Estira a man e mira os cinco dedos. Cada un ten o seu nome formal, mais tamén o seu alcume popular, ese que usan as avoas para ensinárllelo aos netos mentres lles fan cóxegas.
O galego, coma sempre, ten moito máis vocabulario do que pensamos, como nos explican desde As Chaves da Lingua.
O polgar
O dedo gordo, o primeiro da man. O nome normativo é polgar, mais en rexistros máis coloquiais podemos denominalo matapiollos ou cachapiollos.

Curiosidade! De polgar vén a magnitude de lonxitude polgada. A polgada antiga galega equivalía a uns 2,33 cm, mentres que a inglesa, que é a que se usa hoxe para medir pantallas, equivale a uns 2,54 cm.
E xa que estamos, lembra que temos dez dedos nas mans e dez dedas nos pés. Dúas palabras diferentes para dúas partes do corpo distintas.
O índice
O dedo que usamos para sinalar, para preguntar ou para chamar a atención. O nome normativo é índice. En contextos máis familiares podemos denominalo mostreiro ou furabolos.
O maior
O dedo do centro, o máis longo de todos. O nome normativo é dedo maior. En rexistros coloquiais podemos empregar a forma pai de todos.
O anular
O cuarto dedo, o do anel. O nome normativo é anular. Tamén recibe os nomes de mediano ou medianiño.
O maimiño
O máis pequeno de todos. O dedo quinto denomínase en galego maimiño, belleco, mamiño, pequeniño ou moumiño.
Copla tradicional
Hai unha forma moi sinxela de aprender todos estes nomes de pequenos. Temos unha copla tradicional que di así:
Este é o dedo maimiño;
este é o seu padriño;
este é o maior de todos;
este outro é o furabolos
e este que vive só é o escachapiollos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario