22/12/13

Guía Nadal 2013



Estas son as suxestións de lectura para este tempo de inverno. Vaian con elas os nosos mellores desexos para estas festas e para o ano 2014. 
Para saber máis, pica AQUÍ

07/12/13

24/11/13

Doris Lessing, In memoriam



O 17 de novembro faleceu Doris Lessing. De orixe persa, foi unha escritora valente e comprometida, defensora dos dereitos da muller e a súa igualdade co home, do respecto pola natureza, da vida digna dos habitantes de África, onde medrou; do pacifismo e outros aspectos sociais do entorno no que lle tocou vivir.

No 2007 acadou o Premio Nobel de Literatura e con tal motivo os compañeiros da biblioteca do IES Concepción Arenal de Ferrol elaboraron unha valiosa e moi detallada presentación. No seu pasamento tiveron a deferencia de compartila coas oportunas adaptacións. Nós agradecémolo e enlazámola polo seu interese.

05/11/13

Como atopar o que busco



 Esta é unha guía para buscar fondos  no catálogo en línea da biblioteca.  Agradecemos ao IES "As Mariñas"  de Betanzos este estupendo enlace  que, sen dúbida, nos vai servir de       boa axuda.

01/11/13

Día das bibliotecas e Samaín



Para celebrar estas datas organizamos unha exposición de libros e cine de medo que xa está na entrada do instituto.

Agradecémoslles ás alumnas de 1º de bacharelato e aos alumnos de 2º da ESO a súa colaboración para levala a cabo.

20/09/13

Benvidos

Afrontamos un curso que trae novos retos e poucos recursos. Será preciso poñer todo o empeño e esforzo para percorrer o longo camiño que nos separa da meta. 
Cómpre resistir. É posible. 
Moito ánimo!!

18/08/13

Divírtete lendo co F.C. Barcelona

O Consello da Comunicación de México contou con Iniesta, Piqué e Xavi para fomentar a lectura entre os seus cidadáns. Enlazamos a nova pola parte que nos toca.


24/07/13

No día dos avós

Chéganos por medio da Asesoría de Bibliotecas Escolares unha información sobre lecturas relacionadas coas avoas e avós. Temos a experiencia da boa acollida de libros como Chamádeme Simbad de Francisco Castro, por iso queremos engadir outros libros que poden ser do interese de todos vós. Algúns deles xa están nos andeis da biblioteca e outros irémolos incorporando á volta das vacacións.

Por se alguén se quere anticipar, aí vai esta suxestión das Bibliotecas Escolares de Aragón e estoutra do Servicio de Orientación de Lectura.

08/07/13

Mercadillo de intercambio de libros de texto

Hoxe e mañá, días 8 e 9 do presente mes de xullo, ponse en marcha un mercadillo de intercambio de libros de texto con vistas á súa utilización para o vindeiro curso. 

Parécenos unha forma moi interesante de aproveitar os recursos existentes e un bo modo de axudármonos en tempos de crise.

É unha iniciativa do Concello de Lugo a través da Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua. Quen teña interese, pode dirixirse á Casa da Xuventude, de 11 a 14 horas, na rúa Xesús Bal e Gay s/n, en Lugo.

28/06/13

Pan, pan e máis pan (Bakery work)

E ti, sabes facer pan? Non?
Pois mira este vídeo e ao mellor aprendes. E, se non, seguro seguro que te animas.

27/06/13

Letras Galegas 2014: Xosé María Díaz Castro



Sábese xa desde hai uns poucos días: o escritor escollido pola Real Academia Galega para ser homenaxeado no Día das Letras Galegas do ano próximo será Xosé María Díaz Castro, poeta chairego, nacido en Parga (Guitiriz) pronto fará un século, e autor dunha única obra, Nimbos (1961), de gran beleza e fonda repercusión na lírica galega da segunda metade do XX.

21/06/13

Lecturas, cine e música para o verán





Publicamos a nosa guía de suxestións para este verán.

Desexamos que o lecer sexa para todos positivo e reparador de forzas e ánimos na compaña dos libros, o cine e a música.

Para entrar, pinchar AQUÍ.



