02/10/26

Amor polos libros

Traémosvos hoxe un vídeo que amosa a historia dun home sirio que fuxíu da ditadura no seu país vai quince anos, pero antes puxo a súa biblioteca a salvo da barbarie. Reflexionemos un pouco sobre o que debe de significar escapar do teu país deixando todo atrás por medo da túa vida, pero aínda así tomas un tempo antes de marchar para protexer os libros por se algún día podes volver.

Por se queres crear un blog?

 Escribir un blog en galego é unha das formas máis sinxelas e satisfactorias de darlle vida á nosa lingua na rede. Non necesitas ser programador nin deseñador. Só precisas algo que contar e a vontade de querer ben. Nesta guía de As chaves da Lingua repasan as claves lingüísticas para escribir con corrección e, ao final, móstranche como crear o teu propio blog de balde.

Este artigo naceu da colaboración entre Fala.gal e As chaves da lingua, coa mesma idea de sempre, isto é, axudar a que o galego dure mil primaveras máis.


Blog ou bitácora?

Antes de escribir a primeira liña, convén ter claras algunhas palabras que vas usar acotío:

Un blog tamén se pode chamar bitácora en galego, así que tes dúas opcións igualmente válidas. Quen escribe nel é un blogueiro ou unha blogueira, e cada texto que publicas é unha entrada ou un artigo.

E ollo cunha maiúscula que moita xente esquece! Internet considérase un nome propio. Por iso mesmo, debemos escribilo con maiúscula inicial, aínda que non sexa un lugar físico.

Esquece a arroba!

Seguro que máis dunha vez viches iso de “ola amig@s”. Pois convén saber que as gramáticas consideran incorrecto o uso da arroba como recurso para a linguaxe inclusiva, xa que non é un signo lingüístico nin ten correspondencia oral (non se pode pronunciar).

Se queres usar unha linguaxe inclusiva, tes alternativas mellores e correctas: desdobrar (amigos e amigas), usar termos colectivos (a amizade, o público) ou reformular a frase.

Os destaques: cursiva, negra e versaleta

Cando escribimos, temos varias formas de destacarmos unha palabra ou expresión. Cada unha ten o seu nome en galego e o seu uso:

  • A letra cursiva ou itálica: para estranxeirismos, títulos de obras ou palabras cun matiz especial.
  • A letra grosa: para destacar o verdadeiramente importante. Úsaa con moderación. Se destacas todo, non destacas nada.
  • A letra versaleta: menos habitual, úsase, por exemplo, para escribir os números romanos nos séculos.

O importante non é enchelo todo de formatos, senón usar cada un co seu sentido e de forma coherente en todo o artigo.

Como crear o teu blog en galego de balde

Agora que xa coñeces as claves para escribir ben, chega o momento de saber onde publicar. E aquí é onde entra Fala.gal.

En Fala.gal podes crear o teu propio blog desde cero, de balde e co dominio .gal, de forma sinxela. Podes escoller o nome que máis che guste, crear as túas páxinas a partir dun modelo, subir as túas fotos e escribir sobre o que ti queiras. E se non estás afeito a estas ferramentas, Fala.gal conta con guías e titoriais que te acompañan en todo o proceso.

Se antes de empezar queres inspirarte, bótalle unha ollada á lista de sitios xa creados. Vas descubrir unha morea de cousas interesantes que fai a xente en galego na rede.

Agora xa tes as chaves. Só queda o máis importante: atreverte a empezar!

30/09/26

Algo sobre estrelas


 As estrelas máis achegadas ao Sistema Solar atópanse a poucos anos luz de distancia, aínda que en termos astronómicos iso segue a ser unha separación enorme.

A máis próxima ao Sol é Proxima Centauri, situada a aproximadamente 4,24 anos luz de distancia. Forma parte do sistema Alpha Centauri, xunto con Alpha Centauri A e B —que se atopan a uns 4,37 anos luz—, constituíndo o sistema estelar veciño máis próximo.

A continuación veñen outras estrelas relativamente próximas, como a estrela de Barnard, a uns 5,96 anos luz, e Wolf 359, situada a arredor de 7,86 anos luz de distancia. Ambas son ananas vermellas, moito máis pequenas e frías ca o Sol. Aínda que son pouco brillantes e difíciles de observar a simple vista, a súa proximidade convérteas en obxectos importantes para estudar como evolucionan as estrelas de baixa masa.

