30/04/26

Chegan os Maios



Se nunca te preguntaches por que hai coches con ramas de flores amarelas no parabrisas cada 1 de maio, este artigo de As Chaves da Lingua é para ti. 

Detrás dese xesto hai séculos de tradición, crenzas e unha relación profunda coa natureza que os galegos e as galegas levamos no sangue.

Que é a xesta?

xesta é unha planta silvestre que medra nos montes e camiños de Galicia. A máis común é a de flor amarela, aínda que tamén existe a variedade de flor branca.

Florea precisamente nesta época do ano, o que a converte nun símbolo natural da chegada da primavera. Mais na cultura popular galega vai moito máis aló dun simple elemento decorativo.

Cal é o seu significado?

Disque a xesta ten fama de planta protectora. Na tradición galega atribúenselle propiedades para afastar o meigallo e o mal de ollo, e por iso se coloca nos lugares que máis importan como a porta da casa, as fiestras, o coche, as embarcacións ou as cortes onde están os animais.

O momento no que hai que actuar tamén forma parte do ritual. As xestas deben recollerse antes de que se poña o sol o día 30 de abril, porque deste xeito conserva a forza da luz. Despois, esa mesma noite, as xestas colócanse nos lugares elixidos para que, como di o dito, non poida entrar o maio, nin collan o meigallo.

De onde vén esta tradición?

A orixe está na festa dos Maios, a celebración popular que en Galicia marca a fin do inverno e a chegada do bo tempo. Aínda que se asocia especialmente coas Rías Baixas, a tradición está documentada en todo o territorio galego e tamén no norte de Portugal. Nalgunhas zonas conservouse mellor que noutras, pero nunca desapareceu do todo.

Antigamente, a noite anterior ao primeiro de maio era un momento de ritos de protección. A veciñanza saía cos fachos polas terras sementadas e as xestas poñíanse nas portas, nas cortes e nos carros. O obxectivo era sempre o mesmo, protexer o fogar, a familia e a colleita do que puidese vir co cambio de estación.

Como chegou ata hoxe?

tradición adaptouse sen perderse. Os carros convertéronse en coches e o xesto de colgar unhas xestas na porta o 30 de abril continúa a estar vivo. Este costume é o fío que nos conecta cunha forma de entender o mundo onde a natureza e o calendario marcan o ritmo da vida.

Este ano, se ves un ramo de xestas nun coche ou nunha porta, xa sabes o que significa. E se tes ocasión, non está de máis poñer a túa!

Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.