30/06/08

Balance


Estimados usuarios:
Con motivo do fin de curso o equipo da biblioteca quere facer un pequeno balance final das actividades levadas a cabo neste curso:


  • Reorganizamos o espazo da biblioteca.

  • Situamos dous puntos máis de busca informatizada.

  • Comenzamos o rexistro e catalogación dos fondos documentais no programa MEIGA.

  • Suscribímonosa oito publicacións periódicas de temática variada.

  • Atendemos ó préstamo e orientación dos rapaces na busca da información.

  • Colaboramos con varios departamentos e coordinamos diversas actividades:

    -"125 anos de Picasso".
    -"250 anos de Mozart".
    -"Dillo con versos".
    -"Semana da prensa", entre outras.
    Desde a Biblioteca do IES Río Miño, queremos agradecervos o voso interese e colaboración e esperamos seguir contando convosco no vindeiro curso.

25/06/08

Haikus

O haiku é un poema tradicional xaponés, con tres versos de 5, 7 e 5 sílabas, sen rima, que buscaba describir fenómenos naturais, os paso das estacións do ano ou o correr dos días.
Os alumnos de 3º de PDC compuxeron algúns, dos que seleccionamos os que vedes a seguir; a imaxe que ilustra a entrada é, naturalmente, de Monet.


Hay mariposas
por donde van mis amores
delante, detrás.
(Rocío Ruíz)


Noite de verán,
hai ras que cantan suave.

Ladran os cans.
(Javier Carballido)


El sonido del agua
hace calmar
todos mis miedos
(Fernando Álvarez)


09/06/08

Premios Xerais

A Editorial Xerais concedeu os Premios Xerais de Novela 2008, Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil e o Merlín de Literatura Infantil, aos escritores Manuel Lourenzo González, Marilar Aleixandre e Mar Guerra, respectivamente.
O fallo do xurado e a entrega dos galardóns tiveron lugar nun acto celebrado na Illa de San Simón.
Manuel Lourenzo obtivo o Xerais pola novela O xardín das pedras flotantes. O Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil foi para a escritora Marilar Aleixandre por A cabeza da augamar. Por último, a xornalista e escritora Mar Guerra resultou vencedora do Premio Merlín de Literatura Infantil con Xenaro e ou misterio da mochila verde.
Estes libros, que xa desde agora recomendamos, pronto estarán na nosa Biblioteca.

06/06/08

Visitamos un luthier

Organizada polo Departamento de Música, realizamos unha visita ao obradoiro de instrumentos musicais Xaneco, en Outeiro de Rei, que leva desde 1990 elaborando instrumentos e dando a coñecer a percusión tradicional.

Arriba, unha vista do obradoiro: a ferramenta e a mesa de traballo.

O luthier mostrou ao grupo os diferentes instrumentos confeccionados no obradoiro. Arriba, o tamboril; abaixo, o pandeiro. Nos dous casos, as materias primas foron a madeira e mais a pel de cabuxa.

O mestre mostra a seguir unhas tarrañolas,

...varias clases de castañolas,

...as culleres, feitas á man a partir dunha soa peza de madeira,

...o charrasco, máis habitual no suroeste de Galicia,

...e por fin, o máis complexo, elaborado e rico de todos: unha preciosa zanfona.

Abaixo, vista da zanfona, herdeira do organistrum medieval: durante os séculos do esplendor lírico galego-portugués acompañou os trobadores e xograres nas cortes, antes de entrar ela mesma en decadencia e servir de acompañamento só aos cegos dos cantares.

Grazas ao mestre Santalices, a zanfona é hoxe un elemento indispensable da nosa música.


Unha parte do grupo posa para o blog antes da visita ao obradoiro de Xaneco.

03/06/08

Recomendamos...

Gran libro dos retratos de animais, de Svjetlan Junakovic, que hoxe vos recomendamos, foi concibido como proba de que, ao longo da historia, os animais, vestidos coas súas mellores galas, posaron para os máis considerados e reputados retratistas.
Lonxe dos manuais convencionais, a verosimilitude dos retratados e as explicacións dos cadros que o ilustrador croata nos ofrece, xogan cunha base histórica, pero na que os animais son os verdadeiros protagonistas.
As explicacións que acompañan a obra ofrecen información sobre a época, o artista, o animal retratado... que serán a chave para quen desexe afondar no coñecemento dos cadros orixinais, punto de partida dos retratos.

02/06/08

Recomendamos...

...esta vez un comic, ou mellor dito, toda unha serie: O gato do rabino, de Joann Sfar.

Un rabino ten un gato que, tras comer un loro, pode falar. Desde aquela, o felino muda para sempre, e discute cos homes sobre a relixión, os costumes ou o sexo. Ama por riba de todo a súa querida ama, a filla do rabino, e a súa retranca vital é notable e deliciosa.

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.