28/04/11

Maxia e animación á lectura

O pasado mércores, 27 de abril, o primeiro ciclo da ESO disfrutou e participou nun divertido espectáculo de animación á lectura e maxia a cargo de Carlos Coira.
Carlos é natural de Rábade, mago dende neno e relacionado co mundo das artes e a literatura. É licenciado en Filoloxía Inglesa, fundador da editorial Tris-Tram, home de teatro (compañía Matapiollos), coautor, con Antón Cortizas e Jacobo Fernández, de Abrapalabra, función e libro cos que percorre toda Galicia animando ós rapaces a ler.

Entretido, espóntáneo, dinámico e interesante, soubo manter en todo momento a atención do noso alumnado. Como mostra do seu bo facer vaian estas imaxes.


27/04/11

Discurso de Ana María Matute, Premio Cervantes 2011

Foi emotivo e fermoso o discurso pronunciado por Ana María Matute ó recibir de mans do Rei o Premio Cervantes 2011 no paraninfo da Universidade de Alcalá.
A necesidade da imaxinación para estar viva, a reivindicación do conto como xénero maior, a maxia que encerra a expresión "Había unha vez...", pinceladas da súa experiencia vital... tecen unha conferencia deliciosa que merece a pena escoitar. Inserímola a continuación.

12/04/11

Encontros de Bibliotecas Escolares 2011

O pasado venres, 8 de abril, asistimos en Santiago ós Encontros de Bibliotecas Escolares Galegas 2011. Igual que noutras ocasións, o programa foi minuciosamente planificado por Cristina e Pilar, pode consultarse entrando como convidado no Moodle da redeBE. Foi de particular interese a conferencia sobre Prácticas de Avaliación na biblioteca escolar a cargo de Teresa Maña e Mónica Baró e as mesas sobre cine.

Sen dúbida, o mellor de todo, a clausura a cargo de D. Xosé Neira Vilas. Soubemos de primeira man como mercou libros "contra reembolso, con cartos gañados honradamente, vendendo cornello na feira", libros que seu pai lle permitiu seguir mercando "moderadamente"; o seu labor en prol da literatura, xunto con Anisia Miranda, a súa compañeira xa falecida; o respecto co que se trata ós mestres en países pouco desenvolvidos e a súa opinión sobre a nugalla dos nosos/as adolescentes.

A súa vitalidade, simpatía, entusiasmo e conciencia de galeguidade podedes comprobala na intervención que enlazamos aquí.









Video streaming by Ustream

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.