mortos de México que tantas veces temos visto en documentais, series ou películas como esa fermosa xoia da animación tan recomendable que é Coco.

Samaín/Halloween. Viaxe de ida e volta
Na tradición celta, a noite do Samhain (fin do verán, en gaélico) era especial, xa que a fronteira entre o mundo dos vivos e o dos mortos diluíase nas sombras e as ánimas do outro lado. Existía o costume de facer fogueiras para protexer aos vivos (e queimar os restroballos da fin da tempada da colleita, que era a razón practica e menos espiritual do asunto) e outros rituais de orixe pagá.
O das cabazas veu cando a tradición deu o salto para os Estados Unidos a mediados do s. XIX cos emigrantes, maioritariamente irlandeses, que fuxían das grandes fames provocadas pola crise das pragas que arrasaron os cultivos de patacas en Irlanda e Gran Bretaña. E despois, como todo o que nos chegou do outro lado do Atlántico vía cine e televisión, recuperamos a festa como Halloween e desde uns anos atrás, coa súa denominación orixinal, aínda que con toda a parafernalia importada, tampouco imos poñernos tan puntillosos, que o que queremos é andar de troula.
(Halloween é unha contración da tradución do Día de Tódolos Santos, All Hallows' Eve, a súa véspera para ser exactos.)
Pero aínda non explicamos o das cabazas e tampouco o título desta entrada, así que imos co tema.
O das cabazas fíxose nos EE.UU. pola abundancia deste cultivo, pero a tradición orixinal deste lado do Atlántico usaba nabos, como o da foto. Podedes consultar aquí a historia de Jack-o'-Lantern, da que existen varias versións, pero coincidentes en que andaba deambulando entre o ceo e o inferno (non foi moi bo en vida e non o querían no ceo, pero tivo un problema co demo que tampouco acabou ben e tamén quedou excluido do inferno) alumeando cunha vela no interior dun nabo esculpido a modo de lámpada como podería ser o da foto. Esta lenda acabou fundíndose coa tradición das fogueiras e acabou xerando o costume de poñer nabos alumeando o exterior das casas e os camiños na noite do Samaín para protexer aos vivos das ánimas que visitaban este lado aproveitando que a fronteira entre ambos mundos desaparecía.

Unha vez dada esta pequena nota histórica, lembrámosvos outra vez que podedes participar no concurso de decoración de cabazas, e por suposto, se alguén quere presumir de fidelidade histórica, tamén pode traer un nabo. Oíche Shamhna shona!

27/05/24

As dúbidas, de Celia Coira Alcolado

 E con este de Celia Coira (de 4ºESO B) rematamos a publicación dos relatos premiados no Concurso convocado polo Departamento de Lingua Galega e Literatura e o EDL con motivo do Día das Letras Galegas. Este relato obtivo o 2º premio no 2º Nivel (3º e 4º da ESO).

Mario utilizaba a súa infancia como vía de escape, e aínda que sabía perfectamente que a tiña moi idealizada, aquel tempo fora o único no que vivira co seu pai e iso o reconfortaba. 

Mario só tiá dous recordos co seu pai: xogando cun axóuxere na cociña unha tarde de inverno e estando con el e coa súa nai nunha multitude; aínda que ela non o recorde, Mario está seguro de que foi nas festa da vila. O único que quere este rapaz é poder chegar a ser coma o seu pai algún día, pero o que lle falta por saber é como era o seu pai. 

El pregúntalle día si, día tamén á súa avoa materna e esta cóntalle historias absurdas de como se coñeceron a súa filla e o seu xenro, ou de cal foi a igrexa na que casaron; pero Mario nunca chega a enteirarse de como vestía como falaba ou cal era o seu lugar favorito. As dúbidas estano matando por dentro. 

A avoa está asustaa e temerosa, vive na dúbida constante de se dicirlle ao pequeno o que realmente ocorreu, ou seguir a contar trapalladas das que conta, por que non, non quere que o seu querido Maritiño saiba toda a historia; non quere que Maritiño saiba como "papi" maltrataba a súa filla física e mentalmente, como a axexaba dende o coche cando ía a facer a compra ou cando a metía no alpendre e empezaba a tirarlle cousas e a chamarlle infiel, mentirosa, traidora... 

Sabe perfectamente que a súa filla recorda aquela multitude nas festas da vila, porque foi a última vez na que o seu marido a tocou. Non sabe nin cando nin como llo acabará contando a Maritiño, pero terá que facelo; as dúbidas estano matando por dentro.

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.