28/02/24

A cara oculta

Está claro que se trata da nosa Lúa, pero seguramente a verás diferente á que vemos cando miramos o ceo pola noite. Iso é porque a da imaxe é a cara oculta do noso satélite, cunha composición e orografía bastante diferente das da cara visible. 
A imaxe deste post é un mosaico formado por 15.000 fotografías individuais tiradas polo Lunar Reconnaissance Orbiter (LRO) da NASA, unha sonda que orbita a Lúa para nos proporcionar imaxes actualizadas e de alta cualidade da superficie lunar.

26/02/24

Día de Rosalía 2024


Pois si, o pasado venres nós tamén celebramos o Día de Rosalía cun acto organizado pola Biblioteca, e coa colaboración do Departamento de Lingua Galega e Literatura e o ENDL do Instituto. A celebración contou coa interpretación de poemas musicados de Rosalía de Castro a cargo do cuarteto vocal "Son de corda", formado por Antón Castro, Fernando Gómez Jácome, Esperanza Iglesias e Carmen Prendes, e co recitado do poema "A xustiza pola man" con acompañamento de piano. Posteriormente, deuse lectura ao manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e ao poema "Negra Sombra" por alumnas do Centro.




Ben falado!

21/02/24

María das Herbas (Proxecto competencial. 1º, 2º e 4º ESO)

Fálalle moito e ben...

O Día Internacional da Lingua Materna (tamén chamado Día internacional da Lingua Propia) foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en 1999 e celébrase anualmente o 21 de febreiro.
A lingua propia de Galiza é o galego mais esta declaración non pode ser só simbólica, Na actualidade, a consideración do castelán como lingua oficial conleva o dereito de usalo e o deber de coñecelo (Artículo 3 El castellano es la lengua española oficial del Estado. Todos los españoles tienen el deber de conocerla y el derecho a usarla.). Os poderes públicos de Galiza non poden consentir un menor estatus legal para o galego, a non ser que queiramos que este sexa estranxeiro na súa patria. Os cidadáns e cidadás da Galiza deben ter a obriga de coñecer e o dereito de usar o idioma galego.
As leis deberían fixar a oficialidade real do idioma en todas as empresas públicas e privadas que ofrezan servizos á cidadanía galega, cando traballen coa administración, atendendo aos cidadáns galegos en galego e respectando o dereito d@s traballador@s a usar o galego.
(Texto: Asociación Alexandre Bóveda)


De vita breve...


 

15/02/24

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2024

ROSALÍA: O AMOR DA PATRIA GALEGA


Hai século e medio, unha moza con pouco máis de vinte anos mudou a Historia. Iso de mudar a Historia non é cousa que aconteza todos os días. Ela era consciente de que os seus libros abrían camiños, que con eles “levantaba unha bandeira” da que non ía desertar. De feito, este recanto do mundo chamado Galiza non é o mesmo após Rosalía de Castro. Hai un antes e un despois.

As palabras que lanzou abriron moitos ollos e calmaron moitas sedes. Non é difícil decatarse da sequidade nos beizos desa cultura silenciada por xeracións e xeracións, mesmo con violencia. Na escola —nunca o esquezamos—, a rapazada que usaba a lingua de Follas novas era castigada vilmente.

As palabras de Rosalía dábanlle dignidade e sentido á fala do pobo galego e ás súas vidas sen nome. As traballadoras e os traballadores conseguían un espello para pensar e un altofalante para denunciar os abusos que padecían:

Por xiadas, por calores, 
desde que amañece o día 
dou á terra os meus sudores 
mais canto esta terra cría,
 todo... todo é dos señores.

 As mulleres, condenadas desde o berce a unha cadea perpetua de explotación e mudez, gañaban o dereito á palabra:

O que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as innumerables coitas das nosas mulleres (...). No campo compartindo mitade por mitade cos seus homes as rudas faenas, na casa soportando valerosamente as ansias da maternidade, os traballos domésticos e as arideces da probeza. Soias o máis do tempo, tendo que traballar de sol a sol, e sin axuda pra mal manterse (...).

