30/05/13

Adolescentes e violencia machista

      Enlazamos un interesante artículo publicado no xornal  El País do 29-05-2013, que trata da violencia machista nas parellas de adolescentes.
      Segundo os datos aportados polos centros especializados en atención a malos tratos, os casos xudiciais aumentan entre as rapazas de 15 a 17 anos, rexistrándose algúns xa desde os 12 ou 13.
      A situación ben merece unha reflexión. Roles que parecían superados, volven a ser asumidos polas nosas adolescentes, que non saben establecer os límites soportables nunha relación. Por outra parte, algúns patróns de conduta que aporta a vida real e os medios de comunicación son erróneos  e non contribúen ao correcto desenvolvemento da dignidade da persoa.
      Contra todo iso, a única ferramenta ao noso alcance é a educación en igualdade. 



27/05/13

Adeus a Georges Moustaki

      Georges Moustaki, cantautor francés nado en Alexandría (Exipto)  vén de falecer en Niza aos 79 anos.
Compuxo unhas trescentas cancións que interpretaron cantantes de todo o mundo  en diferentes linguas e  que quedarán para sempre na memoria dos afeccionados á música.

     Soñador e tenro, escribiu sobre temas universais, de actualidade; porque sempre haberá namorados, estranxeiros, persoas que sofren de soedade ou quen sinta desexos de liberdade. Adoitaba acompañarse da guitarra, acordeón ou piano para cantar dunha maneira moi persoal as súas propias composicións; aspecto que lle fixo acadar unha gran popularidade como intérprete desde 1970.  

     Adxuntamos un vídeo dunha das súas cancións máis escoitadas, Ma liberté.  Para os políglotas, enlazamos un resumo, en francés, da nova e da súa vida:  AQUÍ.


26/05/13

Tristes Lembranzas


Patricia Seijas Díaz, alumna de 3º de ESO do noso Instituto, resultou a gañadora do concurso literario que con motivo da celebración do Día das Letras Galegas organiza o Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística. 

Eis o seu relato, titulado Tristes Lembranzas:


Recordo moi ben o día que coñecín a Lola, unha rapaza que chegou deica a miña oficina un martes dun mes de verán .

Eu estaba lavando na leituga para xantar cando escoitei timbrar na porta. Saín fóra, aínda coa toalla secando as mans.
Sorprendeume moito ver aquela rapaza tan deprimida, deille a benvida e mandeina pasar para o despacho. Senteime e díxenlle a ela que tamén se sentase .

Pregunteille cal era o obxectivo de virme visitar e ela díxome que era a ilusión de poder seguir vivindo na casa na que nacera, xa que agora había alguén que lla quería quitar .

Aínda que me esforcei e intentei sacarlle as máximas palabras da boca, non dei feito máis. A súa voz e as palabras empregadas por ela amosaban unha gran tristura polo que supuxen que nada máis podería facer por axudarlle .

Despois díxome que se alegraba moito de verme e de falar comigo, pero que non desexaba perder a vez do psiquiatra.

O meu propósito era non cobrarlle nada pero ela deixoume vinte euros encima da mesa.Intentei explicarlle e dicirlle cal era o meu motivo para non cobrarlle nada, pero insistiu,polo que tiven que quedarme con eles . Despois pedinlle o seu número de teléfono para darlle cita para un novo día e intentar sacarlle a máxima información posible. Deumo e despois ela pediume o meu .

Ese mesmo día ás oito deille unha chamada, contestoume algo máis ilusionada, aínda que non era moito, e bastante máis do que cabía esperar. E mesmo contoume que o doutor lle dera un novo tratamento para os seguintes seis meses .

Eu deille vez para o venres, total só faltaban dous días, xa que os outros tíñaos tan ocupados que non podía nin facer un oco .
Cando chegou o día vina aínda máis animada, traía bastantes ganas de falar, polo que llle saquei algo máis de información, que fun anotando mentres ela falaba, máis tarde paseino a limpo no ordenador e logo imprimín todo e fíxenlle unha fotocopia para que tivese tamén todo arquivado . 


