20/12/23

A Quenlla: No pendello (Panxoliña de Nadal)

Elixe a Palabra do Ano (ata o 25 de decembro)

 

A lingua é un espello do que somos, do que queremos ser, do que nos ocupa e preocupa en cada momento a cadaquén, a todos e todas como sociedade. O lugar onde as palabras existen con máis intensidade é a actualidade, ese día a día compartido no que, como tan claro nos queda nestes tempos pandémicos, o público e o privado conflúen. Por iso escoller unha Palabra do Ano significa tomar ao mesmo tempo conciencia do valor da lingua e do que designan as palabras que eliximos e creamos.

Decidir colectivamente cal é a palabra que identifica o ano que remata é tamén un xeito de resumirmos como o vivimos. No bo ou no malo. E mesmo unha maneira de redimírmonos daquilo que se quere deixar atrás. Ou unha forma de agradecer o bo e de buscar acougo. Vós decidides. Vós tendes a palabra.

Vota aquí

19/12/23

Metadatos

Cando traballas con arquivos informáticos tes que ser consciente de que, ademais da información que podes ver no seu contido (texto, imaxes, táboas con datos...), os programas e mesmo o sistema operativo do teu equipo vanlles achegando datos adicionais que non están á vista.

Incluso hai operacións que poden traspasar estes datos adicionais dun documento a outro sen que te decates (como copiar elementos dun arquivo PDF a un documento de LibreOffice).

 

Estamos a falar dos METADATOS.

Entre os seus propósitos están axudar a localizar, describir ou clasificar os arquivos; así, o sistema pode ordenalos por data de creación ou modificación, amosar o autor, ou, no caso dunha fotografía, coñecer as súas coordenadas GPS.

Cando se difunden os teus arquivos (por exemplo pola súa publicación nunha páxina web ou ao envialos por correo electrónico), estes datos adicionais poden supoñer un problema de privacidade e mesmo de seguridade, porque proporcionan información que podería ser útil para a preparación dun ciberataque contra a túa contorna de traballo, pois tamén poden incluír nomes de usuario, direccións de correo electrónico, programas que utilizas, estrutura de cartafoles…

Por iso, xusto antes de difundir un arquivo, especialmente cando non se sabe quen vai poder acceder a el, debes comprobar cales son os metadatos que leva asociados e, de estimalo conveniente, eliminalos.

 

Podes acceder ás instrucións para consultar ou eliminar os metadatos en arquivos ofimáticos na seguinte ligazón.

 

Lembra que podes atopar máis información e consellos sobre ciberseguridade e protección de datos no portal ciberseguridadegalicia.gal.

 

 (Información difundida pola Consellaría de Educación)

 

Ailá de Nadal: Panxoliñas

 

 A Secretaría Xeral de Política Lingüística pon a disposición da cidadanía este disco de cancións de Nadal de Ailá coa finalidade de contribuír a divulgar e dar a coñecer o rico patrimonio galego de tradición oral e cultural destas datas na lingua propia de Galicia.


 

Panxoliñas, de parte de Orgullo Galego

Para o colexio, casa, no coche ou na rúa...aquí vai unha lista de panxoliñas en galego para as vindeiras semanas! Menos "burrito sabanero" e máis "nadal de Luintra"


 Pois entra neste enlace

15/12/23

Ciberapostas


 O alumnado de 4º da ESO do noso Instituto asistiu onte a unha charla sobre os perigos das apostas on line, a ludopatía e outras adiccións en rede que impartiu o cabo primeiro da Garda Civil, especialista en redes sociais e delitos económicos, D. Pablo Anido.

06/12/23

Concurso de Microrrelatos (e VI)

 "MOSAICO DE CORES"


Na pequena cidade de Ribadavia, as rúas murmuraban historias de resistencia. Xela, unha moza valerosa, decidiu sementar flores en cada esquina, cada pétalo representando a afouteza das mulleres. Os seus veciños, primeiramente indiferentes, axiña se uniron. Xuntos, crearon un mosaico de cores contra a cor gris da violencia de xénero.

