28/12/20

Educando en familia. Creando futuro

 Serie de vídeos creados pola AS-PG en colaboración coa Deputación de Lugo.

▶️Educar en positivo. Cando a disciplina emerxe desde o afecto. Fala Xesús Fortes

22/12/20

Confirmado: Xela Arias


A Real Academia Galega acaba de facer público o nome da poeta Xela Arias (1962-2003) para lle dedicar o próximo Día das Letras Galegas. Entre as razóns que a RAG alega para a súa elección están que se trata da autora dunha poesía singular, transgresora, sincera e comprometida, para alén do seu traballo como tradutora e editora.

En Lugo, desde hoxe mesmo

Cunqueiro e familia

Un día coma hoxe, 22 de decembro, pero de 1911, naceu na cidade de Mondoñedo o narrador, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo Álvaro Cunqueiro. Na fotógrafía, Cunqueiro (segundo pola esquerda) cos seus irmáns (ca. 1921)

21/12/20

Exposición de Carvalho Calero


Hoxe no vestíbulo do noso Instituto abriuse unha exposición sobre a vida e obra de Ricardo Carvalho Calero, autor moi vinculado a Lugo, a quen lle foi dedicado o Día das Letras Galegas deste ano 2020. Desde a Biblioteca, o Departamento de Lingua Galega e o ENDL queremos agradecer a Xulio Xiz a presentación, amena e interesante, que nos ofreceu.



18/12/20

Chegounos isto


Segundo di o facebook do Arquivo Histórico Provincial, "trátase dunha exposición de copias en papel dos negativos, en placas de cristal e acetato de 10x15 que a casa García Garrabella, con sede en Zaragoza fixo da Coruña, Lugo, Ferrol e Santiago de Compostela, entre 1940 e 1960, para reproducir postais.
Acompáñaa un catálogo da mostra que recolle a totalidade dos negativos dos que consta este fondo, 348, adquirido pola Xunta de Galicia entre 2004 e 2007, subido xa a Galiciana, e á vosa disposición, por se vos interesa. Agardamos que vos guste."

17/12/20

A auga é un ben moi escaso. Non a desperdicies!

 Toda a auga da Terra aparece na imaxe condensada nunha esfera azul (a gota grande).

Fíxate na outra esfera que hai ao lado, a máis pequena.

É o equivalente á auga potable que existe no noso planeta.


23/11/20

Biblioteca en días de pandemia

 A nosa Biblioteca, coma as aulas, segue aberta e continúa co seu labor de préstamo e apoio á lectura, pero coas limitacións de espazo e as obrigacións de hixiene e ventilación necesarias.

Os libros non se prestan inmediatamente, senón que permanecen tamén eles confinados durante varios días antes de seren novamente prestados.

As mesas e cadeiras son desinfectadas con frecuencia, e as persoas que acoden á Biblioteca han de utilizar o xel de limpeza de mans ao entraren e ao saíren. 

19/11/20

Carvalho Calero sem fronteiras

 Como xa sabemos, o Día das Letras Galegas estivo dedicado este infausto ano á figura de Ricardo Carvalho Calero, pero as circunstancias especiais orixinadas pola pandemia, o peche de centros educativos, os confinamentos, etc. interromperon ou afectaron gravemente as actividades culturais e conmemorativas que, como é habitual, xiran á volta da persoa homenaxeada.

Por este motivo, facémosvos chegar o seguinte vídeo, Carvalho Calero sem fronteiras, que conta, entre outras institucións, coa colaboración e patrocinio da Deputación de Lugo.

Teaser de "Carvalho Calero sen fronteiras" from Arraianos on Vimeo.

10/11/20

Tom Gauld

 Xa temos na nosa Biblioteca Departamento de teorías alucinante, a recompilación de viñetas científicas de Tom Gauld.

A que esperas para collelo en préstamo?

20/10/20

Anquises, poema de Olga Novo

Arrastras os pés papá
lévote cos ollos ao carrelo
porque tentas fuxir  da vellez coma dunha guerra ancestral
eu súbote ás miñas vértebras
combadas polo peso
arrastras os pés pero eu podo contigo
e lévote ao carrelo
ata o final da vida.