A uns 8,6 anos luz de distancia atópase Sirio, a estrela máis brillante do ceo nocturno vista desde a Terra. En realidade, Sirio é un sistema binario composto por unha estrela principal, Sirio A, e unha compañeira moito máis pequena e densa chamada Sirio B: unha anana branca.

Estas distancias tamén demostran a extraordinaria inmensidade do espazo. Un ano luz é a distancia que percorre a luz nun ano: aproximadamente 9,46 billóns de quilómetros. Por este motivo, mesmo viaxar á estrela máis próxima requiriría unha tecnoloxía moi superior á das sondas actuais. Ademais, cando observamos estas estrelas, vémolas tal como eran hai décadas, xa que a súa luz tardou todo ese tempo en chegar ata nós.

Só para nos situarmos: en cincuenta anos de travesía polo espazo, a nave Voyager percorreu apenas un día luz...

28/09/26


Pasou o verán e con el moitas das festas, as verbenas e as noites de troula. Mais hai algunhas palabras moi típicas destas datas que non se adoitan dicir ben, así que, coa axuda de As Chaves da Lingua, imos corrixilas.

Orquesta en galego está mal dito

A forma correcta en galego é orquestra, con -r-. A palabra orquesta, sen ese r, é un castelanismo que debemos evitar.

O mesmo pasa co adxectivo derivado. En galego dise orquestral e o verbo é orquestrar. Sempre con ese r que en castelán non aparece.

Polo tanto, cando vaias ás festas da túa vila ou aldea este verán, xa sabes: vas escoitar unha orquestra!

A forma turreiro non é normativa

O terreiro é o espazo amplo de terra situado no centro de certas aldeas, o lugar onde tradicionalmente se facían os bailes e as festas.

A RAG só admite a forma terreiro. A variante turreiro, moi estendida na fala popular dalgunhas zonas, non se recolle como forma normativa.

26/09/26

Hoxe é o Día Europeo das Linguas


 O Consello de Europa leva anos celebrando cada 26 de setembro o Día Europeo das Linguas co obxectivo de destacar esta riqueza patrimonial, así como sensibilizar a poboación sobre a necesidade de preservala e motivala de cara á aprendizaxe de linguas.
Aínda que é difícil facer un cálculo exacto, segundo os datos facilitados por este organismo, no continente europeo desenvolvéronse máis de duascentas falas distintas repartidas entre cincuenta países, cálculo que non ten en conta outras formas de expresión traídas pola poboación inmigrante. 
Pode parecer un número elevado, pero realmente a variedade lingüística é maior nos demais continentes. Por facermos unha comparación, só no arquipélago das Filipinas xa se falan máis de cen e en todo o planeta contabilízanse varios miles das que as europeas supoñen un 3%.
Podes seguir lendo aquí

22/09/26

Cando vai calor...



Cando chega a calor (e non andan lonxe as vagas que sufrimos este verán), o galego ten palabras para todo, isto é, para o sol que queima, para o aire que non corre, para a sede que aperta e para ese momento en que o corpo xa non pode máis. Aquí tes o vocabulario que necesitas para falar da calor con xeito.




Abafar

Cando a calor aperta tanto que respirar custa traballo, en galego abafamos. Non é só cansazo, é esa sensación de que o aire non chega. Tamén se pode dicir acorar, alasar, arfar, arquexar, azazar ou folguexar, entre outros.

Fogaxe

A fogaxe é esa calor húmida e pegañenta que non deixa respirar. Mais en galego temos moitas máis formas de dicilo: alfa, caldelo, calmazo, calmizo, calmuzo ou recalmo. Todas describen esa sensación de que o aire está parado e quente.

Ardentía

A ardentía é a sensación de calor intensa que notamos na pel despois de estar ao sol ou ao tocar algo quente. Tamén se chama ardencia ou ardor.

Asura

Palabra moi expresiva para describir a sensación de calor moi intensa e dolorosa causada pola sede. Cando a sede aperta de verdade, en galego sentimos asuras.