15/06/13

Vestimenta romana

Para ilustrar a festa de exaltación do pasado romano de Lugo, Arde Lucus,  que se celebra este fin de semana na capital da provincia, enlazamos un slide que resume a vestimenta máis habitual dos romanos. Ao final tedes a opción de consultar máis indumentarias e outros aspectos desta e doutras culturas. Agradecemos ao seu autor poder compartilo.

04/06/13

Relato

E a continuación, o outro relato premiado no concurso convocado polo EDNL do noso Centro con motivo do Día das Letras Galegas, esta vez na modalidade de primeiro ciclo de ESO.
A autora é Susana Adkinson Costoya, de 1ºESO-A.


SE AOS NENOS NOS DEIXARAN SER CREATIVOS..........................


Un día, unha mestra puxo como deberes ós seus alumnos unha redacción de como farían eles para cambiar o mundo, e esta é a miña redacción:
Se aos nenos nos deixasen ser creativos­:
Non habería crise,  porque os cartos tan só son papeis de cores, con fabricar máis nunha fábrica de facer cartos, xa estaría.  E en todo caso usaríamos os trocos, como se facía antes, e funcionaba moi ben.
Non habería guerras,porque só é cuestión de  poñerse de acordo uns cos outros e facer a paz. Respetar ós demais como nos gustaría que nos respetasen a nós, aínda que pensen distinto, recen distinto ou non recen. Todos queremos o mesmo: ser felices e vivir en paz. 
Non habería pobreza,  porque só é  cuestión de repartir a riqueza do mundo mellor: Convenceríamos aos ricos para que axudaran aos pobres. E aquilo que xa non usamos, podemos entregalo a outros que lles faga falta. A comida que sobra nos restaurantes, poderíase entregar a aqueles que tivesen fame. Aquelas persoas que dormen na rúa, poderían habitar algunhas casas sen dono abandonadas, a cambio de que as coidasen ben.
Non habería desigualdade, porque os nenos sabemos que  unha nena e un neno son iguais, que un home e unha muller tamén o son, e que un negro, un branco ou un chino só se diferencian na cor da súa pel.
Non habería tantas desgracias na natureza, porque os nenos sabemos que hai que cuidar o planeta, que non se poden talar as árbores que son o pulmón da terra, que hai que reciclar, que hai que respetar os seres vivos, os rios, os mares, os animais. É fácil!
Non faría falta petróleo, porque aprenderíamos a usar a enerxía da natureza, facendo que fose suficiente para o que necesitamos.
Non habería enfrentamentos ridículos, porque sabemos que hai que respetarse, que hai que ser educados, e bos uns cos outros.
Se nos deixasen aos nenos todos verían que a maxia existe cando se cre nela, algo que a maioría dos maiores esqueceron, e eu non sei por que.
Así me ensinaron a min, así son eu, así de fácil vexo o mundo, o único que non entendo é  por que os maiores que o poden cambiar non o fan. Pero sei que cando eu medre, seguirei sendo así, e que farei todo o posible por cambiar o mundo, polo menos, o meu mundo.
Agora só son unha nena de case 10 anos moi ilusionada e feliz.
 
          
Espero que vos gustase o meu conto.
                                                                                                           

30/05/13

Adolescentes e violencia machista

      Enlazamos un interesante artículo publicado no xornal  El País do 29-05-2013, que trata da violencia machista nas parellas de adolescentes.
      Segundo os datos aportados polos centros especializados en atención a malos tratos, os casos xudiciais aumentan entre as rapazas de 15 a 17 anos, rexistrándose algúns xa desde os 12 ou 13.
      A situación ben merece unha reflexión. Roles que parecían superados, volven a ser asumidos polas nosas adolescentes, que non saben establecer os límites soportables nunha relación. Por outra parte, algúns patróns de conduta que aporta a vida real e os medios de comunicación son erróneos  e non contribúen ao correcto desenvolvemento da dignidade da persoa.
      Contra todo iso, a única ferramenta ao noso alcance é a educación en igualdade. 



27/05/13

Adeus a Georges Moustaki

      Georges Moustaki, cantautor francés nado en Alexandría (Exipto)  vén de falecer en Niza aos 79 anos.
Compuxo unhas trescentas cancións que interpretaron cantantes de todo o mundo  en diferentes linguas e  que quedarán para sempre na memoria dos afeccionados á música.

     Soñador e tenro, escribiu sobre temas universais, de actualidade; porque sempre haberá namorados, estranxeiros, persoas que sofren de soedade ou quen sinta desexos de liberdade. Adoitaba acompañarse da guitarra, acordeón ou piano para cantar dunha maneira moi persoal as súas propias composicións; aspecto que lle fixo acadar unha gran popularidade como intérprete desde 1970.  

     Adxuntamos un vídeo dunha das súas cancións máis escoitadas, Ma liberté.  Para os políglotas, enlazamos un resumo, en francés, da nova e da súa vida:  AQUÍ.


26/05/13

Tristes Lembranzas


Patricia Seijas Díaz, alumna de 3º de ESO do noso Instituto, resultou a gañadora do concurso literario que con motivo da celebración do Día das Letras Galegas organiza o Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística. 

Eis o seu relato, titulado Tristes Lembranzas:


Recordo moi ben o día que coñecín a Lola, unha rapaza que chegou deica a miña oficina un martes dun mes de verán .

Eu estaba lavando na leituga para xantar cando escoitei timbrar na porta. Saín fóra, aínda coa toalla secando as mans.
Sorprendeume moito ver aquela rapaza tan deprimida, deille a benvida e mandeina pasar para o despacho. Senteime e díxenlle a ela que tamén se sentase .

Pregunteille cal era o obxectivo de virme visitar e ela díxome que era a ilusión de poder seguir vivindo na casa na que nacera, xa que agora había alguén que lla quería quitar .

Aínda que me esforcei e intentei sacarlle as máximas palabras da boca, non dei feito máis. A súa voz e as palabras empregadas por ela amosaban unha gran tristura polo que supuxen que nada máis podería facer por axudarlle .

Despois díxome que se alegraba moito de verme e de falar comigo, pero que non desexaba perder a vez do psiquiatra.

O meu propósito era non cobrarlle nada pero ela deixoume vinte euros encima da mesa.Intentei explicarlle e dicirlle cal era o meu motivo para non cobrarlle nada, pero insistiu,polo que tiven que quedarme con eles . Despois pedinlle o seu número de teléfono para darlle cita para un novo día e intentar sacarlle a máxima información posible. Deumo e despois ela pediume o meu .

Ese mesmo día ás oito deille unha chamada, contestoume algo máis ilusionada, aínda que non era moito, e bastante máis do que cabía esperar. E mesmo contoume que o doutor lle dera un novo tratamento para os seguintes seis meses .

Eu deille vez para o venres, total só faltaban dous días, xa que os outros tíñaos tan ocupados que non podía nin facer un oco .
Cando chegou o día vina aínda máis animada, traía bastantes ganas de falar, polo que llle saquei algo máis de información, que fun anotando mentres ela falaba, máis tarde paseino a limpo no ordenador e logo imprimín todo e fíxenlle unha fotocopia para que tivese tamén todo arquivado . 


Cando rematou mandeille cubrir uns papeis e vin o seu bo nivel en redacción, máis tarde díxenlle que era mellor que me escribise a súa vida dende que comezara a ter problemas. Aceptou e prometeu traer todo feito para o seguinte día .

Este é o traballo que me entregou :

Nacín o oito de setembro de 1987 na parroquia de San Martiño de Belesar nunha casa cun nivel económico bastante baixo , meus pais traballaron moito para que miña irmá máis eu puidésemos estudar e eu sempre cumprínllelo gusto igual que ela . Sacábamos as máximas cualificacións posibles .

A vostede , seguramente, interesaralle esta parte .

Era un domingo de maio cando eu xa estaba cursando o último ano do ciclo superior de administrativo. Meus pais, Ana e Ricardo, decidiran ir á feira de Arzúa para vender os porcos. Eu quedara na casa coa miña irmá, que era moi pequena e mais estudara para as probas finais .