Arrastras a linguaxe e non che vén
á memoria un verbo
que aniñaba  na parte esquerda do cerebro e eu
completo a túa frase coa  palabra arar querer sachar tractor ou balboreta arrastras

a mente cara o pasado
e só lembras aquela feira de 1952
cando se lles caeron os cascos aos bois volvendo de Pedrafita
e lles sangraban os pés no río
a sua cornamenta aínda se abre nalgunha das túas neuronas
e volves a ser un tratante de gando corenta anos despois.

Eu non sei ata cando lembrarás inda o meu nome
e saberás aínda que son a túa filla.
Descoñezo como se enrodelan as terminacións nerviosas
e se crispan e ás veces atopan unha luz silábica
que lles indica o camiño.
Como é  que de súpeto non sabes talvez
que había que pór un pé diante do outro
para poder soñar
e que se arrodeas unha muller cos brazos iso é amor
e todo o demais
desaparece.

Porque así de sinxelo é o universo.
Como o pequeno lexema ao que te agarras algunha tarde
como se fora o mango dunha gadaña.
Ti
que fuches un orador no medio do agro ante un público estupefacto
de corvos grilos toupas ovellas e libeliñas
Ti
que tiñas a intuición do poema na punta da lingua
e explotábache no ceo do padal coma un figo maduro
carnoso exacto e brutal.
Que sabías que a nosa lingua o trigo déitase
ante unha orde do vento
que a rama das patacas arde
que existen cousas tan finas
coma a lingua dunha pita...

e só lembras aquela feira de 1952
cuando se lles caeron os cascos aos bois volvendo de Pedrafita.

Papá
como será
cando se che  despalatalicen as consoantes
e vexas chover desde dentro sen entender a auga
e remexas a lingua ata atopar a forma máis adecuada
e sorrís porque sabes
que aínda non caíches definitivamente
na curva melódica do silencio.

Lembras
con toda exactitude
que mamaches ata os cinco anos nos peitos da mai Benigna
que parira  dazaseis fillos no último cuarto da casa
agarrada á branceira rezándolle a algún santiño
rompendo tódalas augas coma quen escacha un océano...

Eu penso que a podes ver ata cos ollos abertos
espalancados ao alén
cando ficas absorto e ninguén alcanza a saber
en que dimensión da marabilla está pousado o teu cerebro
coma as patiñas pequenas dun paporroibo riba da galla dunha pereira.

Igual ves a neve por dentro
a estructura molecular do amor
as partículas dun bico cando se está formando na carne dos beizos e o ar

igual ves 
a enerxía 
e non atopas  no abecedario
ferramentas para o inefable
e por iso calas ou lle chamas culler á lámpada a
e te trabas no medio da oración simple
e comenzas a falar feremosamente poñendo por diante a subordinada.

Porque á fin
papá
te dirixes a min sen orde nas túas ordes
e desfás a sintaxe igual que debullabas fabas
e todo cobra o senso profundo daquilo que non ten lóxica
nin está sometido a nada.

Igual ves a neve por dentro
igual entendes a sombra
e es quen de calcular o radio dunha paixón
aínda que o resultado non poida comunicarse
máis que a través de pel.

Igual ves como vén cantar o poema na caracol do oído
e lle ves esvarar do peteiro ese po dourado
e caerme no tímpano
cando empezo a chorar coa emoción da escritura.

Igual ves como se me encolle a alma
cando se che encolle a túa.

Igual ves como ven cantar o poema no caracol do oído
e lle ves esvarar do peteiro ese po dourado
e carme no tímpano
cando empezo a chorar coa emoción da escrita
e ti só lembras aquela feira de 1952
cando se lles caeron os cascos aos bois volvendo de Pedrafita.

15/10/20

Olga Novo, Premio Nacional de Poesía


A poesía galega, e en especial a escrita por mulleres,  parece estar en moi boa forma. Por segundo ano consecutivo, unha poeta galega obtén o Nacional de Poesía.

O xurado seleccionou Feliz Idade, de Olga Novo, poeta nacida hai 45 anos en Vilarmao, na Pobra do Brollón.

Parabéns á autora! 

29/09/20

 Sen dúbida, este será un comezo de curso moi diferente. 

Non esquezas a máscara!

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.