Amosando publicacións coa etiqueta Actividades. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Actividades. Amosar todas as publicacións

10/02/26

Entroido: pasatempos, sopas de letras, refráns...

O Entroido xa está nas rúas! E ás veces na aula só fai falta poñer palabras ao que o alumnado xa ve e vive. Pidopapas.com ofrece unha serie de actividades descargables para docentes e alumnado sobre o Entroido galego (cigarróns, peliqueiros, boteiros, osos…) para traballalo con calma e sen complicacións.

Fai clic na imaxe, entra e descarga a actividade!


22/03/11

Un trobador moderno

O día 10 de Marzo, e traído pola Nosa Biblioteca en colaboración cos Departamentos de Música e Lingua Española, visitounos Crispín d'Olot, un trobador xogral do noso tempo, que soubo entreter e facer as delicias de alumnos e profesores co seu repertorio de cantares e romances tradicionais casteláns, poemas musicados do Arcipreste, Quevedo e Góngora, algúns trucos, varios xogos e moita, moita simpatía.
Eis algunhas fotos da súa actuación no noso Centro.

13/05/10

Correlingua 2010



Onte, día 12 de maio e mércores, os nosos alumnos de 1º ESO desprazáronse a Lugo para participaren unha vez máis no Correlingua, a tradicional carreira en defensa do noso idioma. A actividade estivo organizada polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do Centro, e os 45 rapaces e raparigas foron acompañados polos profesores Marta López e Manuel González.

08/05/10

Bolboretas nas meixelas


O venres, 7 de maio, entre as 9:20 e as 10:10 h., os alumnos de 4º ESO e 1º de Bacharelato e os seus profesores asistiron na Aula de Audiovisuais á actividade "Bolboretas nas meixelas", un espectáculo de narración oral sobre contos, lendas e poemas universais con acompañamento de guitarra e violino. Esta actividade foi organizada polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística co gallo da celebración do Día das Letras Galegas.

26/06/09

De robots e sistemas

O Departamento de Tecnoloxía do noso Centro organizou unha interesante e divertida exposición de prototipos, robots e sistemas da que vos ofrecemos aquí unha pequena e atractiva mostra.


17/06/09

Congreso sobre Aquilino

Con motivo do centenario do poeta chairego Aquilino Iglesia Alvariño, que se cumpriu o pasado 12 de xuño, a el se adica o IX CONGRESO CULTURA TERRA CHA, que organiza a Fundación Manuel María coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística; a seguir reproducimos o programa de actos que nos envían os organizadores:

Domingo, día 21 de xuño
En Castro de Rei, ás 5 da tarde, na rúa e no Teleclub: Inauguración das rúas Aquilino Iglesia Alvariño e Emilio Sinde Nieto, con intervencións de Juan José Díaz Valiño, Alcalde, e Mario Saavedra, Concelleiro de Cultura.
Ricardo Polín, investigador da literatura chairega, pronuncirá a conferencia: ‘Non me esquenzo de vós’. A identidade chairega na poesía de Iglesia Alvariño.

En Muimenta, ás 8 da tarde, na Casa da Cultura: Aproximación a Aquilino Iglesia Alvariño” por Félix Villares, profesor do Seminario de Mondoñedo e responsable do número extraordinario da revista Amencer, dedicado ao poeta.
Recital da súa poesía e intervención musical de Mini e Mero.

Sábado, día 27 de xuño
En Seivane-Vilarente, ás 4,30, ofrenda floral na casa natal de Aquilino Iglesia Alvariño.
Ás 5 na Igrexa parroquial, conferencia de Manolo Regal sobre Aquilino Iglesia Alvariño: 4 estampas rurais.

20/05/09

A tropa de trapo


Un dos actos programados polo ENDL do noso Centro para os alumnos de 4º de ESO foi a actuación do grupo A tropa de trapo. Dous actores representaron oralmente diversos contos: el, contos tradicionais de Galicia e ambientados nos comezos do século pasado, na época da emigración a América; e ela, contos da cultura árabe que o actor acompañaba tocando en diferentes momentos un laúde marroquí e unha viola portuguesa, coma a dos fados.



Na seguinte hora, o alumnado foi repartido en dúas aulas e cada un deles levou a cabo actividades interactivas co grupo: contar historias pasando de man en man un nobelo de fío foi unha delas, como mostran as fotos.



O acto foi agradable, ameno e moi entretido, e aos rapaces resultoulles atractivo e novidoso.

15/05/09

Obradoiro


Entre as actividades que programou o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do noso Centro, unha das máis novidosas e lúdica foi un obradoiro de escritura destinado aos alumnos e alumnas de 2º de ESO. Na imaxe, un momento da actividade.

