22/12/22


 Desde a Biblioteca queremos desexarvos unhas moi Felices Festas, cheas de paz, de harmonía... 

...e de libros!

21/12/22

Finalistas

Autoestimacandorcacomadreecocidioinflación e resiliencia son as voces que optan a se converter na Palabra do Ano 2022. 

Agora chega a fase decisiva, na que podedes elixir dende hoxe e ata as 23:59 horas do vindeiro 25 de decembro. Vós tendes a última palabra!

VOTADE AQUÍ E COMPARTIDE!

A Palabra do Ano elixida por vosoutras e vosoutros darase a coñecer nos últimos días do 2022 a través do Portal das Palabras, páxina web dende a cal a Real Academia Galega ofrece xogosvídeos e outros contidos de divulgación do léxico galego, propón cada mañá a Palabra do día e abre tamén unha fiestra ao Dicionario dixital da Academia que se suma á de academia.gal.

Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas tanxugueiras (2021) nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

07/12/22

A palabra do ano

 


A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren un ano máis, a través do Portal das Palabras, a campaña para a elección colectiva da Palabra do Ano. Todas as persoas que o desexen poden enviar as súas suxestións, ata o vindeiro 11 de decembro, a través desta ligazón:

https://portaldaspalabras.gal/palabradoano/


A votación telemática para escoller entre as finalistas a palabra gañadora desenvolverase do 13 ao 25 de decembro.




02/12/22

Manuel Veiga Ferro: "Querido diario"

 Rematamos a publicación dos microrrelatos premiados no Concurso de Microrrelatos contra a Violencia de Xénero convocado polos Equipo da Biblioteca e o de Dinamización da Lingua Galega. Manuel Feiga Ferro (3ºESO-PDC) obtivo o 2º Premio do Nivel 2 co seguinte traballo:



Sábado, 26 de novembro
Querido diario:

Desde que papá se foi, mamá xa non choca coas portas.
Saúl

01/12/22

30/11/22

Merlín Corrochano (2ºC): "O castelo"

 Continuamos coa publicación dos traballos premiados no Concurso de Microrrelatos contra a Violéncia de Xénero. Merlín Corrochano Millán obtivo o 2º premio (1ºNivel) con este microrrelato titulado "O Castelo".


Mudámonos a un castelo no catro da rúa Carral.

Non é grande nin de rocha, mais el nunca poderá entrar.

Pertence á miña avoa, que coida da miña nai.

29/11/22

Grandes medos, de Alma Aldegunde (2ºB)

 Alma Aldegunde Villar, de 2ºESO B acadou o 1º Premio (Nivel 1) do Concurso de Microrrelatos contra a Violencia de Xénero convocado polos Equipos da Biblioteca e Normalización e Dinamización Lingüística do noso Centro. Ademais do diploma e o vale para compra de material escolar, o premio inclúe a publicación dos traballos premiados neste blog. 

O microrrelato de Alma Aldegunde títúlase "Grandes medos".


Unha muller con moitos medos, medo ás arañas, medo ás películas de terror. Pero ao que máis medo lle tiña era a que a comida estivese fría.

25/11/22

Microrrelatos contra a Violencia de Xénero

Parte do alumnado gañador do Concurso de Microrrelatos contra a Violencia de Xénero convocado polo Equipos da Biblioteca e de Dinamización Lingüística posa cos seus diplomas acreditativos: Manuel Veiga Ferro (3ºESO), Alma Aldegunde Vilar (2ºESO) e Merlín Corrochano (2ºESO). 
Proximamente, neste blog poderedes ler os seus traballos.

Moitos parabéns.

Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

15/11/22

Concurso de Microrrelatos

Equipo da Biblioteca e o de Dinamización da Lingua Galega do IES Río Miño convocan un Concurso de microrrelatos dirixido aos alumnos e alumnas do Centro.

 As bases que rexen este certame son:

1. Poderá participar todo o alumnado do Centro. Cada participante poderá presentar un único microrrelato.

2. Os microrrelatos deberán ser presentados escritos en lingua galega e á man.

3. Temática: Sensibilización fronte á violencia de xénero.

4. Extensión máxima de 100 palabras.

5. Os microrrelatos entregaranse ao titor ou titora ou ao profesor/a de Lingua Galega correspondente.

6. O prazo de admisión finaliza o martes 22 de novembro.

7. O xurado estará composto por membros do Equipo da Biblioteca e o de DLG e o seu fallo será inapelable.

8. Concederanse dous premios por nivel, isto é: 

Nivel 1 para o alumnado de 1.º e 2.º de ESO

Nivel 2 para o alumnado de 3.º e 4.º de ESO

Nivel 3 para o alumnado de 1.º e 2.º de Bac

Os premios consistirán nun diploma e mais un vale de 20 € para material escolar para o primeiro clasificado/a, e de diploma e vale de 15 € para material para o segundo clasificado/a en cada categoría.

9. A decisión do xurado darase a coñecer na Biblioteca do Centro o venres 25 de novembro no segundo lecer e será publicada  no blog da Biblioteca xunto cos relatos.

10. A participación no presente certame supón a aceptación destas bases.


Rábade, a 10 de novembro de 2022


11/11/22

Manifesto de José Tubío: O deber de coñecer e transmitir a nosa historia científica

O científico e investigador da Universidade de Santiago de Compostela, José Tubío, publica o seu manifesto de divulgación da ciencia, e da ciencia en galego, no que, entre outras cousas, nos lembra a figura de Isabel Zendal e a tripulación que foi combater a varíola na daquela América española.

