Amosando publicacións coa etiqueta Internet. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Internet. Amosar todas as publicacións

10/11/25

Ler non é caro!! (polo menos en internet)


Así que xa sabes: acabáronseche as escusas. Se sabes onde buscar, atoparás en internet moitos sitios que ofrecen lecturas gratis ben en liña ou ben para descargares. Aquí van algúns deses sitios:



Biblioteca de máis de 70.000 libros electrónicos gratuitos. Podes escoller entre os formatos ePub e Kindle, e entre descargalos ou lelos en liña.


A máis grande plataforma literaria e biblioteca de libros en español, con máis de 40.000 libros recomendados para ler gratis en liña e descargar.


Máis de 34.000 libros en ePub, PDF e MOBI. Actualizacións e novas incorporacións semanais.


Google dispón dunha una sección específica para a descarga de libros electrónicos na que se pode atopar case calquera título. e en case todos os idiomas. Por algo é considerada a maior biblioteca dixital existente actualmente.

5. Elejandria

Portal web para descarga legal de libros gratis en formatos PDF, EPUB e MOBI.

6. Galegobooks

Blog sen ánimo de lucro que pretende ser un espazo onde publicar, compartir e conversar sobre un grande número de libros electrónicos que circulan pola rede sobre o galego (lingua, gramática, fonética, sociolingüística, manuais, terminoloxía…)

7. epupgalego

É unha iciativa que trata de recoller nun único sitio web os libros electrónicos en formato ePUB escritos en galego.

8. En portugués podes entrar nos sitios da Biblioteca Digital Nacional de Portugal, e na Rede de Bibliotecas Camões.

9 Wikisource

Dos creadores da Wikipedia, e con obxectivos semellantes, esta vez dirixidos á distribución gratuita de libros e traducións en diferentes idiomas.

19/12/23

Metadatos

Cando traballas con arquivos informáticos tes que ser consciente de que, ademais da información que podes ver no seu contido (texto, imaxes, táboas con datos...), os programas e mesmo o sistema operativo do teu equipo vanlles achegando datos adicionais que non están á vista.

Incluso hai operacións que poden traspasar estes datos adicionais dun documento a outro sen que te decates (como copiar elementos dun arquivo PDF a un documento de LibreOffice).

 

Estamos a falar dos METADATOS.

Entre os seus propósitos están axudar a localizar, describir ou clasificar os arquivos; así, o sistema pode ordenalos por data de creación ou modificación, amosar o autor, ou, no caso dunha fotografía, coñecer as súas coordenadas GPS.

Cando se difunden os teus arquivos (por exemplo pola súa publicación nunha páxina web ou ao envialos por correo electrónico), estes datos adicionais poden supoñer un problema de privacidade e mesmo de seguridade, porque proporcionan información que podería ser útil para a preparación dun ciberataque contra a túa contorna de traballo, pois tamén poden incluír nomes de usuario, direccións de correo electrónico, programas que utilizas, estrutura de cartafoles…

Por iso, xusto antes de difundir un arquivo, especialmente cando non se sabe quen vai poder acceder a el, debes comprobar cales son os metadatos que leva asociados e, de estimalo conveniente, eliminalos.

 

Podes acceder ás instrucións para consultar ou eliminar os metadatos en arquivos ofimáticos na seguinte ligazón.

 

Lembra que podes atopar máis información e consellos sobre ciberseguridade e protección de datos no portal ciberseguridadegalicia.gal.

 

 (Información difundida pola Consellaría de Educación)

 

15/12/23

Ciberapostas


 O alumnado de 4º da ESO do noso Instituto asistiu onte a unha charla sobre os perigos das apostas on line, a ludopatía e outras adiccións en rede que impartiu o cabo primeiro da Garda Civil, especialista en redes sociais e delitos económicos, D. Pablo Anido.

29/03/23

Ciberseguridade


O Instituto acolleu hoxe unha charla sobre ciberacoso e perigos na rede impartida por Ramón Peña, axente da Garda Civil especialista en redes sociais e adiccións. Os asistentes foron os alumnos e alumnas de 1º curso da ESO.

18/01/22

Chega Wordle en galego!

É un xogo de acceso libre, para o que non hai que rexistrarse, e tampouco ten anuncios. Cada día hai unha palabra nova de 5 letras para descrifrar en 6 intentos. A dinámica do xogo lembra á do Mastermind polo código de cores que sinala se unha letra aparece ou non na palabra que se propón, ou se está na posición correcta. 

Creado orixinalmente en inglés polo enxeñeiro de Brooklyn Josh Wardle, que en outubro o subíu á rede e lle deu nome xogando co seu propio apelido. O colombiano Daniel Rodríguez creou pouco despois a versión en castelán e chega agora a do galego Abraham Martínez Gracia, acaba de adaptalo ao galego

Se queres, podes xogar entrando aquí

24/04/18

Enclave RAE

Enclave RAE anúnciase como plataforma en que encontrará contenidos y herramientas de base lingüística especialmente concebidos para usted e fai unha declaración de intencións: a de ser lugar «donde las personas y las palabras se encuentran». 
E un desafío: «¿Hasta dónde cree que puede llegar con el uso del español?».

17/11/09

Antes de colgar a túa imaxe... pénsao

Nada que dicir contra as novas aplicacións da tecnoloxía, contra os usos da internet ou contra as redes sociais, sempre e cando se empreguen con responsabilidade e intelixencia.
Desde este blog e desde a Biblioteca temos advertido en máis dunha ocasión dos riscos que conleva colgar na Rede datos persoais e fotografías (propias ou alleas) por parte dos internautas.
Mira este vídeo da Oficina do Defensor do Menor da Comunidade de Madrid, a ver que che parece.


