20/04/26

A voz de Begoña Caamaño

Trátase de conectar a través da palabra escrita e dita coa autora ou co autor; co ser humano que escribe e/ou pronuncia para estabelecer un diálogo e comprender como aínda coa súa palabra nos emociona e nos axuda a comprender os tempos de hoxe. 

Esta vez, a homenaxeada é Begoña Caamaño, feminista confesa, era así como nos gustaba dicir nos finais dos oitenta; antimilitarista e pacifista; nacionalista galega e defensora dun mundo dos pobos;  comprometida coa lingua galega da que nunca claudicou...Así é a muller que habita no nome da homenaxeada das letras, a que vive do seu oficio de xornalista e, sen ser impostora, a que é novelista. Unha muller que, sobre todo, se quixo libre e amou libre e moito. 

Velaí, a novelista, para que a festa nos convide a ler as súas dúas novelas, a ler a historia doutra maneira, tendo en conta os pensamentos e desexos de Circe e de Penélope, os camiños andados e por andar de Morgana, xa que a vida, como a literatura, segue a enredar palabras e a dialogar connosco e Begoña merece como autora excepcional e como lectora incansábel ser lida, para gozarmos.

Mais no torreiro da festa non deben faltar os seus artigos que sementan conciencia en diferentes publicacións, A Nosa Terra, Deliberadamente ou a Festa da palabra silenciada. A escrita de Begoña e o seu compromiso coa Revista Antimilitarista Ar! ten por forza nos tempos que corren que tomar a praza para dialogar coa mocidade, para traer o significado e a necesidade de berrarmos: Nón á Guerra! Non ao servizo militar! Temas de moita actualidade. Nun mundo onde doe, como lle doería a ela, a palabra xenocidio, e a situación actual de Cuba e Palestina. Como USA, usa e Europa transita somnámbula. 

Esta vez, a homenaxeada é unha xornalista de radio, redactora e locutora, escritora con palabras nas ondas, que defendía e cría nos medios públicos da e para a cidadanía. Esta vez, falamos da traballadora da Radio Galega, da defensora da súa lingua e do seu cultivo e da súa voz que dicía: Benvidas, benvidos, isto é club Club Cultura... para nos levar polos camiños do ocio. Benvidas, benvidos, o Expreso de Medianoite convídavos nesta madrugada a participar nunha viaxe.... Sempre diferente e plural. Ou nos conducía por un programa para chegar a todos os lugares e a todas as xentes, Andando a terra. E isto é o que queremos oír a súa voz e a súa capacidade por nos trasladar por todo ese xornalismo cultural. Xa sabemos que a Radio Galega, non é a dos tempos de Begoña, que a cultura galega semella esnaquizada como o Diario Cultural, onde ela tamén traballou. Indigna a manipulación e doe como cidadá que a estas alturas non pareza existir un proxecto desde a Radio e televidión galegas que nos permita gozar como público e aprender como futuras xornalistas, do labor de Begoña Caamaño, homenaxeada pola RAG. O que se nos ofrece non é nada, obra e non escolma, é o que se precisa. Queremos acceder á  voz de Begoña Caamaño, para a mocidade.

Artigo de Marga do Val en Nós Diario

Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.