31/10/11

Presentación


O xoves próximo ás 8 do serán Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, presenta en Lugo o seu libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos.
O acto será no Centro Social Uxío Novoneyra (rúa Quiroga Ballesteros, 1) e asistirán Antón Bao(Tenente de Alcalde de Lugo) e Carlos Vello (pola Mesa da Zona).

26/10/11

Conferencia de Pepe Coira

Tonina Gay, desde o cineclube Valle Inclán, envíanos a seguinte reseña:

O Club Cultural Valle-Inclán programa a segunda das conferencias do ciclo “Leccións de cine”.
Pepe Coira impartirá a súa clase sobre A produción. Terá lugar este xoves, día 27 de outubro, a partir das 20,00 horas, no salón de actos do Pazo de San Marcos, Deputación Provincial.
A entrada será libre e gratuíta.


Pepe Coira
Nacido en Rábade (Lugo) en 1963. Licenciado en Xeografía e Historia –especialidade de Hª da Arte Moderna e Contemporánea- pola universidade de Santiago e diplomado en Historia e Estética da Cinematografía pola universidade de Valladolid.
Crítico cinematográfico, guionista e produtor de programas para TV. Director do CGAI nos sete primeiros anos de vida deste organismo, ocupado da promoción, difusión e recuperación do audiovisual galego, labor polo que se lle concedeu o primeiro premio “Fernando Rey” da Asociación Galega de Produtores Independentes. Trala súa dimisión como director do CGAI, dá clase na Escola de Imaxe e Son ata o 2000.
O seu nome está vencellado a títulos como Mareas vivas, Terra de Miranda, A miña sogra e mais eu, As leis de Celavella, Vida nas mareas, O mundo de Celavella, De bares.
Traballou para o grupo Fílmax na produtora Bren Entertainment, sendo xefe de Desenvolvemento da mesma e produtor executivo de Filmax TV. Neste período dedícase especialmente ao xénero documental, tanto seriado (Hai que mollarse, Botarse ao monte), coma longametraxes: Lume e fume, Historia dunha parroquia, Tolos por Xapón, O premio da rubia, Prodixiosos, Eloxio da distancia, Días de reparto, así como a longametraxe para televisión Reliquias.
Desde 2010 traballa como profesional independente.

No ámbito da docencia foi profesor asociado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra entre os anos 2004 e 2007e no Máster de Produción e Xestión Audiovisual da Universidade d’A Coruña desde a súa fundación ata a actualidade.

Traduciu ao galego as Notas sobre o cinematógrafo, de Robert Bresson (1994). É autor dos libros As catro vidas dunha película (1995), Antonio Román. Director de cine (1999, cunha segunda e ampliada edición en castelán: Antonio Román, un cineasta de posguerra; premio ao mellor libro universitario español do ano 2004), Unha (brevísima) historia do cine (2001), No verán de 1940 (2004) e colaborou nas obras colectivas Historia do cine en Galicia (coord. José Luis Castro de Paz, 1997), Diccionario del cine español (coord. José Luis Borau, 1998) e Diccionario do cine en Galicia (1896-2000), do que tamén foi coordinador.

Á marxe de asuntos audiovisuais, é socio fundador da editorial TrisTram, na que se dedicou a traducir relatos e poemas de autores clásicos universais.

10/10/11

II Día da ciencia en galego


Este ano foi declarado Ano internacional da Química pola UNESCO, polo que o día da ciencia en galego 2011 o dedicaremos á Química, á muller na ciencia e, tamén, homenaxearemos a María Curie e María Wonenburguer, unha matemática galega.

Se queres coñecer a súa vida podes consultala premendo aquí.

Únete e participa no II día da Ciencia en Galego ; na ligazón atoparás propostas máis detalladas, así como a solicitude de participación dos centros na Semana da Ciencia cun obradoiro de robótica en Lugo durante o mes de novembro.

03/10/11

Recortes, desilusión

Baixo este epígrafe publican un post as nosas compañeiras do club de lectura Balbordo, do IES Río Cabe de Monforte. Nas súas liñas reflíctese con detalle o sentir de moitos docentes ante a falta de persoal, as mermas económicas e a mala imaxe que se tenta dar do noso colectivo. Podes lelo pinchando aquí.



Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.