Caloroso

Un día caloroso é un día que vai moita calor, que nos fai suar e buscar a sombra. Sinónimo de quente cando se aplica ao tempo ou ao ambiente.

Canícula

O período máis caloroso do ano, que vai aproximadamente desde finais de xullo a primeiros de setembro. A canícula é o momento en que o sol aperta máis e as noites non arrefrían.

Roxar

Cando a pel se pon de cor vermella polo efecto do sol ou da calor, en galego roxa.

Seca

A seca ou secura é a falta prolongada de chuvia, ese período en que secan as fontes baixan e a auga dos ríos mingua.

Solleiro

Un día solleiro é un día con moito sol, luminoso e despexado. Aplícase tamén aos terreos ou lugares onde bate o sol de cheo. O seu contrario é avesedo ou avesío, os lugares onde non chega o sol.

Tosteiro

O tosteiro é a calor forte e directa do sol, esa que queima e que nos obriga a buscar a sombra.

18/09/26

Vocabulario do material escolar en galego

Comezan as aulas en Galicia e, con elas, volven as mochilas ás costas, os cadernos aínda sen estrear e as présas das mañás para non perder o autobús. O inicio de curso é sempre un momento especial: reencontros cos compañeiros, novos profes, novas materias e esa mestura de nervios e ilusión que trae setembro.

E que mellor forma de estrear o curso que facelo falando a nosa lingua? Por iso, con As chaves da Lingua repasamos hoxe como se nomea o material escolar que nos acompaña todo o ano. Toma nota, que nalgúns hai sorpresa. E se hai algún alumno ou alumna lendo isto, moi bo comezo do curso!

Afialapis

O instrumento para sacarlle punta ao lapis é o afialapis, que ten como sinónimo aguzalapis.

Apuntamentos

Os apuntamentos son ese tesouro que se comparte coa persoa que faltou á clase e que, ás veces, ninguén é quen de descifrar pola letra.

Armario

Coidado con este castelanismo! Ese espazo persoal onde deixar os libros e non cargar con toda a mochila é un armario, non unha *taquilla.

Caderno

O compañeiro inseparable de calquera estudante. En galego dise caderno, non *libreta . Tamén podemos ter un caderno de argolas ou un caderno de espiral.

Cinta correctora

O produto para corrixir erros é a cinta correctora ou fita correctora. Lembra que tipex é en realidade unha marca comercial, non o nome do obxecto.

Encerado

A superficie onde escribe o profesorado é o encerado ou taboleiro. E o panel de cortiza para fixar avisos tamén é un taboleiro.

Estoxo

Hainos sinxelos e hainos de tres andares con cremalleira, mais todos teñen a mesma función. O estoxo é imprescindible na mochila para gardarmos os lapis, as gomas e o resto de trebellos.

Fita adhesiva

Serve para arranxalo case todo, desde un libro roto ata un mural para a clase. En galego, é a cinta adhesiva ou fita adhesiva, nada de *celo.

Fita marcadora

A fita que se usa para marcar por onde imos nun libro, por exemplo, chámase fita marcadora.

Goma

A goma de borrar de toda a vida.

Grampadora

O aparello para unir follas con grampas é a grampadora.

Lapis

Coidado con esta palabra! Lapis non leva acento e o seu plural é invariable: os lapis. Como sinónimo tamén podes usar lapiseiro.

Marcador

Ese rotulador de cores rechamantes ou fluorescentes que usamos para destacar o importante nun texto chámase marcador.

Materia

Todos temos unha materia favorita (e algunha que se nos resiste). Iso si, lembra que en galego cursamos materias, asignatura é un castelanismo que convén evitar.

Tesoira

Ese obxecto imprescindible para os traballos manuais e as manualidades é a tesoira.

Xiz

Por último, a barriña coa que se escribe no encerado é o xiz.

16/09/26

A vendima

Estamos xa en setembro,  e achégase un dos momentos máis importantes do ano no campo galego: a vendima. 

Nas Rías Baixas, na Ribeira Sacra, en Valdeorras, no Ribeiro ou en Monterrei, as viñas énchense de xente disposta a recoller a uva que dará lugar aos nosos viños. 

É unha época de traballo duro, pero tamén de encontro, de tradición e de festa, un ritual que se repite desde hai séculos e que forma parte da nosa identidade.