 Diversas formas de amar e de vivir a sexualidade (o que hoxe chamamos LGBTQ) sobardaban as censuras:

Solo a virxe é máis hermosa 
que eres ti, bendita santa, 
i o teu rostro pelegrino
o temido demo espanta. 

De ti, vivo namorada, 
en ti penso con fervore. 
Que eu ben sei que che contenta 
este puro e santo amore. 

Quen poidera...! Quen poidera...! 
Xunta ti vivir segura, 
manantial que mel derrama 
pura fonte de ternura!

 E Galiza, a quen ela, a pesar de tantos ataques, sempre defendeu con perseveranza como a súa “patria”, forxaba as chaves para soñar un mañá diferente:

Probe Galicia, non debes 
chamarte nunca española,
que España de ti se olvida 
cando eres, ai!, tan hermosa.
 “O amor da patria me afoga”, escribiu na obra con que inaugurou a literatura galega contemporánea. O seu inmenso segundo libro no noso idioma vai dedicado ás persoas que se organizaban “volvendo para a súa patria os ollos e o corazón”. A patria galega, sempre a patria galega no centro dos seus desacougos, tamén na súa obra en castelán:

...que es el silencio hermano de la muerte 
y yo no quiero que mi patria muera, 
sino que como Lázaro, ¡Dios bueno!,
 resucite a la vida que ha perdido, 
y con voz alta que a la gloria llegue, 
le diga al mundo que Galicia existe.

 Ese amor que ela aqueceu e proxectou é un alento que aínda hoxe mapea horizontes, abre porvires e renace día a día en cada persoa que levanta a cabeza para que Galiza exista, nun mundo mellor, diverso e igualitario. Un mundo, en fin, máis rosaliano.

Carlos Callón 

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) 

#_rdc2024 #oamordapatriagalega

 

Celebración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia no noso Instituto

No ano 2015, a Asemblea das Nacións Unidas declarou o 11 de febreiro como o Día da Muller e a Nena na Ciencia co fin de recoñecer o papel fundamental que desempeñan as mulleres na comunidade científica e tecnolóxica. 

Como parte desta conmemoración, durante a semana do 5 ao 9 de febreiro desenvolvéronse no Instituto distintas actividades coordinadas polas profesoras de Tecnoloxía e Matemáticas Rocío Núñez e Rocío Rois, en colaboración coa biblioteca do centro.

Entre esas actividades estiveron a colocación de pósters de mulleres científicas nos corredores, a recomendación de libros da biblioteca desta temática, a realización de distintos xogos relacionados con esta celebración, así como o concurso “Adiviña quen son”, no que as gañadoras recibiron como premio unha calculadora científica na que se rende homenaxe a unha muller do eido STEM.

07/02/24

CONCURSO “ADIVIÑA QUEN SON”

 11F NORMAS DO CONCURSO “ADIVIÑA QUEN SON”


Para celebrarmos o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia (11 de febreiro), dende o IES Río Miño queremos visibilizar o traballo das mulleres que se dedican ás áreas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Así pois, organizamos o concurso “Adiviña quen son” ao que podedes acceder na seguinte ligazón: 


https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdQsIdnBxR6D0fSYj8CMpxMUO7d18kyueGZ7miuOI8VqLH83g/viewform?usp=sf_link


Teredes que averiguar que científica se atopa detrás de cada unha das pistas colocadas no taboleiro da entrada do instituto. As dúas persoas que coñezan máis mulleres científicas gañarán un agasallo moi científico. Será para ti?


Se aceptas o reto, le as nosas bases:


  • Poderá participar todo o alumnado do Centro.

  • Unha única participación por estudante.

  • Os participantes enviarán as súas respostas a través do formulario.

  • A data límite para a participación no concurso será o xoves día 8 de febreiro ás 20:00

  • Concederanse dous premios para as dúas persoas que teñan máis acertos.

  • No caso de que se produza un empate no número de acertos realizarase un sorteo para decidir as/os premiadas/os.

  • A participación no concurso e o correspondente envío do formulario supón a aceptación destas bases.

  • O/A vencedor/a comunicarase o venres día 9 de febreiro no segundo lecer.


Anímate a participar!

Malas noticias: Índice de lectura nas comunidades con lingua propia.

01/02/24

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.