21/05/08

Contacontos

Como conclusión á Semana das Letras Galegas, o Equipo de Normalización Lingüística do noso Instituto invitou o pasado venres, 16 de Maio, ao contacontos Cándido Pazó a pasar unha hora de humor e diversión connosco.
Trabalinguas recitados a unha velocidade inverosímil, unha explicación a cámara lenta do efecto boomerang ou o conto daquel mozo alcumado Chepudo, que tiña unha moza que era bruxa, foron algúns dos momentos da actuación dun cómico que a todos divertiu.

13/05/08

Teresa Moure

A autora de Benquerida catástrofe e de Herba moura (novela galardoada cos premios Xerais e da Crítica), entre outras obras e premios, veunos visitar para ofrecernos unha charla.

24/04/08

Viaxe a Vetusta

Os quince membros do Clube de Lectura Ponte Vella, acompañados das profesoras Lupe Enríquez e Carmen Muñoz, visitamos Oviedo o día 7 de abril para coñecer os lugares nos que se desenvolve a novela La Regenta, de Leopoldo Alas, Clarín.
Despois dunha bonita viaxe pola costa cantábrica, chegamos a Vetusta, o nome que recibe a cidade na obra. Ás portas da Catedral esperábanos o noso guía, que con moita amenidade foi mostrándonos os sitios máis emblemáticos e dándonos moitos e curiosos detalles. Vimos a capela onde Ana Ozores -a protagonista- confesaba co Maxistral: o casino; os edificios que albergarían a casa da Rexenta, do Maxistral e o palacio dos Vegallana; a casa onde viviu o autor; o edificio da Universidade, na que Clarín foi catedrático de Dereito Natural...
No noso percorrido vimos tamén a Praza do Fontán, o Parque de San Francisco, o Teatro Campoamor (alí ten lugar cada ano a entrega dos Premios Príncipe de Asturias) e algunhas das numerosas esculturas que adornan as rúas. E, como non, subimos ao monte Naranco porque non podíamos deixar de admirar dúas xoias do prerrománico asturiano, San Miguel de Lillo e Santa María do Naranco. Desde alí hai unha vista impresionante de toda a cidade e destaca o futuro Palacio de Congresos que está construíndo o famoso arquitecto Santiago Calatrava.
Compramos afamados doces ovetenses (carbayones e moscovitas) e regresamos pola noite, encantados da nosa viaxe e desexando que haxa outra ocasión de coñecer máis lugares bonitos.

22/01/08

Visita a Lugo

O día 16 de xaneiro fomos a Lugo os alumnos/as dos seguintes cursos: 3ºPDC co profesor Luís Pereira, 4ºPDC coa profesora Ángeles Serrano, e tres alumnas de Cultura Clásica, que ían ver a Casa dos Mosaicos xunto a nós, coa profesora Ana Rico.
Cando chegamos ao Museo tivemos que esperar un pouco para entrar porque tamén había outros colexios, pero xa dentro reunímonos co encargado da actividade, un señor moi amable que nos explicou o que tiñamos que facer: formariamos catro grupos e teriamos que movernos por todo o Museo Provincial para poder responder as preguntas sobre o libro que leramos días antes.
O grupo que gañase tería o mellor premio, pero os outros tamén levarían algo; tamén nos repartiu un folleto coas 20 preguntas sobre o libro e un plano do Museo, e deunos de prazo até as 11’15 para volvernos ver na sala 17 e comprobar os acertos.
Non tivemos demasiada sorte porque nós non gañamos; en cambio, os premios que nos deu o señor do Museo non estiveron mal: aos dun equipo deulles un marcapáxinas, aos do outro unha libreta boa para facer chuletas. Houbo dous equipos gañadores con empate, que levaron o premio máximo: un bolígrafo elástico.

Despois fomos á Casa dos Mosaicos, que está na rúa das Dulcerías, xunto á Praza Maior: entramos e atendeunos unha moza moi amable, que nos explicou moi brevemente o se ensinaba naquel museo subterráneo, sobre todo os mosaicos e como foi construída a casa sobre as ruínas romanas; despois púxonos unha proxección nunha pantalla na que se explicaba a historia e a orixe romana da cidade.
Non estivo nada mal a visita, porque unha cousa é que cho conten e outra vivilo e velo en persoa.

A excursión foi moi divertida: pasámolo moi ben e divertímonos e aprendemos moito.
Pensamos que se podería repetir o ano próximo.


Mª del Rocío Ruíz Rodríguez 3ºPDC
Iván Rodríguez Veiga 3ºPDC

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.