Cada rosa, cada tulipán, convertéronse nun berro silencioso de solidariedade. A comunidade sensibilizouse, deixando atrás a apatía inicial. Ribadavia transformouse nun xardín de conciencia, onde as raíces de conciencia, onde as raíces de empatía xerminaron profundas. As flores non soamente ornamentaban as rúas senón tamén as mentes, lembrando a todos que a violencia de xénero non pode enraizar onde florece o respecto.

Andrea Mayo Vázquez ( 2.º A Bac)

05/12/23

Concurso de Microrrelatos (V)

"UN NOVO AMENCER SEN SOMBRAS"

Nunha aldea galega, non moi lonxe de aquí, Sabela soportaba en silencio os golpes do seu home. As súas feridas eran como segredos enterrados na terra. Un día, a forza silenciosa de Sabela espertou. Cansa de ser sombra, atopou coraxe nunha noite de inverno chuviosa. Coa forza do vento e a rabia do lume, pronunciou palabras que romperon en silencio. A aldea escoitou o eco das súas verbas, que resoou como unha tempestade. Foron os propios veciños os que se reuniron en contra da violencia machista. As raíces do mal comezaron a desprenderse.

Sabela, agora un faro de esperanza, guiaba a aldea cara a un novo amencer sen sombras.

Noa López Follana (2.º A Bac)


 

04/12/23

Concurso de Microrrelatos (IV)

"VERDADES DE XIMENA"

-Xa sabes o que vas querer para Nadal? -preguntoulle o seu pai mentres xogaban cos coches de xoguete de Ximena.

-Quero que mamá deixe de chorar cando vai ao baño polas noites -dixo a pequena de seis anos sen mirar para ningún dos seus pais.

A nai de Ximena fitou cara ao chan cando o seu marido mirou para ela con cara de enfado, este deixou de mirala para dirixirse de novo á súa filla.

-Ximena -dixo o pai- a nena levantou a cabeza e sorriulle, por que non vas para a cociña un pouco?

A aludida mirou a súa nai, quen lle sorría, e despois asentiu, foi á cociña e pechou a porta. Nos seguintes dez minutos, Ximena escoitou golpes, o son de cousas ao romper, os berros de seu pai e o pranto de súa nai e comezou a chorar ela tamén, con nerviosismo e con medo. Logo dun par de minutos, todo ruído cesou e Ximena saíu correndo cara ao salón con medo de que tivese pasado algo. Cando abriu a porta, viu a súa nai tirada no chan con negróns e sangrando de maneira incontrolable e a seu pai, de pé, mirando cara a ela, cunha navalla na man.

Ximena non se decatou cando seu pai se achegou a ela e lle cravou esa mesma navalla no peito, máis dunha vez, acabando coa súa vida.

Lagoa Araújo González(4.º B ESO)


É luns...

01/12/23

E aquí as temos... As gañadoras do Concurso de Microrrelatos con cadanseu diploma acreditativo

Concurso de Microrrelatos (III)

"FACÉNDOME A MUDA"

Recordas a Mariña?, aquela nena case adulta?, pois ben, Mariña medrou, namorouse nun día entre os outros moitos do calendario e casou con Ramón. Este era un home grande como un rañaceos e forte coma un boi. Ramón tiña moito temperamento e un día perdeu os papeis, ao punto que chegou a agredir a Mariña fisicamente, el acostumaba dicirlle que era unha inútil e cousas así, pero ese día... pegoulle tanto que a deixou na cama, no hospital e coa perna esquerda rota. Mariña non denunciou pensando que non pasaría de novo, pero as palizas volvéronse frecuentes, todos os días como mínimo recibía unha bofetada, pero Mariña non dicía nada, ela ten moito medo e aínda hoxe non dixo nada, anhelo o día no que chame á policía. Isto non o sabe ninguén, só ti mais eu. Encantada, Son Mariña!

Noa Cabarcos Camba (4.º A ESO

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.