30/10/23

A Carta de Fontán


Esta é a Carta Xeométrica de Galicia, na que Domingo Fontán investiu dezasete anos da súa vida, entre 1817 e 1834. Esta obra foi o primeiro mapa topográfico e trigonométrico feito en calquera dos territorios de España con métodos científicos e medicións matemáticas, é dicir, medición de bases, triangulación, altimetría barométrica e outros.

Para cartografar Galicia aproveitou os avances científicos, chegados sobre todo de Francia, e estableceu unha rede xeodésica, establecendo diversos puntos de medición e realizando neles todo tipo de cálculos astronómicos, para o que empregou instrumentos cedidos pola Universidade de Santiago de Compostela e adquiridos en París e Londres.

Tomou como punto cero a torre da Berenguela, na catedral compostelá. En 1817 iniciou os traballos da carta, realizada a unha escala 1:100 000, pero ata 1830 non obtivo o apoio oficial para redactala. Nese momento quedou exento de impartir clases na Universidade de Santiago. Para realizar esta carta tivo que percorrer a pé e a cabalo toda Galicia. Na Carta aparecen localizadas as 4.000 parroquias galegas, que até daquela non foran catalogadas. Ademais recóllense todos os accidentes xeográficos importantes, acadando un nivel de detalle que non foi superado ata a aparición da cartografía por satélite.

[Fonte: Galipedia]

25/10/23

Lorca en Galiza

Pois si. Federico García Lorca estivo en Galiza, e probablemente foi Compostela (onde recentemente se inaugurou unha estatua conmemorativa) o lugar en que o poeta se namorou dunha terra e unha lingua que estarían xa para sempre ligadas a el, o autor dos Seis poemas galegos.

Comezamos o día cunha pésima noticia

24/10/23

Día das Bibliotecas

 Desde 1997 celébrase o Día das Bibliotecas cada 24 de outubro, unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas. 

A imaxe que acompaña esta entrada é da Biblioteca Joanina da Universidade de Coimbra,en Portugal. Foi mandada construír polo rei D. D. João V (retratado ao fondo) no século XVIII e contén máis de 70.000 volumes. 

Como anécdota: o cheiro da madeira de carballo dos seus andeis e os morcegos que se crían entre eles manteñen a raia os insectos xilófagos que poderían poñela en perigo.

 

17/10/23

OPS!

A Aula de Novos Medios do noso Instituto acolleu días pasados a visita de Miguel, relator de portugués, que impartiu ao alumnado de 1º ESO un obradoiro OPS! (O Português Simples) organizado polo Departamento de Lingua Galega e Literatura e o EDL e co patrocicio da Deputación de Lugo.

Este é o primeiro curso en que o IES Río Miño oferta o portugués como Segunda Lingua Estranxeira, e o alumnado participante obtivo contidos e recursos na rede e puido descubrir como ese idioma abre abre un mundo de oportunidades na economía, a cultura, o turismo e as relacións entre persoas, e como a ese mundo se pode acceder aínda máis facilmente grazas ao galego.

10/10/23

Premios de normalización lingüística


Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca os quintos Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego, coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.

Estes premios naceron en 2019 co fin de recoñecer e difundir o bo traballo que se desenvolve no ámbito da normalización lingüística, favorecer que sexa un labor máis apreciado e comprendido socialmente e compilar accións, proxectos e campañas que poidan servir de modelo ou ser inspiradoras para novas accións. Nas catro edicións anteriores foron premiados vinte e catro proxectos de normalización da lingua.

Poden optar a estes premios todas as accións, campañas, programas e proxectos que teñan como obxectivo principal fomentar a lingua e incrementar o seu uso e/ou prestixio e que foran desenvolvidos total ou parcialmente en 2020, 2021, 2022 ou 2023.

Non se admiten proxectos sen executar nin se premiarán traxectorias de institucións, senón campañas desenvolvidas nalgún/s dos anos indicados. Tampouco se poden presentar aos V Premios Mil Primaveras (2023) proxectos recoñecidos nas edicións anteriores.

Nesta quinta edición recoñecerase un máximo de catro accións, campañas, programas ou proxectossen establecer ningunha xerarquía entre os premios que se outorguen.