Ían dar as dúas do mediodía, cando sentín o teléfono e ao collelo recibín a noticia de que meus pais faleceran nun accidente de tráfico causado por unha femia de xabaril que saíra do monte á autovía e batera contra eles e despois saíranse da autovía e desprendéranse por unha pendente .

Os gastos do enterro arranxáronse moi ben, pero o peor foi outro problema. Meus pais un ano antes de morreren compraran o coche  no que viaxaban. Pediran un crédito e, por se acaso, pagaban un seguro de vida . A empresa do seguro do coche pagou o material: barreiras e árbores que estaban plantadas na mediana. Pero o seguro de vida non correspondía coa súa promesa asinada nun papeliño que teño gardado . Eu fun un día ata unha das oficinas da empresa e mostreilles o contrato que fixeran meus pais, pero eles insistíronme en que non valía para nada, que todo iso xa quedara obsoleto. Ao sentir que me estaban enganando quitei os cartos do banco, xa que eu estaba sen traballo e miña irmá, aínda que cobraba por orfa, o que gañaba non era suficiente para podermos vivir .

Dende aquela comezáronme a chegar cartas de que se non pagaba o coche embargábanme a casa, que era o único capital que podería costear o coche. Pero o peor foi cando o pasado mes de maio, tres anos despois da morte de meus pais, mandáronme unha carta de que se non pagaba, miña irmá mais eu iríamos para a rúa, e eu fun ao concello e pedín un xustificante das persoas que vivíamos na casa e de que eu estaba sen emprego . Como me volveron mandar outra carta, decidín vir visitar a vostede. Non sei se isto é suficiente para que poida comprender a miña verdadeira situación . Pero, por se acaso, para que comprenda máis, entrégolle tamén os informes médicos nos que figura a miña avanzada depresión .

Estes son todos os datos que Lola me entregou ao seguinte dia que veu, intentei lelos moi ben e prestándolles maior atención para poder axudala . O primeiro que se me veu á cabeza foi falar con ela e dicirlle que me trouxese todos os documentos para eu poder saber se estaban en orde e eran correctos para defender a demanda que poderíamos poñer contra eles por non cumprir co seu trato . Cando mos ensinou ,puiden ver que eran válidos e que podería sacar a Lola e máis a súa irmá Tareixa do problema no que as meteran.

Dende que Lola puxo a demanda e ensinou todos os xustificantes, a empresa do seguro de vida parou de mandarlle cartas e de chamala .


O día no que Lola e Tareixa deberían marchar da casa non o fixeron nin ninguén as obrigou .

Xa estábamos en novembro cando se deu á luz, o día no que se celebraría o xuízo. Cada vez Lola e mais eu pasábamos máis tempo xuntas, para preparalo .

Cando chegou o día fun buscar a Lola á súa casa,  xa que a pobre non tiña cartos para ir nun taxi , e,  total , a min xa me cadraba de camiño . Nada máis abrirlle a porta para que subise vina moi nerviosa.

Eu, que era a súa avogada,  defendina moi ben e presentei todos os contratos, cartas e xustificantes médicos da depresión de Lola . Aínda que ese día non se souberon os resultados, eu pensei xa ter gañado.

Pero a boa nova leveina o 20 de abril , cando, a través dunha chamada telefónica, mo comunicaron dende o xulgado .

A empresa do seguro de vida tívolle que dar a Lola un millón das antigas peseta, e  facerse cargo de rematar de pagar o coche e os medicamentos que Lola tomara e tomaba .

Cústame dicilo, a verdade, pero a miña cliente acabou suicidándose e deixando sen familia a súa irmá, que agora xa é maior de idade . Non sei como puido facelo , despois de ter todo en orde, pero a verdade é que lle estragaron a vida.

Aínda que pareza mentira,  eu quedei ferida para sempre , como se tivese unha lanza no corazón; sinceramente digo que non renunciei ao meu posto porque necesito diñeiro para vivir e non sei doutro traballo, se o soubese deixaríao. Cada vez que vou a un xuízo acórdome de Lola e remato chorando .

22/05/13

Pepe Coira no IES Río Miño

      Onte a biblioteca contou cun invitado de honra: Pepe Coira.