Cando rematou mandeille cubrir uns papeis e vin o seu bo nivel en redacción, máis tarde díxenlle que era mellor que me escribise a súa vida dende que comezara a ter problemas. Aceptou e prometeu traer todo feito para o seguinte día .

Este é o traballo que me entregou :

Nacín o oito de setembro de 1987 na parroquia de San Martiño de Belesar nunha casa cun nivel económico bastante baixo , meus pais traballaron moito para que miña irmá máis eu puidésemos estudar e eu sempre cumprínllelo gusto igual que ela . Sacábamos as máximas cualificacións posibles .

A vostede , seguramente, interesaralle esta parte .

Era un domingo de maio cando eu xa estaba cursando o último ano do ciclo superior de administrativo. Meus pais, Ana e Ricardo, decidiran ir á feira de Arzúa para vender os porcos. Eu quedara na casa coa miña irmá, que era moi pequena e mais estudara para as probas finais .

Ían dar as dúas do mediodía, cando sentín o teléfono e ao collelo recibín a noticia de que meus pais faleceran nun accidente de tráfico causado por unha femia de xabaril que saíra do monte á autovía e batera contra eles e despois saíranse da autovía e desprendéranse por unha pendente .

Os gastos do enterro arranxáronse moi ben, pero o peor foi outro problema. Meus pais un ano antes de morreren compraran o coche  no que viaxaban. Pediran un crédito e, por se acaso, pagaban un seguro de vida . A empresa do seguro do coche pagou o material: barreiras e árbores que estaban plantadas na mediana. Pero o seguro de vida non correspondía coa súa promesa asinada nun papeliño que teño gardado . Eu fun un día ata unha das oficinas da empresa e mostreilles o contrato que fixeran meus pais, pero eles insistíronme en que non valía para nada, que todo iso xa quedara obsoleto. Ao sentir que me estaban enganando quitei os cartos do banco, xa que eu estaba sen traballo e miña irmá, aínda que cobraba por orfa, o que gañaba non era suficiente para podermos vivir .

Dende aquela comezáronme a chegar cartas de que se non pagaba o coche embargábanme a casa, que era o único capital que podería costear o coche. Pero o peor foi cando o pasado mes de maio, tres anos despois da morte de meus pais, mandáronme unha carta de que se non pagaba, miña irmá mais eu iríamos para a rúa, e eu fun ao concello e pedín un xustificante das persoas que vivíamos na casa e de que eu estaba sen emprego . Como me volveron mandar outra carta, decidín vir visitar a vostede. Non sei se isto é suficiente para que poida comprender a miña verdadeira situación . Pero, por se acaso, para que comprenda máis, entrégolle tamén os informes médicos nos que figura a miña avanzada depresión .

Estes son todos os datos que Lola me entregou ao seguinte dia que veu, intentei lelos moi ben e prestándolles maior atención para poder axudala . O primeiro que se me veu á cabeza foi falar con ela e dicirlle que me trouxese todos os documentos para eu poder saber se estaban en orde e eran correctos para defender a demanda que poderíamos poñer contra eles por non cumprir co seu trato . Cando mos ensinou ,puiden ver que eran válidos e que podería sacar a Lola e máis a súa irmá Tareixa do problema no que as meteran.

Dende que Lola puxo a demanda e ensinou todos os xustificantes, a empresa do seguro de vida parou de mandarlle cartas e de chamala .


O día no que Lola e Tareixa deberían marchar da casa non o fixeron nin ninguén as obrigou .

Xa estábamos en novembro cando se deu á luz, o día no que se celebraría o xuízo. Cada vez Lola e mais eu pasábamos máis tempo xuntas, para preparalo .

Cando chegou o día fun buscar a Lola á súa casa,  xa que a pobre non tiña cartos para ir nun taxi , e,  total , a min xa me cadraba de camiño . Nada máis abrirlle a porta para que subise vina moi nerviosa.

Eu, que era a súa avogada,  defendina moi ben e presentei todos os contratos, cartas e xustificantes médicos da depresión de Lola . Aínda que ese día non se souberon os resultados, eu pensei xa ter gañado.