Presentación de candidaturas e prazo

A inscrición nos Premios Mil Primaveras é voluntaria e deberán realizala as persoas ou entidades responsables dos proxectos, accións, campañas ou programas de normalización da lingua, pois só elas poden describir de forma detallada os aspectos técnicos da súa planificación, xestión, execución e avaliación.

inscrición de proxectos farase a través do formulario da pestana Inscricións, que inclúe unha serie de datos obrigatorios: os básicos de identificación do proxecto e da persoa ou entidade responsable, un resumo, unha fotografía de portada e un documento en .pdf para describir en detalle o proxecto. Este documento debe incluír polo menos as seguintes epígrafes:

  • Obxectivos xerais e específicos
  • Persoas destinatarias
  • Temporalización
  • Necesidades e recursos
  • Accións, medidas e actuacións concretas
  • Avaliación

Opcionalmente poden engadirse materiais que sirvan para completar e exemplificar a descrición técnica: máis fotos, ligazóns a vídeos e a arquivos de son e outro tipo de enlaces.

Non hai límite no número de candidaturas que pode presentar cada entidade ou persoa, sempre que cumpran as bases.

prazo de inscrición está aberto do 2 de outubro de 2023 ao 31 de xaneiro de 2024.

Máis información, bases e formulario de inscrición no web milprimaveras.gal

04/10/23

Veñen concertos

Comezan en Lugo as festas de San Froilán e traen consigo música e concertos, todos gratis. Se queres máis información, podes entrar aquí

27/09/23

O cartel deste curso!

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional  e Universidades publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2023/2024. O lema elixido, UNHA BIBLIOTECA ESCOLAR EN VIÑETAS, quere poñer o foco en todas as posibilidades que a a banda deseñada ofrece tanto no goce lector como na aprendizaxe curricular.
 
A imaxe que interpreta este lema proposto para o curso 2023-2024 é obra de Jorge Campos ilustrador, arquitecto e artista do cómic. Un convite a pasear polas viñetas das nosas bibliotecas escolares e a xogar coas cubertas que van de man en man da comunidade educativa.
 
 Un curso para poñer en valor un xénero que cada vez adquire máis protagonismo na colección das bibliotecas escolares de Galicia. Para seguir concienciando que ler cómic tamén é ler, que favorece a primeira alfabetización e autonomía lectora grazas ao apoio visual. Que nos ofrece diferentes capas de lectura na que todos e todas atopamos un espazo ao tempo que favorece a alfabetización visual e artística e o desenvolvemeto da creatividade e a imaxinación.


22/06/23

Feliz verán, felices libros

Un ano máis chegamos á fin de curso, e non nos resta máis que desexarvos unhas vacacións felices e, como sempre, cheas de soños e libros, lembrándovos que este...

06/06/23

Vídeo: Fernández del Riego

 Como en anos anteriores, o alumnado de 1º curso de Bacharelato do IES Río Miño elaborou un vídeo sobre Francisco Fernández del Riego, a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2023.

Os autores do traballo recibiron cadanseu diploma e vale por 20'00€ en material escolar ou libros, son os seguintes: María Gómez Piñeiro, Javier Hermida Méndez, Mireya López Díaz e Enrique Poy Pardo.

05/06/23

Concurso de Relatos: Alumnado premiado

Os alumnos e alumnas que resultaron premiados no CONCURSO DE RELATOS CURTOS que como cada ano convoca o EDNL en colaboración co Departamento de Lingua Galega do IES Río Miño de Rábade co gallo do DÍA DAS LETRAS GALEGAS son os seguintes:

Nivel 1 (1.º e 2.º ESO):

  • Primeiro premio (diploma e vale de 15,00 €): Ismael Jul Campos (2.º ESO C) co relato "Os mundos da cabana".
  • Segundo premio (diploma): Marta Varela Vázquez (1.º ESO C) por "O diario de Xoaquín".

Nivel 2 (3.º e 4.º ESO) :

  • Primeiro premio (diploma e vale de 15,00 €): Noa Cabarcos Camba (3.º ESO A) con "Os rizos non son feitos para cabalos de xadrez"
  • Segundo premio (diploma ): Lucía Pico Corral (3.º ESO A) con "A avoa perdida".

Parabéns a todos e todas. Proximamente esperamos ir publicando aquí os relatos premiados.


Ismael Jul Campos

Noa Cabarcos e Lucía Pico Corral

Marta Varela Vázquez

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.