   Nado en Rábade, é licenciado en Xeografía e Historia, especialidade Hª da Arte Moderna e Contemporánea  pola Universidade de Santiago e diplomado en Historia e Estética da Cinematografía pola Universidade de Valladolid. Despois dun tempo no xornal  El Correo Gallego como crítico de cine e logo redactor, foi director do Centro Galego de Artes e Imaxe e profesor nas Universidades de Pontevedra, Coruña e Santiago.

      Entre os seus traballos como guionista están as series Extramuros e Luces da Cidade e como produtor executivo e editor de guión, Mareas vivas, Terra de Miranda, A miña sogra e mais eu, e As leis de Celavella. Foi tamén Xefe de desenvolvemento e produtor executivo de Filmax TV, onde segue a traballar,  especialmente en documentais.

   Na súa faceta de escritor, é autor de  As catro vidas dunha película, Unha brevísima historia do cine e coautor do Diccionario del Cine Español e do Dicionario do cine en Galicia. Na actualidade segue a impartir clases na Universidade,  á vez que colabora con varias cadeas de TV do estado e produtoras de cine.

      Despois dun percorrido moi ameno e  interesante polas catro vidas dunha película e as diferentes formas de plantexar o desenvolvemento dun film, deu resposta ás cuestións dos asistentes, aos que soubo chegar, mantendo en todo momento o seu interese e atención. Ilustrou a súa intervención con diversas anécdotas. Falou de Bresson, de Truffaut, de Harry Potter, de efectos cinematográficos, de series actuais...

    En suma, o alumnado quedou gratamente impresionado pola charla co convidado, a quen todos os ouvintes consideramos un home apaixoado pola súa profesión, pois, segundo el mesmo afirma,  non coñece nada mellor ao que adicarse.




          

18/05/13

Día Internacional dos Museos

Unha selección das mellores pinturas do mundo, no Día Internacional dos Museos. Moitas delas están en exposición no Museo del Prado (Madrid).

.

15/05/13

Ano de Roberto Vidal Bolaño

Queremos render homenaxe ao dramaturgo, actor e director máis renovador do teatro e da cultura galega dos últimos anos do século XX  e cuxa influencia chega á actualidade,  insertando un excelente telexornal feito polos alumnos do CPI dos Dices Rois sobre a vida e obra de Roberto Vidal Bolaño. Agradecémoslles poder compartilo.

 

Outros recursos sobre Roberto Vidal Bolaño:




02/05/13

Cine e libros

Os libros e o cine sempre casaron ben por razóns ben diferentes. Este nutriuse en moitas ocasións dos primeiros e aqueles introduciron o cine nas súas historias. Con motivo do Día do Libro, Rtve2 emitiu unha interesante reportaxe cunha selección de fragmentos de películas que ilustran esta  boa relación. Nós enlazámola por ser o tema de traballo neste curso. Grazas aos compañeiros da biblioteca do IES Pazo da Mercé de As Neves (Pontevedra).

30/04/13

Ella Fitzgerald, a dona do scat

O 25 de abril do 1917 nacía en Virginia (USA) Ella Fitzgerald. A súa orixe humilde (filla dunha lavandeira e dun condutor de tren que abandonou a ambas) condicionou o seu carácter e os seus difíciles comezos, que pasaron por problemas coa policía e estancias nun reformatorio.

Desde moi pequena tiña afección pola música e o baile. Cantou nun coro parroquial, aprendeu a tocar o piano e escoitou con entusiasmo a Louis Armstrong na radio; pero é aos 16 anos cando debuta en Nova Iork como cantante, ao que seguirían numerosas actuacións con diferentes orquestras,  gravacións cos mellores do jazz: o propio Armstrong, Count Basie, Duke Ellington... e a interpretación de  composicións de George Gershwin.

Pero, dotada dunha magnífica voz de mezzosoprano, cun rango vocal de tres oitavas, estaba chamada a ser a raíña do xénero, e fai a súa carreira en solitario desde 1941. Levou por todo o mundo un amplísimo repertorio que inclúe blues, swing,  samba, bossa nova, gospel, calypso e cancións populares de diversos estilos;  traballos que distinguiu coa súa impronta persoal, as improvisacións vocais: o scat.