Pero a boa nova leveina o 20 de abril , cando, a través dunha chamada telefónica, mo comunicaron dende o xulgado .

A empresa do seguro de vida tívolle que dar a Lola un millón das antigas peseta, e  facerse cargo de rematar de pagar o coche e os medicamentos que Lola tomara e tomaba .

Cústame dicilo, a verdade, pero a miña cliente acabou suicidándose e deixando sen familia a súa irmá, que agora xa é maior de idade . Non sei como puido facelo , despois de ter todo en orde, pero a verdade é que lle estragaron a vida.

Aínda que pareza mentira,  eu quedei ferida para sempre , como se tivese unha lanza no corazón; sinceramente digo que non renunciei ao meu posto porque necesito diñeiro para vivir e non sei doutro traballo, se o soubese deixaríao. Cada vez que vou a un xuízo acórdome de Lola e remato chorando .

22/05/13

Pepe Coira no IES Río Miño

      Onte a biblioteca contou cun invitado de honra: Pepe Coira.

   Nado en Rábade, é licenciado en Xeografía e Historia, especialidade Hª da Arte Moderna e Contemporánea  pola Universidade de Santiago e diplomado en Historia e Estética da Cinematografía pola Universidade de Valladolid. Despois dun tempo no xornal  El Correo Gallego como crítico de cine e logo redactor, foi director do Centro Galego de Artes e Imaxe e profesor nas Universidades de Pontevedra, Coruña e Santiago.

      Entre os seus traballos como guionista están as series Extramuros e Luces da Cidade e como produtor executivo e editor de guión, Mareas vivas, Terra de Miranda, A miña sogra e mais eu, e As leis de Celavella. Foi tamén Xefe de desenvolvemento e produtor executivo de Filmax TV, onde segue a traballar,  especialmente en documentais.

   Na súa faceta de escritor, é autor de  As catro vidas dunha película, Unha brevísima historia do cine e coautor do Diccionario del Cine Español e do Dicionario do cine en Galicia. Na actualidade segue a impartir clases na Universidade,  á vez que colabora con varias cadeas de TV do estado e produtoras de cine.

      Despois dun percorrido moi ameno e  interesante polas catro vidas dunha película e as diferentes formas de plantexar o desenvolvemento dun film, deu resposta ás cuestións dos asistentes, aos que soubo chegar, mantendo en todo momento o seu interese e atención. Ilustrou a súa intervención con diversas anécdotas. Falou de Bresson, de Truffaut, de Harry Potter, de efectos cinematográficos, de series actuais...

    En suma, o alumnado quedou gratamente impresionado pola charla co convidado, a quen todos os ouvintes consideramos un home apaixoado pola súa profesión, pois, segundo el mesmo afirma,  non coñece nada mellor ao que adicarse.




          

18/05/13

Día Internacional dos Museos

Unha selección das mellores pinturas do mundo, no Día Internacional dos Museos. Moitas delas están en exposición no Museo del Prado (Madrid).

.

15/05/13

Ano de Roberto Vidal Bolaño

Queremos render homenaxe ao dramaturgo, actor e director máis renovador do teatro e da cultura galega dos últimos anos do século XX  e cuxa influencia chega á actualidade,  insertando un excelente telexornal feito polos alumnos do CPI dos Dices Rois sobre a vida e obra de Roberto Vidal Bolaño. Agradecémoslles poder compartilo.

 

Outros recursos sobre Roberto Vidal Bolaño:




02/05/13

Cine e libros

Os libros e o cine sempre casaron ben por razóns ben diferentes. Este nutriuse en moitas ocasións dos primeiros e aqueles introduciron o cine nas súas historias. Con motivo do Día do Libro, Rtve2 emitiu unha interesante reportaxe cunha selección de fragmentos de películas que ilustran esta  boa relación. Nós enlazámola por ser o tema de traballo neste curso. Grazas aos compañeiros da biblioteca do IES Pazo da Mercé de As Neves (Pontevedra).

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.