O relato de José Antonio Folgueira Vigo, de 1º de ESO-A, foi o texto que o xurado seleccionou como Primeiro Premio na súa categoría, e é o que, baixo o título de Un soño para nunca esquecer, publicamos nesta ocasión.
Moitos subestiman a capacidade mental dun soño, un soño que pode establecer unha rede de filamentos polo tempo, chegando a crearse nexos que nos comunican cun mundo pasado. Eu, non. Xurarei e perxurarei que todas estas teorías son unha banal mentira, adicada a cerrarnos os ollos e a sumirnos nun mundo de penas e tristuras. Aínda teño presente aquel día, no que descubrín toda a verdade, o verdadeiro significado dun soño que vai máis alá de calquera mundo imaxinario.
Sei que ninguén me crerá, pero non podo calar, sinto a necesidade de expoñe-lo maior segredo que a humanidade descubrirá endexamais. Así que nesta especie de texto, quero deixar testemuños do ocorrido, agardando que non sexa unha mensaxe efémera, senón que quede viva no pensamento dos seus futuros lectores.Todo comezou ao roibén dun dos días máis calorosos do mes de xullo. O sol ameazaba con devalarse polo ocaso, agochándose entre os múltiples tesos da contorna. A chegada do anoitecer traía consigo unha leve airexa que inspiraba o frío ata no último recuncho do meu corpo, facéndome aterecer como nunca o fixera antes, e creando en min unha sensación de desacougo, un desacougo que non me deixaba en paz e se resistía a fuxir do meu interior. Levaba toda a tarde segando e segando a miña senra, e xa encomezaba a cansarme de tanto trafego, xa empezaba a aborrecer este traballo e o único que ansiaba era sentarme na miña cadeira e quenta-las mans preto do remol do meu lar. Pero érame imposible, un ballón sobresaía da ala Norte, e non podía deixar alí os colmos, á mercé da choiva e dos lampos.
Os tronos do trebón xa resoaban entre as árbores do monte e, asemade, descargaban unha inusitada chaparrada. A cabeza dábame mil voltas, tíñaa chea de dúbidas, dúbidas que non atopaban resposta. Que ía facer? Non o sabía, o meu corazón pulaba fortemente tentando responder tantas cuestións, pero todo era un esforzo inútil, un esforzo que desafiaba a miña saúde e benestar.
Ao final, cegado polo medo, fuxín por unha vella congostra invadida polo mato e ateigada de cobregóns. Ao chegar ao curral da miña casa, metín apresuradamente a parella de bois na corte e gardei o carro e mailos apeiros nun alboio. Corrín con andar lizgairo ata a porta, e deille grazas a Deus porque non me pillase a tormenta, pero sabía que a miña decisión non fora a máis axeitada, mais agora non había volta atrás, e non podía remediar o enorme erro que acabara de cometer.
Tras moito cavilar, pensei en tomar unha ducha de auga tépeda para esclarece-la mente e sosega-lo meu interior, coa esperanza de que seguramente todo ía saír ben. Así o fixen, e o resultado foi o esperado, ata me entrou un pouco de soneca e decidín sentarme. O sono cada vez era máis grande, medraba e medraba constantemente, facéndome o seu súbdito, e tras moito topenear caín, fulminantemente, durmido, cunha sensación de confort e tranquilidade bastante apracible.
De súpeto, aparecín nunha carballeira de indefinidas dimensións, onde non era estraño oír o grallar dalgún corvo ou a cantiga dalgunha bubela. Todo era moi fermoso, tan fermoso que semellaba o propio Edén, a oitava marabilla do mundo. O ceo era totalmente azul e a paisaxe estaba acugulada de mananciais cunha auga tan pura e cristalina que era a delicia de calquera boca, por moi saciada que estivese. Era a vítima perfecta de tanta beleza, unha beleza que non coñecía límites e que engaiolaba a miña escrutadora mirada. Naquel mesmo instante, mentres gozaba de tanta perfección, abrollou de entre o medio da devesa unha fermosa muller.