Faleceu en Beverly Hills en 1993 por causa da diabetes que padecía. Así soa a súa voz:

21/04/13

José Luís Sampedro

Finou hai uns días José Luís Sampedro. Escritor, economista e profesor universitario, interésanos especialmente pola súa faceta humanista, que tentou levar á economía para conquerir un mellor desenvolvemento da dignidade dos pobos. 

Desempeñou diversos cargos tanto na administración pública como na empresa privada; acadou importantes recoñecementos ao seu labor, entre eles, a Orde das Artes e das Letras de España, o Premio Nacional das Letras Españolas ademais de ser membro da Real Academia da Lingua Española

Nos últimos anos escribiu o prólogo de Indignádevos, de Stéphane Hessel e a súa propia obra Reacciona; neles denuncia o neoliberalismo e o capitalismo salvaxe como causas da decadencia moral e social de occidente. Con ambas aportacións contribuiu a alentar os movementos de protesta do 15 M en Madrid e outros lugares. Na súa memoria, enlazamos esta entrevista:


15/04/13

Jean-Luc Martínez, director do Museo do Louvre

Profesor de Historia da Arte, historiador e arqueólogo, Jean-Luc Martínez vén de ser nomeado director do Museo do Louvre. Apaixoado polo seu traballo e especialista en Grecia, participa nas excavacións de Delfos e desempeña posteriormente o cargo de xefe do departamento de antigüidades gregas, romanas e etruscas de dito museo.

De orixe humilde, Martínez é un cidadán francés fillo e neto de españois, nado nun barrio pobre do norte de París que acada a dirección do museo máis visitado do mundo. Esta circunstancia apoia a importancia que tén o ensino público como promotor da igualdade de oportunidades.

05/04/13

Estatísticas lectura 2º trimestre

Estes son os datos do préstamo nesta biblioteca durante o segundo trimestre. Cabe destacar o ascenso no préstamo de audiovisuais e o descenso no préstamo de libros con relación ao mesmo período do curso pasado. Estes feitos quizais poidan xustificarse por unha demanda crecente do cine entre o noso alumnado e por unha menor duración da 2ª avaliación no presente ano escolar.

29/03/13

Seguiremos - Hospital Sant Joan de Déu e Macaco

Os nenos e nenas da planta de Oncoloxía do Hospital Sant Joan de Déu, e os profesionais e voluntarios que os acompañan no centro, cantan xunto a Macaco a canción "Seguiremos", unha mensaxe de esperanza para concienciar sobre a importancia da investigación na loita contra o cancro infantil.
Se queres contribuír a finanzar esta loita contra o cancro podes facer o teu donativo en obrasocialsantjoandedeu.org
Seguiremos - Hospital Sant Joan de Déu y Macaco from Hospital Sant Joan de Déu BCN on Vimeo.

16/03/13

Unha curta recortada

En pouco máis dunha semana e con case 55.000 visitas, arrasa na rede este vídeo do Colexio Público Vicente Ferrer de Valderrobres, unha pequena vila da provincia de Teruel; nel non falta o humor, que sen embargo non esconde o negro porvir da educación se o recortes continúan. 
En palabras de Lorenzo Latorre, xefe de estudos do colexio e realizador do vídeo: "Queríamos que se moviese en nuestra zona y se ha extendido muchísimo gracias a las redes sociales. Queremos difundirlo para que todo el mundo sepa lo que está sucediendo, porque de los recortes en sanidad somos todos conscientes, pero en educación solo se entera quien tiene hijos o está involucrado de alguna manera".

13/03/13

Encontros PLAMBE 2013

Á presente edición dos Encontros do Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares asistimos  504 representantes doutros tantos centros de ensino de Galicia. Tivemos a ocasión de escoitar a José Manuel Pérez Tornero, director do grupo de investigación Gabinete de Comunicación e Educación e catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona, disertando sobre Pensamento crítico e comunicación.

Das experiencias de centros, asistimos á interesante exposición do compañeiro do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, titulada Compartindo contos, coa que levaron a lectura máis aló dos muros do seu recinto, aos centros de Primaria veciños e ao mesmo mercado da vila.

