15/04/09

O Courel no Parlamento Europeo


O enlace para o vídeo e o texto que reproducimos a seguir chegáronnos por correo electrónico e nós, como é natural, non podemos deixar de incluílos aquí xunto cos enlaces relacionados. Tal vez sexan estas as datas adecuadas para parar a desfeita; tal vez sexa xa demasiado tarde.


A raíz da denuncia nº 2005/4696, presentada por SOS Courel ante Comisión Europea, esta emprazou a España para levala ante os Tribunais de Xustiza Europeos. Pero algo alegaron dende a Xunta e do Goberno do Estado que tranquilizou as autoridades europeas.

Willy Meyer, solicitou á Comisión ver o expediente para saber das respostas das nosas Administracións e poder rebatelas, pero esta información demorouse de xeito inexplicable, polo que o parlamentario non tivo máis remedio que pedir esa información a través do propio Parlamento e así a Comisión está obrigada a contestarlle nun prazo moi breve.

SOS Courel enviou á Comisión Europea abundante documentación que deixa os distintos e sucesivos gobernos nun clamoroso ridículo, incluídas probas audiovisuais como:

- Un
programa enteiro de El Escarabajo Verde, emitido en todo o mundo.

- O documental
Unha lousa sobre o Courel coa opinión, entre outras, de varios científicos.

Estamos preparando unha nova queixa ante as Institucións Europeas, unha denuncia total; queremos que veñan ao Courel delegacións da Comisión, do Parlamento, da Oficina Antifraude. …
Porque isto para crelo hai que velo: Mentres as canteiras medraron, algúns politiquiños intelixentes e xenerosos emprenderon unha destrución paralela e maliciosa co fin de que a catástrofe non tivese volta atrás, para botar as veciñas e veciños e xustificar incluso unha futura saída da Rede Natura.

- Para non disimular, utilizaron Fondos Europeos a esgalla.

- Revolveron os montes sen piedade, con máquinas xigantes e por se non había combustible suficiente cambiaron hábitats protexidos por especies pirófitas; montaron un asombroso labirinto de pistas e cortalumes. Levantáronse varias casetas de vixilancia forestal e de seguido foron abandonadas. Xa levamos no inverno do 2009 dous incendios (Noceda e Campelo)

- Aproveitando que había que mellorar un pouco algunhas estradas, taparon vales enteiros, entubaron ríos e regatos, estenderon entulleiras polas ladeiras ata o río Lor, non habilitaron nin un só paso para a fauna.

- Inícianse as obras e logo abandónanse, así a estrada que comunica coa autovía A6, de catorce quilómetros, en seis anos non habilitaron para o paso nin a metade.

- Xa está aprobado o primeiro parque eólico, de momento o único que incorporará publicidade do Camiño de Santiago nas torres.

Non imos parar mentres sigamos a recibir tanto ánimo e axuda.
Grazas a todas e a todos por arriscar, por sufrir, por escribir, polas imaxes, pola música, pola política xusta...!
Perdoade que felicitemos a Raquel, polo grande éxito da fermosa montaxe audiovisual que ela lle regalou á súa Terra, o vídeo galego máis visto na rede.

Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.