03/11/09

Biblioteca Dixital Mundial


Chéganos o aviso do lanzamento na Rede da WDL, a Biblioteca Dixital Mundial.
A Biblioteca, impulsada pola UNESCO e outras trinta e dúas institucións, reúne textos, fotos, gravacións e películas de todos os tiempos, e contén información en sete idiomas sobre os tesouros e reliquias culturais de todas as bibliotecas do planeta.
A BDM no ofrecerá documentos correntes, senón "cun valor de patrimonio, que permitirán apreciar e coñecer mellor as culturas do mundo en idiomas diferentes: árabe, chinés, inglés, francés, ruso, español e portugués. Pero hai tamén documentos en liña en máis de cincuenta idiomas".
Entre os documentos máis antigos hai códices precolombinos cedidos por México; os primeiros mapas de América, debuxados por Diego Gutiérrez para El-rei de España en 1562; o Hyakumanto darani, documento xaponés de 764, considerado o primeiro texto impreso da historia; un relato dos aztecas que constitúe a primeira mención do Neno Xesús no Novo Mundo; traballos de científicos árabes sobre a álxebra; ósos utilizados como oráculos e estelas chinesas; a Biblia de Gutenberg; antigas fotos latinoamericanas da Biblioteca Nacional do Brasil; e a célebre Biblia do Diabo, do século XIII, conservada na Biblioteca Nacional de Suecia; a Declaración de Independencia americana e as constitucións de numerosos países; a guía de Magalhães cando deu a volta ao mundo e até o orixinal das fábulas de La Fontaine.
De fácil navegación, ao pé de cada entrada atopamos unha breve explicación do seu contido e significado; o acceso é de balde e os usuarios poden entrar e navegar sen necesidade de se rexistraren previamente.

Basta con entrar aquí.

30/05/09

Por un bo uso da Rede

A Rede é unha poderosa ferramenta de traballo para todos: rápida, próxima, barata, interactiva, con infinitas posibilidades; pero ás veces, como sucede con todas as ferramentas, o uso indebido que facemos dela pode poñernos en perigo. Como é mellor previr que lamentar, ofrecemos a pais e mais principalmente, pero non só, o seguinte DECÁLOGO sobre o bo uso de Internet:

1. Elaborade un código de uso de Internet que marque os tempos que toda a familia pasa diante do ordenador. Cómpre situalo nunha zona de uso común e á vista de todos; o equipo nunca debe estar na habitación dos rapaces, xa que poderían conectarse de noite ou sen permiso, expóndose a situacións de risco sen que haxa ningún adulto presente.

2. Compartide cos nenos tempo e información, gozade da Rede xuntos, animádeos a compartir o que saben e aprenden en Internet, fomentade a comunicación e o diálogo. Ensinádelles a confiar na súa intuición e a que informen aos adultos de canto os faga sentir incómodos ou ofenda.

3. Fomentade o espírito crítico ante a Rede; explicade aos rapaces que a diferenza entre o que está ben e o que está mal se aplica tamén en Internet e ensinádelles a trataren con cortesía e respecto as outras persoas cando están conectados, asegurándovos de que entenden que as regras de bo comportamento non cambian por estarmos diante dun ordenador.

4. Advertide aos rapaces que non faciliten datos persoais (idade, enderezo, teléfono, etc) a través de Internet, salvo nas compras e xestións con entidades de confianza, e nese caso coa supervisión dos pais. Se chatean, usan mensaxería, xogos en liña ou actividades en Internet que requiran nome de usuario, axudádelles a elixir un que non desvele información persoal.

5. Falade con outros pais e mais, e tamén cos profesores dos vosos fillos: compartide experiencias, contidos e enderezos de interese, medidas de seguridade, marcade procedementos e estratexias comúns, etc.

6. Recomendade aos vosos fillos, que nunca intenten coñecer en persoa os amigos que coñecen en liña: eses amigos virtuais poden en realidade non ser quen din que son e poñelos en perigo.

7. Axudádelles a que organicen o tempo libre como organizan o tempo de traballo, e a que comprendan que o ordenador, os fotologs e chats, e os videoxogos non poden substituír nunca as relacións con outras persoas (amigos, familia, compañeiros de aula...)

8. Podedes controlar a actividade en liña dos vosos fillos se son menores de idade cun software avanzado que filtre contidos daniños, supervisar os sitios que visitan e saber que fan neles, como o Chat Controller 1.1.0 e o Keyghost USB Keylogger. Non esquezas que a protección dos fillos é o principal exercicio da patria potestade; pero tamén que esta debe ser responsable e sosegada, e que coa maioría de idade os fillos adquiren a totalidade de dereitos e obrigas que marcan as leis.

9. Tede coidado cos correos electrónicos e arquivos adxuntos de orixe descoñecida. Non abrades as mensaxes sospeitosas, o que é unha boa forma de protexer o equipo. Borrade sen abrilo o spam ou correo-lixo, e nunca o reenviedes; sería perfecto que ao reenviar calquera mensaxe borrásedes as listas de destinatarios anteriores: así contribuímos a preservar a intimidade deles e a eliminar o spam, reducindo o número de enderezos electrónicos en circulación.

10. Lembrade que se descubrides indicios de actividades ilegais podedes avisar ao Grupo de Delictos Telemáticos da Garda Civil; se son páxinas que atentan contra os dereitos dos menores, acudide aos portais http://www.protegeles.com/, http://www.noalapornografiainfantil.com/ e http://www.asociacion-acpi.org/, que ofrecen un sistema de denuncias on-line.

E por último lembrade: como calquera ferramenta, Internet é útil se sabemos empregala correctamente.

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.