26/02/09

Cine


Desde hai algúns días, a Biblioteca ofrece a alumnos, profesores e persoal a posibilidade de préstamo de películas; contamos cun fondo máis que aceptable de cine en soporte DVD, que iremos mellorando co tempo e as suxestións da comunidade escolar.
O préstamo farase co carné da Biblioteca, como se se tratase de calquera outro documento, aínda que unicamente en fins de semana, vésperas de festivos ou inicio de vacacións, e polo tempo que duren estas.
As suxestións de compra de películas, libros ou calquera outro documento de interese podedes facelas a través dos comentarios deste blog, ou directamente aos profesores encargados da Biblioteca.

25/02/09

II Premio Carlos Caneiro

O C.P.I. Laureano Prieto da Gudiña (Ourense) convoca entre os mozos de 2º ciclo da ESO e Bacharelato o II Premio Carlos Caneiro de relato curto en lingua galega.
Para participar, debes enviar un RELATO, lingua galega, orixinal e inédito, de tema e estilo libres, e unha extensión de 3 páxinas como máximo.
A recepción de orixinais rematará o 23 de marzo de 2009, e os traballos serán enviados por correo electrónico ao enderezo cpi.laureano.prieto arroba edu.xunta.es.
Este é un resumo das bases; para máis información sobre a convocatoria, premios, data do fallo e demais, podes telefonar ao número 988 421140.

24/02/09

Día de Rosalía

Hoxe, 24 de febreiro, cúmprense 172 anos do nacemento da escritora en Santiago de Compostela, polo que desde varias institutucións culturais e sociais galegas se celebra o Día de Rosalía. Aínda que desde a nosa Biblioteca apoiamos esta conmemoración, tamén cremos que con un só día ao ano non basta, que a obra e a mensaxe da poeta padronesa debería estar presente na nosa memoria e no noso corazón os 364 días restantes.

22/02/09

Antonio Machado

O 22 de febreiro de 1939, hai xustamente 70 anos, falecía Antonio Machado, triste, canso e enfermo, recén comezado o seu exilio en Francia. Alí, no cemiterio da cidade costeira de Collioure, segue enterrado xunto á súa mai, que morreu poucos días despois.Añadir imagen
A que ilustra esta entrada é a última foto tirada a Antonio Machado, xa moi enfermo, poucas semanas antes de morrer.

15/02/09

Concurso de Relatos

Un ano máis, o equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES "Río Miño" convoca o seu concurso de Relatos Curtos, que se rexerá polas seguintes BASES:

  1. Terán que estar escritos en lingua galega.
  2. O tema será libre. Poden tratar do que vós queirades.
  3. O relato non pode superar os tres folios por unha soa cara.
  4. Deberán presentare escritos a ordenador por unha soa cara e dobre espazo.
  5. Os relatos só se poden facer e entregar de forma individual.
  6. Os relatos que resulten gañadores serán publicados neste Blog.
  7. Haberá dous premios en cada categoría: por un lado 1º, º e 3º de ESO; por outro 4º de ESO, e 1º e 2º de Bacharelato.
  8. O 1º premio será de 25'00€; o 2º premio, de 15'00€.
  9. DATA LÍMITE DE ENTREGA: 30 DE MARZO DE 2009.
  10. Os relatos recóllenos os profesores/as de Lingua Galega.

03/02/09

Verne en 80 preguntas

Para imprimir as preguntas deste cuestionario tés que:

1.- Facer clic sobre o libro virtual ou no enlace Open publication, que está debaixo del.

2.- Seleccionar a 1ª páxina nas miniaturas que aparecen debaixo.

3.- Facer clic no icono da impresora, que está por enriba do libro.

4.- Facer clic no icono da páxina que queremos imprimir, dentro das posibilidades que

se desplegan.

5.- Seleccionar a seguinte páxina, imprimila seguindo o mesmo procedemento; e así con todas as

demais, ata a última.

Premios Minerva

O Colexio M. Peleteiro de Santiago envía un ano máis as bases do seu certame Minerva para alumnos de 3º e 4º de ESO e Bacharelato de Galicia, que non teñan cumpridos os 20 anos o 31 de decembro de 2009. Os traballos serán inéditos, orixinais, escritos en galego, e concorrerán nas modalidades de Poesía (3 poemas de tema e forma libres) e Narración (máximo 6 folios mecanografados a dobre espazo en letra Arial 14 e tema libre).
Concederanse tres premios (750€, 450€, 300€ respectivamente, medalla conmemorativa e publicación das obras premiadas) en cada modalidade, podendo outorgarse accésits, ou ficar o premio deserto se así o estimar o xurado.

O prazo de presentación remata o 30 de marzo de 2009, e o fallo terá lugar o 9 de maio.

Este é só un resumo das Bases; se queres, podes consultalas aquí, ou pedíndoas no Departamento de Lingua Galega do Instituto.

02/02/09

Certame de Poesía F. Añón

O Concello de Outes convoca o XIII Certame Francisco Añón para textos orixinais e inéditos en lingua galega, e varias categorías segundo a idade dos autores; así, na categoría C (12-14 anos) o premio será de 180€ en libros; na D (15-17 anos), premio de 230€; e na E (maiores de 18), premio de 1000€; os premios e os accésits conlevarán a publicación da obra premiada.
O prazo termina o 13 de abril , e nas categorías D e E as obras terán como mínimo 150versos.
Os autores enviarán orixinal e 5 copias en sobre pechado, baixo plica en que figurarán os datos persoais e fotocopia do DNI, á Casa de Cultura. Avda de San Campio 1 (15230) OUTES.
Máis información, aquí.

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.