18/11/21

Darío. In memoriam

 


Estamos conmocionados pola noticia do falecemento onte de Darío Xohán Cabana, poeta e narrador galego imprescindible, que acudiu á nosa Biblioteca en febreiro de 2014 para un encontro co alumnado de Bacharelato, que lle fixo  preguntas sobre o seu Galván en Saor, lectura obrigatoria aquel curso e outros posteriores.

Sempre é triste cando morre un escritor ou escritora, pero se se trata de alguén bo e xeneroso, honesto e comprometido coa súa terra, como Darío o foi, a tristeza é case insuperable.

Que a terra lle sexa leve.

Faleceu Darío Xohán Cabana


Por amor nacín da terra.
Por amor son o que son.
Por amor canto o meu canto,
por amor.
Por amor sángranme os pulsos
e ábreseme o corazón
Por amor doénme os ollos.
Por amor, só por amor.

11/11/21

Cristina Peri Rossi, flamante Premio Cervantes

 A autora uruguaia, exiliada desde 1972 en Barcelona, acaba de ser premiada co Cervantes, máximo galardón das letras en español. Ata o momento, só cinco escritoras foran premiadas con el; a última, IdaVitale, que en 2018 se uniu ás españolas María Zambrano (1988) e Ana María Matute (2010), a cubana Dulce María Loynaz (1992) e a mexicana Elena Poniatowska (2013). 

Peri Rossi, novelista, poeta, creadora de relatos, feminista convencida, e autora de obras como Las musas inquietantes, El libro de mis primos, Los amores equivocados, Todo lo que no te pude decir ou, máis recentemente, La insumisa.

09/11/21

COP 26

 Estase a celebrar na cidade escocesa de Glasgow o Cumio do Clima, de enorme importancia para o futuro inmediato, xa que das decisións e compromisos que se adopten depende o futuro do noso planeta.

Se queres máis información, podes entrar nos seguintes enlaces:


Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.