A Mesa pola Normalización Lingüística, xunto con outras organizacións con presenza no ámbito educativo, consensuou un posicionamento fortemente crítico coa consulta que está a realizar a Consellaría de Educación. Ademais da propia Mesa, subscribiron ese posicionamento a Asociación de Directores e Directivos de IES, a AS-PG, CC.OO, CIG, Comités, Coordenadora de Equipas de Normalización e Dinamización Lingüística de Ferrolterra, Coordenadora de Equipas de Normalización e Dinamización Lingüística de Compostela, Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, CSI-CSIF, Federación de ANPAs de centros públicos de Ferrolterra, FETE-UXT, Nova Escola Galega e STEG.
Tendo en conta as valoracións realizadas nese posicionamento unitario, A Mesa realiza as seguintes propostas para facermos unha oposición activa a esta pseudoconsulta:
- Marcar a opción “galego” (en infantil e FP) e “todo en galego” (primaria e secundaria), porque desta maneira estariamos a indicar que queremos en galego as materias que hoxe se deben impartir na nosa lingua, tal e como indica o decreto en vigor. Non significaría, por tanto, que optemos por todo o ensino en galego, pois esta opción non a considera a Consellaría.
- Incluír na epígrafe de observacións da consulta unha petición semellante á que se expresa a continuación:
Desexaría que o ensino fose en galego, unha opción que non recolle esta enquisa.
Estou a favor da aplicación do decreto actual de promoción e uso do galego no ensino, realizado co consenso da comunidade educativa e que emana do Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento galego.
Todo o anterior fai que os resultados desta consulta non me parezan lexítimos.
Cómpre que se dean a coñecer estas propostas ás familias con estudantes que vaian participar na consulta. Temos só esta semana e a vindeira (até o día 19) para o facermos.
Así mesmo, podemos divulgar unha sms co seguinte texto: “Consulta ensino en galego: Sinala galego/todo galego". En observacións pon: "Todo o ensino en galego. Aplicación actual decreto. Deslexitimo resultado da consulta.”
Ningún comentario:
Publicar un comentario