30/11/23

Termina novembro. E non só entre nós

Concurso de Microrrelatos (II)

"ATURAR"

Suspiro, teño medo, non o vou ocultar. Estou deitada na miña cama agardando o príncipe que coñecín hai anos, agora convertido en monstro, entra pola porta. Levo tempo pensando: que fixen mal eu?, tan insoportable son?, será certo iso que di de que non sirvo para nada? Así pasan os días, dúbida tras dúbida, lagoa tras lagoa. Cada vez que chega furioso de traballar, pégame e dime eses adxectivos tabús que non me agrada moito oír. Que se non sirvo, que non levo diñeiro á casa, que se, que se... O que máis me doe non son os golpes, senón que o home que amaba e admiraba, me tratase así querendo, pero non lle ía dicir nada, xa que iso me prexudicaría e non cambiaría nada no resto das mulleres, pero se o dicimos xuntas, xa cambia a cousa!

Gritemos "BASTA"! e deixemos de aturar os monstros!

Carla Hernando González (1.º B ESO)

29/11/23

Concurso de Microrrelatos (I)

 

"REXURDIR"

Chegou o día no que ela puxo a súa saia favorita e ninguén lle berrou; o día no que ela puido subir esa foto sen que el lla mandase borrar; o día no que ela saíu coas súas amigas e non tivo que avisar a ninguén; o día en que foi durmir sen sentirse culpable de nada.

Custoulle miles de bágoas, miles de noites, pero conseguiuno, conseguiu escapar daquel pesadelo, conseguiu dicir que non, conseguiu REXURDIR.

Olivia Vázquez Zapata (2.º A ESO)

24/11/23

Alumnado gañador no Concurso de Microrrelatos

 ALUMNADO GAÑADOR NO CONCURSO "MICRORRELATOS SOBRE

A SENSIBILIZACIÓN FRONTE Á VIOLENCIA DE XÉNERO"

Nivel 1:

Primeiro premio: Olivia Vázquez Zapata (2.º A ESO) (vale de 20 euros + diploma)

Segundo premio: Carla Hernando González (1.º B ESO) (vale de 15 euros + diploma)

Nivel 2:

Primeiro premio: Noa Cabarcos Camba (4.º A ESO) (vale de 20 euros + diploma)

Segundo premio: Lagoa Araújo González (4.º B ESO) (vale de 15 euros + diploma)

Nivel 3:

Primeiro premio: Noa López Follana (2.º A Bac) (vale de 20 euros + diploma)

Segundo premio: Andrea Mayo Vázquez (2.º A Bac) (vale de 15 euros + diploma)

Nos próximos días iremos publicando aquí os microrrelatos gañadores. Parabéns ás alumnas premiadas.


Hai moitos xeitos de violencia contra as mulleres

25N

23/11/23

Mes da Ciencia en Galego

Dentro das celebracións do Mes da Ciencia en Galego, os Departamentos de Ciencias Naturais e Física e Química do noso Instituto organizaron unha serie de demostracións na Biblioteca coa colaboración (e o asombro) do alumnado de 1º e 2º da ESO.

22/11/23

Xornada de Bibliotecas Escolares

O sábado 18 de novembro celebrouse no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela a Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2023 que reuniu equipos de biblioteca, docentes, asesores/as dos centros de formación do profesorado e persoas expertas na temática-lema deste curso: "Unha biblioteca escolar en viñetas".

Nela falouse do poder da banda deseñada como soporte para diferentes relatos, da ilustración como linguaxe poderosa... e do papel facilitador da biblioteca a través dos novas linguaxes e espazos, dos proxectos, do voluntariado, do fomento da lectura e da participación das familias...

E como resumo gráfico do evento, aquí vai o precioso Visual Thinking de Cristina Bravo:




 

As cargas que levan ás costas as crianzas, no cadriño de Xosé Tomás

21/11/23

90 anos do voto feminino

 O 19 de novembro de 1933 celebrouse a primeira volta das segundas eleccións xerais a Cortes da Segunda República Española. O pasado domingo, polo tanto, fixo 90 anos da primeira vez que as mulleres exercían, por fin, o seu dereito ao voto nuns comicios desta importancia en igualdade cos varóns.