Antonio Rodríguez Menéndez, promotor de varias iniciativas en favor da lectura (Proxecto Fahrenheit 451, Escuela de Lectura de Madrid e La voz a ti debida) é partidario da palabra vinculada, palabras humanas que crean cercanía. Para el todas as palabras son vinculadas se sabemos entregalas a aqueles con quen queremos establecer un verdadeiro vínculo, un encontro coa súa maneira de entender a vida.

Pero, sen dúbida, todos lembraremos esta xuntanza pola emotiva e entrañable conferencia de clausura que correu a cargo de Agustín Fernández Paz, recentemente nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Percorrendo a súa infancia e adolescencia, amosou un camiño para construir lectores, que pasa  ineludiblemente pola afectividade e polo exemplo insubstituible das persoas máis próximas ao neno. Ao docente correspóndelle ser o mediador que fai posible o encontro do alumno cos libros e emprender a revolución da lectura, imprescindible para conseguir sociedades democráticas. 

09/03/13

One woman

Este é o título da canción coa que artistas de todo o mundo promoven os dereitos das mulleres e a igualdade de xénero. Sete de cada dez mulleres no mundo sofren a violación dos seus dereitos como persoas. Como ben di a letra de One woman, se todos e todas nos unimos poderemos superar a violencia e a discriminación. Únete !!!
Agradecemos o enlace aos compañeiros do IES Lucus Augusti.

07/03/13

Día Internacional da Muller Traballadora

Para conmemorar esta data mostrámosvos en seis minutos a contribución de mulleres Premio Nobel en diversos ámbitos da ciencia. Grazas a todas elas porque, superando grandes obstáculos en tempos aínda máis difíciles, foron capaces de procurarnos un mundo mellor.

 

28/02/13

Luis Sagi-Vela



Vén de falecer en Madrid, na mesma cidade onde naceu case 99 anos antes, o barítono Luís Sagi-Vela, un dos mellores cantantes de zarzuela e ópera do século XX. Fillo de Emilio Sagi Barba (barítono) e Luisa Vela (soprano), chegou a ter cincuenta obras no seu repertorio, que interpretou con precisión e elegancia. 

Trala Guerra Civil española viviu algún tempo en América, onde tamén acadou gran recoñecemento. De volta a España, retírase da escea aos corenta e seis anos, pero segue ligado á música no eido da industria fonográfica española: preside a compañía EMI, funda Zafiro e Iberofon. Nos últimos anos  adica o seu tempo á súa gran paixón, a música, e a mimar a súa valiosa  colección de discos.

19/02/13

Aprender a buscar na rede

Da man de dúas estimadas compañeiras, Olga Rodríguez do CEIP de Malpica e Charo Sánchez-Gabriel do IES Sánchez Cantón de Pontevedra, chéganos este magnífico traballo sobre a búsqueda de información en internet, que enlazamos inmediatamente, co seu permiso. 
Este é o enlace á versión resumida para imprimir, que aconsellamos ter á man á hora de facer un traballo de investigación.

16/02/13

Grazas, Grecia!

Porque desde moito antes da crise dos mercados, da prima de risco, dos produtos subprime e das políticas antisociais que estamos a vivir, todos tiñamos con Grecia unha débeda impagable que polo menos debemos recoñecer.
A seguir, o vídeo do IES Ingeniero de la Cierva, de Murcia, todo un éxito mundial a través da Rede.

13/02/13

Guía para ver, ler e escoitar ... AMOR


Achegamos unha selección de fondos da biblioteca cos que podemos disfrutar vendo, lendo e escoitando historias de amor ben diferentes: amores reais, fantásticos, con final feliz ou imposibles... películas que non se poden esquecer por unha ou outra razón, novelas que non nos deixan indiferentes, óperas que nos brindan a posibilidade de disfrutar das mellores voces interpretando fermosísimas pezas teatrais nas que o amor é o tema fundamental. Esto e moito máis xa está á vosa disposición.
Pica aquí.

12/02/13

Fermosa Historia da Música ilustrada

Quen dixo que a Historia da Música é difícil? Se queredes ter en menos da sete minutos unha visión rápida e ilustrada, aquí tedes este video. Instructivo e divertido!!!