 “Terra á vista!”, berraba un dos mariñeiros desde a punta do pau maior. “Terra á vista!”, “terra á vista!”, repetía unha e outra vez, por se algún dos tripulantes da corbeta María Pita non escoitara. Desde a saída da Coruña, a expedición levaba meses navegando as augas tenebrosas do Atlántico, facendo tan só dúas paradas tácticas nas Canarias e en Porto Rico. A bordo da embarcación ía unha tripulación de trinta e sete persoas cunha grandísima responsabilidade: a de facer chegar a América a vacina da varíola, unha terrible enfermidade moi infecciosa e cruel, que matara millóns de persoas en todo o mundo ao longo da historia. Dona Isabel Zendala (ou Zendal, como tamén se coñece), enfermeira a bordo, respiraba algo aliviada ao ver que aquela viaxe chegaba por fin a terra firme. Non era para menos, pois tiña ao seu cargo máis de vinte pequenos, a maioría deles galegos, aos cales coidara naquela longa viaxe como tan só coida unha nai. A eles, a vida non os tratara ben; ou eran orfos ou foran abandonados polos seus pais, e agora aquela desgraza levábaos a seren recrutados para unha das misións máis importantes do século. Estas crianzas eran as encargadas de portar o fluído da vacina na súa propia anatomía. Tal era a súa responsabilidade. Unha picadura de agulla nos delicados brazos dos cativos transmitía a vacina, a cal apenas se mantiña activa uns poucos días no corpo das criaturas antes de volverse caduca, polo que debía ser transferida de uns aos outros ata que non quedara pequerrecho sen vacinar. 

Desde que deixaron a illa portorriqueña, dirixíanse agora a Venezuela, concretamente a La Guayra, onde os agardaban con grande expectación. Sen embargo, a situación a bordo era angustiosa, pois o último pequeno xa fora inoculado coa vacina e apenas quedaban unhas horas antes de que o fluído se volvera inservible. A vacina requiría ser traspasada de forma inmediata, ou a expedición podía rematar en fracaso. “Tanto esforzo, para nada”, pensaba dona Isabel mentres collía a man do pequeno. A urxencia desta situación levounos a parar antes do que estaba previsto, en Porto Cabello. Ao baixar da embarcación, en canto comunicaron ás autoridades quen eran, foron recibidos con felicidade. Era a primeira vez que o fluído chegaba a aquelas terras, e os habitantes venezolanos eran ben conscientes diso. Todos os tripulantes recibiron agasallos, houbo misas e desfiles nas rúas. O pequeno foi collido a ombreiros da xente e, vitorioso, foi levado a un hospital de campaña improvisado, onde serviu para inocular outros vinte e oito nenos veciños do lugar. Desde aí, a vacina correría por toda América, e despois a Filipinas, para completar a volta ao mundo e salvar as vidas de milleiros de persoas. 

Remataba así, en 1806, a expedición filantrópica da vacina da varíola, na cal Isabel Zendala e os galleguitos (así serían coñecidos aqueles nenos) tiveron un papel protagonista. Foi unha das maiores proezas científicas e a primeira misión humanitaria da historia. Cando este fito chegou a oídos do mesmo Edward Jenner, inventor da vacina, dixo que non podía imaxinar que nos anais da historia houbera un exemplo de filantropía tan nobre e extenso coma aquel. 

A ciencia está chea de momentos épicos coma este. Coñecelos e transmitilos é un deber no que todos, non soamente os que somos científicos, debemos participar. Amigos: temos unha historia da ciencia tan rica como descoñecida. Cando leades unha historia coma esta, facédea vosa e transmitídea, porque cada vez que a contedes estaredes sementando a curiosidade pola ciencia e contribuiredes a facer medrar no noso pobo unha cultura científica moi necesaria, que nos permitirá avanzar como sociedade e nos fará máis libres.

José Tubío é profesor, investigador e divulgador na USC

25/10/22

A orixe da nosa lingua guapa

 A seguir presentámosvos a película A orixe da nosa lingua guapa, unha produción de ficción da Real Academia Galega para explicarlle ao público máis novo como foi o proceso de formación do galego.

O filme pode verse na páxina web primaveradasletras.gal, o proxecto da RAG dirixido ao público de infantil, primaria e os primeiros cursos da secundaria. Con el bota a andar unha nova sección deste espazo, “Lingua Guapa”, que divulgará contidos sobre a lingua e a cultura galegas alén dos que esta páxina web xa ofrece dende 2016 sobre a personalidade á que a institución lle dedica cada ano o Día das Letras Galegas.


20/10/22

Dendrocronoloxía

 

A ciencia que estuda a idade da madeira mediante o cómputo dos aneis da árbores e o seu grosor chámase dencrocronoloxía.

14/09/22

Mural

A cualificación de segundo mellor mural do mundo do pasado mes de agosto foi para Quixote que o lucense Rubén Paz pintou xunto ao colexio Cervantes. Desde a Biblioteca do IES Río Miño queremos enviarlle os nosos parabéns!

 

23/06/22

Noite de San Xoán


 Esta noite é a Noite de San Xoán, a máis máxica do ano. Por se o precisas, lembrámosche cales son as herbas que a tradición recomenda deixar en auga ao resío para nos lavarmos mañá co día.

Nós despedímonos este curso desexándovos unhas vacacións moi felices e, como sempre, cheas de soños e libros.

Atoparémonos de novo, aquí, en Setembro. Bo verán!

Mañá é San Xoán

 

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.