Ese día de 1933 culminouse unha longa loita de mulleres de toda clase social, condición, crenza ou ideoloxía até seren consideradas cidadás de pleno dereito: Carolina Coronado, Emilia Pardo Bazán,Teresa Claramunt, María de Maeztu, Carmen de Burgos, María Echarri, Clara Campoamor.

Mansplaining... Coñeces esa palabra?

13/11/23

Concurso de Microrrelatos

 Equipo da Biblioteca e o de Dinamización da Lingua Galega do IES Río Miño convocan un Concurso de microrrelatos dirixido aos alumnos e alumnas do Centro.

 As bases que rexen este certame son:

1. Poderá participar todo o alumnado do Centro. Cada participante poderá presentar un único microrrelato.

2. Os microrrelatos deberán ser presentados escritos en lingua galega e á man.

3. Temática: Sensibilización fronte á violencia de xénero.

4. Extensión máxima de 100 palabras.

5. Os microrrelatos entregaranse ao titor ou titora ou ao profesor/a de Lingua Galega correspondente.

6. O prazo de admisión finaliza o mércores 22 de novembro.

7. O xurado estará composto por membros do Equipo da Biblioteca e o de DLG e o seu fallo será inapelable.

8. Concederanse dous premios por nivel, isto é: 

Nivel 1 para o alumnado de 1.º e 2.º de ESO

Nivel 2 para o alumnado de 3.º e 4.º de ESO

Nivel 3 para o alumnado de 1.º e 2.º de Bac

Os premios consistirán nun diploma e mais un vale de 20 € para material escolar para o primeiro clasificado/a, e de diploma e vale de 15 € para material para o segundo clasificado/a en cada categoría.

9. A decisión do xurado darase a coñecer na Biblioteca do Centro o venres 24 de novembro no segundo lecer e será publicada  no blog da Biblioteca xunto cos relatos.

10. A participación no presente certame supón a aceptación destas bases.


Rábade, a 9 de novembro de 2023

10/11/23

A cara oculta

 A un millón e medio de quilómetros de nós, máis alá da Lúa, nunha órbita fixa arredor da Terra, a nave DSCOVR envía a diario imaxes do noso planeta. 

Cando a Lúa pasa entre a nave e a Terra ocorre que o que se retrata do satélite é o seu lado oculto, aquel que nunca daremos visto desde aquí.


08/11/23

A Galipedia chega a 200 mil artigos no seu 20º aniversario


 Estes 200.000 artigos publicados sitúan o galego como a 53ª lingua con máis entradas na Wikipedia, xusto despois de grego, croata e lituano e por diante do urdú, o azarí e o esloveno



O 8 de marzo de 2003 botaba a andar a Galipedia, a versión en galego da enciclopedia libre, a Wikipedia. Cinco días máis tarde publicábase a primeira entrada, dedicada á conxunción ou, como relatabamos en 2013 nesta reportaxe. A Galipedia está a celebrar neste 2023 o seu vixésimo aniversario, polo tanto. E nos últimos días acompañou esta conmemoración coa superación dun novo fito, ao chegar aos 200.000 artigos publicados (fíxoo cun artigo dedicado á diversidade biolóxica), unha cifra considerable e máis se temos en conta o carácter de lingua minorizada do galego, con menos de tres millóns de falantes. 

Neste senso, estes 200.000 artigos publicados sitúan o galego como a 53ª lingua con máis entradas na Wikipedia, xusto despois de grego, croata e lituano e por diante do urdú, o azarí e o esloveno. Como referencia, o castelán é o 8º idioma con máis artigos (1,9 millóns), o portugués é o 18º (1,1 millóns), o catalán é o 20º (737 mil) e o eúscaro é o 34º (422 mil), nunha listaxe encabezada polo inglés (6,7 millóns), o cebuabo falado en Filipinas (6,1 millóns), o alemán (2,8 millóns) e o sueco e o francés (2,5 millóns). 

 Parabéns á Galipedia! Se queres máis información, entra aquí.

Fonte: Praza Pública

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.