05/02/13

Estatísticas 1º trimestre


30/01/13

Agustín Fernández Paz, Doutor Honoris Causa


Agustín Fernández Paz, o ilustre escritor vilalbés, vén de ser nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, polos seus "méritos vitais, literarios, humanísticos e universais; por ser un narrador elegante e absolutamente comprometido coa defensa da lingua; por ser unha persoa coherente que buscou sempre transformar a sociedade desde a escola pública e se implicou na vangarda da renovación pedagóxica; por ser un dos narradores galegos máis universais, un dos mellores facedores de lectores, coñecido dentro e traducido fóra, por ser un exemplo de ética e dinamismo ao servizo da terra nosa e da terra enteira…”.

Autor dunha extensa obra de literatura infantil e xuvenil, así como de narrativa para adultos, ensaios e obras colectivas, consegue captar como poucos a atención dos lectores. Defensor e promotor do emprego e a  dignificación da lingua galega e namorado da súa profesión, o ensino, soubo comunicar a cantos o escoitamos as súas inquedanzas innovadoras na pedagoxía. Tiven a sorte de asistir a algunhas xuntanzas que faciamos un grupo de mestres no comezo dos anos oitenta na zona de Ferrolterra  para tentar renovar a nosa bagaxe docente e alí estaba el,  falando de Freinet, de Rodari, de obradoiros, de diferentes recantos na aula...  e de tantos conceptos didácticos que hoxe seguen vixentes.

Se queredes saber os libros deste autor que temos na nosa biblioteca, entrade  aquí e tamén  aquí.

29/01/13

Fina Casalderrey, académica


Fina Casalderrey Fraga, mestra e escritora galega (Pontevedra, 1951) ven de ser elixida académica da Real Academia da Lingua Galega. Son moitos os seus méritos: máis de cincuenta obras, algunhas delas traducidas a varias linguas (catalan, bretón, castelán, euskera, portugués...), Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por O misterio dos fillos de Lúa, e Premio Edebé de Literatura Infantil e Xuvenil por O estanque dos parrulos pobres; méritos aos que engadimos dende agora o de ser a quinta muller nesta Academia e o de ser unha excelente representante da literatura infantil e xuvenil en tan ilustre institución.

Se queredes saber os libros desta escritora que hai na nosa biblioteca, pinchade aquí.

15/01/13

La Verbena de la Paloma


La Verbena de la Paloma, zarzuela con texto de Ricardo de la Vega e música de Tomás Bretón, foi representada con grande éxito nos auditorios de Xove, Vilalba e Lugo. Trátase dunha iniciativa na que colaboraron a aula de canto do Centro de Música Fingoi, a Orquestra de Xove e a Escola de danza Teresa Neri. Este extraordinario traballo foi coordinado e dirixido artísticamente por Pilar Martínez (Pilocha), con coreografía de Teresa Neri, dirección escénica de María Barcala e dirección musical de Xan Carballal.

Disfrutamos do bo son da orquestra de Xove acompañando a representación e do coro de adultos de Fingoi, que dirixe Paloma Suances, interpretando as pezas corais da obra. Entre os personaxes, queremos destacar a Darío Sánchez, no papel de taberneiro, a Francisco Fernández e Ángel Lage nos papeis de mozo 1 e mozo 2, respectivamente; dos cales, o primeiro e o terceiro son profesores no noso instituto, e o segundo, alcalde da vila. Todas as actuacións foron excelentes, sen dúbida, pero aquí salientamos a Santiago Díaz de Freijo, Silvia Nadela, Manuela Guardado e Javier Rodríguez, membros do Orfeón Lucense e a  estupenda interpretación de Esperanza Iglesias (Susana), profesora neste centro; Pilocha (Seña Rita); Josefina Ledo (tia Antonia) e Marcos Manuel Fernández Mosquera (Julián), director adxunto do Orfeón Lucense; quen, ademais de deleitarnos coa súa  magnífica voz, mostrou unha faceta de excelente actor, para nós descoñecida.

Como dixo Pablo Coria no blog da Orquestra de Frautas de Galicia, lembraremos por moito tempo que estivemos alí
Bravo por eles!!!

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.