E como todo oficio, a vendima ten o seu propio vocabulario. Desde a planta ata o recipiente onde repousa o viño, aquí tes as palabras que necesitas coñecer para vivir a vendima.

Acio

O conxunto de uvas que colgan dun mesmo pé. É unha das palabras clave da vendima e na fala ten como sinónimos cacho ou piña.

Adega

O establecemento onde se elabora o viño tamén recibe o nome de bodega. É o corazón de todo o proceso.

Bagazo

O residuo que queda da uva despois de espremela e sacarlle o líquido. Tamén se di bagaño, bagullo ou bullo. Deste residuo destílase, precisamente, a augardente.

Bocoi

Un recipiente de madeira dos grandes, cunha capacidade de entre trescentos e setecentos litros. Máis grande que o barril e que a pipa.

Borra

O depósito de materiais sólidos que se forma no fondo dos recipientes que conteñen viño. Ten moitos sinónimos: feces, fondón, madre, pouso, sarrio ou tártaro. Adoita usarse tamén en plural.

Cangallo

Cada unha das ramificacións que forman un acio, para o que tamén se usa a palabra en feminino: cangalla. Emprégase igualmente para o que queda do acio despois de quitarlle ou esmagar as uvas. Neste segundo sentido, na fala tamén se di canga, cangalla ou raspallo.

Espicha / espicho

O pau ou tubo de madeira pequeno que se mete nun furado do barril para tapalo ou para extraer o viño.

Fustalla

O conxunto de recipientes de madeira dunha adega: barrís, bocois, cubas, pipas, toneis… Todo o que serve para envasar e conservar o viño.

Lagar

O aparello onde se prensan as uvas para que solten o mosto. Un dos elementos máis simbólicos da cultura do viño en Galicia.

Lagarada

A acción de pisar a uva no lagar. A Lagarada é tamén o título dunha obra de teatro de Ramón Otero Pedrayo, publicada en 1929. A súa acción transcorre durante a vendima nunha casa grande da provincia de Ourense, á beira do Miño.

Pipa

Recipiente de madeira máis pequeno que o bocoi, de entre douscentos cincuenta e cincocentos litros. A versión pequena chámase pipote ou pipo.

Uva

O froito da vide e a protagonista absoluta da vendima. De aquí sae todo.

Vendimador/a

Quen recolle a uva durante a vendima. O traballo máis visible destas datas e o que enche as viñas de mans e de conversas.

Vide

A planta da que sae a uva. Coñécese tamén como cepa, cepeira ou videira, e é ese arbusto de talo retorto e follas dentadas que se cultiva, sobre todo, no sur de Galicia.

Viña

O terreo plantado de vides. Tamén se pode chamar viñedo. É a paisaxe que define comarcas enteiras de Galicia, especialmente nos socalcos da Ribeira Sacra.

Viñateiro/a

A persoa que se dedica á produción e venda de viño. Non confundir co vendimador, xa que o viñateiro está detrás de todo o proceso, non só da recollida.

O 'Tíralle da lingua' deste ano xa está aquí!

Que bonito é que o galego aloumiñe as historias que van saíndo das nosas gorxas. Non si?

Xa temos aquí unha nova edición do concurso de relato oral “Tíralle da lingua”.👅 Unha nova oportunidade para que deixedes bulir a vosa imaxinación e mostredes a vosa creatividade e o amor pola lingua galega. 🩵🤍
Concurso destinado a alumnado e profesorado, divido en tres niveis académicos.
👉 Primaria
👉 1º, 2º e 3º ESO
👉 4º ESO e ensino postobrigatorio
📝 Inscrición por parte dos centros: antes do 13 de novembro.
🎥 Envío dos vídeos: antes do 20 de novembro mediante o seguinte formulario 👉 https://cutt.ly/QylHPhEa
⚠️ Requisitos das historias: de base popular, base literaria ou elaboración propia. Actuacións en grupo ou individuais dun máximo de 5 minutos.
🏆Premios:
1º Premio: valor de 250€ por nivel
2º Premio: valor de 150€ por nivel
ℹ️ Iniciativa organizada coa colaboración da Deputación da Coruña para o impulso do uso oral do galego.

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.