Aquela rapaciña posuía uns cabelos dourados, longos e lustrosos, que semellaban proceder dunha ninfa. Era raíña dunha xenuína beleza, e o seu corpo adornado de infinidade de aderezos, dáballe un toque de clase e distinción. Das súas orellas colgaban senllas arracadas, entrelazadas cun fío lene dese mesmo material. E no seu pescozo destacaba un colar de doas dun prezado platino, ademais dun torque que a presentaba como a xefa dun poboado.
As miñas hipóteses non conducían a engano, e efectivamente aquela muller era a gobernante dunha tribo castrexa. Misteriosamente, acolleume con demasiada hospitalidade, o que me facía pensar en segundas intencións. Aquel día presentoume ante os seus cidadáns coma un elixido, o cal provocou un inmenso fragor entre a multitude. Eu negueille tal cousa, mais ela repondeume cun sorriso burlón, como se fose un dos seus vasalos ao que lle puidese mostrar calquera aceno coa intención de desprezalo. Lonxe deste acontecemento, organizou unha cea na miña honra, co fin de compracerme. Ao rematar a comida, levoume a unha pousada e preparoume un dormitorio luxoso, onde puidese hospedarme durante aquela noite. Naquel lugar tiven tempo para pensar no que querería ela de min, pero non atopaba ningunha resposta. Que esperaba que fixese naquel mundo que me resultaba tan descoñecido?
Ao amencer, dita muller foi pesoalmente a espertarme e levoume a unha especie de templo consagrado aos deuses e á maxia. En citado antro, situado nunha cova, colleu unha xerra de auga, procedente dalgunha daquelas fontes que vira na fraga, e verteuna nunha almofía. Despois, deixouna repousar e guindou sobre ela unha presada de pós dunha cor celeste. Naquel momento, a auga deixou ver unha especie de amuleto de ouro cunha pedra nacarada incrustada no centro. Aquela muller, chamada Lúa, díxome que esa xoia recibía o nome de Talismán e Amairxen, o cal cumpría calquera desexo que se lle fose formulado. Asegurou que este fora propiedade dos seus devanceiros, pero hai uns séculos a Bruxa Bandía saqueara a aldea e levara con ela aquel amuleto. Tras acabar aquel inesperado discurso, non dubidou en axeonllarse aos meus pés, suplicándome que recuperase o talismán para así curar ao seu pai, que se retorcía de do no leito.
Aquel xesto espertou o dó en min e fíxome ver que Lúa confiaba plenamente na miña axuda. Eu non tiña a intención de defraudala, nin moito menos de ofendela. O meu corazón ordenoume que aceptase, e finalmente cumprín o seu mandato. Ela puxo dez homes á miña disposición para que me guiasen ao acubillo onde moraba aquel malvado ser, o adversario do que nin sequera vira o rostro. Como ía loitar contra aquela bruxa? Como era e que pretendía facer con aquel talismán? Tiña o pensamento cheo de preguntas, preguntas sen solución, como incógnitas imposibles de despexar.
Aquela pequena tropa conducíume, por medio de árbores e pantanos, ata un castelo invadido pola brétema. Se medo a trabucarme, ese casón había ser propiedade da vella Bandía. Polo visto a meiga, que alí habitaba, non tiña medo a que lle quitasen o seu tesouro, ou iso me pareceu cando non vin ningún tipo de gardián que vixiase a porta. Entramos na mansión sen ningunha dificultade e, á entrada, puiden alviscar a bruxa estarricada nun banco e durmindo a sono solto. Silandeiramente, achegueime a ela e quiteille o amuleto que levaba como colgante. Nese intre, abriu os ollos ferozmente e atacoume sen piedade. Ante a gravidade da situación, agarrei o amuleto cunha forza súbita e formulei dous desexos: un, que todo aquilo fose un soño, e o outro, que o xefe daquel poboado sandase milagrosamente.
E aquí remata a miña historia mentres pego a lapela desta carta sen remitente, sen destino fixo nin fogar que a acolla. E para que a miña palabra non vos sexa indiferente, deixo unha proba irrefutable de tales feitos, o Talismán de Amairxen, do cal agardo, de todo corazón, que caia en boas mans.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Compromisos
Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario